Amigas e amigos do País de Nunca Máis:
Moitas grazas por asistirdes hoxe a unha convocatoria de concentración obrigada polas circunstancias.
Despois de coñecer a sentenza do "Prestige" cómpre dicir, máis unha vez, que o noso país segue á deriva, sen institutcións que o defendan, sen máis goberno de seu que a propia sociedade galega que se autoorganiza para erguer a bandeira da indignación e da dignidade colectiva deste pobo, igual que hai once anos nos autoorganizamos para recoller coas nosas propias mans o chapapote que a irresponsabilidade política dos gobernos do Partido Popular foi estendendo polo mar adiante, ao longo das nosas praias e das nosas rías.
Se grande foi hai 11 anos a nosa indignación diante da xestión política da catástrofe do "Prestige", moito máis grande é aínda agora a nosa indignación e a nosa carraxe perante unha sentenza que deixa impunes aos responsábeis políticos do maior delito ecolóxico dos últimos tempos. Non pode ser que as autoridades que tomaron a decisión de ir co barco dun lado para outro, estendendo o chapapote e a morte polas augas todas, queden agora totalmente impunes. Onde está a Xustiza? Que maneira é esta de facer xustiza? ou é que en pleno século XXI só nos queda a xustiza pola man á que se refería Rosalía nos seus versos? Non será que o aparato da xustiza segue no século XIX, ao servizo do poder e dos poderosos, comos nos tempos de Rosalía?
Mais hoxe, igual que hai 11 anos, non ficaremos calados. Galiza non ficará calada nunca máis. Nin o estivo daquela, cando o sinistro do buque, nin o estará agora, diantes desta decepcionante sentenza. Nunca Máis somos todas e todos nós, o pobo galego en pé. Nunca Máis é a reacción natural dunha sociedade que se autoorganiza fronte aos gobernos que nos desgobernan e fronte á xustiza que deixa na impunidade total un delito que causou unha profunda dor nos nosos corazóns, unha gravísima destrución medioambiental e unhas perdas económicas de máis de 4000 millóns de euros. Nunca Máis é o único berro de xustiza no medio de tanta inxustiza.
Estamos fartos e fartas de mareas negras, de gobernos que gobernan en negro, de sentenzas onde nunca brilla a brancura da xustiza, de autoridades e institucións que desprezan a nosa intelixencia, a nosa dignidade, o noso combate contra os que non aman nin queren unha patri libre, onde poidamos traballar sen emigrar, vivrmos do noso mar, da nosa terra e dos nosos sectores produtivos.
Só nos faltaba que ademais da fame que está a levar a moitas persoas aos comedores sociais, aos bancos de alimentos e mesmo aos contenedores do lixo, agora teñamos tamén fame de xustiza.
Precisamos outra xustiza, unha xustiza en clave de páis, que nos libere dos que nos desgobernan, dos que contaminan o noso mar e as nosas rías, dos que todo o cubren de marea negra, de alcatrán, de morte e de miseria.
Anunciamos aquí que volveremos ás rúas e ás prazas, ao País de Nunca Máis, á mobilización. É o pobo galego, non o aparello de xustiza do Estado español, quen si condea aos responsábeis políticos, a aqueles que nos mentiron, que nos enganaron, que se aproveitaron de nós, aqueles que volverían facer o mesmo de se repetiren circunstancias similares. Nós condeámolos. Non por vinganza, senón por xustiza. Ninguén nos vai poder pagar nunca o dano que nos fixeron, o sofrimento que padecimos, mais tampouco ninguén nos vai poder roubar nunca a imensa dignidade que para sempre vai ficar gravada na retina da memoria colectiva do pobo galego.
Fomos ficando sós, o Mar o barco e máis nós(...) E ficamos nós sós, como di o canto de Manuel Antonio, nós sós para gobernarmos o noso mar, a nosa terra, a nosa patria, o noso presente e o noso porvir, nós sós para que Galiza deixe de ser nación sen Estado de seu, para que se cumpra xustiza e nunca máis o mar que tanta vida ten e nos entrega volva ser esa enorme marea negra que nos fire de inmensa dor o corazón.
Non esquecemos!
Non á impunidade!
Mareas negras nunca máis!
Ningún comentario:
Publicar un comentario