Ando con dúas ideas na cabeza para outros tantos programas de radio. Un teño que pensalo ben e para o outro teño que conseguir as músicas.
Mentras tanto ocorreuseme facer un programa coas últimas músicas que acaban de ocupar sitio na estantería dos discos. Hai unha preponderancia de discos galegos, pero é que os artistas galegos andan moi traballadores. Tamén hai unha especial búsqueda pola miña banda das músicas que se están a facer neste preciso momento pola parte noroeste da península. Aínda que tamén hai máis cousas, claro.
A ver que vos parece.
01. Crema de gaita - Regueifa de San Salvador de Pedreiro.
O programa anterior rematou cun tema de Crema de Gaita. Os dous únicos temas que me gustan de verdade dese disco son o tango aquel e este tema de despedida do disco. O resto do disco déixame un tanto... non sei como dicilo... un tanto con sensación de música de banquete de voda. Os músicos con moi bos, todo é moi limpo, mais...
02. Señora Carmen - Maio Longo.
A Señora Carmen ten 82 anos e acaba de sacar o seu primeiro disco. Pero non é a primeira ver que grava, pois é compoñente, e ademáis solista, de Malvela. Este non é o tema que máis me gusta do disco, aínda que todo o disco está moi ben. O que máis me gusta é:
Como isto de sacar un disco fai que te coñezan máis, tamén participou no disco Pelo Gato 24, producido pola AGG. Aí vai un vídeo promocional.
03. Señora Carmen - Y al amanecer se marcha el tren.
Non podía deixar de por tamén o tema que canta o señor Andrés no disco.
O disco complétase cun libro escrito por Fran Alonso e un dvd que aínda o teño por ver.
04. Edyta Geppert - Meshuge.
Este disco de Edyta Geppert caeu nas miñas mans porque tiña o nome de Kroke. A situación foi case coma un fanático que non é capaz de soltar nada no que poña a man este grupo polaco. Tal vez non sexa unha comparación, tal vez sexa realidade pura e dura. Tal vez...
05. Júlio Pereira - Faro Luso.
Levaba xa bastante tempo que Júlio Pereira non gravaba nada. E parece como se non pasase o tempo por el. Non sei se é está ben ou mal, mais eu sigo disfrutando coa súa música. No seu tempo parecíame dos músicos máis innovadores e experimentadores. Agora parece que quere reivindicar a súa música. Mais isto é só unha impresión miña.
06. Germán Kucich - Bajo Minimos.
Cheguei a este disco preguntando por Paco Charlín que me levou a este disco de Kucich, Charlín & Barroso Trío. Un disco de jazz feito en España que xa non parece español. Ou sexa que están comezando a tocar música en lugar de demostrar que son moi bos músicos. Isto dicíamo unha vez Tamara: 'Tocan músicas con moita dificultade e moi rápido, non entendo moi ben toda esta enerxía que se desparrama'.
No propio disco dise algo moi parecido: "A nadie pasa desapercibido, y mucho menos a quienes seguimos con febril entusiasmo la evolución del Jazz hecho en España, que algo está pasando en el seno de este género en nuestro país. Poco a poco, muchos de nuestros músicos comienzan a dejar al margen el revisionismo del bop imperante las últimas décadas y comienzan a asumir los retos de una contemporaneidad que debió establecerse entre nosotros hace mucho tiempo." Sergio Cabanillas ("Universos Paralelos" Onda Verde Madrid, 107.9 FM)
07. Xosé Luis Miguélez - Apaixoada.
O mundo dos gaiteiros e a gaita en Galiza leva moito tempo intentando acadar todos os lugares posibles. Esperanza é o título do disco do primeiro licenciado de gaita da historia galega, no conservatorio superior de música de Vigo. Este disco é a gravación do concerto de fin de carreira. Un disco cheo de cousas realmente virtuosas e de dúos con piano (como todo instrumento do conservatorio ten que ter unha obra con acompañamento de piano), incluso momentos de distorsión (moi seguramente provocado pola outra súa faceta).
Mais Xosé Luis Miguélez non é só gaiteiro, nen toca só música tradicional ou folk, se non que tamén sopra no saxofón para facer jazz.
Comezou tocando a gaita no seo da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense do señor Foxo (non busquedes ningún vínculo que non paga a pena), gañando primeiro trofeo Fin de Siglo, no que participaron os grandes gaiteiros que se reparten nas distintas formacións de hoxe en día. O disco resultante dese concurso foi reeditado despois co nome de Mestres da Gaita.
