martes, febreiro 22, 2011

Andaina na serra do Galiñeiro

Eu son dos que penso que o vento é unha forma de enerxía que hai que utilizar, que as enerxías chamadas "limpas" son a verdadeira alternativa para este mundo completamente esquilmado. Claro que tamén penso que ten que vir acompañado dun uso máis reponsable do consumo enerxético.

Penso que os muíños de vento son unha tecnoloxía que hai que potenciar, unha tecnoloxía que non é nova, que de sempre se utilizou. Os muíños de vento foron utilizados sobre todo en lugares onde non había a forza da auga dos ríos.

Mais resulta que no momento no que os aeroxeradores, que transforman a forza do vento en electricidade, comezan a ser "rentables" económicamente os "responsables" de turno quedan cegos por ver só e exclusivamente nunha dirección. A colocación dos aeroxeradores ten que ter en conta o impacto que sobre outros elementos causan.

Este é o caso da Serra do Galiñeiro. Un lugar cheo de recursos ambientais, xeolóxicos, paisaxísticos, etnográficos, arqueolóxicos e sociais de gran importancia. Unha chea de recursos que non se usan, que non se aproveitan, que non se protexen, que non se espallan. Unha chea de recursos que poderían ser rentables incluso de maneira económica, de forma responsable e autosostible.

Pero o único que se lle ocorre a estes políticos é un parque eólico que levaría por diante a tremenda riqueza desta serra.

É por todo isto que o domingo pasado houbo unha andaina reivindicativa pola protección da Serra do Galiñeiro. Arredor de 1500 persoas no monte nun día cheo de néboa, chuvia e vento.

Escoitarán os políticos as voces da xente que representan?




Deixo aquí o Manifesto pola protección da Serra do Galiñeiro.

MANIFESTO POLA PROTECCIÓN DA SERRA DO GALIÑEIRO
A Serra do Galiñeiro, lugar natural de encontro dos Concellos de Vigo, Gondomar, Mos, O Porriño e Tui, alberga numerosos valores ambientais, xeolóxicos, paisaxísticos, etnográficos, arqueolóxicos e sociais, polo que as asociacións cidadás que subscribimos este manifesto, consideramos que teñen que ser protexidos ao amparo das lexislacións europea, galega e municipal vixentes.

Na actualidade só os PXOM de Vigo e o Porriño inclúen a súa parte da Serra como Espazo Natural de Protección, a pesar de que o valor desta está avalado por documentos como o da Comisión de Espazos Naturais da Axenda 21 promovida pola Concellería de Medio Ambiente do Concello de Gondomar no 2009 e o anuncio da ampliación do Parque Natural do Monte Aloia a todo o cordal do Galiñeiro por parte do Conselleiro de Medio Ambiente e os rexidores dos concellos implicados no 2008. Non obstante a día de hoxe non só, non se cumpriron esas expectativas, senón que as ameazas sobre a Serra aumentaron.

Solicitamos a protección da Serra do Galiñeiro para preservar todos os seus valores para goce de todas e todos nós, así como das xeracións vindeiras porque queremos seguir tendo:

Un referente paisaxístico nas bisbarras do Val Miñor, Vigo, A Louriña, Baixo Miño e O Morrazo pola súa elevada altitude e polas formacións rochosas que a configuran.

Un rico patrimonio xeolóxico, tanto polas súas formacións de gneis de riebeckita nos cumes máis altos da Serra, como polos seus valores tectónicos únicos no mundo. Destacamos como formacións xeomorfolóxicas de orixe periglaciar a “Cova da Becha”, a “Lapa da Moura”, O monte dos Arruídos en Vincios ou a dos Milagres da Trapa nos Cabreiros.

