luns, xullo 05, 2010

Uxío Novoneyra: A voz herdada

Uxío Novoneyra: A voz herdada é o título do cómic de David Rubín e Kike Benlloch realizado por encargo da Xunta de Galicia.

David Rubín fala desta obra no seu blog.


E onde se pode conseguir?

A distribución é "institucional". Isto que significa? Pois que en teoría vai ser distribuído a colexios e bibliotecas e tamén se repartirá en feiras do libro de toda Galicia.

Agora mesmo está a celebrarse a feira do libro de Vigo. Alá fun para ver se andaba por alí o cómic. Percorro todos os postos e non aparece o cómic por ningures. Vexo que hai unha caseta da Xunta, pero alí non hai ningún libro, nin nada de nada. Entón pregunto polo cómic. Quédanseme mirando e abren unha caixa da que sacan un exemplar e entréganmo.

Esa é a distribución que van facer do cómic? Non tería que estar exposto na caseta? Non podían informar de que o agasallan?

É tremendamente absurda esta situación. Encargan un cómic para telo agochado. Non o promocionan, non o espallan, non o dan a coñecer... Así é como se promociona a banda deseñada, a Uxío Novoneyra no seu ano das letras galegas, o galego? Teñen unha moi boa iniciativa para facer estas tres cousas e quédase en que queden miles de exemplares agochados en caixas de cartón. Basicamente tirar cos cartos públicos cunha boa idea mal xestionada.

E por que non sacan outros exemplares para ser distribuídos en librerías? Non ten sentido que só acaben coñecendo esta obra aqueles que xa saben que existe.

Non me resisto a comentar tamén o absurdo, descomunal insulto, da decisión de última hora de instalar unha pantalla xigante na praza de Compostela para que se poida ve o partido da selección. Non hai máis lugares en Vigo? Por que hai que facelo precisamente onde se celebra a feira do libro? Non pode haber lugares para aqueles que non queiran saber nada do fútbol? Ou simplemente queiran unha alternativa? Xa teñen os autores poucos lugares e espacios para poder presentar os seus traballos como para que desaparezan aínda máis.

E despois os políticos quererán que se lles valore. É o de sempre, escollen o fútbol aos libros. Só ofrecen opio, nada máis que opio (fume, fume, fume). Da igual a tendencia política que din defender, ao final escollen o mesmo que o caudillo. Así nos vai.

Claro que non perderán moitos votos, e ata poida que os gañen. Pero o penoso é que terían o mesmo resultado organizando as cousas mellor. A pantalla noutra praza e non incomodarían aos que prefiren pasear e ver libros.

(Patético, patético, patético...)

domingo, xuño 13, 2010

A illa de San Simón

A illa de San Simón é sinónimo de Premios Xerais.

Este ano a miña visión foi a de blogaliza.tv, que transmitiu os premios en directo e on line.



Os premios foron comentados dende a propia illa, polos propios asistentes, e dende fóra. Pódense ver no twitter procurando #premiosxerais e xerais.

Neste ano houbo emoción, moita enerxía e discursos longos que haberá que retomar para darse conta do que se dixo.

Unha tarde de encontros moi interesantes moi enriquecedores, paseos tranquilos, pensamentos de vagar. O tempo navegou cun ritmo moi calmo e deu para facer a foto de sempre da ponte de rande, dos premios esperando, do paseo dos buxos a soas...




Os premios foron para Teresa González Costa e Iolanda Zúñiga.

Haberá que porse en disposición para que che rouben a bicicleta verde na periferia. Eu estou xa preparado e impaciente.

Un pracer compartir esta tarde con goretoxo, ghanito, pauloshka, olevantadordeminas, e sentir a tati dende o outro lado.



O barco xa alá vai, leva consigo todas as verbas, todas as emocións, as amistades, a música... que volverán o ano que ven renovados, distintos, noutras olladas...

martes, xuño 08, 2010

Ken Robinson: A educación mata a creatividade

A través de amilleiro chego ata este vídeo onde Ken Robinson explica o seu modo de ver a educación.

Son 20 minutos imprescindibles. (Pódense escoller os subtítulos entre unha chea de idiomas...)

luns, abril 05, 2010

luns, marzo 01, 2010

Superheroe(s)

Hai uns días saía unha nova na que se contaba que se pagaran 1 millón de euros polo primeiro número de Action Comic onde aparecía a primeira historia de Superman.

Foi aí onde descubrín a "inluencia" do Centoloman.