08. Quinteto Tati - Valsa Quase Antidepressiva.
Non é un quinteto, que é sexteto. E o de Tati vai en homenaxe a Jacques Tati. O Quinteto Tati non me chegou precisamente agora ás miñas mans, pero si ás miñas orellas. Non podo facer outra cousa que por o primeiro tema cun título tan evocativo.
09. Medeski, Scofield, Martin & Wood - The Tube.
Non coñecía de nada a Medeski, Martin & Wood cando fun velos por primeira vez a un concerto. Só tocaron 5 temas en hora e media. O pianista antes de sentarse caiu directamente sobre o teclado, ou sexa literalmente, comezando cun caos musical entre os tres que foron ordenando pouco a pouco. Remataron o concerto tocando ata que xa estaban nos camerinos (melódica, contrabaixo e unha percusión brasileira) e aínda seguiron tocando un bó anaco que se lles oía aínda despois da gran ovación do público. Saín do concerto cunha sensación que non volvín ter ata que volvín velos outra vez. O segundo, moito máis electrónico, non se pareceu nada ao primeiro concerto, mais a enerxía que puxeron enriba do escenario nos dous casos inundounos a toda a xente que fumos velos.
Quixen ter a súa música e merquei varios discos. Os discos decepcionáronme bastante. Os músicos son moi bós, a música excelente... mais non hai remedio, son para escoitar en directo.
Este disco, no que se lle añade Scofield á guitarra non é un, son dous. O que me decidiu a levarmo é que o segundo era unha gravación en directo. A conclusión está clara. Non se me escaparán se dan algún concerto preto de onde me atope.
10. Pai da cana - A Carolina.
Deste disco non podía pór outro tema que este. E é que me trae lembranzas de hai case dez anos. Sempre estou por colgar algo de Fódete Xestas! e explicar un pouco que era isto, mais será noutro momento.
Pai da cana é unha charanga, unha murga. Música movida para bailar.
11. Baby Dee - Be Optimistic (Shirley Temple's S.
Tampouco é unha achega última, só que me apetecía que aparecese xa por aquí. Moitos dos meus descubrimentos musicais prodúcense en directo. Esta vez foi no festival SinSal.
Baby Dee non se pode explicar. Hai que vela e escoitala en directo. Xa se sabe, os verdadeiros artistas gañan en directo e perden ao ser gravados. Ao contrario que os "outros".
De cando en vez cae algunha música clásica de saxofón. Na música clásica hai pouca música para saxofón, por tratarse dun instrumento moi moderno e moi identificado co jazz. O son que se utiliza nun tipo de música, a pesares de ser o mesmo instrumento, non é o mesmo. Desta forma o saxofón nunha formación clásica ocupa o posto entre o clarinete e a trompeta, aínda que parece moito máis da familia dos clarinetes, pola limpeza que se utiliza. Escollo este tema por ser un tema moi moderno adaptado para orquesta clásica e saxo solista. E aínda estou por topar o grupo de só saxofones que gravara a suite enteira de Piazzolla. Escoiteina en directo e é realmente unha marabilla. Seguirei buscando para que se escoite aquí algún día.
13. Este tema déixoo para que o adiviñedes, o procuredes, para que me digades que é e quen é.
Para os que estean agardando desesperadamente pola seguinte entrega dos combates cotidianos poden pasar un bó rato cos distintos números de 'El retorno a la tierra', onde Manu Larcenet comparte con Jean-Yves Ferri a autoría.
Paseino realmente ben lendo o primeiro tomo. Historias dunha páxina que van conformando entre todas unha historia enteira. O protagonista chámase Manu Larcenet. Non digo máis.
Tremenda é a tentación de adicarlle un programa enteiriño para o último disco de Baldo Martínez. Poida que sexa o músico que máis aparece nos distintos programas que fun facendo. Aparece en tantos proxectos e todos tan bos que é normal que así sexa.
