domingo, agosto 14, 2011

Viñetas desde o Atlántico 2011


Non é a miña intención facer un percorrido pormenorizado polo Viñetas desde o Atlántico, para iso vaian directamente a Apocalipse do porco, onde terán contado día a día o festival con vídeos das charlas e das visitas e moi ben explicadiño todo.

Aquí só obterán un pequeno paseo pola rúa da BD e por algunha das exposicións e charlas durante un día e un pouco de outro (querían ser dous días, máis o primeiro non se pode considerar como tal).



Chegar, chegamos a tempo para a charla de Polaqia, mais quedamos na porta falando un poquiño cos amigos. Entramos xusto ao inicio da charla con David Rubín e Marcos Nine, aínda que nos deu tempo a saúdar a ghanito, que anda de reporteiro extra-oficial do festival e que nos comentou que lle faltara algo de "pementa" á charla de Polaqia (o cotilleo rosa televisivo fai estragos... :p )

David Rubín no seu papel, Miguelanxo Prado sufriu o ar acondicionado e ata lle temblaba a voz, Marcos Nine en minoría entre os comiqueiros e Carlos Portela empeñado en levarlle a contraria a David pola súa reivindación de influencia do Dark Knigth 2, de Frank Miller.

Un paseo polas casetas, saúdos a Manel, que ten ao seu carón a Tokio, e a Sergio e gastar un pouquiño no dos veces breve adicado integramente a autores galegos. E a cear e durmir.

Erguerse sen demasiada présa, ver como a néboa o inunda todo, darse conta de que a roupa é de verán "sureño", almorzar e tirar para o festival. Aparcar máis perto do que parecía (Coruña é circular!!) e deixarse sorprender por Crepax e a súa Valentina "cuase-erótica".

Das exposicións do Kiosko Alfonso, quedámonos sen dubidalo coa de Jordi Lafebre. Tamén Guarnido e Canales. Altarriba e Kim xa nos tiñan conquistados e Rubín case comenta con nós a súa exposición (diante dunha cámara).

Dubidar entre seguir coas exposicións ou gastar os cartos. Evidentemente tirar cos cartos. Caen as tres novidades de Demo (hai que ir coñecendo as lecturas galegas de cómic), conversación friki arredor de Góndor(mar), e saúdos a Eva e a Melo, por separado. Jacobo acaba de presentar o seu Lois Pereiro e cruzamos unhas breves palabras. Mentras Kiko presenta Retranca e Fiz, cae o último Barsowia, e chegamos para escoitar a Kohell "que está para facer vulto e o pánico aparece cando ten que falar en público".

Pola tarde amagamos con facer cola para que nos asinen El arte de volar, pensámolo mellor e imos tomar un cafeciño na terraza do lado.

Antes de acompañar a Guiral na exposición dos Pitufos, onde tivo que lidiar cun público "difícil" (ver vídeos 1 e 2, cortesía de ghanito), percorremos Viaje con Nosotros! onde descubrimos algunha que outra cousiña.

Rematamos coa excelente charla de Antonio Altarriba e Kim que estiveron falando sobre o proceso de creación de El arte de volar, que podedes ver, e escoitar, se dades un paseo polo Apocalipse do porco. Charla interesante, divertida, amena, e ata emocionante que rematou cun longo aplauso do público.

Visita típica turística á Torre de Hércules e viaxe para o sul.

Penso eu que se pode desfrutar moito máis deste festival se se pode acudir a todas as charlas, se se fala a modo con todos ou algún dos autores, cos comiqueiros galegos que se atopan concentrados ben asinando nalgún posto, ben facendo algunha presentación, ou vendo as exposicións. Tamén penso que se pode curiosear nas casetas, procurar o cómic que che falta desta ou doutra colección, ir na busca dalgún cómic, historieta, tebeo, ou como queira que se lle queira chamar, xa descatalogado ou difícil de atopar... Quedo coa sensación de perderme algo... pero non importa porque disfrutei e levei un anaquiño comigo...

A modo de crítica, pequeniña, quedoume detrás dunha orella o pensamento de que os comiqueiros andan demasiado preocupados pola forma, polas influencias, polas maneiras de crear e acaban por case non falar do que crean, do contido, da mensaxe. E creo que os temas que tratan nas súas obras son moi interesantes, pero que se dilúen cando se discute sobre os recursos ou as etiquetas, as grapas ou a novela gráfica, as películas para pobres ou o album franco-belga, as acuarelas ou a obra maldita de Frank Miller.