Hábitats de breixeiras húmidas, brañas, turbeiras e matogueiras de influencia mediterránea e termófilas con endemismos, algúns deles catalogados pola Directiva Europea 43/92/CEE, como “Hábitats Prioritarios” como as "Breixeiras húmidas atlánticas meridionais de Ericas" ou “Hábitats de Interese Comunitario” como as "Breixeiras secas” e os "Pastos pioneiros en superficies rochosas". Queremos protexer a fauna de escasa presenza en Galiza, coma a azulenta papuda, ou endemismos coma a saramaganta Chioglossa lusitanica ou a rá patilonga. Tamén a avifauna migratoria como o picanzo real ou o pedreiro cincento. A ampliación da superficie protexida do Parque Natural do Monte Aloia a toda a Serra do Galiñeiro garantiría a continuidade dos ecosistemas imprescindibles para todas estas especies animais e vexetais da Serra.

Queremos seguir a disfrutar das pegadas da presenza humana en época prehistórica, dos petróglifos como o de “Auga da Laxe” de características únicas no continente europeo e das mámoas como as dos Bromús e as do chan das Moutas. De época histórica temos elementos importantes da arquitectura popular: presas, levadas, muíños de auga, abrigueiros para pastoreo comunal e para os obradoiros de cantería artesanal como foi a “Casa do Demo”.

E por se non presentaran xa por si mesas valores xeolóxicos singulares, as numerosas cavidades existentes na Serra do Galiñeiro, contan con elementos arqueolóxicos de orixe prehistórica e medieval, ademais de acoller un rico e variado patrimonio inmaterial, que se expresa en numerosas lendas populares e nun amplo abano de seres mitolóxicos.

Toda a Serra do Galiñeiro ofrece numerosos servizos económicos, de lecer, deportivos e culturais nunha área tan densamente poboada como é a área metropolitana de Vigo. Actividades deportivas e de ocio como o sendeirismo, a escalada, competicións de carreiras de orientación, colleita de cogumelos etc, ás que temos que sumar os aspectos didácticos relacionados coas Ciencias Naturais e Sociais que ofrece a Serra.

Amais disto, o Galiñeiro prové ao encoro de Zamáns e as súas augas subterráneas abastecen as traídas de aguas da veciñanza de toda es a contorna. Tamén acolle pastoreo de gado ceibe: cabalos, vacas, ovellas e cabras. As greas dos cabalos do monte galego permiten a celebración de dous Curros, o de Vincios e o de Morgadáns. Esta raza equina autóctona está actualmente en perigo de extinción, e a súa protección especial figura no Real decreto 1682/1977.

Queremos continuar coa xestión de aproveitamento multifuncional que moitas Comunidades de Montes e veciños, ou particulares fan da Serra, sustento de actividades culturais nas parroquias, e verdadeiras dinamizadoras da cultura do pobo.

Por todo o expresado denunciamos os proxectos e actuacións altamente impactantes que destragan a Serra, impulsados por un desarrollismo que ignora as súas catastróficas actuacións: plantacións de especies foráneas como eucaliptos ou piñeiros que reducen a biodiversidade e aumentan o risco de incendios, zonas inzadas de acacias, proliferación de canteiras, moitas delas ilegais pero que continúan en activo, así como canteiras en desuso sen a debida restauración. A presión de grandes infraestruturas como a construción de parques eólicos, estradas de circunvalación de áreas urbanas, son novas ameazas que se suman ao deterioro habitual que supoñen as pistas e movementos de terra sen control, os vertedoiros incontrolados de lixo e entullos, o tránsito frecuente de motos de cross e quads fora dos camiños e incluso a acampada ilegal.

Invitamos a toda a cidadanía, asociacións, clubs, entidades etc a sumárense a esta acción “Pola protección da Serra do Galiñeiro”, a traballar, aportar ideas que apoien a salvagarda das riquezas naturais, culturais e sociais que alberga e conduzan á declaración da súa protección.