Exercicio de buscar as diferenzas:

martes, febreiro 23, 2010

Os instrumentos musicais na tradición galega

Importante publicación de Pablo Carpintero Arias (con deseños de Xoán Ramón Marín Martínez) que dende xa é unha obra imprescindible e de referencia. Un percorrido por todos os instrumentos musicais que se utilizaron (e utilizan) na sociedade galega.



Os instrumentos musicais na tradición galega enmárcase dentro do traballo do proxecto Ronsel centrado no Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia.

Dende a páxina web do proxecto Ronsel tamén se ten acceso a outros traballos que se poden descargar directamente, como a publicación Instrumentos Tradicionais Galegos. Unha selección natural que serve como aperitivo do libro que estamos a falar.

Esta obra só é comparable ao tamén imprescindible Instrumentos Musicais Populares Portugueses de Ernesto Veiga de Oliveira, do que tamén se pode descargar información, e o máis interesante, ter acceso ao arquivo sonoro no que está baseado.

O que se di do libro Os instrumentos musicais na tradición galega:

Desde o proxecto Ronsel veñen de publicar un libro de interese para todas as persoas vinculadas ao mundo da música tradicional, a monografía "Os instrumentos musicais na tradición galega" de Pablo Carpintero Arias, con deseños de Xoan Ramón Marín Martínez, editada en Difusora de Letras Artes e Ideas coa oportuna revisión lingüística de Xosé Henrique Costas.

Esta obra, que conta co aval da UNESCO, describe e relata a historia coñecida de 144 instrumentos musicais e útiles sonoros que se empregaron en Galicia. A través de 500 páxinas, 1000 fotografías e múltiples ilustracións, a obra dá cabida a máis de 140 instrumentos musicais e recolle o traballo levado a cabo por Carpintero nos últimos 15 anos. A principal conclusión tras tantos anos de traballo: darse conta de que “en Galicia contamos cunha riqueza inmensa, algo que acontece en moi poucos países, e é que temos a virtude de que conservamos cadeas evolutivas completas na maior parte dos instrumentos musicais”.

Na obra Carpinteiro clasifica os instrumentos musicais seguindo o sistema científico máis empregado en occidente, o de Hornbostel e Sach, que os divide en idiófonos, membráfonos, cordófonos e aerófonos, facendo un viaxe musical a través do tempo, desde o Paleolítico ata o séxulo XX.

venres, febreiro 05, 2010

Silencio

John Cage quixo escoitar o silencio e meteuse na cámara anecoica da universidade de Harvard. Cóntase que saíu dicindo que escoitaba dous sons, un grave e outro agudo. O enxeñeiro explicoulle que os sons que escoitaba debíanse á circulación do sangue e ao sistema nervioso.

Sempre me chamou a atención este experimento e sempre quixen estar nunha cámara destas para poder escoitar o silencio imposible. Tamén sempre me chamou a atención que non se fale da propia respiración. Penso eu que tamén se debe escoitar con moita claridade. E todo isto se está en completo repouso.

Cage demostrou que o silencio non existe.

O motivo polo que me lembrei do experimento de Cage foi a lectura de "La física de los Superhéroes" onde no capítulo 12. El caso del trabajo perdido. Las tres leyes de la termodinámica pode lerse ao final do capítulo:

... Las colisiones al azar del aire en nuestros tímpanos producen desviaciones que están justo en el límite de nuestra capacidad auditiva. Siéntese en una habitación insonorizada durante treinta minutos y su audición mejorará (al igual que la sensibilidad de sus ojos a la luz difusa aumenta cuando se aclimata a una habitación oscura) hasta ser capaz de detectar las desviaciones en sus tímpanos causadas por el movimiento de los átomos. En una habitación muy silenciosa es posible oír el ruido de fondo emanado de la entropía del aire, o sea escuchar en principio la temperatura de la habitación...

Non sei se o movemento dos átomos do ar entra dentro da banda de frecuencias audibles (se alguén mo pode aclarar, pídollo por favor que deixe un comentario), mais paréceme moi complicado que sexa de tal intensidade que supere o son da respiración, ou que se consiga unha habitación con semellante silencio. Tería que ser unha habitación insonorizada lonxe de calquera fonte de ruído externa, algo realmente complicado.

Volvendo ao experimento de Cage. Non debería haber aparecido este son de fondo? Ou é que non se deron conta de que podía tratarse disto? Por outro lado tamén falan deste experimento e din que non é posible escoitar o sistema nervioso porque non provoca ningún ruído, e explícano mediante o típico zumbido que se escoita en ausencia de ruído chamado tinitus. Entón ese zumbido, é provocado externamente polo movemento dos átomos do ar ou é provocado pola existencia propia do oído?

