O luns fun pedir á, xa miña, tenda de banda deseñada, o número catro de 'Los combates cotidianos' de Larcenet. E resultou que aínda non está. Pero é que nin sequera está feito en francés.
Gústanme tanto estes combates, son tantas as ganas de ler estas historias de Marco que me parece unha eternidade o tempo que ten que pasar ata que chegue ás miñas mans.
Mais o mellor foi que cheguei case coa hora de peche nos talóns. Miraba os lombos dos libros con ansia, con présa. Non me prestou. Non miraba nada que me gustase, non atopaba o que quería, a miña busca non servía. Era a hora de pechar e eu aínda non entrara na tenda. Non entrara todo eu. A miña cabeza quedara fóra.
Melo andaba a falar de orixinais con outro rapaz. E iso parecía que me daba un pouco tempo máis. E cando rematou con el, veu a min e preguntoume que tal estaba cun sorriso de orella a orella. E eu pregunteille polos días que estivo na Coruña e tal e de seguido lle preguntei por un par de cómics.
Xa decidira e fun pagar. E entón o tempo parou.
Melo comezou a falar, a recomendarme que tiña que ir polo menos unha vez ao Viñetas desde o Atlántico, que se me gustara entón a recomendación dos combates, que se coñecía o blog do autor... E seguía falando. E contoume en que traballaba antes. E que agora vivía feliz en Vigo. A tenda comezaba a ser rentable. Non tiña présa por pechar 'exactamente' á hora. Realmente o vin relaxado e feliz.
E calmoume. Foi aí cando a miña cabeza acabou por entrar. Aí esvaiuseme a présa. Xa mercara os libros de harmonía. E agora tiña que desfrutar dos tebeos. E foi cando decidín, se non o tiña decidido xa, que todos os meus cómics sairían desa tenda. Non creo que traten mellor ao cliente en ningunha outra parte. Polo menos a min.
Saín coa sensación de haber compartido un anaco de tempo cun amigo. E sei que non o é, pero iso dá igual.
O que sentín foi envexa. Moi grande. Unha envexa sana, como cando a un amigo lle pasa algo moi bó, e queres que tamén che pase a ti.
Noraboa Melo. E dáme a min que tamén lle teño que dar a noraboa a Eva. Pois iso, Eva, Noraboa.
Cando entrei o coche e vin a hora, era tardísimo. E a ningún dos dous nos importaba.
3 comentarios:
Outro adicto mais! hahahaha
Concordo ó 100% coas túas verbas, o trato que dan Melo e mais Eva debería estar nos manuais de atención ó cliente. E non só por ser moi simpáticos senon pola súa guía experta. Sempre que merco algo alí marcho tranquilo, confio plenamente nas súas recomendacións.
Se cadra vémonos alí algun día!
Pois si, unha adicción da que non quero desentoxicarme...
Si, tranquilidade é o que se respira na tenda e cando se sae dela... é unha tranquilidade que se pega e vai con un...
Pois vémonos entón!
Que post tan bonito!
Publicar un comentario