Subscriben e apoian este manifesto:

A.C. Berra Val Miñor.
Adega.
Amigos da Terra
AGA: Asociación Galega de Apicultura
A Ría Non Se Vende
Asociación “A GROBA”
Asociación Cultural, Deportiva e Ecoloxista treze-catorze de Salceda de Caselas
Asociación Cultural “FESTA DA PREHISTORIA” de MOS
Asociación Veciñal Casco Vello de Vigo
Asociación de Veciños de Vincios
Centro Cultural as Pedriñas de Tameiga, Mos
Clube Espelelóxico Maúxo
Club de Montaña e Escalado AZIMUT
Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia
Club Montañaieros Celtas
Clube de montaña Xistra
Federación Galega de Montañismo
Comunidade de Montes de Vincios
Instituto de estudos Miñoranos
ÓutroVigoEPosible
Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo Cíes
Salvemos Monteferro
S.O.S. Groba
Verdagaia

xoves, febreiro 10, 2011

A banda deseñada, lectura (tamén) adulta

As primeiras lecturas que se nos ofrecen cando aínda non sabemos ler son libros onde as ilustracións o ocupan todo. Pouco a pouco os libros van incluíndo palabras, desprazando ás imaxes ata desaparecer cando se supón que xa chegamos á madurez lectora. Entón os libros máis cultos, os máis interesantes son os que posúen máis e óptimas verbas combinadas da mellor forma posible. Chegado este momento, as ilustracións pertencen ás lecturas “non adultas”. Neste camiño todas as combinacións de imaxe e verbas son procuradas para conseguir a fin última de ler. De ler con maiúsculas.

Os cómics forman parte deste camiño. Considéranse lecturas infantís ou adolescentes de mero entretemento e diversión que teñen a utilidade de atrapar ao principiante lector para que lea sen darse conta, para conseguir o hábito lector que moitas veces é difícil de acadar. A banda deseñada considérase como arte menor que hai que ir abandonando para darlle a importancia debida ás palabras, á lectura seria.

A un parécelle que non fai falta ter que dicir que a banda deseñada é unha forma de expresión á altura de calquera outra, mais sempre aparece xente coma Arturo Pérez Reverte, que di que “xa non leo tebeos”, ou como Vicente Molina Foix, que a atila de “indicio de infantilismo expresivo” e “entretemento moi menor” (nun artigo da revista Tiempo que creou moita polémica). Esta visión sobre o cómic é algo moi estendido e poida que teña que ver co proceso de aprender a ler que se describiu antes. Porque cando se fala de lectura sempre se fala de palabras. É o que habería que cambiar, que ampliar.

Isto explícase moi ben no libro O cómic e a arte secuencial, de Will Eisner, no que se cita a Tom Wolf nun artigo de agosto de 1977: “Nos últimos cen anos, a lectura vinculouse exclusivamente á capacidade de ler e escribir. Aprender a ler significou aprender a ler palabras. Agora ben, pouco a pouco a lectura foi motivo de reconsideración. As últimas investigacións demostraron que a lectura de palabras non é máis que unha parte dunha actividade humana moito máis ampla, que inclúe o desciframento de símbolos, a integración e organización da información. A lectura, no sentido máis amplo pode considerarse unha forma de percepción. A lectura de palabras é tan só unha manifestación desa actividade, pero hai moitas outras: a lectura de debuxos, mapas, diagramas, notas musicais...”

As imaxes son representacións gráficas concibidas para parecerse aos motivos que representan. Tamén se utilizan iconas que representan conceptos, ideas, filosofías que poden ter que ver coa realidade ou poden ser símbolos recoñecidos por todos. E tamén as letras son representacións gráficas que non gardan ningunha semellanza con aquilo que representan, aínda que tamén construímos con caracteres os emoticonos que acaban tendo ollos e boca... :)

Este cambio de concepto sobre o que debera ser a lectura, onde é algo máis que saber distinguir as letras do alfabeto e saber combinalas en palabras coa súa debida sintaxe, é reticente a atopar o seu lugar entre o considerado como culto. Aínda que entrar nos límites da cultura excede con moito a fin deste texto e que debera ter unha análise moito máis profundo, tanto nos límites das manifestacións culturais como no seu espallamento e divulgación.

Dicía que a un parécelle que non é necesario insistir no goce de ler banda deseñada sen ter que explicar que non son lecturas só para a idade infantil, pero ese prexuízo atópase ben presente en moita xente. E neste mundo entran todas as temáticas e inquedanzas de calquera outra manifestación cultural. O único que muda é a expresión artística e formal: cada unha (texto, imaxe, cine, televisión, radio, música, teatro, danza, etc.) ten as súas características concretas e usa regras diferentes, que poden coincidir en varias destas expresións. Existen bandas deseñadas infantís, adolescentes, adultas, con historias sinxelas, complicadas, históricas, autobiográficas, cómicas, dramáticas, policiacas..., hai banda deseñada boa e tamén a hai mala, como ocorre co resto das expresións humanas.

