martes, novembro 15, 2011

Approved for adoption

Jung é un neno coreano que foi adoptado por unha familia belga.

Jung conta a súa propia historia na banda deseñada "Piel color miel". Este é a sesión do día 15 de novembro do Club Lecturas Debuxadas.

A partires desa historia xorde o proxecto de visitar Corea na procura das propias raíces:

luns, novembro 14, 2011

Escépticos: Homeopatía?

Un novo capítulo do boísimo programa da televisión basca EiTB. Neste caso falando da Homeopatía.










martes, novembro 08, 2011

Gravación do novo CD dos Cempés

Os Cempés queren gravar un CD novo e decidiron probar co crowdfunding, ou sexa, andan na procura de mecenas que queiran aportar. Hai opcións para todos os petos.

Como me gusta a idea, xa son mecenas. Como me gusta a idea, aquí a deixo para que se espalle.

mércores, outubro 12, 2011

Escépticos: ¿ondas del mal?

Un novo episodio de escépticos sobre as ondas electromagnéticas, un tema de gran controversia. Causan cáncer as ondas electromagnéticas?









martes, setembro 27, 2011

Escépticos

Pensaba eu que xa puxera eu por aquí o capítulo cero do programa Escépticos que se emitiu na EiTB. Despois dese capítulo, decidíronse a facer un programa semanal.

Ademáis de poder verse na televisión, tamén se pode ver en streaming... Menos mal! Aquí está un dos mellores programas da televisión:

¿A ti te funciona?



E o capítulo cero. ¿Fuimos a la luna?

domingo, agosto 14, 2011

Viñetas desde o Atlántico 2011


Non é a miña intención facer un percorrido pormenorizado polo Viñetas desde o Atlántico, para iso vaian directamente a Apocalipse do porco, onde terán contado día a día o festival con vídeos das charlas e das visitas e moi ben explicadiño todo.

Aquí só obterán un pequeno paseo pola rúa da BD e por algunha das exposicións e charlas durante un día e un pouco de outro (querían ser dous días, máis o primeiro non se pode considerar como tal).



Chegar, chegamos a tempo para a charla de Polaqia, mais quedamos na porta falando un poquiño cos amigos. Entramos xusto ao inicio da charla con David Rubín e Marcos Nine, aínda que nos deu tempo a saúdar a ghanito, que anda de reporteiro extra-oficial do festival e que nos comentou que lle faltara algo de "pementa" á charla de Polaqia (o cotilleo rosa televisivo fai estragos... :p )

David Rubín no seu papel, Miguelanxo Prado sufriu o ar acondicionado e ata lle temblaba a voz, Marcos Nine en minoría entre os comiqueiros e Carlos Portela empeñado en levarlle a contraria a David pola súa reivindación de influencia do Dark Knigth 2, de Frank Miller.

Un paseo polas casetas, saúdos a Manel, que ten ao seu carón a Tokio, e a Sergio e gastar un pouquiño no dos veces breve adicado integramente a autores galegos. E a cear e durmir.

Erguerse sen demasiada présa, ver como a néboa o inunda todo, darse conta de que a roupa é de verán "sureño", almorzar e tirar para o festival. Aparcar máis perto do que parecía (Coruña é circular!!) e deixarse sorprender por Crepax e a súa Valentina "cuase-erótica".

Das exposicións do Kiosko Alfonso, quedámonos sen dubidalo coa de Jordi Lafebre. Tamén Guarnido e Canales. Altarriba e Kim xa nos tiñan conquistados e Rubín case comenta con nós a súa exposición (diante dunha cámara).

Dubidar entre seguir coas exposicións ou gastar os cartos. Evidentemente tirar cos cartos. Caen as tres novidades de Demo (hai que ir coñecendo as lecturas galegas de cómic), conversación friki arredor de Góndor(mar), e saúdos a Eva e a Melo, por separado. Jacobo acaba de presentar o seu Lois Pereiro e cruzamos unhas breves palabras. Mentras Kiko presenta Retranca e Fiz, cae o último Barsowia, e chegamos para escoitar a Kohell "que está para facer vulto e o pánico aparece cando ten que falar en público".

Pola tarde amagamos con facer cola para que nos asinen El arte de volar, pensámolo mellor e imos tomar un cafeciño na terraza do lado.

Antes de acompañar a Guiral na exposición dos Pitufos, onde tivo que lidiar cun público "difícil" (ver vídeos 1 e 2, cortesía de ghanito), percorremos Viaje con Nosotros! onde descubrimos algunha que outra cousiña.