Tal vez, como este ano foron dous días e o ano pasado foi só un, o ano que ven terán que ser tres días. Tal vez. Estaría ben, ir crecendo pouco e pouco, ano a ano. Ao final, o interesante é o camiño, o que se vai aprendendo, así en xerundio.

martes, maio 31, 2011

Despois do #22m (2. Galiza)

Tanto na anterior anotación como nesta hai que ter en conta o carácter municipal destas eleccións, aínda que a comparación coas eleccións de 2007 se pode facer directamente.

O panorama en Galiza é máis desalentador que no resto do país, onde os políticos adícanse sen vergoña de ningunha clase a repartir directamente cartos nos mítins de campaña. E aínda se mostran orgullosos de "axudar" á xente.

O PP parece non ter máis teito electoral que o propio censo e campan ás súas anchas.

As contas son claras, o PP sube (54.176 votos máis, que representa un incremento do 8% con respecto ás eleccións de 2007), o PSOE baixa (66.566 votos menos, case un 14% menos que en 2007) e o BNG baixa (53.766 votos menos, un 17% menos).

A debacle aquí está clara, o BNG vai en caída libre. En contra dos que din que foi o PSOE o grande derrotado en Galiza, vese moi ben que aínda que perdeu menos votos o BNG representa unha maior caída porcentual.

Como ben explica calidonia, o #15m non tivo influencia nas eleccións. A inercia electoral da xente xa ía cara ao PP. Isto non é sorprendente, aínda que canse tanta realidade.

Facendo unha identidade PPSOE onde non se pode distinguir entre a política do PSOE coa que faría o PP, está claro que a balanza inclínase cara ao PP. No caso do BNG, ao identificarse en moitos dos gobernos co propio PSOE, sae definitivamente mal parado (coas súas poucas excepcións). A idea dunha fronte de partidos que ofrece alternativas e aparece como combativo, idea coa que o BNG subiu en apoios electorais, hai tempo que desapareceu. O BNG basou a súa campaña no voto útil facendo un chamamento para "votar masivamente ao BNG para frear á dereita", campaña claramente nefasta e que pouco o diferencia doutras peticións de "voto útil" doutros partidos políticos. A cegueira para ver a súa propia debacle fixándose só na do PSOE seguirá facendo que vaia lentamente desaparecendo da vida política.

Un caso moi representativo é o de Vigo, onde o bipartito fixo que nestas eleccións o PSOE fagocitara ao BNG electoralmente (ao revés do que ocorreu en Pontevedra). A análise que parece que se está a dar é que o BNG perdeu votantes pola esquerda indo a parar a EU (un exemplo desta argumentación pódese atopar en VigoBlog.

Vexamos os números das eleccións en Vigo:
PP: 4.943 votos menos.
BNG: 11.656 votos menos.
PSOE: 5.647 votos máis.
EU: 4.193 votos máis.
OV-GV: 2.441 votos (en 2007 non se presentaron)
UPyD: 1.746 votos (en 2007 non existían)

Con estes números da a sensación de que o BNG perdeu en todo o espectro, non só pola esquerda cara á EU senón que parece que houbo trasvase tamén cara o PSOE. Outra cousa sería autoenganarse. O BNG ten que pararse a reflexionar, ten que pararse a pensar, e darse conta que o mundo non está onde eles dirixen a mirada.

Despois do #22m (1. España)

Na #acampadavigo topeime con estas contas electorais, que veñen a respostar a aqueles que pensan que non serviu de nada o das #acampadas. Só que os cambios van moi lentos e co actual sistema aínda menos se notan.



Estas contas non contan que, na realidade, o PP subiu en votos: 557.956 votos máis (que representa un 7% máis que o acadado en 2007), e que estas contas son certas pola debacle sufrida polo PSOE: 1.484.778 votos menos (un 19% menos que en 2007).

O lugar que me parece máis claro que o #15m funcionou é Madrid, onde o PP perdeu votos (120.592 votos menos), o PSOE perdeu votos (123.293 votos menos), IU gañou votos (26.720) e entrou UPyD no concello onde antes non tiña representación.