Moitos lectores de cómics acabaron abandonando a súa afición; non porque non lle gustara, senón por non atopar títulos acorde co seu gusto ou por pensar que os debuxos xa non son propios da súa idade. Lectores de cómics que no seu tempo foron Mortadelo, Superlópez ou Carpanta (ou calquera das personaxes do mundo Bruguera), ou que puideron ler algo de superheroes americanos como Superman ou Spiderman ou Capitán América (o mundo DC é inmenso), ou que tal vez leron algo de Roberto Alcázar y Pedrín, El guerrero del antifaz ou El capitán trueno, algún puido ir polo camiño do manga, algún outro puido ler revistas como Víbora ou Cimoc onde se podían ler historias de grandes autores, calquera opción é boa dependendo do que caeu nas mans de cada un no seu momento, pero que despois foi abandonando por outras lecturas máis “serias”. Moitas persoas pasaron por este camiño, esquecendo a lectura de viñetas ata que se atoparon con esa banda deseñada que o volveu atrapar nos debuxos da arte secuencial. Títulos como Contrato con Deus, de Will Eisner, considerada a primeira novela gráfica, onde a historia se fai máis ampla e afonda nos tema dos que se fala, ou Maus, de Art Spiegelman, o único cómic que posúe o premio Pulitzer e que conta a historia dun supervivente do holocausto nazi, ou tal vez Píldoras azules onde Peeters narra a súa historia coa súa moza, que ten o virus da Sida, ou poida que descubrise un manga como o de Taniguchi onde as historias son máis adultas ou tal vez caese nas súas mans Ikigami.. Puidera ser que lle falasen de Watchmen, de Alan Moore, onde se lle dá unha volta de torca ao tema dos superheroes (quen vixía aos vixiantes?) ou tal vez algún de Frank Miller, ou que cae nas súas mans o Trazo de xiz, de Miguelanxo Prado, a obra máis recoñecida do autor galego máis internacional e considerado como autor de culto; en fin, puido ser calquera obra cun contido máis “adulto” o que fixo que volvese ler banda deseñada e comezar de novo na procura de viaxes a través da re-coñecida lectura de debuxos. É entón cando a lectura toma outra dimensión, onde se descobre a narración gráfica distinta das películas, dos libros, das ilustracións, e que combina todos os elementos para chegar a unha mensaxe máis variada.

A banda deseñada ofrece unha lectura moi rica na que se combinan distintas linguaxes e formas de expresión. Hai palabras, imaxes, onomatopeas, signos de movemento, iconas, símbolos. Todos os elementos requiren dunha lectura distinta. Poderíase dicir que se trata dunha lectura máis completa, nun sentido máis amplo. Un pode deterse nunha viñeta e ver todos os recantos, os detalles, ou pasar por riba con présa, e en ningún caso se perde o fío da historia. O lector escolle onde parar, ou pode botar unha ollada rápida á viñeta ou páxina de máis adiante, ou volver atrás sabendo sempre onde se atopa, cunha facilidade pasmosa.

A un non lle parece que lle descubra a ninguén, e menos nunha rede social sobre o libro, o gran pracer da lectura dunha boa banda deseñada. Pero, por se acaso, insistirei unha vez máis. De seguro que existe un formato que será o que máis che guste: tebeo, cómic, novela gráfica, manga, superheroes, de corte social, histórico, autobiográfico, realista, de ciencia-ficción, fantasía...

Boa lectura!

Licenza de Creative Commons Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-CompartirIgual 3.0 Unported de Creative Commons
___________________________________________________________

Publicado no Caderno Redelibros. ISSN 2173-1977

luns, febreiro 07, 2011

Nematodo do piñeiro. e outras cousas.

