luns, marzo 05, 2007

04. Comezo


Cando se comeza algo, un disco, un poema, unha nova vida, un proxecto ao fin, sempre se parte dunha base na que se edifica a nova construcción. É mentira que se comece dende cero, é mentira que se esqueza o anterior. É posible, en todo caso, romper cos cimentos que van coa persoa, pero non deixaría de basarse no anterior para (de)construir o novo.

Non é a miña intención tirar o vello. Por iso aquí hai músicas de hai tempo, hai músicas traídas por xente, hai músicas compartidas, hai músicas pioneiras.

Este programa vai dedicado, como non, a Gerardo. Era e será sempre unha persoa vitalista para dentro e para fóra, unha desas persoas que pasan por unha vida e quédanse para sempre.


01. José Afonso - Venham mais cinco

De sempre tiven debilidade por Zeca Afonso. Antes de saber que foi o autor do hino da revoluçao dos cravos, antes de saber que foi un grande impulsador dos fados de Coimbra, antes de saber, en fin, quen era o Zeca. Gústame a súa forma de compoñer, a súa forma de cantar, a súa forma de integrar todos os elementos da música portuguesa cos da música das colonias africanas. Un escoita un tema de José Afonso e só pode pensar, é o Zeca.

Venham mais cinco pertence ao disco do mesmo nome que gravou en 1973, pouco antes da revolución dos caraveis que levou a portugal da ditadura á democracia a través dunha revolta pacífica e militar.

Non me gustan os cantautores en xeral, sobre todo os que poñen por diante a bandeirola de salvadores do mundo. José Afonso é unha excepción. A música serve para levar mensaxe, pero sen que a música se resinta.

Silvio Rodríguez é outra excepción.

02. Charlie Haden/Egberto Gismonti - Maracatú

Charlie Haden é un contrabaixista de jazz que comezou con Ornette Coleman, nome clave no free jazz, a súa vida musical. Músico inquieto que tocou con case tódolos grandes do jazz do pasado século XX.

O brasileiro Egberto Gismonti é un deses músicos que cando che entra polas orellas xa non hai maneira de quitalo da cabeza. Músico polifacético e multiinstrumentista goza dunha sensibilidade que o fai imprescindible na lista de imprescindibles.

Este tema pertence a un disco gravado en directo no festival de jazz de Montreal do ano 1989, In Montreal. Unha verdadeira xoia a dúo, onde os dous músicos poñen toda a súa creatividade conxunta para o disfrute enorme do afortunado público.

Gústame a música en directo. E cando de discos se trata, os que están gravados en directo teñen unha vida que non teñen os de estudio por pistas separadas.

Descubro que gravaron con Jan Garbarek. Terei que procuralo entón.

03. Carlos Gardel - Alma en Pena

(Quedouseme este tema atrás sin comentar, menos mal que hai xente que se dá conta. Graciñas, guapa).

Hai quen di que Carlos Gardel canta mellor a cada día que pasa. Eu estou dacordo con esta afirmación. Cada vez gústame máis. Sobre todo se o comparamos coa "capa" de cantantes que nos invaden no mercado musical de operación a 1 euro. Agradécese ese contar algo máis do que di a letra, do que a música canta.

A súa vida musical non chegou aos vintecinco anos. Comezou en 1912 e deixouno, por accidente aéreo, no 1935. Canta como canta a pesares de ter unha bala aloxada no seu pulmón esquerdo.

Tódolos grandes tangos pasaron pola súa voz. Pensa un tango e seguro que o cantou. Soe ocorrer cos grandes artistas, que despois é moi difícil superalos e todo o mundo recurre a el como referencia.

Este é o primeiro tango dunha copilación de tres cd. Todo un desfrute oílo cantar.

04. The Klezmatics, Joshua Nelson & Kathryn Farmer - Elijah Rock

Klezmer e Gospel. Ese é o concerto que se plantexa aquí. Música relixiosa para disfrutar e deixarse de tonterías.

Escollo este tema, que é basicamente gospel con algunha pincelada de klezmer, porque é o tema deste disco en directo que me sube o ánimo estea onde estea.

05. Bellón & Maceiras - Postal para Dominique

O dúo de Diego Maceiras e Daniel Bellón é moi atrevido. Tal vez sexa pola súa xuventude, o tal vez polo dominio que poseen dos seus instrumentos. Deixan atrás calquera posible complexo e fan música co que tocan. Isto é, un acordeón e unha gaita.

Bellón e Maceiras gravaron o seu disco Unión das Terras porque gañaron o concurso de folk Radio Obradoiro. Tamén este ano gañaron o concurso Runas do festival de Ortigueira, polo que o ano que ven terán que tocar no palco principal do festival. Terán, de feito xa o están preparando, que facer un concerto con máis músicos que eu espero que repitan nalgún outro lugar.

Na páxina web podedes ver quen é cada un dos músicos e a traxectoria impresionante que levan, e poderedes tamén escoitar máis temas do disco. Estiven a piques de por o tango de Piazzola "Libertango", pero ao final puxen o tema que máis me gusta do disco. Composición do compañeiro de Dani en Luvas Verdes, Pedro Lamas. Realmente hai unha inundación de bós, moi bós músicos en Galiza.

06. Vladimir Ashkenazy - Nº1 in C major Prelude

Vladimir Ashkenazy é un pianista ruso que se dedicou a gravar toda a obra para piano de Chopin. Pianista de recoñecido prestixio que por amor acabou sendo Islandés.