Máis dunha vez dixen que Baldo Martínez é o músico de jazz máis interesante no panorama español actualmente. É o que máis inquietudes ten e o que máis se está a mover. Tal vez sexa porque é o que máis teño escoitado en directo. Tal vez sexa porque asistín a moitas noites de jam sessión a golpe de martes que me daban moita enerxía para o resto da semana. Tal vez sexa pola lembranza de descubrir que existía jazz galego alá polo ano 95 na revista Cuadernos de Jazz nunha reseña do grupo Clunia Jazz. Agora sei que aquel foi o último disco deste grupo ourensán. Xa tiñan moito percorrido andado cando eu os descubrín. E digo mal, porque nunca cheguei a escoitalos. E busqueinos, mais nunca cheguei a ver un disco seu diante. Agora non hai maneira de conseguilos. Mais todo é recuperable, parece que teñen a idea de gravar un disco proximamente.
Só vin unha reseña do disco e foi en a nosa terra, na edición de papel, na web non fun quen de velo. Por iso poño aquí o enlace á entrevista que lle fixeron na web de distrito jazz. Aí explica moito da concepción do disco e adianta un proxecto de só contrabaixo.
Coíncido plenamente no que di de Maite Dono, poeta e cantante, segundo a época e o entorno. Non lle fixen moito caso nos dous discos que editou, agás por unha canción que me tocou na fibra sensible, mais cando a vin en directo con Projecto Miño descubrinme ante a súa voz. Lembra irremediablemente a Maria João, pero é que no proxecto inicial encargado a Baldo polo festival de jazz de Guimarães, a cantante era Maria.
Tamén me ven á memoria o disco de Alberto Conde Trío. Trío con Baldo Martínez e Nirankar Khalsa. E tamén que ía ir ao seu concerto no Imaxina Sons, e que non fun, cousa da que me arrepinto profundamente. A cara de Nirankar Khalsa érame coñecida ata que caín que nunha das jam sessions chegou un negro moi chamativo cuns bongós e añadíuse ao grupo e foi flipante. Despois colleu a batería e nunca vira a ninguén con tanto gusto (despois lembreime de Jose Antonio Galicia, e a cousa quedou en empate)...
Vamos que supoño que terei que dedicar un programa ao jazz. Ao jazz contemporáneo galego. Mais xa se verá...
Máis tarde: E o caso é que o que quería contar é que non hai promoción deste disco nin de practicamente ningún disco de jazz. E é que nin sequera na páxina web de Baldo Martínez se fai referencia a este disco.
El Eternauta, cómic arxentino publicado entre os anos 1957 e 1959 na revista Hora Cero. Hai 50 anos desta historia que non perdeu absolutamente nada co paso dos anos. Sería tamén unha grande historia de ser creada na actualidade.
Pódese ler moita información na wikipedia, mais recomendo ler esta obra sen saber nada dela. De tódalas formas a maneira de como está escrita fai que a historia non teña pausa e se vaia de sorpresa en sorpresa.
Poucas historias me atraparon tanto como esta, na que sen darme conta pasaron as horas ata rematar o libro de máis de 300 páxinas. Pódense facer moitas elucubracións sobre o que relata no fondo, sobra a situación, a crítica á sociedade, aos sistemas políticos, á loita de clases... pero iso deixarémolo para cando leades a obra e poidamos discutila diante dun café. De seguro que merece unha relectura, ou dúas, ou...
Despois fixeron segundas partes, e terceiras... que xa veremos se nos introducimos nelas ou nos quedamos con este moi bó sabor de boca.
E agora que hai crise de argumentos, e que está de moda levar as 'historietas' ao cine, tamén El Eternauta está en proceso de transformación a "filme".
Xusto antes de facer o programa de Silencio pedinlle a bastante xente que me enviara propostas de músicas sobre este tema. Case todo o mundo que me contestou dixo:
Todo o programa ten que ver co silencio. Porque non hai voces, ou porque hai silencios que fan música, ou porque definen o silencio, ou porque deixan sen palabras, ou...
(Silencio irase actualizando con vínculos e pequenos, moi pequenos, comentarios, a modo, caladamente...)
01. Pablo Seoane - Alborada da Ulla.
Dous discos de gaita (Pablo Seoane) e só gaita (Juanjo Fernández) chegaron ás miñas mans. Os dous comezan con alborada. Escollo esta, como podería escoller a de Juanjo, porque me deixa sen palabras. Non podía comezar doutro xeito que cun canto ao sol que esperta.
02. Herbert Henck - Música Callada (Mompou).
Música calada. Música silenciosa. Música para limpar os oídos.