Como dicía na anterior anotación, quedei coa xente de Tragsa para delimitar o monte. Queren comezar a talar os piñeiros dos veciños que non venderon a ningún madeireiro e van chamando á xente que si vendeu para delimitar o monte e non curtar ningún piñeiro que non corresponda.

Imos na procura dos marcos ou dos sinais que marcan os lindes do monte, pero o traballo simplifícase moito porque xa o madeireiro marcou os piñeiros que vai levar. En moitas ocasións sabemos por onde vai o monte vendo os piñeiros marcados. De todas formas van facendo unha nova marca nos piñeiros que forman o perímetro do monte.



Falo con eles pero non saben moito máis ca min. Só un dato que eu non lera. O nematodo mantense inactivo por debaixo dos 22ºC polo que as datas que se manexan de prazo para talar as árbores están pensadas baixo este criterio. Eu dígolle de todas as formas que os prazos que se están dando son imposibles de cumprir, pero que hai que por prazos moi curtos para que se comece a cortar. Tamén conclúe el que hai que ser optimista porque o clima axuda neste caso a acabar co becho.

Tamén lles digo que a miña máxima preocupación é o plan de reforestación que non existe. Quédanseme mirando con ollos de "nós tampouco sabemos que exista ningún plan."

E pouco máis. Ben, si, antes a miña tía pregúntalles que se é certo que os piñeiros de menos de 1m de altura se poden deixar sen cortar, tal e como se dicía no Faro de Vigo do 28 de xaneiro. Eles non sabían moi ben pero soáballes. Procuro no Faro de Vigo dese día e atopo esta nova, onde se di que "haberá que eliminar as coníferas de máis dun metro de altura". Así que parece que os piñeiros que están nacendo poden salvarse (desta vez, polo menos). Aínda que tal e como se espalla o nematodo e como se están a facer as cousas non creo eu que se poida parar, e penso que os veciños deberían ir pensando en ter outras árbores no monte, mais isto é só opinión miña.

Unha pequena anécdota, da que non vou sacar ningunha conclusión e que penso que foi despiste, é que estabamos na procura dos piñeiros marcados polo madeireiro pero unha das árbores non estaba marcada e el dicíame se estaba seguro que ao mellor non era por aí por onde pasaba a linde. Eu contesteille que esa árbore non estaba marcada porque non era un piñeiro e non estaba vendida, senón que era un carballo. (Espero que os que veñan cortar non teñan estes despistes).

Xa se escoitan motoserras por todos lados e xa se vai vendo como se van cortando os piñeiros.



Tamén se ve claramente como se cortan os piñeiros pero os eucaliptos quedan.



Tamén me chamou a atención como se transportaban os piñeiros, xa que ao principio falábase de que tiña que ser en camións pechados para non ir espallando o becho. Supoño, porque o vin noutra ocasión, que se trasladaban os piñeiros para outro zona dentro do perímetro de 1,5 Km de radio. Pero estarase vixiando en todo momento que non se trasladen a outros sitios?



Eu son pouco optimista en canto ao futuro do monte, e sobre todo sobre o futuro dos piñeiros. E quero dicir de todos os piñeiros de Galicia, non creo que se poida parar un insecto facilmente, sobre todo cando a madeira viaxa con total impunidade entrando dende Portugal, e vendo como todo o mundo trata de saltar por riba das normas establecidas para desfacerse do nematodo.

_______________________________________________________


Mudando de tema (ou non). Atopei xente traballando no sumidoiro, que despois de estar de alcalde de Salvaterra toda a democracia, e despois de innumerables peticións, parece que acordou agora. Casualidade?



Chegaremos a librarnos destas cousas?