O tinitus é sensible ao propio estado do ser humano, con cansancio, con extrés aumenta. É posible escoitar outra fonte de ruído por riba do tinitus?

Tal vez o ruído branco que está presente sempre sexa o provocado polo movemento dos átomos do ar. Pero xa nos estamos metendo no ruído, e estabamos tentando saber o que é o silencio.

O silencio é a ausencia de ruído. Mais o son non é máis que unha sensación debida á variación de presión atmosférica que percibimos no órgano do oído. Só pola propia existencia do oído existe sempre un ruído de fondo.

O silencio non existe.

E digo eu, non sería moi útil permanecer nunha cámara anecoica para non percibir nada máis que os sons que queremos identificar para chegar ao oído absoluto? Non sería máis fácil poder saber que nota é que está soando se non existe nada máis? (Está claro que este non é o camiño...)

luns, febreiro 01, 2010

Mudanza

Deixamos blogger e imos a blogaliza. A mudanza é por partida dobre. O blog por un lado e o podcast por outro. A cousa vai lenta pois o tempo esváese entre as dedas...

O curioso impertinente vaise para http://curiosoimpertinente.blogaliza.org

A música vaise para http://ionos.blogaliza.org

Deixo aquí os lugares que fun agregando a este espazo, que irán dando información cada vez que se actualicen:

io~NOS: Sintonía

A creación vai moi lenta, pouco a pouco.

A sintonía: A primeira voz será o esquelete do resto da melodía. Unha liña simple, que se repite todo o tempo. Unha segunda voz que complementa á primeira. Unha vez que comeza xa non deixa de repetirse. E unha terceira que flota por riba das outra dúas.

Escríbese nun editor de partituras. Convértese a midi para utilizala nun editor de son e panoramízase.

Máis tarde añándenselle efectos.

Fai falta unha imaxe e comezar a gravar.

Para ver e escoitar a partitura necesítase un plugin para o explorador do scorch de Sibelius.


xoves, xaneiro 21, 2010

Blogaliza.org + digalego.com

A traves do facebook, a través do twitter, a través do taboleiro de administración dos blogues en blogaliza entérome da funcionalidade que está activa en todos os blogues de blogaliza. Via o blog do admin: de mares, portos e portas:

Blogaliza.org + digalego.com

A editorial Ir Indo ten un dicionario galego en liña ben xeitoso que, ademáis de ser de balde, é plenamente reutilizable dende outras plataformas. Asi soubemos lendo as novas de Xornal.com. E así foi que empregamos o mesmo camiño que o xornal para conectar os blogues de blogaliza co digalego: calquera visitante de calquera blogue de blogaliza.org que faga doble clic sobre unha palabra verá a sua definición (a da palabra). Sinxelo.

martes, xaneiro 12, 2010

A partir de hoxe, Rede e Liberdade

Consideramos imprescindíbel a retirada da disposición final primeira da Lei de Economía Sustentábel polos seguintes motivos:

1.-Viola os dereitos constitucionais en que se ha de basear un estado democrático en especial a presunción de inocencia, liberdade de expresión, privacidade, inviolabilidade domiciliaria, tutela xudicial efectiva, liberdade de mercado, protección de consumidoras e consumidores, entre outros.

2.-Xera para a Internet un estado de excepción no cal a cidadanía será tratada mediante procedementos administrativos sumarísimos reservados pola Audiencia Nacional a narcotraficantes e terroristas.

3.-Establece un procedemento punitivo “á carta” para casos en que os tribunais xa teñen manifestado que non constituían delicto, implicando incluso a necesidade de modificar polo menos 4 leis, unha delas orgánica. Isto implica un cambio radical no sistema xurídico e unha fonte de inseguridade para o sector das TIC (Tecnoloxía da Información e a Comunicación). Lembramos, neste sentido, que o troco de coñecemento e cultura na rede é un motor económico importante para saír da crise como se ten demostrado amplamente.

4.-Os mecanismos preventivos urxentes de que dispoñen a lei e a xudicatura son para protexer toda a cidadanía fronte a riscos tan graves como os que afectan á saúde pública. O goberno pretende utilizar estes mesmos mecanismos de protección global para beneficiar intereses particulares fronte á cidadanía.
Ademais a normativa introducirá o concepto de “lucro indirecto”, é dicir: a min poden pecharme o blogue porque “promociono” un que “promociona” outro que vincula un terceiro que fai negocios presuntamente ilícitos.