Outra imaxe que non aparece por ningures e que tamén mostran o resultado das eleccións é a seguinte, onde claramente se ve que ningún partido pode presumir de representar á maioría da poboación en idade de votar.



O panorama non é moi alentador pois a primeira resentida tras a "grande festa da democracia" parece ser a democracia interna do PSOE, onde parece que sen entender nada lánzanse a un suicidio colectivo que a sociedade non entende e é pola que precisamente se mostra indignada. Tampouco é moi alentador que sexan precisamente os políticos máis corruptos os que saian reforzados electoralmente, polo que aínda teñen máis razóns para seguir facendo o que fixeron ata agora.

Aínda así eu teño esperanza en que o movemento do #15m, con todos os seus erros e con toda a súa inxenuidade, sirva para que a xente se pare a pensar, a reflexionar sobre os políticos que nos tocou sufrir. Aínda que El Roto sempre nos volve á realidade máis crúa:

luns, maio 30, 2011

Sobre o #15m

Aínda que hai quen explica moi ben de onde xurde todo o movemento do #15m (en error500 fan unha análise moi bó para entender todo isto), quédome con esta tira gráfica de El estafador, onde queda moi claro o que eu mesmo penso:



A trampa é caer no que "eles" queren. A trampa é ser coma "eles". Queren que se propoñan alternativas, queren que se creen partidos políticos novos, queren que todos sexan iguais para falar ao mesmo nivel. NON, non pode ser, non é iso o que se quere.

O máis importante do movemento #15m é todo o movemento de pensamento, de reflexión, de crítica... de lectura, de diálogo, de política, de POLÍTICA con letras maiúsculas, da política que nos inflúe directamente a todos e a cada un de nós.

E darse conta que detrás dos "mercados" hai persoas que se están aproveitando sen nengún tipo de escrúpulo.

Deixo aquí un par de vídeos. O primeiro explica como se convirte a débeda privada en débeda pública. O segundo é o vídeo promocional do cómic Españistan:


DébedoCracia

Un documental sobre a intervención do FMI, o BCE e a UE sobre Grecia e todas as súas implicacións e o exemplo de Ecuador para a solución da débeda ilexítima.

Moi interesante.

(Podedes escoller os subtítulos no idioma que queirades)


Debtocracy International Version por BitsnBytes

venres, maio 20, 2011

#15m

Sorpréndome a min mesmo ao comprobar que foi o 23 de febreiro cando neste mesmo blog se falaba do movemento #nonosvotes.

Dende ese día foron aparecendo outros movementos, outras iniciativas que, aproveitando as redes sociais, foron creando debate arredor do descontento xeralizado sobre a maneira de entender a democracia dos políticos que nos tocou sufrir. Estas iniciativas como www.juventudsinfuturo.net, opvdevotaciones.blogspot.com, democraciarealya.es foron organizándose para convocar unha manifestación o domingo 15 de maio (#15m). A partir desta manifestación, a xente quedouse na rúa e comezaron a acampar por todos lados. Todas estas acampadas, tamén as internacionais, poden verse en tomalaplaza.net.

Obviando todos os movementos dos que os colleu totalmente desprevenidos e que tanto os insultan como tratan de manipulalo, o máis importante de todo isto é o debate político xerado que se espalla tamén entre os que nunca quixeron falar de política. Serve para reflexionar sobre o sistema no que estamos, para tentar mudalo, para criticalo, para procurar novas vías, para darse conta de que na democracia o poder reside no pobo.

Unha das críticas máis escoitada deste movemento era que só protestaban polo que non lles gustaba e que non facían ningunha proposta. Esta crítica desfaise por completo en canto se publican as propostas claras e concretas que comparto e subscribo. É moi posible que xa houbera partidos políticos que dicían cousas moi parecidas, pero iso non importa agora. É o momento de pensar, de reflexionar, e que despois cadaquén vote a quen mellor considere. Haberá outras cousas que reivindicar, outras ideas, outros pensamentos máis particulares que haberá que consensuar.

No momento no que se prohibe pola xunta electoral a concentración para o día da reflexión, quédome coa frase de #istoéreflexión. Si, se algo é reflexión, é todo este movemento.

