Domingo, Janeiro 10, 2010

13. Como na casa

Viaxe por Portugal. Tan perto e, ás veces, tan lonxe. Sempre nos quedará Portugal. Refuxio e escapatoria.



Visualizar o mapa ampliado


Aproximadamente uns 2230 Km. 11 días.

Un día para chegar ao Al-gharb. Albufeira como lugar de pousada. 4 noites. Tavira. Illa de Tavira. Faro. Praia de Faro. Olhão. Praia de Farol. Portimão. Praia da rocha. Sagres. Cabo de São Vicente.

Aljezur. Praia de Odeceixe. Praia da Adega. Sines. Grândola.

Évora. 2 noites.

Setúbal. Parque da Arrábida. Cabo Espichel. Lisboa. 4 noites.

Cascais. Cabo da Roca. Sintra. Ericeira.

00. Sintonía.

Rare Air. New Swing Reel. Versión deste tema que acompañou ao curioso impertinente. Versión en directo dun concerto en Toronto. Sempre tiven a idea de facer un programa de versións. Agora que está en marcha un novo camiño, resólvese a incógnita.

Este programa non é nin máis nin menos que a banda sonora da viaxe por Portugal.

01. 2us - Rumanocatto.

Comeza o camiño. Para o sur directamente a música está pero non acompaña. A viaxe comeza en Albufeira. Ritmo de 7/8 para animar os kilómetros. Música sen etiquetas feita dende Galiza. 2us, proxecto persoal do inquedo Fernando Abreu e Pablo Carrera. Só Son Sons.

Viaxe de músicas. Viaxe de pensamentos. Viaxe de historias. Acompáñanos unha guía onde imos extraendo notas. Comezamos pola historia, que sempre gusta ler, e que moi seguramente acabará por esquecerse, coma sempre tamén. O terremoto inúndao todo. As reconstrucións cos cartos da época dos descubrimentos convértense ao mesmo tempo en motor e en ruína.

myspace 2us
myspace Fernando Abreu

02. Carmelo Salemi - Alveari.

Para os momentos de condución por lugares que xa se pasou e non teñen nada especial que ver quedo enganchando con este tema extraído do libro-cd "Las músicas de Italia" da colección de músicas do mundo da FNAC. Italia, ese país por descubrir musicalmente.

Os pensamentos voan entre as músicas, as paisaxes, as lecturas. Na guía dise dalgunha localidade que posúe un encanto decadente. Quedamos pensando que esa pode ser a definición de todo Portugal. O encanto é consecuencia do atranco económico porque non deixou ao ser humano facer as barbaridades das que é capaz? O progreso salvaxe leva a un camiño despersonalizado que en Portugal non se produciu? O ar melancólico é o resultado do encanto ou da crise? Pensamentos que entrevoan sen solución definitiva.

03. Guadi Galego - Dama.

O segundo disco de Guadi Galego, ou o primeiro (segundo se mire), está cheo de detalles. Benzón é un proxecto cheo de amig@s que colaboran, arranxan, tocan, comparten visións musicais. Distintas formas de entender a música co tradicional sempre de fondo. En Dama canta coa fermosa voz da súa irmá Uxía.

No apartado de música pode lerse: "Fundamental para a historia da expresión musical de Portugal é a música folclórica que se baila cunha especie de zapateado e pode escoitarse en case todas as festas populares". Sabendo da inmensa riqueza musical e cultural portuguesa esta afirmación resulta moi deficiente. O que nos leva a dubidar de toda a guía. Ata que punto son certas as palabras que deitan dous norteamericanos? Por un lado é boa unha visión externa, allea, pero tamén é falsa.