_______________________________________________________


Por último, saco en limpo, e quédome coa sensación de coñecer o monte que xa facía moitos anos polo que non paseaba. A pesares de levar días sen chover acabei cos pes mollados (por culpa da néboa), sen árbores isto non é posible. Percorrer o monte polo que corría e xogaba de neno tróuxome moitas lembranzas. Supoño que isto non me pasará só a min. Neste paseo fun ata a veiga que agora quedou de monte e a sorpresa foi atoparme alí con carballos e non con ningunha outra árbore, nin piñeiros, nin eucaliptos, nin ningunha outra cousa. Un lugar ao que volver.

sábado, febreiro 05, 2011

Templetes ou Kioscos

Para información de http://palcosdamusica.blogaliza.org

Templetes o Kioscos

venres, febreiro 04, 2011

O nematodo do piñeiro. Tragsa

Hoxe tócame volver a Leirado para ver os límites do monte coa xente de Tragsa. Resulta que están xa traballando e, polo visto, xa tamén cortando. No caso dos afectados que venderon os seus piñeiros a madeireiros Tragsa quere asegurarse de que non corta ningún piñeiro que non corresponda. Chámanme para que lles diga cales son os meus piñeiros e así non cortalos.

Eu respóstolle que non entendo isto. Se Tragsa vai cortar as árbores en canto pase o prazo previsto (ao principio era o 28 de febreiro, aínda que xa oín que se atrasou) para ter todo talado, da igual de quen son os piñeiros, pasado o prazo de corta hai que cortalos todos.

Din que eles van ir cortando os piñeiros dos veciños que non venderon a súa madeira, que se acollen ao prezo que consiga a Xunta (ou sexa, Tragsa) na subasta da madeira.

Entendo, polo tanto, que os piñeiros que eu non venda non entrarán no trato da subasta da Xunta, cando eu pensaba que si, que unha cousa era a madeira que eu vendía e outra a que se encargaría de cortar a Xunta.

A ver que máis me din entón, se é que din algo...

martes, xaneiro 25, 2011

Diñeiro e conciencia

Tremenda e interesantísima conferencia de Joan Melé, subdirector de Triodos Bank sobre diñeiro e conciencia.

mércores, xaneiro 19, 2011

martes, xaneiro 18, 2011

O nematodo do piñeiro. Lexislación

Na procura de información, atopo esta páxina do Ministerio de Medio Ambiente y Rural y Marino onde se poden atopar as medidas de traslado de madeira dende Portugal e o plan de continxencia a adoptar contra o nematodo do piñeiro.

http://www.mapa.es/es/agricultura/pags/nematodo_pino/nematodo_pino.htm

Non se entende pois que anden tan despistados dando información. Se hai un plan de continxencia haberá que seguilo sen dubidar. Xa existía este problema en Portugal dende hai 10 anos, como é que non saben que facer? Xa se espallou en Exteemadura, non saben ver (ou preguntar) que se fixo alí e adaptalo a este caso?

Sigo sen comprender como non hai un plan de reforestación conxunto.

O nematodo do piñeiro. Venta e uso propio

Pódense solicitar permisos para vender os piñeiros a un madeireiro, que terá que manipular a madeira para que pase por un secadeiro. Tamén se pode solicitar permiso para cortar os piñeiros para uso propio. Neste caso a leña hai que tela nun local pechado e non se poderá volver a trasladar.

Estes son todos os impresos que hai que cubrir. O impreso para vender e levar leña é o mesmo. En realidade é un permiso de aproveitamento da madeira. No reverso explícase as condicións para cortar e desplazar os piñeiros.

Pinchar para ver máis grande.


Non entendo como se pode levar a leña para a casa. Por moito que se esixa que estea nun lugar pechado, hai quen di que con ter a leña dentro dun plástico é suficiente. Ou que sempre se pode por a leña de piñeiro por debaixo da de carballo, ou calquera outra árbore, para que non se vexa a de piñeiro.

Non podo pensar noutra cousa que os políticos andan nerviosos pola cercanía das eleccións. E non é que me poña triste, é que me cabreo!

luns, xaneiro 17, 2011

O nematodo do piñeiro. A carta

A carta certificada que supostamente lle chegou a todos os afectados. Na realidade, hai moitas deficiencias nos enderezos e nos datos da propiedade do catastro. No meu caso chegoume ben.

Pinchar para ver máis grande:

domingo, xaneiro 16, 2011

O nematodo do piñeiro. Zona afectada.

A zona afectada polo nematodo é esta. Toda esta zona ten que quedar sen piñeiros nos próximos meses. Aínda que tamén desaparecerán moitas das árbores que se atopan ao lado dos piñeiros. Sobre todo as que aínda non teñen moito volume. Todo será triturado.