Deixo o que se di en twitter on line sobre todo isto, e o vídeo en directo da Porta do Sol en Madrid.














xoves, maio 12, 2011

Aclaracións sobre a SGAE

Ás voltas coa SGAE, a propiedade intelectual e os dereitos de autor. Decido chamar á SGAE para facer unhas preguntas moi concretas sobre o que significa ser socio da SGAE. Desta conversa teño estas respostas.

Cando un se fai socio da SGAE, a SGAE vela por todos os dereitos xerados polas obras dos socios. Isto significa que a SGAE cobra polos dereitos de todas as obras tanto se se rexistraron na SGAE como se non. Este rexistro é independente do rexistro de propiedade intelectual. Pregunto entón que se a SGAE cobra os dereitos de autor das obras non rexistradas polo socio, a onde van parar estes cartos. A resposta é simple, para que o socio poida cobrar estes dereitos ten que rexistrar a obra na SGAE. Polo que cando unha persoa se fai socia da SGAE, toda a súa obra pasa a ser xestionada por esta asociación. Explica que isto faise así porque moitas veces os músicos gravan o disco e despois rexistran as obras. Desta forma a xestión dos dereitos de autor non se perde nunca.

Pregunto entón que quixera ter outras obras que poideran ter outro modo de xestión dos dereitos de autor porque me gustaría compartir certas obras sen que se xeneren dereitos de autor, e poidan ser libremente utilizadas. A resposta é clara: É incompatible. A xestión dos dereitos pola SGAE é incompatible con outras licenzas. Eu fálolle directamente de Creative Commons (CC) e afirma que se están estudando formas de poder compaxinar as dúas licenzas, pero que hoxe por hoxe é incompatible.

A última cuestión é sobre que ocorre coa xestión da miña obra se eu me dou de baixa da SGAE, de quen é a propiedade das obras que agora mesmo están rexistradas na SGAE. A resposta é que a propiedade intelectual pertence ao autor da obra. Se me dou de baixa, os dereitos de autor son meus pero eles non os xestionarán.

A conversa finaliza aquí. Pero agora teño outras preguntas. Como saben as obras que xeneran dereitos de autor se non están rexistradas? Respondo eu, máis por sospeita que por outra cousa: A SGAE cobra todos os dereitos de autor que se poidan xenerar, e despois reparte só das obras que están rexistradas polos seus socios.

Que utilidade ten que eu me quede coa xestión dos dereitos de autor se só o pode facer unha asociación de xestión de maneira legal? E isto lévame a outra pregunta, podería crear unha asociación para xestionar os dereitos de autor dos asociados? Ou sexa, poderíase constituir unha asociación entre músicos para cobrar os dereitos de autor xenerados polas súas obras?

Agora decido darme de baixa da SGAE e contarei o proceso.

luns, maio 09, 2011

¡Copiad, malditos!

O documental ¡Copiad, malditos! fala sobre a propiedade intelectual e os dereitos de autor. É un documental con licenza creative commons e pódese descargar e compartir libremente.

No blog http://copiadmalditos.blogspot.com pódense ver máis información e pódense ver todas as entrevistas completas e as reaccións ao documental.

Un documental que estaba pendiente de ver, un documental que fai reflexionar sobre os dereitos de autor e a súa xestión.

xoves, abril 14, 2011

Autobiografía en debuxos

Andaba eu coa idea ás voltas de tratar de identificar cal é o elemento diferenciador entre a banda deseñada de cando eramos pequenos e a que agora nos parece interesante, mais non atopaba por onde comezar a procurar. É difícil establecer estas cuestións dende o simple punto de vista dun lector recentemente recuperado para isto do cómic. O concepto de "cómic para adultos" ten unhas connotacións que se identifican rapidamente co erótico e o pornográfico e non é precisamente o tema do que quería falar. Mais xa nos daba unha pista por onde podía ir a diferenza. O medio é o mesmo, o que cambia é o tema do que se fala.

Creo que foi nun club de lectura virtual onde se acendeu unha pequena luz: a realidade. Ou sexa, que o que se conta é realidade ou a crónica, ou a crítica, da realidade.

Comecei entón a pensar nos temas que se trataban nos cómics de referencia, e trataba de comparalos cos cómics que lía de pequeno e os que leo agora. A primeira cousa da que me din conta é que non podo dicir que deixei de ler o que lía de pequeno, ou polo menos non podo dicir que non o lería, aínda que estou seguro que lecturas ben interesantes agora mesmo non as entendería ou me aborrecerían de neno.