Rematamos coa excelente charla de Antonio Altarriba e Kim que estiveron falando sobre o proceso de creación de El arte de volar, que podedes ver, e escoitar, se dades un paseo polo Apocalipse do porco. Charla interesante, divertida, amena, e ata emocionante que rematou cun longo aplauso do público.

Visita típica turística á Torre de Hércules e viaxe para o sul.

Penso eu que se pode desfrutar moito máis deste festival se se pode acudir a todas as charlas, se se fala a modo con todos ou algún dos autores, cos comiqueiros galegos que se atopan concentrados ben asinando nalgún posto, ben facendo algunha presentación, ou vendo as exposicións. Tamén penso que se pode curiosear nas casetas, procurar o cómic que che falta desta ou doutra colección, ir na busca dalgún cómic, historieta, tebeo, ou como queira que se lle queira chamar, xa descatalogado ou difícil de atopar... Quedo coa sensación de perderme algo... pero non importa porque disfrutei e levei un anaquiño comigo...

A modo de crítica, pequeniña, quedoume detrás dunha orella o pensamento de que os comiqueiros andan demasiado preocupados pola forma, polas influencias, polas maneiras de crear e acaban por case non falar do que crean, do contido, da mensaxe. E creo que os temas que tratan nas súas obras son moi interesantes, pero que se dilúen cando se discute sobre os recursos ou as etiquetas, as grapas ou a novela gráfica, as películas para pobres ou o album franco-belga, as acuarelas ou a obra maldita de Frank Miller.

Tal vez, como este ano foron dous días e o ano pasado foi só un, o ano que ven terán que ser tres días. Tal vez. Estaría ben, ir crecendo pouco e pouco, ano a ano. Ao final, o interesante é o camiño, o que se vai aprendendo, así en xerundio.

martes, maio 31, 2011

Despois do #22m (2. Galiza)

Tanto na anterior anotación como nesta hai que ter en conta o carácter municipal destas eleccións, aínda que a comparación coas eleccións de 2007 se pode facer directamente.

O panorama en Galiza é máis desalentador que no resto do país, onde os políticos adícanse sen vergoña de ningunha clase a repartir directamente cartos nos mítins de campaña. E aínda se mostran orgullosos de "axudar" á xente.

O PP parece non ter máis teito electoral que o propio censo e campan ás súas anchas.

As contas son claras, o PP sube (54.176 votos máis, que representa un incremento do 8% con respecto ás eleccións de 2007), o PSOE baixa (66.566 votos menos, case un 14% menos que en 2007) e o BNG baixa (53.766 votos menos, un 17% menos).

A debacle aquí está clara, o BNG vai en caída libre. En contra dos que din que foi o PSOE o grande derrotado en Galiza, vese moi ben que aínda que perdeu menos votos o BNG representa unha maior caída porcentual.

Como ben explica calidonia, o #15m non tivo influencia nas eleccións. A inercia electoral da xente xa ía cara ao PP. Isto non é sorprendente, aínda que canse tanta realidade.

Facendo unha identidade PPSOE onde non se pode distinguir entre a política do PSOE coa que faría o PP, está claro que a balanza inclínase cara ao PP. No caso do BNG, ao identificarse en moitos dos gobernos co propio PSOE, sae definitivamente mal parado (coas súas poucas excepcións). A idea dunha fronte de partidos que ofrece alternativas e aparece como combativo, idea coa que o BNG subiu en apoios electorais, hai tempo que desapareceu. O BNG basou a súa campaña no voto útil facendo un chamamento para "votar masivamente ao BNG para frear á dereita", campaña claramente nefasta e que pouco o diferencia doutras peticións de "voto útil" doutros partidos políticos. A cegueira para ver a súa propia debacle fixándose só na do PSOE seguirá facendo que vaia lentamente desaparecendo da vida política.

Un caso moi representativo é o de Vigo, onde o bipartito fixo que nestas eleccións o PSOE fagocitara ao BNG electoralmente (ao revés do que ocorreu en Pontevedra). A análise que parece que se está a dar é que o BNG perdeu votantes pola esquerda indo a parar a EU (un exemplo desta argumentación pódese atopar en VigoBlog.

Vexamos os números das eleccións en Vigo:
PP: 4.943 votos menos.
BNG: 11.656 votos menos.
PSOE: 5.647 votos máis.
EU: 4.193 votos máis.
OV-GV: 2.441 votos (en 2007 non se presentaron)
UPyD: 1.746 votos (en 2007 non existían)

Con estes números da a sensación de que o BNG perdeu en todo o espectro, non só pola esquerda cara á EU senón que parece que houbo trasvase tamén cara o PSOE. Outra cousa sería autoenganarse. O BNG ten que pararse a reflexionar, ten que pararse a pensar, e darse conta que o mundo non está onde eles dirixen a mirada.