Pinchar para ver máis grande.



Escaneado dende mapa A3 que dan no punto de información.

O nematodo do piñeiro. Vendo os piñeiros no monte

Esta foto fíxena no momento que andaba vendo os piñeiros no monte para a súa venta. Esta foto servirá para comparar o antes e o despois.

Pinchar para ver máis grande:

mércores, xaneiro 12, 2011

O nematodo do piñeiro

Bursaphelenchus xylophilus, así se chama o nematodo do piñeiro.

Hoxe tocoume ir á zona cero para informarme.

Pois pouco máis do que sabía:

Detectouse o verme a principio do outono na Vesadiña, que se propaga a través dun insecto, e que moi probablemente proveña de Portugal, onde o nematodo leva anos espallándose.

Para erradicalo establécese un radio de 1500 m onde hai que talar todos os piñeiros, que despois terán que pasar por un proceso de secado agresivo para matar a posible infección. Tamén se establece un radio de 20 Km de corentena preventiva.

Ata o 20 de xaneiro pode solicitarse o permiso para talar os piñeiros tendo un comprador madeireiro que cumpla cos requisitos de secado. Estas empresas madeireiras teñen que atoparse dentro destes 20 Km que se pon como límite.

Antes do 28 de febreiro teñen que estar os piñeiros talados.

Se non se fai así, encargaríase a Xunta de facer a corta das árbores e subastaría a madeira pagando aos afectados os cartos que quedarían despois de restar os custes, que se tasarían por metro cúbico de madeira resultante.

Os restos da madeira serían tratados despois, queimando a súa maioría. Os tocóns trataríanse quimicamente.

Pregunto se se pensou na reforestación. A resposta é que non. Cada propietario tería que pensar, e é o que recomendan (sen dar ningunha pauta), na reforestación de cada parcela. O que é seguro é que durante 2 anos non se poden prantar piñeiros, o que equivale a que non se deben deixar crecer os piñeiros que vaian saíndo. Cada propietario será o encargado de facer que isto se cumpra.

Ata aquí o que me contaron, que é pouco máis do que xa sabía.

Chego a casa e atopo unha carta da Xunta que fai referencia á resolución do 17 de novembro de 2010, da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria (onde se atopa toda a información), onde se di: '...establécese unha zona A chamada "zona de erradicación", que comprende un área de 1,5 Km de radio ao redor do foco, e onde se deberán realizar labores de erradicación de todas as especies sensibles existentes, é dicir masas puras ou mesturadas que presenten exemplares de especies de xéneros Abies, Cedrus, Larix, Picea, Pinus, Pseudotsuga e Tsuga.'

Masas puras ou mesturadas? Quere isto dicir que tamén hai que cortar outras árbores se están no medio de piñeiros?

Na galipedia xa se fala disto.

_______________

Resulta triste ver como practicamente todo o monte vai desaparecer, posto que o piñeiro é a árbore predominante con grande diferencia. Resulta triste que non teñan prevista ningunha acción de reforestación, aínda que supoño que será algo do que se falará a partires de marzo-abril despois de toda a tala.

Os veciños están molestos, a a todo lle ven segundas intencións, non entenden que non poidan curtar ás arbores para uso propio, que teñan que malvendelas ou deixar que a Xunta lles pague o que lles pete. Supoño que serán a mala ou nula información que reciben, e de malos modos...

Eu supoño (ou é o que quero pensar) que toda esta tala é necesaria para erradicar esta plaga, pero quédame mal corpo ao ver que despois de tantos anos con esta plaga en Portugal non teñan previstas todas as accións a realizar. Ou por que non recomendaron ir diversificando o monte con distintas especies? Que non haxa un plan de reforestación pode dar a pensar que hai outros plans para todo ese terreos, nunha zona na que se pensan polígonos industriais a moreas. Son pensamentos que me veñen á cabeza e que ogallá teña que arrepentirme de pensalos. Moi sinceiramente, alegrareime de ser un pesimista trabucado (un pesimista trabucado pode chegar a ser un optimista?)

Seguro que volvermos falar do monte.