A procura seguiu por internet en webs e blogs especialistas, procurando en libros que falan sobre o cómic como a revista Boletín Galego de Literatura. Olladas do cómic ibérico ou o libro La novela gráfica onde se di: “Cal é o camiño que leva de Popeye a Maus? Como pasamos de Mortadelo a Arrugas?”. Parece que aquí está a posible solución á miña pregunta.

Sen embargo, na procura volveu caer nas miñas mans un pequeno libro que nos pode ir guiando neste camiño, ademais de que nos serve para falar dos títulos máis interesantes do universo do cómic. Este pequeno libro é Egoístas, egocéntricos y exhibicionistas. La autobiografía en el cómic, una aproximación. Este libro fai un repaso sobre os cómics que usan a autobiografía para contar a historia que tratan.

É sorprendente como moitos cómics autobiográficos aparecen en numerosas listas como imprescindibles ou como exemplo do “novo cómic”, todas elas nomeadas como “novelas gráficas”. Non entraremos agora na etiqueta de novela gráfica e se realmente é un tipo de cómic ou se simplemente é unha maneira de visualizar a banda deseñada como algo culto ou interesante. Ese será outro debate.

Facemos unha pequena escolla sobre títulos autobiográficos vendo como moitos deles son títulos de éxito e de referencia na banda deseñada, tendo en conta que moitos destes títulos non son autobiografías en sentido estrito, pero que sempre son historias contadas dende os ollos do propio autor que tamén aparece no libro.

O cómic que sempre se pon como exemplo da chegada á madurez da banda deseñada é Maus, de Art Spiegelman , do que sempre se resalta que é o único que ten o premio Pulitzer. O autor conta a historia do seu pai, Vladek, como supervivente do campo de concentración de Auschwitz, como chegou alí e as repercusións na súa vida. A narración desenvólvese dende a actualidade onde o pai lle conta toda a historia ao seu fillo abordando tamén a difícil relación entre os dous. Spiegelman debuxa aos personaxes en función da súa orixe con distintos animais onde os xudeus son ratos, os alemáns, gatos, os poloneses son porcos, os ingleses son peixes, os franceses, ras, e os estadounidenses son cans, facendo por unha banda unha metáfora entre o comportamento de cada pobo e por outra consegue un afastamento obxectivo da historia. Neste caso a autobiografía céntrase máis na figura do pai, aínda que tamén aparece el mesmo, para contar unha historia persoal que se usa para narrar a de todo un colectivo.

Outro exemplo de que a historia transcende máis alá da vivencia persoal para explicar toda unha situación social é Paracuellos, considerada a obra máis destacada de Carlos Giménez. Paracuellos conta a vida dos nenos que vivían nos fogares de auxilio social na posguerra franquista, orfanatos onde acababan os desamparados causados pola guerra civil. Relátanse as historias que viviu o propio autor e os seus compañeiros. Un relato duro e tenro ao mesmo tempo onde se pasa continuamente do cabreo ao sorriso nas situacións vividas dende a infancia. Denuncia social en primeira persoa do absurdo da guerra e da inxustiza contra a infancia que debera ser un libro referencial da historia recente.

Nesta pequena lista de cómics históricos non se pode quedar fóra El arte de volar, de Antonio Altarriba e Kim, onde se fala da vida de Antonio Altarriba pai. Esta historia comeza co suicidio de Antonio no ano 2001 cando vivía nunha residencia de anciáns. Na caída vanse contando todas as etapas da súa vida, dende a 2ª república, pasando pola guerra civil, a 2ª guerra mundial, a ditadura franquista e a última parte en democracia na residencia de anciáns. Un percorrido pola historia recente dende os ollos dun personaxe que sempre foi empurrado polas circunstancias. Considerado por algúns un dos libros máis importantes publicados na última década.

Will Eisner, quen creou a etiqueta de “novela gráfica” para tentar que a banda deseñada fose considerada para público adulto no Contrato con Dios, tamén recorreu a contar a súa propia vida. Na obra El soñador, Eisner recolle momentos da súa vida para contar as historias dun novo debuxante no inicio da industria do comic-book, un soñador que cre posible poder vivir da banda deseñada. Non é exactamente unha autobiografía, mais recolle moitas das vivencias do propio Eisner nos seus inicios.