(Algún día falarei da música que utilicei para estudiar. Era piano, como esta, para concentrarme e non escoitar os ruidos da rúa sen que me descentrara do estudio. Unha música para estar en silencio)
03. Germán Díaz - A Fuentes, claro.
Germán é un músico polifacético, cheo de recursos, incrible. Na súa viaxe xirada de manivelas deixa pérolas coma esta. Unha visita á súa web deixa ben clara a súa forma de facer.
04. Itzhak Perlman/Seiji Ozawa - Tzigane (Ravel).
'Escuchar', Fernando Palacios: 'En la introducción del violín solo de la Tzigane, Ravel separa cada uno de los diseños que configuran la melodía con silencios siempre diferentes, con el afán de que a cada expresión sonora le corresponda su tiempo exacto de silencio.'
05. Toques de campanas en las catedrales de Castilla - Toque del patrón (Óscar Rodriguezz e F. Javier Coble).
Catedral de Valladolid. De todos os toques este é un dos poucos que non aparece a frase de 'toque automatizado'. Son con mensaxe, son comunicativo. Música viva, poderosa. Ante o son das campanas só se pode escoitar.
06. B.A.C. - Azul.
Baldo Martínez, Alejandro Pérez e Carlos "Sir Charles" González son os tres músicos deste marabilloso trío de jazz, onde escoitar aos demáis é indispensable.
Comezo os comentarios por aquí para criticar a actitude da (case) única tenda de discos de Vigo, Elepé. Pregúntolle polo último disco de Baldo Martínez, o proxecto Minho, e contéstame con cara de poucos amigos que non sabe nada dese disco, que ninguén llo foi ofrecer. Eu atrévome a preguntarlle se o pode conseguir. -Pero non che dixen que ninguén mo veu ofrecer?
Unha tenda que só vende o que lle ofrecen? Unha tenda que non coida aos seus clientes. Case estiven por ofrecerlle o teléfono de Baldo para que lle preguntara, pero marchei dalí sen ganas de volver. (Moi ruidoso este comentario, moi ruidoso).
07. Bassekou Kouyate & Ngoni ba - Segu Blue.
O único tema do disco de Kouyate onde non se canta, onde só se escoita o ngoni. E non será que o blues naceu en África?
08. Arvo Pärt - Tabula Rasa.
O tema central deste programa. O que lle da todo o sentido. O silencio está definido en toda a súa extensión aquí.
10. Antonin Dvorac - Los Bosques Silenciosos (Para Violonchelo e Orquesta Op 68 Nº5).
Do libro de Fernando Palacios, Escuchar, saquei a idea (copia descarada e literal) de facer unha colección de silencios. Esta colección conta coa incrible cantidade de 1 silencio. Foi tan máxico que parece que non houbo ningún outro que poidera acompañalo. E aí quedou o caderno, cheo de silencio. Esa idea aparece no capítulo que se titula 'Silencio, el silencio'. Practicamente foi este artigo o que me chamou para mercar o libro. Entre 'Escuchar' e 'Silencio' podería facerse a grande lección de música para calquera que pretenda ser músico. Neste artigo aparecen varias recomendacións que aproveitei, grazas á lembranza que me fixo Isabel, para este programa.
Di o libro: 'Ante la alienante saturación sonora de nuestro espacio, omnipresente recordatorio de la estructura social en la que vivimos, se impone el silencio interior. Las personas que van leyendo concentradas en el tren, metro o autobús parecen encerradas en una burbuja de silencio que las separa del ruido exterior. "Sólo cuando hacemos el silencio dentro de nosotros podemos gozar de la música. Sólo cuando sentimos la música dentro de nosotros podemos escuchar el silencio", oí decir al musicólogo Pepe Rey en un programa de radio. Sí, el silencio es la otra cara, el complemento que acecha por detrás de la música.'
11. Jonh Zorn - Hazor.
John Zorn non é a primeira vez que aparece por aquí, nen será a última.
12. Renaud Garcia-Fons & Jean-Louis Matinier - Le Byzantin.
No Imaxinasons tiven ocasión de escoitar a estos dous músicos. Músicos que fan música do silencio dos seus instrumentos.
Vigo, unha cidade chea de momentos musicais. Agora mesmo está en marcha o festival Are-More onde se pode desfrutar do ciclo de músicas para o silencio, cine mudo con acompañamento de música en directo.
13. Este tema déixoo para que o adiviñedes, o procuredes, para que me digades que é e quen é.