04. Ibrahim Ferrer - Marieta.

"A mí me gusta que baile Marieta..." Música para bailar, para disfrutar. Ibrahim Ferrer tiña unha mirada ben triste, e non imaxinaba a sorpresa que lle reservara a vida cando ao tolo Ry Cooder lle deu por rebuscar entre os músicos de Cuba. Ibrahim atopouse só e recurreu á música para sobrevivir alá con 12 anos. Perdeu a ilusión pola música e foi unha grandísima sorte que accedera a pasar polo estudio onde gravaban Buena Vista Social Club. Marabillosa voz, cantante asombroso, o que máis lle gustaba era cantar boleros.

Queremos chegar a Sines, mais unhas chemineas enormes expulsan esa idea das nosas cabezas. Entón pensamos en Grândola, para pisar os aires da revolución. Mais pasamos de largo e introducímonos no Alentejo ata chegar a Évora. Realmente impresionante o Alentejo, despoboado, por estradas estreitiñas, de noite... Haberá que re-andar por eses camiños con máis luz... Case mellor que bailamos por eses camiños (con Marieta). Chegamos ao parque de campismo fóra de hora, pero entramos.

http://www.myspace.com/ibrahimferrer

05. Ravi Shankar - Raga Tilak Shyam.

Hai temas que son mellores para outras actividades que conducir. Deixemos pois este tema do indio Ravi Shankar para goces máis nocturnas. Influencia clara para músicos como The Beatles, Yehudi Menuhin, Hozan Yamamoto ou Philip Glass, Ravi Shankar foi un dos músicos do movemento hippie dos anos sesenta. Pai tamén de dúas músicas de moita repercusión hoxe en día, Norah Jones e Anoushka Shankar.

No camiño mudamos de músicas, unhas mellor que outras. No publico ven a noticia do atentado de ETA. Neste periódico fálase, como non, da gripe A, cun profundo anális, e tamén se fala dunha enquisa na que se fala da unión de España e Portugal. Asusta o descoñecemento mútuo, asusta a coincidencia das novas, asusta a imbecilidade política.

Esa noite un grupo de españois poñen a música moi alta. Os españois, sempre os españois...

http://www.myspace.com/ravishankarmusic


06. Los Sabandeños - Folías Parranderas.

Na viaxe deste ano aparece a viaxe do ano anterior e por iso hai un disco de Los Sabandeños no coche. Neste caso cunhas Folías que parece ser o que máis gusta.

Á noite seguinte é un grupo de portugueses os que meten ruído cantando cunha guitarra o "porompompero". Non hai nada como ter prexuizos para que salten polos aires meténdochos nos fuciños. Isto dos prexuizos só vale para que as persoas se queden tranquilas pensando que cuadriculando a realidade estase máis perto da verdade.

Évora, ben bonita, ben tranquila, descanso da alma e dos ossos.

http://www.myspace.com/dmusiclife


07. bOnOvO - Ai! Filomena querida...

Xa apareceu bOnOvO por aquí cando aínda non había disco. Un tema cunha letra moi contundente, unha letra que conleva o cabreo. E o caso é que o tema é tradicional, sacado da recopilación de Mini e Mero (estes dous grandes personaxes da cultura galega aos que habería que adicarlles moito máis tempo).

De camiño a Lisboa topámonos con Setúbal e un dos primeiros exemplos de arte manuelino (ben máis bonito por dentro que por fóra), o que nos vai preparando para a chegada a Belem. Pensando nisto pedimos unha bifana, mais como as de Lisboa non hai. O camiño a través do parque da Arrábida, insultante, tanto pola natureza como pola ostentación de ladrillo con vistas espectaculares.

http://www.myspace.com/bonovo

08. Bebo Valdés & Javier Colina - Bilongo.

Música para bailar e para cantar aínda que nin se cante nin se baile. Estes dous músicos fan que a xente se lance a cantar e imaxino eu que estarán bailando nos seus asentos. Bebo Valdés e Javier Colina piano e contrabaixo, xuntos ou por separado... Son deses músicos cos que sempre acerta un: Quiquiricú, mandinga... quiquiricú, mandinga...

A cidade das sete colinas. A cidade branca. A súa área metropolitana concentra máis da cuarta parte de toda a poboación do país portugués mais non parece unha cidade saturada. Poderiase dicir que Portugal é un país practicamente deshabitado. Concentración da poboación arredor do "progreso", da "urbanización". Acabaremos comendo ladrillos?

09. Pancho Álvarez - Novo Parrafeo.

Seguindo coa atención ás letras fainos moita gracia a letra deste Novo Parrafeo do último disco de Pancho Álvarez, Sólidos Galicianos.

Moito que ver e pasear en Lisboa: A Baixa, O Bairro Alto, Alfama, O Chiado, Belém, Estrela... Unha historia chea de calamidades (terremotos, incendios, inundacións, reis derrochadores...) e de momentos afortunados (descubrimentos, reis derrochadores...) o que fai que esta cidade sexa unha e moitas. De todos os tipos, de todas as clases, para todos os gustos.

10. Pee Wee Ellis - Oh My God.

Cando as músicas se repiten hai que procurar entre os discos que sempre quedan no fondo da maleta. É así como (re)descubrimos a Pee Wee Ellis, mestura de jazz, rock, funk, soul...

Entre paseo e café e entre elétrico e elevador os pensamentos voan libres arredor das lecturas. A revolução dos cravos é un bo final para unha ditadura. O propio exército levántandose contra a inxustiza. O pobo agradecéndollo con flores. Unha canción que se eleva na eternidade. E resulta que o seu grande ditador tamén morreu en ditadura. Foi o seu substituto o que "sufriu" a revolución, despois de 6 anos no poder. Isto réstalle moito romanticismo á historia... E será que nada é o que parece?

11. Björk - It´s Oh So Quiet.

Tamén entre os discos que re-aparecen están os discos recopilatorios de agasallo. E no medio de músicas do máis "ecléptico" aparece este tema que lembra a unha publicidade que xa non lembro. Björk é diferente ata de si mesma. Este tema pertence ao seu disco Post que saíu alá polos anos 90 cando máis se deu a coñecer.

Vaise rematando a viaxe. Antes de coller camiño ao norte visitamos A boca do inferno e mais o Castelo dos Mouros e o Palacio da Pena, deixándonos perder polos seus xardíns. Quedan por ver noutra ocasión outros espazos, outros monumentos, outras paisaxes. Falamos da conservación dos monumentos, das vilas, da historia (en resumo). Falamos do respecto da construción na costa. Pensamos que a crise económica (que parece eterna) ten que ver moito nisto mais tamén se "ve" outra forma de pensar e de facer moito máis acorde coas persoas.

Aínda nos resistimos un pouco a marchar e paramos a cear en Ericeira, vila pequeniña e xeitosiña, que xa non é concello. Rematamos os nosos cartos nun arroz con marisco.

http://www.myspace.com/bjork

12. Uxu Kalhus - Saia da Carolina.

Non é a primeira vez que aparecen os Uxu Kalhus por aquí. Nin tampouco é a primeira vez que aparece a Saia da Carolina. Un tema máis para o programa de versións que sempre tiven na cachola.

Desta vez quedaron atrás Óbidos, Mafra, Tomar, Coimbra... e aínda quedaron moitas para outras ocasións. As ganas son moitas, mais o tempo é limitado. De seguro volveremos.

http://www.myspace.com/uxukalhus

13. Amália Rodrigues - Uma Casa Portugesa.

Amália será sempre Amália. Non hai máis que falar, só hai que escoitar. Imposible resistir a tentación do seu feitizo. Estando en Lisboa cae no peto un disco de Amália. Neste caso escoitamos a apertura do concerto na sala Olympia en París.

Non hai mellor maneira de despedir estes programas. Mudámonos dobremente. Estaremos en breve noutros lugares. Ata entón, escoitade e gozade...

Etiquetas: , ,

0 Comentarios

Enviar um comentário

Ví­nculos a aquí:

Criar uma hiperligação

<< Home