No recente Notas al pie de Gaza, Joe Sacco volve a Palestina durante a segunda intifada para investigar a matanza de Yan Junis en 1956 que é o que nos conta a modo de reportaxe periodístico neste cómic. O cómic que lle deu fama a Joe Sacco é precisamente Palestina, onde se conta en primeira persoa a viaxe que fixo nos anos 1991 e 1992 durante a primeira intifada. Relatado coma un diario de viaxe vai facendo un percorrido polos testemuños da xente que coñeceu, polas situacións que viviu, póndonos diante da tristura, da desesperación e, sobre todo, da frustración dos que alí viven, nos que aínda se pode atopar un chisco de esperanza. Unha visión no lugar en primeira persoa para dar a coñecer outras vidas.

Unha visión de lugares afastados e descoñecidos tamén a ofrece Guy Delisle nos seus libros Shenzhen e Pyongyang, nas viaxes que ten que facer por causa do seu traballo de dirección de animación, cóntanos as súas vivencias dende o punto de vista dun occidental que ten que vivir cos malentendidos producidos polo choque doutras culturas e as situacións inentendibles nos sistemas ditatoriais e moi pechados. En Shenzhen abundan máis os malentendidos coa pouca xente coa que ten contacto mentres que en Pyongyang céntrase nos absurdos que se producen na ditadura máis pechada do mundo.

Marjane Satrapi naceu en Irán no ano 1969. Estudou no liceo francés ata que foron prohibidos polo réxime islamita que xurdiu despois da revolución de 1979 en contra do Shá. Aínda que a súa familia eran partidarios da revolución, viviron dolorosamente o recorte de liberdades individuais, a represión, a imposición do veo feminino, a guerra contra Irak, todos os problemas de tratar de seguir unha vida laica a pesares dos “gardiáns da revolución”. Todo o acontecido nestes anos é o que Satrapi conta en Persépolis, unha narración da súa propia vida que volve ser a historia de todo un país. Tamén en Bordados tira da súa memoria para contarnos a os pensamentos, as inquedanzas, as vivencias das mulleres iranianas, onde se fala de todo, sexo, matrimonio, infidelidades, inxustizas. Un retrato da situación da muller en oriente medio a través das lembranzas das reunións das mulleres da familia da nena Marjane.

Dende a banda deseñada poden contarse todo tipo de temas. Neste caso Frederik Peeters achéganos ao mundo da SIDA, enfermidade tan temida como descoñecida. En Píldoras azules cóntase a historia de amor entre Peeters e unha muller afectada polo VIH. Relata a súa vida cotiá con ela e co seu fillo, tamén afectado polo virus, dende os sentimentos onde aparecen as dúbidas, os medos, as preocupacións, sen tratar en ningún momento de recrearse nun drama que non existe. Asomarse a esta historia é entender que se pode vivir con esta enfermidade como calquera outra, é romper prexuízos sen pretender en ningún momento deixar pouso de moralidade nin tratar de facer pedagoxía sobre o tema. Vemos na historia do cómic unha vida de completa normalidade onde a enfermidade, o medo, a incomodidade, forma parte da mesma vida dos risos, da complicidade, do amor. O descoñecemento da enfermidade fai que se rompan moitas miradas preestablecidas e, coa axuda do médico, se vaia cara unha vida completamente normal, incluíndo sorprendentemente a faceta sexual. Un libro que se recomenda en moitas ocasións como material didáctico. Neste caso, a primeira persoa da narración fai que se achegue moito mellor ao lector a unha historia aparentemente moi allea.

Un dos títulos de maior éxito nos últimos tempos é María y yo, de Miguel Gallardo. “María ten doce anos, un sorriso contaxioso, un sentido do humor especial e ten autismo”, nada mellor que as propias palabras do libro para explicar de que vai. Ao igual que en Píldoras azules, non se trata de facer un método sobre a enfermidade, se non contar as propias vivencias tal e como se senten. A relación entre pai e filla e o resto do mundo é o que aparece nese libro. As reaccións do resto das persoas, as olladas desconfiadas, a ignorancia sobre o distinto, todo isto cáese polo seu propio peso cando se relatan as características dunha persoa e a súa forma de estar no mundo.

