mércores, febreiro 18, 2026

Pasodobre do Pixirilo

- Fuches ver a película de Rondallas?

- Non, e ti?

- Eu tampouco, pero dixéronme que soa O Pixirilo, e que ata o nomean.

- Non me digas? Pois haberá que ir vela.


- Vaia sorpresa, non é?

- Poi si!

- Pero mira, quen son os autores que saen nos créditos?

- Non che sei, supoño que a porán como popular, penso eu.

- Non, non, saen uns nomes e non sodes vós.

- ...


Esta é a historia dunha composición, da creación dun pasodobre: O Pixirilo.

Puido ser no ano 1992, ou un pouco antes ou un pouco despois. Eramos moi novos e tiñamos un grupo folk en Leirado, Salvaterra de Miño. Formaramos unha asociación xuvenil e cultural: Aturuxo. Así se chamaba tamén o grupo folk. 

Tocabamos teclado, guitarra, gaitas, frautas (en varios tons), acordeón, ás veces clarinete e percusión tradicional: tambor, bombo, cunchas. O primeiro tema que preparamos foi unha versión de Foliada de Berducido, tratando de emular a Milladoiro. Despois engadimos a Muxicas no repertorio (perseguiámolos para pedirlle a Pouleira en todos os concertos). E moi pronto comezamos a facer os nosos propios temas.

Nun dos ensaios aparecimos só a metade do grupo, ese día había partido, ou algo así. Non podiamos ensaiar, pero si tocar o que nos apetecese. E apeteceunos xogar. E así naceu "O Pixirilo". Aínda que o nome foi o último que apareceu. Un pasodobre de dúas partes, onde as voces foron aparecendo aos poucos. Faciamos un arranxo comezando coas frautas e despois entraba a gaita. Era un tema pegañento, con sabor popular. Os que fomos a ese ensaio: César Estévez, Óscar Estévez, Noli Moo e Félix Rodríguez. Aquí están os autores do Pixirilo.

Tocámolo moito, nos nosos concertos, primeiro con Aturuxo e despois con Boureo. E tamén en cuarteto de gaitas. Os gaiteiros da zona tamén o aprendían e tocaban.

Tempo despois, en Madrid, estamos charlando con outros gaiteiros que din que lles gusta o tema O Pixirilo. A sorpresa de que o coñezan é moi grande: - É que sae no disco do Jarbanzo Negro.

De seguida nos pomos a investigar. Óscar di que el tocaba o pasodobre cun amigo que coincidiu con eles, debeu ser así. E así foi. No propio disco así o escriben: Edi ensinounos este pasodoble do gaiteiro Óscar. Graciñas aos dous por tanta emoción i enxebreza.

Un par de chamadas de teléfono e días despois recibimos o disco de Jarbanzo Negro dedicado por todos os compoñentes. Quedamos moi contentos do espallamento da nosa composición e xa non lle demos máis voltas.

A versión de Jarbanzo Negro engadía unha parte feita por eles e a segunda parte dun pasodobre tradicional coñecido con diferentes nomes: Pasodobre Noso, Pasodobre das Rías, Arrancapino, Pasodobre de Guláns, Pasodobre de Severino, Pasodobre populra... Ademais, modificaron o título: O Pisirilo

Estas modificacións tamén se espallaron ata tal punto que incluso viñeron a dicirnos que o pasodobre, que nós compuxemos, o estabamos a tocar mal, que tiña dúas partes máis. 

E tamén se incorporou no repertorio dalgunhas Rondallas, e por iso aparece na película. E quen son os nomes que aparecen nos créditos da película Rondallas? Se se busca "pisirilo" na https://iswcnet.cisac.org/search, no apartado de título aparecen os nomes dos "autores" rexistrados na SGAE (e en outras axencias), que non son outros que os integrantes de Jarbanzo Negro!


A principios dos 90, Aturuxo Folk tocou no auditorio de Ponteareas xunto a Trisquel. Neste concerto, Aturuxo pechou a súa intervención precisamente co pasodobre do Pixirilo. O son é unha copia en cassette da gravación da televisión de Ponteareas, que o emitiu moitas veces.


Deixamos aquí a partitura coas voces das dúas gaitas e a voz que facíamos coa frauta: