martes, novembro 20, 2007

08. Silencio


Shhhhhh....!!! Silencio.

O silencio non existe.

...

Todo o programa ten que ver co silencio. Porque non hai voces, ou porque hai silencios que fan música, ou porque definen o silencio, ou porque deixan sen palabras, ou...

(Silencio irase actualizando con vínculos e pequenos, moi pequenos, comentarios, a modo, caladamente...)

01. Pablo Seoane - Alborada da Ulla.

Dous discos de gaita (Pablo Seoane) e só gaita (Juanjo Fernández) chegaron ás miñas mans. Os dous comezan con alborada. Escollo esta, como podería escoller a de Juanjo, porque me deixa sen palabras. Non podía comezar doutro xeito que cun canto ao sol que esperta.

02. Herbert Henck - Música Callada (Mompou).

Música calada. Música silenciosa. Música para limpar os oídos.

(Algún día falarei da música que utilicei para estudiar. Era piano, como esta, para concentrarme e non escoitar os ruidos da rúa sen que me descentrara do estudio. Unha música para estar en silencio)

03. Germán Díaz - A Fuentes, claro.

Germán é un músico polifacético, cheo de recursos, incrible. Na súa viaxe xirada de manivelas deixa pérolas coma esta. Unha visita á súa web deixa ben clara a súa forma de facer.

04. Itzhak Perlman/Seiji Ozawa - Tzigane (Ravel).

'Escuchar', Fernando Palacios: 'En la introducción del violín solo de la Tzigane, Ravel separa cada uno de los diseños que configuran la melodía con silencios siempre diferentes, con el afán de que a cada expresión sonora le corresponda su tiempo exacto de silencio.'

05. Toques de campanas en las catedrales de Castilla - Toque del patrón (Óscar Rodriguezz e F. Javier Coble).

Catedral de Valladolid. De todos os toques este é un dos poucos que non aparece a frase de 'toque automatizado'. Son con mensaxe, son comunicativo. Música viva, poderosa. Ante o son das campanas só se pode escoitar.

06. B.A.C. - Azul.

Baldo Martínez, Alejandro Pérez e Carlos "Sir Charles" González son os tres músicos deste marabilloso trío de jazz, onde escoitar aos demáis é indispensable.

Comezo os comentarios por aquí para criticar a actitude da (case) única tenda de discos de Vigo, Elepé. Pregúntolle polo último disco de Baldo Martínez, o proxecto Minho, e contéstame con cara de poucos amigos que non sabe nada dese disco, que ninguén llo foi ofrecer. Eu atrévome a preguntarlle se o pode conseguir. -Pero non che dixen que ninguén mo veu ofrecer?

Unha tenda que só vende o que lle ofrecen? Unha tenda que non coida aos seus clientes. Case estiven por ofrecerlle o teléfono de Baldo para que lle preguntara, pero marchei dalí sen ganas de volver. (Moi ruidoso este comentario, moi ruidoso).

07. Bassekou Kouyate & Ngoni ba - Segu Blue.

O único tema do disco de Kouyate onde non se canta, onde só se escoita o ngoni. E non será que o blues naceu en África?

08. Arvo Pärt - Tabula Rasa.

O tema central deste programa. O que lle da todo o sentido. O silencio está definido en toda a súa extensión aquí.

Arvo Pärt, un compositor para desfrutar de vagar.

09. Nova Galega de danza - O bicho.

Os músicos de Nova Galega de Danza calan para que se escoite aos danzantes.

10. Antonin Dvorac - Los Bosques Silenciosos (Para Violonchelo e Orquesta Op 68 Nº5).

Do libro de Fernando Palacios, Escuchar, saquei a idea (copia descarada e literal) de facer unha colección de silencios. Esta colección conta coa incrible cantidade de 1 silencio. Foi tan máxico que parece que non houbo ningún outro que poidera acompañalo. E aí quedou o caderno, cheo de silencio. Esa idea aparece no capítulo que se titula 'Silencio, el silencio'. Practicamente foi este artigo o que me chamou para mercar o libro. Entre 'Escuchar' e 'Silencio' podería facerse a grande lección de música para calquera que pretenda ser músico. Neste artigo aparecen varias recomendacións que aproveitei, grazas á lembranza que me fixo Isabel, para este programa.

Di o libro: 'Ante la alienante saturación sonora de nuestro espacio, omnipresente recordatorio de la estructura social en la que vivimos, se impone el silencio interior. Las personas que van leyendo concentradas en el tren, metro o autobús parecen encerradas en una burbuja de silencio que las separa del ruido exterior. "Sólo cuando hacemos el silencio dentro de nosotros podemos gozar de la música. Sólo cuando sentimos la música dentro de nosotros podemos escuchar el silencio", oí decir al musicólogo Pepe Rey en un programa de radio. Sí, el silencio es la otra cara, el complemento que acecha por detrás de la música.'

11. Jonh Zorn - Hazor.

John Zorn non é a primeira vez que aparece por aquí, nen será a última.

12. Renaud Garcia-Fons & Jean-Louis Matinier - Le Byzantin.

No Imaxinasons tiven ocasión de escoitar a estos dous músicos. Músicos que fan música do silencio dos seus instrumentos.

Vigo, unha cidade chea de momentos musicais. Agora mesmo está en marcha o festival Are-More onde se pode desfrutar do ciclo de músicas para o silencio, cine mudo con acompañamento de música en directo.

13. Este tema déixoo para que o adiviñedes, o procuredes, para que me digades que é e quen é.


---------------------------------





venres, novembro 02, 2007

Santiago Auserón II

Non quixen por máis cousas na entrevista de Tati a Santiago Auserón aínda que me quedei coas ganas, mais póñoo agora e por separado.

Unha entrevista do ano 1985. Non fai falta dicir nada, xa o di el todo.





E como agora teño que procurar nas lembranzas aí vai unha que ven moi ao caso:



E interesante tamén a carta que enviou ao taller de músics de Barcelona. Pero é que todo o que ven de Santiago é inevitablemente interesante, non é?

xoves, novembro 01, 2007

Santiago Auserón

O blog dos pelachos e o levantador de minas fixéronlle unha entrevista a Santiago Auserón, tremendamente interesante.



Nota: Re-escoitar Radio Futura, Juan Perro e estar atento aos proxectos de Santiago Auserón.

Nota 2: Mercar e ler a gramática do Silencio.

mércores, outubro 24, 2007

Imperial History

Outro mapa que ven a indicar onde está o centro cultural, social e, sobre todo, conflictivo de Europa.

History of Religion

Un mapa que representa o movemento das grandes relixións monoteístas.

Da unha idea moi por riba da expansión da relixión no mundo, que non di nada da mestura de relixións nun mesmo lugar.

martes, outubro 23, 2007

Escola de Folklore Plaza Castilla

Envíame o director da Escuela de Folklore Plaza Castilla este anuncio sobre a presentación da escola na sala Galileo Galilei.

Alégrame moito saber que lle vai ben e que vai tendo cada vez máis repercusión.

Noraboa!

Acudide a velos se andades por Madrid.


MUESTRA DE DANZA Y MUSICA TRADICIONAL
"FOLKLORE PLAZA CASTILLA"

http://www.folkloreplazacastilla.com/
----------
"Sala Galileo Galilei"
http://www.salagalileogalilei.com/
--------
Viernes 26 de Octubre de 2007
21.30 horas
----------------
BAILES DE SALAMANCA
DULZAINA CASTELLANA
TXALAPARTA
DANZAS IRLANDESAS
GAITA GALLEGA
ZANFONA
DANZA DEL VIENTRE
GAITA ASTURIANA
PERCUSIONES ORIENTALES....
--------------
Entrada: 5 euros

luns, outubro 22, 2007

Adianto...

Para que serva como adianto do próximo programa, que está xa en marcha esperando a que se resolvan problemas técnicos, aquí deixo un vídeo de dous grandes cantantes cubanos.

Omara Portuondo e Ibrahim Ferrer.

xoves, outubro 18, 2007

Aduaneiros Sem Fronteiras



Imaxe recollida en apocalipse do porco.

Anda o blogomillo revolto por isto do peche de aduaneiros.

Moita máis información no blog O mundo desde un chimpín que inclúe moitos enlaces a outros blogs e webs de información.

mércores, outubro 10, 2007

Publicidade.

Acaba de chegarme a programación do Bar Liceum (O Porriño). Xa non lembraba que estaba suscrito á súa lista de correo.

Dalgunha forma comeza á nova tempada, o novo curso, onde hai que rematar de definir todas as actividades deste ano 'escolar', onde tamén hai que ir elexindo os eventos culturais que van xurdindo.

Aquí están o que nos ofrecen os do Bar Liceum ata finais de ano.


venres, setembro 28, 2007

The Child

Buscando por internet información de como se pode crear unha tipografía topeime con este vídeo que paga moito a pena, e que me relaxa un pouco ante a tremenda dificultade de intentar facer algo pola edición do baile escrito. (Xa contarei, xa contarei...)

xoves, setembro 27, 2007

Kalaikia


Unha semana despois de recibir a invitación para ir ao 1º aniversario do suplemento cultural de 'A Peneira' veño a contar o que ocorreu no marco.

Non sabía da existencia do kalaikia, máis agora pódese por un ao día porque se poden descargar todos os números.

A celebración do primeiro ano de vida da neta da Peneira, personalizado no seu avó Guillermo, comezou cunha presentación audiovisual, ou sexa un vídeo, bastante amena e moi ben enfiada.

A presentación a cargo dunha rapaza, María Díaz, que prometeu brevidade e cumpliuno, dándolle paso ao avó e ao pai da criatura dun aniño.

O avó fixo referencia aos seus moitos anos de facer país, cando non existía tal expresión, co seu periódico en galego integramente. Lembroume a súa lentitude falando, as súas pausas longas, as súas miradas inquisitorias, a cando era o meu mestre, e viñéronseme á cabeza as verbas autoodio e diglosia que tan ben me aprendeu.

O que máis gracia me fixo foi o pai, Diego Giráldez, que rematou dicindo que ...'non sei se este país necesitaba deste suplemento cultural, pero nós si. E punto.'

Tomámoslle uns pinchiños, saudei ao avó, que me agradeceu a visita, e funme coas verbas de (don) Guillermo na cabeza: Impertinente, si, hai que ser impertinente, que xa estamos fartos do "políticamente correcto". E claro está, dicíame isto cos ollos por riba dos lentes e co sorriso de neno traveso que sempre utiliza. Non podía ser doutra forma chamándose Guillermo.

xoves, setembro 20, 2007

Polbo solidario.

Os blogs galegos están conectados. Pero non só porque conteñan os vínculos a outros blogs galegos, senon tamén porque se comunican a través de redes sociais como twitter.com ou 'chuzan' todos no mesmo lugar ou porque participen da creación de blogaliza a través da súa lista de correo. De seguro que haberá máis lazos, pois moitos deles coñécense persoalmente, ou ben a través do correo electrónico, os comentarios dos propios blogs, ou algunha outra forma de comunicación que agora mesmo non coñezo.

A través do twitter entérome da noticia que envía dorfun que enlaza co seu blog (adorfunteca.org) para contarnos a iniciativa de calidonia dun manifesto e un polbo solidario para axudar á xente da plataforma de veciños do cruceiro de Meá no seu peche no concello para protestar polo abuso cometido en todo o proceso da ubicación da planta de gas de reganosa (non merecen as maiúsculas). Esta idea de ir comer cos veciños en protesta foise creando na lista de correo de blogaliza e añadida no chuza.

Deixo para outro día, se hai ganas, a reflexión sobre esta interacción tan tremenda entre os blogueiros galegos. Poño o punto de mira no conflicto de reganosa, que é o importante, únome ao manifesto e quedo pesaroso de non poder acudir ao xantar cos veciños.

-------------------

POLBO SOLIDARIO


Como xa anunciei na lista de Blogaliza e falando con algunha xente da internet galega, este sábado varios blogueir@s imos ir a Mugardos para visitar aos veciños de Meá pechados no Concello en protesta pola construción e posta en funcionamento claramente ilegais da planta regasificadora de REGANOSA. Trátase de facer unha visita aos veciños, que xa manifestaron o seu entusiasmo por este apoio, e aproveitar para botar un polBo solidario na mesma parroquia onde se ergue o enxendro.

A Plataforma de Veciños do Cruceiro de Meá ten un blogue e nel podedes comprobar que levan case dous meses pechados, recibindo visitas e mostras de solidariedade de cidadáns, intelectuais e artistas como: Mabel Rivera, Joao Afonso, Luís Pastor, Sala NASA, Xurxo Souto, Carlos Taibo, Lino Braxe, Xosé Manuel Beiras, Manuel Rivas, Pedro de Llano, Faltriqueira, Eva Veiga, Antón Reixa, Os Cempés… así como de diversas asociacións e colectivos de natureza diversa.

A idea é que estaría moi ben que a rede galega e a cidadanía activa non ficara á marxe deste movemento. Por iso propóñoche que mostres o teu apoio aos veciños, de varios xeitos:

- Asinando un manifesto (co teu nome, co teu nick na rede, ou simplemente co nome da túa bitácora ou páxina web) de apoio e solidariedade que podes ler e firmar aquí mesmo deixando un simple comentario na anotación. Como verás, o manifesto acho que é propositivo, asisado e bastante razoábel.

- Publicando esta convocatoria ou o texto do manifesto no teu blogue ou páxina web. Estou convencido de que o activismo na rede galega dista moito de estar durmido e que o compromiso de moit@s de vós coas causas que pagan a apena (esta e moitas outras) está fóra de toda dúbida. Podes aproveitar se queres este deseño feito por Artritris.

- Xantando un polbo solidario na parroquia de Meá, confirmando a túa asistencia deixando un comentario nesta mesma anotación. Nos comentarios iremos informando do que se vaia pechando e concertando a respecto desta cita (detalles do xantar, desprazamentos compartidos e demais detalles). A reserva de prazas para o xantar hai que facela antes do venres 21 a mediodía (14h), un día antes do xantar. O único fixo no menú é o polbo, e imos tentar que o prezo sexa todo o proporcionado que poidamos e limitado ao que custe.

A cita é en Mugardos este sábado día 22 ás 13::00 h en frente da Casa do Concello. Este é o lugar onde combinarmos.

Todas as vicisitudes que rodean este tinglado seguramente xa as terás lido en varios lugares da rede, grazas ao ciberactivismo que veñen despregando os membros da Plataforma e do Comité Cidadán de Emerxencia e boa parte da cidadanía. Non as vou repetir aquí e tan só che indicarei un bo e variado resumo en orde cronolóxica. Moita xente viuse a obrigada a publicar e publicitar na rede diante do clamoroso silencio e das rexeitábeis contrainformacións despregadas polos medios de comunicación tradicionais, incluídos os públicos.

Estou convencido de que o activismo na rede galega dista moito de estar durmido e que o compromiso de moit@s de vós coas causas que pagan a pena (esta e moitas outras) está fóra de toda dúbida.

Unha aperta

Calidonia


-------------------

MANIFESTO DE SOLIDARIEDADE COA PLATAFORMA DE VECIÑOS DO CRUCEIRO DE MEÁ


Quen asinamos máis abaixo solidarizámonos coa Plataforma de Veciños do Cruceiro de Meá (Mugardos), pechados no Casa do Concello de Mugardos desde o mes de xullo, porque cremos que calquera veciño, calquera cidadán ou habitante, deste país ou de calquera outro, ten o dereito a que non lle estraguen a súa paisaxe e seu o contorno, e a non vivir a súa vida baixo a ameaza silenciosa dun perigo terríbel.

Quen asinamos este manifesto acreditamos que a xustiza e as leis que nos damos teñen que servir para defender os principios de igualdade e de liberdade, e non para protexer os intereses dos máis poderosos e xustificar as decisións que estes toman á marxe de toda legalidade e amparándose nos recantos máis escuros da sociedade e da humanidade.

Quen asinamos estas liñas acreditamos nun modelo de desenvolvemento sustentábel e autocentrado, que non repita os erros que se cometeron no pasado ao localizar empresas en sitios inaxeitados, e ao promover industrias de enclave que dun ou doutro xeito acaban por explotar e esgotar os recursos naturais que tamén son patrimonio de alguén, nosos ou doutros pobos.

Quen asinamos aquí sabemos que a existencia de REGANOSA en Punta Promontoiro trouxo tamén consigo a miseria e a baixeza morais de quen quixo ou precisou poñerse do lado dos poderosos, así como a tristura de ver enfrontados a veciños con veciños e a familias con familias, e que non hai forma máis implacábel de acabar cunha comunidade que destrozala dividíndoa desta maneira.

Quen asinamos temos a esperanza de que se traslade esta instalación fóra da Ría de Ferrol, na súa localización primixénea e ideal do Porto Exterior, e estamos convencidos de que aconteza o que aconteza coa nosa causa, moitas outras persoas están atendendo e entendendo, compartindo, ensinando e aprendendo desta loita que ante todo é xusta e fraternal.

Asina deixando un comentario ou réplica. Emprega o que prefiras (Nome, alcume ou sitio web) e escribe o que desexes:



Asínase no blog de Calidonia.

luns, setembro 17, 2007

Persépolis

Persépolis é a obra máis coñecida de Marjane Satrapi na que conta a súa vida en Irán.

Eu coñecín esta obra gracias á de Alxén que me avisou de que ía saír nunha colección de El Pais. Aí merquei os dous primeiros números. Despois merquei os dous seguintes na edición de Norma.

Máis tarde saíron os catro nun só tomo en catalán e en español ao ano seguinte, con catro páxinas máis en cor.

Algo teño na cabeza de que ía saír en galego, pero non sei se é verdade.

O que me lembra unha amiga hoxe é que Persépolis é xa unha película:


E haberá que estar atentos para ir vela ao cine. Será posible vela nalgún cine de Vigo? Será posible vela NALGÚN cine?