Philipe Dupuy e Charles Berberian son os creadores de El señor Jean, unha serie de éxito onde se contan as vivencias dun curioso personaxe. Ao mesmo tempo que realizaban o volume número 3,  Las mujeres y los niños primero, foron contando as súas peripecias tanto das súas vidas como da creación do cómic e as dificultades coas que se atoparon en Diario de un álbum, un proxecto sen complexos e procurando a sinceridade dos seus puntos de vista. Un libro perfecto para saber en que pensan os autores cando se enfrontan á creación dunha historia.

Aurélia Aurita atrévese a contar sen censura, con total liberdade e explicitamente a súa relación sexual co tamén autor de banda deseñada Frédéric Boilet en Fresa y chocolate e Fresa y chocolate 2. A través dos seus pensamentos vai mostrándonos as súas dúbidas, as súas curiosidades, as ganas de experimentación sobre unha vida sexual sen límites preestablecidos onde o xogo o inunda todo. Un punto de vista feminino para achegarse ao sexo sen prexuízos fai deste libro unha lectura fresca e picante.

En Pobre cabrón Joe Matt leva a autobiografía ata extremos límite onde non hai censura en ningún pensamento. A vida miserable e patética aparece aquí con total impunidade sen marxe para a escusa nunha historia na que calquera que pase pola vida de Matt pode aparecer retratado. As dúbidas coa súa moza, o desexo pola moza do seu amigo, a afección pola pornografía, a avareza, o egoísmo aparecen mostrando os complexos e os medos dun tipo que non ten vergoña para facer da súa vida un relato. Relatos que tal vez axuden a levar mellor as propias miserias do lector.

Hai máis títulos e máis autores que fan uso de elementos autobiográficos para realizar as súas historias, que se mostran a si mesmos como medio de transmisión narrativa. Quedarán para outras lecturas, outras recomendacións.

Esta “moda” polas autobiografías habería que entendela dentro do proceso de creación da banda deseñada. A autoría consciente que non existía por estar orientada nun proceso industrial destinado a un público infantil e xuvenil sen poder decidir en ningún elemento do procedemento, que cambia cando se procuran novos camiños a través do cuestionamento da propia industria. Neste momento, a principios dos 70, é cando se procuran historias máis acordes cun público que non ten porque ser necesariamente infantil ou xuvenil, entra a necesidade de contar as propias preocupacións. Desta forma a autobiografía colle forza como elemento para a creación de historias. Esta sería unha maneira de facer entrar a realidade pura e dura na banda deseñada, aínda que non a única, que provoca unha sintonización directa co lector chegando a lugares que antes eran impensables. Esta relación coa realidade tamén inflúe na ficción establecendo unha vía de “novos” temas a traballar e desenvolver que antes eran impensables.

Só me queda por dicir que en todo este camiño hai un personaxe que estivo petando na miña cabeciña e non é outro que Mafalda, que aínda que tamén aparece neste momento da historia onde se procura un cambio no modelo industrial a todos os niveis, conleva unha reflexión sobre as tiras cómicas dos periódicos onde se tratan temas directamente da realidade. O punto de mira hai que polo nas historias máis longas e desenvolvidas, no relato dunha banda deseñada entendida coma unha narración completa, onde o que imperaba eran os relatos de puro entretemento e aventuras para un obxectivo de público de pouca idade. O punto de inflexión está no acompañamento do público lector de cómics segundo vai crecendo que fai necesario unha industria e un punto de vista diferente.

Boa lectura!

Licenza de Creative Commons Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-CompartirIgual 3.0 Unported de Creative Commons
___________________________________________________________

Publicado no Caderno Redelibros. ISSN 2173-1977

venres, marzo 18, 2011

Mauro Entrialgo en CasAmérica

Outro vídeo máis recollido en cartoonando sobre as charlas do Festival VivAmérica 2010. Encárgase Mauro Entrialgo de contar como se reparte o mercado editorial do tebeo.

El pastel del tebeo electrónico.

martes, marzo 15, 2011

Liniers en CasAmérica

Máis vídeos da Noche de cómic del Festival VivAmérica 2010 recollidos en cartoonando. É a quenda do xenial Liniers (paga a pena entrar na súa web!), e a súa relación coa tecnoloxía.

Nuevas tecnologías y como evitarlas.