- Fuches ver a película de Rondallas?
- Non, e ti?
- Eu tampouco, pero dixéronme que soa O Pixirilo, e que ata o nomean.
- Non me digas? Pois haberá que ir vela.
- Vaia sorpresa, non é?
- Poi si!
- Pero mira, quen son os autores que saen nos créditos?
- Non che sei, supoño que a porán como popular, penso eu.
- Non, non, saen uns nomes e non sodes vós.
- ...
A que vén a continuación é a historia dunha composición, da creacion dun pasodobre: O Pixirilo.
Alá polo ano 1993, cando aínda eramos moi novos, tiñamos un grupo folk en Leirado, no concello de Salvaterra de Miño. Formaramos unha asociación xuvenil e cultural: Aturuxo. Así se chamaba tamén o grupo.
Tocabamos teclado, guitarra, gaitas, frautas (en varios tons), acordeón, ás veces clarinete e percusión tradicional: tambor, bombo, cunchas. O primeiro tema que preparamos foi unha versión de Foliada de Berducido, tratando de emular a Milladoiro. Despois engadimos a Muxicas no repertorio (perseguiámolos para pedirlle a Pouleira en todos os concertos). E moi pronto comezamos a facer os nosos propios temas.
Nun dos ensaios aparecimos só a metade do grupo, porque ese día había un partido de fútbol importante. Non puidemos ensaiar normalmente, pero si tocar o que nos apetecese. E apeteceunos xogar. E así naceu "O Pixirilo". Un pasodobre de dúas partes, con voces melódicas para frautas e gaitas. Era un tema pegadizo, con sabor popular. Os que fomos a ese ensaio e compuxemos a peza: César Estévez, Óscar Estévez, Noli Moo e Félix Rodríguez. Aquí están os verdadeiros autores do Pixirilo e non os que figuran nos créditos da película Rondallas.
Tocamos moito ese pasodobre, nos nosos concertos, primeiro con Aturuxo e despois con outro grupo que se chamou Boureo. E tamén en cuarteto de gaitas. Os gaiteiros da zona tamén o aprendían e tocaban.
Uns anos despois soubemos que un grupo chamado Jarbanzo Negro gravara esta peza nun disco seu. A maiores, na súa versión engadían unha parte feita por eles a partir das harmonías do Pixirilo e a segunda parte dun pasodobre tradicional coñecido con diferentes nomes: Pasodobre Noso, Pasodobre das Rías, Arrancapino, Pasodobre de Guláns, Pasodobre de Severino, Pasodobre popular... Entre as modificacións tamén estaba o título da peza: en vez de Pixirilo puxéronlle Pisirilo. Quedamos abraiados e desconcertados con esta noticia!
Cando rañamos un pouco no asunto, decatámonos de que o noso compañeiro Óscar, un dos compositores da peza, tocaba o pasodobre cun colega seu que estaba cos Jarbanzo negro. Debeu ser así. E así foi. No propio disco así o escriben eles mesmos, recoñecendo a procedencia da peza: Edi ensinounos este pasodoble do gaiteiro Óscar. Graciñas aos dous por tanta emoción i enxebreza.
Un par de chamadas de teléfono e días despois recibimos o disco de Jarbanzo Negro dedicado por todos os compoñentes. Entre outras dedicatorias: "Un Aturuxo co Pisirilo que ben presta". Coa inxenuidade daqueles tempos, quedamos satisfeitos de que a nosa composición estivese nunha gravación e xa non lle demos máis voltas.
Bastante antes de que este disco aparecese, Aturuxo Folk tocamos esta peza en moitos concertos, aínda que non exista rexistro de todos eles. Do que si se conserva rexistro é dun que fixemos no auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas xunto a Trisquel. Neste concerto, Aturuxo pechou a súa intervención precisamente co pasodobre do Pixirilo, que era para nós unha peza fundamental. O son que se pode escoitar aquí é unha copia en cassette da gravación da televisión de Ponteareas, que o emitiu en vídeo en centos de ocasións. Aquí mesmo se pode escoitar que quen lle puxo o título ao Pixirilo foi Félix.