5.-Lembramos que a propiedade intelectual non é un dereito fundamental, contrariamente ás declaracións do Ministro de Xustiza, Francisco Caamaño. O que é un dereito fundamental é o dereito á produción literaria e artística.

6.-De acordo coas declaracións da Ministra de Cultura, esta disposición utilizarase exclusivamente para pechar 200 webs que presuntamente están a atentar contra os dereitos de autor. Entendemos que se este é o obxectivo da disposición, non é necesaria, xa que coa lexislación actual existen procedementos que permiten actuar contra webs, incluso con medidas cautelares, cando presuntamente se estea a incumprir a legalidade. Polo que non fica senón recear das verdadeiras intencións que a motivan xa que o único que engade á lexislación actual é o feito de deixar a cidadanía nunha situación de grave indefensión xurídica no contorno dixital.

7.-Finalmente consideramos que a proposta do goberno non só é un dilapidamento de recursos senón que será absolutamente ineficaz nos seus presuntos propósitos e deixa patente a absoluta incapacidade por parte do executivo de entender os tempos e motores da Era Dixital.

A disposición é unha concesión máis para a vella industria do lecer en detrimento dos dereitos fundamentais da cidadanía na era dixital.

A cidadanía non pode permitir de ningunha maneira que sigan os intentos de vulnerar dereitos fundamentais das persoas, sen a debida tutela xudicial efectiva, para protexer dereitos de menor rango como a propiedade intelectual. Dita circunstancia xa foi aclarada co ditado de inconstitucionalidade da lei Corcuera (ou “lei da patada na porta”). O Manifesto en defensa dos dereitos fundamentais en Internet, apoiado por máis de 200.000 persoas, xa avanzou a reacción e demandas da cidadanía ante a perspectiva inaceptábel do goberno.

Para impulsar un definitivo cambio de rumbo e coordinar unha resposta conxunta, o 9 de xaneiro constituíuse a “Red SOStenible” unha plataforma representativa de todos os sectores da sociedade civil afectados. O obxectivo é iniciar unha ofensiva para garantir un regulamento do contorno dixital que permita expresar todo o potencial da Rede e da creación cultural respectando as liberdades fundamentais.

Neste sentido, recoñecemos como referencia para o desenvolvemento da era dixital, a Carta para a innovación, a creatividade e o acceso ao coñecemento, un documento de síntese elaborado por máis de 100 expertos de 20 países que recolle os principios legais fundamentais que deben inspirar este novo horizonte.

En particular, consideramos que nestes momentos é especialmente urxente a implementación por parte de gobernos e institucións competentes, dos seguintes aspectos recollidos na Carta:

1.-Os artistas, como todos os trabajadores, teñen que poder vivir do seu traballo (referencia punto 2 “Demandas legais“, parágrafo B. “Estímulo da creatividade e a innovación”, da Carta);

2.-A sociedade necesita para o seu desenvolvemento unha rede aberta e libre (referencia punto 2 “Demandas legais“, parágrafo D, “Acceso ás infraestruturas tecnolóxicas”, da Carta);

3.-O dereito a cita e o dereito a compartir teñen que ser potenciados e non limitados como fundamento de toda posibilidade de información e constitutivo de todo coñecemento (referencia punto 2 “Demandas legais“, parágrafo A, “Dereitos nun contexto dixital”, da Carta);

4.-A cidadanía debe poder gozar libremente dos dereitos exclusivos dos bens públicos que se pagan co seu diñeiro, co diñeiro público (referencia punto 2 “Demandas legais“, parágrafo C, “Coñecemento común e dominio público”, da Carta);

5.-Consideramos necesaria unha reforma en profundidade do sistema das entidades de xestión e a abolición do canon dixital (referencia punto 2 “Demandas legais“, parágrafo B, “Estímulo da creatividade e a innovación”, da Carta).

Por todo isto hoxe se inicia a campaña INTERNET NON SERÁ OUTRA TELE e levaranse a cabo diversas accións cidadás durante todo o período da presidencia española da UE.

Consideramos particularmente importantes no calendario da quenda de presidencia española o II Congreso de Economía da Cultura (29 e 30 de marzo en Barcelona), Reunión Informal de ministros de Cultura (30 e 31 de marzo en Barcelona) e a reunión de ministros de Telecomunicacións (18 a 20 de abril en Granada).

A Rede ten previsto reunirse con representantes nacionais e internacionais de partidos políticos, representantes da cultura e delegacións diplomáticas.

Asinado
Red SOStenible (rede sustentábel)

Red SOStenible somos todos e todas. Se queres adherir este texto, cópiao, postéao, espállao.