mércores, outubro 28, 2009

Luz.

Paseos por Portugal. En bicicleta, de acampada, km en coche...

Dúas viaxes diferentes. E momentos de pensamentos.

Todo o mundo durme. Entre as árbores vese o Farol do penedo da Saudade en São Pedro de Moel. Aí está a luz de esperanza entre toda a negrura. A outros tráelles outro tipo de pensamentos, que no fondo é atopar o que se nega sistematicamente no local, no próximo.




Farol do Cabo de São Vicente en Sagres. O mundo acaba de aplaudir ao afogamento do sol no fondo do mar. Todos os días ocorre o mesmo e, sen embargo, parece un milagre que ocorra diante dos propios ollos.



Un ten a tentación de coleccionar faro(i)s como se palcos da música se tratasen. Ao fin son dúas construcións cun uso moi concreto e especial. Resístome a semellante cousa, aínda que ir na procura de faro(i)s é como procurar as fins do mundo. O mundo coñecido, o mundo defraudante. Cun mundo por diante, distante, un mundo por coñecer, ilusionante.

A fin non é máis que un comezo. O farol é unha guía, un camiño novo. De luz.

sábado, outubro 17, 2009

Kiko da Silva en Lecturas Debuxadas

O día 20 de outubro arrinca a nova tempada do Club Lecturas Debuxadas cunha sesión especial na que contaremos coa presenza de Kiko da Silva. O ilustrador estará na Biblioteca de Gondomar para falarnos sobre a situación da banda deseñada en Galicia e de todos os proxectos nos que anda metido: a revista Retranca, Bdbanda, a súa serie Fiz nos biosbardos, os álbumes ilustrados e as colaboracións que publica en La Voz de Galicia e El Jueves.

Ademais, ese mesmo día 20 inaugurarase na Casa da Cultura a exposición As bases da Banda, da que xa se falou no club.

xoves, outubro 15, 2009

A TVG en inglés

Andan os dobradores da TVG (neste caso da G2, a segunda canle da televisión galega) coa mosca detrás da orella porque comezaron a emitirse programas só en inglés, e subtitulados en galego.

A serie "A xuiza Amy" comezouse a emitir só en inglés, aínda que agora desapareceu da programación. Xa están na procura doutra serie para facer o mesmo (parece que "Dawson creek")

Os Teletubbies son subtitulados:



Eu encantado de que se emitan películas en versión orixinal subtitulado, pero os Teletubbies????

O máis sorprendente é que isto ocorre na G2, ou sexa na segunda canle da televisión de Galicia, que só se emite na TDT.

A tecnoloxía non debe ser o forte destes políticos ignorantes e trapalleiros. No mando do meu receptor de TDT existen dous botóns. Un é para escoller o audio. O outro para escoller se se queren ou non subtítulos. Nalgúns canais estes botóns son de utilidade e podo escoller entre o idioma orixinal ou o dobrado e os subtítulos ao castelán (nas dúas canles galegas non se poden escoller os subtítulos).

Eu apostaría pola tecnoloxía e daríalle o poder de escoller á xente que vexa a televisión e poría tanto os idiomas como os subtítulos no idioma orixinal e nos idiomas propios.

Eu añadiría por os subtítulos en inglés e en francés, e en galego, catalán, basco, castelán... Esta si sería unha boa ferramenta para quen queira aprender idiomas.

E xa que estamos... Xa que na TDT se poden transmitir máis canles de televisión, por que non transmitir todas as canles autonómicas para todo o territorio español? E indo máis alá, e por que non chegar a un acordo con Portugal para poder ver as canles portuguesas? (todo con audios e subtítulos en varios idiomas).

A tecnoloxía serve para facer todas estas marabillas, mais a política, mellor dito estes políticos só serven para enlealo todo.

A tecnoloxía serviría para que nós tivesemos o poder de ser libres... e non será que non lles interesa?

_______________________

Nota: Ando moi mosqueado co de mancomun, pero quedará para outro momento...

sábado, outubro 10, 2009

Casco Vello

Estos días atrás estiven participando no concurso de tapas que organiza o Centro Comercial Aberto Vigo Vello. Unha idea estupenda para coñecer ese Vigo que está aí pero ao que un nunca se achega. A pesares dos "documentais" das televisións que só buscan o sensacionalismo barato, o casco vello de Vigo está cheo de vida e parece que pouco a pouco (un pouco a pouco moi lento, hai que dicilo) vai recuperando a imaxe que nunca debeu perder. Esperemos que polo menos o casco vello se salve da barbarie urbanística que asolou practicamente o resto de Vigo e sirva para ir contaxiando ao resto dos barrios e Vigo acabe sendo a cidade que debeu ser sempre. Tal vez usando un pouco de efecto pigmalión o desexo acabe converténdose en realidade.

Un xa votou no concurso. Un xa coñeceu un pouquichiño máis ese recuncho de Vigo onde se pode pasear e onde se pode imaxinar un mundo máis alonxado da estupidez cotiá (a pedra sempre me leva a outros pensamentos...)


mércores, outubro 07, 2009

Gripe A

Chégame por correo o vídeo de Alish sobre a monxa catalana Teresa Forcades onde fala da orixe da gripe A e de todos as consecuencias (médicas, sociais, políticas...) que se extraen desta gran mentira e estafa que está sendo esta "enfermidade".

O primeiro impulso foi "outra vez a gripe A e a información de sempre". Aínda así póñome a ver o vídeo. Será verdade, será mentira? Non sei. Parece bastante serio. Busco información crítica sobre este vídeo, e de momento non a hai. Así que aí vai este vídeo para ter onde poder escoller.

Espoño o vídeo de vimeo e os de youtube. Os que non vexan ven o de vimeo (como me pasou a min, que vaian directamente aos de youtube)

Vimeo:

CAMPANAS POR LA GRIPE A

Youtube:







Eu xa non pensaba vacinarme. Eu xa estaba farto da Gripe A. Sigo co mesmo pensamento. Mais xa non quero que me falen máis da Gripe A. Por favor, non quero máis información tremendista e alarmista sobre algo que non habería que darlle importancia ningunha. Non me envíen máis (des)información sobre a Gripe A.

Estamos na sociedade da desinformación e fan o que queren coas nosas vidas. Onde están os periodistas? U-la democracia?