Neste caso tocou a obra de Bach The Well-Tempered Clavier, onde se mal traduce como o Clave ben temperado. Trátase de grupos de preludios e fugas en todas as tonalidades posibles.

Bach compuxo todas estas obras como estudios para practicar as 24 tonalidades maiores e menores. Estudios que se converteron en toda unha biblia sobre o sistema temperado, definindo desta maneira toda a música occidental. A escala temperada xurde de dividir unha octava en 12 partes iguais. Hai quen o considera unha barbaridade. Barbaridade que deu lugar á toda a música occidental por completo.

Bach é unha das referencias de todo músico que pretenda selo, dedíquese ao estilo que se dedique. Dende estos estudios, a composicións de preludios e fugas caeu en desuso. Tal vez foi así porque era imposible superar a perfección de Bach.

Este que escoitamos é o primeiro preludio do primeiro estudio do primeiro libro, en do maior. Isto si que é comezar ben.

07. Nancy Sinatra - Bang Bang (My Baby Shot Me Down)

A película de Tarantino, Kill Bill Vol.1, comeza co tema de Nancy Sinatra. Unha canción moi suxerente para ir introducíndonos no universo tan personal do famoso director.

08. Laio - Estilo Vaicheboa

Nos tres primeiros discos de Budiño, e antes de que se lle fora a pinza ao gaiteiro e os botara a todos xuntos, os músicos que o acompañaban e facían o son e arranxos eran os que formaron Laio. Laio procuraba novos sons para a música galega, indagaba nas programacións e nos loops, sen anular aos tremendos músicos que brillaban con luz propia. Músicos que andan agora noutros proxectos, noutras historias. Uns con éxito recoñecido, pero todos incríbles músicos.

Un disco que, penso, non tivo o recoñecemento que merecía. Dalgunha maneira non foi entendido polos afeccionados á música folk que estaban máis acostumados a propostas menos atrevidas e máis igualitarias entre si. Terían agora a mesma acollida habendo a tremenda diversidade de grupos e músicas que existen no mercado galego?

09. Nuestros Caminos a Santiago - Dónde vas, Adelaida

O documental de televisión española Nuestros Caminos a Santiago contaba cunha banda sonora feita á medida para cada capítulo da serie.

Este tema, que non lembro se ao final se incluiu nalgún lugar da serie, é unha versión dun tema da Terra de Miranda, que tamén se canta en Castela, en Aliste. Foi unha gravación case en primeiras tomas, con dúas frautas e unha guitarra. O encargado de facer a banda sonora do documental é o mesmo que puxo as notas da guitarra neste tema, que o fixo case sobre a marcha, e non é outro que Jose Negrete.

É curioso esta canción que se canta en menor en Portugal e en maior en España. Existen varias versións da canción, pero a que me gusta é a que canta a Brigada Victor Jara que di así (de forma momentánea e mentras non o confirme):

Dónde vas, dónde vas, Adelaida?
Dónde vas, dónde vas por ahí?
Voy en busca de mi amante Enrique
Que se ha vuelto loco de pena por mí

Es la una y Enrique no viene
Es la una y Enrique no está
Yo no creo que Enrique me deje
Teniendo la ropa para nos casar.

10. Els Berros de la Cort - Nit de Llampecs

As festas e os mercados medievais están de moda. E máis estiveron estes anos atrás. O grupo de rúa de referencia, do que todo o mundo falaba eran estes tolos de Els Berros de la Cort. Teatro, música, danza... todo se une para facer este espectáculo de rúa na que consiguen tanta forza. Por iso hai que escoitalos na rúa, é aí onde exhiben todo o seu potencial. Pódense ver fotos e vídeos do grupo en acción.

11. Radio Tarifa - El Mandil de Carolina

Outra desas músicas que é dunha chea de lugares. Esta é especial porque cada lugar a considera moi súa, como se fose característica da zona onde vive. E resulta que a melodía pode atoparse en moitos camiños por Europa adiante (ou detrás). Pode ser que o camiño de Santiago teña algo que ver. Pero nese caso, veu ou foi? Tamén é moi posible que non teña que ver, e que sexa un tema universal. Ao fin e o cabo é unha peza moi simple, case seguindo a escala.

Neste caso, en Galiza cántase en maior, e esta versión castelá aparece en menor. Pode ser pola gaita de foles que se utiliza nesa zona (trasmontana, zamorana...) ou poida que se cantaba de distinta forma por simple acomodo das xentes.

A letra desta canción tradicional de Castela e Galicia, segundo di Radio Tarifa, é un tanto picarona, moi do gusto de moita xente de cantar con dobres sentidos.

12. Inti-Illimani - Samba Landó

Coñecín a Inti Illimani case de casualidade e case trinta anos despois da súa formación. É un grupo dos míticos.

Teñen un dominio dos ritmos que deixa parvo a calquera. Teñen unha sensibilidade enorme e ademáis teñen un compromiso co seu pobo chileno moi forte.

Deixo esta canción en directo do seu disco Antología en vivo do ano 2006.

13. Este tema déixoo para que o adiviñedes, o procuredes, para que me digades que é e quen é.



________======________


Como detalle final, quixera por un vídeo coma homenaxe a Gerardo. Trátase da obra 4'33 de John Cage. Unha obra onde non soa unha soa nota. Erróneamente pénsase que Cage buscaba o silencio, cando o que buscaba era poder escoitar o son que quedaba na sala de concerto cando ningún instrumento sona. Sería o ruído de fondo, permanente, inevitable. O ruído da sala nese preciso instante, coa xente que escoita nese momento.

Desta forma este será o silencio para escoitar a Gerardo.