venres, xuño 20, 2008

A tía Angelina.

-Si?

-Ola, curmán.

-Que tal?

-Nada, chamábate só porque hoxe na edición de Galicia do País sae un artigo de Manolo Rivas na que fala da carta de Pepe que lle escribiu á tía Angelina.

-Ah, pois corro a mercalo. E sae a carta?

-Si, si... é que se vai facer unha exposición no Marco...

-Xa o merco e xa o leo. Graciñas.

-Chao, chao.

-Chao, chao.

A tía Angelina vivía na pequena casa que hai xusto na curva que vai para o colexio. Era unha muller "rara", sempre refunfuñando por todo. Unha desas mulleres á que nada lle está ben. Tiña un tic nervioso que lle facía mover a cabeza, como se sempre estivese dicindo que non. Un movemento que aumentaba a intensidade cando se puña nerviosa. Eu só entrei un par de veces na súa casa, e non lembro para que entrei. Era da familia, estaba en todas as celebracións familiares. Sempre había alguén que se lembraba de ir invitala.

Un día, o meu curmán atopou, non sei moi ben como, a carta de Pepe á Angelina. Chamou pola miña tía e leulle a carta. Á tía Angelina comezou a falar con el, lembraba a carta palabra por palabra. E pediulle unha copia da carta. A carta era a despedida de Pepe por estar condenado á morte. Escribíalle dende o cárcere en febreiro do ano 1937 pouco antes de ser fusilado.

Agora aparece o artigo de Manuel Rivas onde se reproduce a carta que tan ben tiña na súa memoria Angelina.

Un sinte agora que pasan cousas na vida que non entendeu nunca. A tía Angelina sempre foi un misterio para min (e moi seguramente para a miña ignorancia). Só me ven á cabeza que o seu tic lle quedou de tanto dicir que non, que non era posible que todo aquilo poidese estar ocorrendo.

Haberá que ir ao MARCO á procura dalgún entendemento.

luns, xuño 16, 2008

Premios Xerais 2008

Teño pendiente dicir algo sobre o día dos premios Xerais 2008 que non sei se chegarei a facer.

De momento poño as fotos do día que nos ofrece o propio Brétemas.

domingo, xuño 01, 2008

11. Verbas

Verbas. Por que? Non sei, porque si. Ás veces non hai explicación. Será porque non só hai música? Será porque non hai ideas e só se materializan palabras? Será.

Ía dedicar este programa a Sudamérica. Despois pensei en facer un monográfico do jazz galego. Mais non son quen de programar (de momento) nada co mesmo tema. Así que, coma sempre, vai un remexido. (Supoño que é o tempo ou a súa falta o que me limita. Pero se o tempo non existe... por iso...).

Desta vez hai repeticións e aínda había máis. Sobrepasaba os 13 temas. Non pasaba nada, mais ao final decidín respetar ese numeriño. Porque non hai ningunha temática que me obrigue a sobrepasarme.

0. Sintonía.

Está para non estar. En canto alguén a adiviñe, mudo a sintonía.

01. Marta Topferova - Zamba gris.

Este programa moi ben se podería titular redes. Porque grande parte dos temas coñecínos grazas á internet, onde se atopa moita información, que non dan os medios habituais, nin sequera as tendas de discos.

A Marta Topferova coñecína a través dun enlace que leva a outros enlaces que levan a outros enlaces... Esta cantante checa que no momento que escoitou a Inti Illimani quixo aprender español para entender o que dicían. E non se quedou aí, quixo cantar o que escoitaba. E non lle saíu mal, non. Daquí sae a idea de adicar un programa a Sudamérica. Era perfecto, comezar con Marta Topferova e poñer un tema por cada país de América do Sul.

Esta Zamba Gris, do seu terceiro disco Flor Nocturna, lembra a Ariel Ramírez. A zamba peruana é un ritmo contaxioso, por lento, por ter peso... entras e xa non saes. Comezas a danzar, lentamente...

02. Cuarto Elemento - La brea pozo.

Na procura de temas sudamericanos apareceron os arxentinos Cuarto Elemento. Un cuarteto de guitarra, baixo, frauta e percusión máis as súas voces. Música libre dende os autores sudamericanos, con jazz, con improvisación, co que lles apetece.

03. C4Trío - A nigth in Tunisia.

O cuatro é un instrumento de catro cordas. Este é un trío de cuatros venezolanos. Tres verdadeiros virtuosos. Este é tema máis jazzeiro do disco. Un estándar ben bonito e ben coñecido.

04. Sumrrá - Burla Negra.

"Sempre lle contaron que existían paxaros que falaban cos homes, mesmo que eran almas de homes, algúns ata podían converterse en persoas e estas a súa vez en paxaros.

Dise que Rarusm, deusa da elocuencia, a música e as artes, creou a cidade de Kosondó, pero carecía da capacidade de producir aire para que o son existira. O lugar estaba en completo silencio, nin sequera se podía pronunciar o nome de SUMRRÁ, xa que este mundo se atopaba no baleiro.

SUMRRÁ! SUMRRÁ!, pensou que era un corvo, crra, crra!! Pero non era un corvo, senón un paxaro negro de peteiro laranxa."

O primeiro disco de Sumrrá di que está gravado os días 11 e 12 de outubro de 2002, mais no libreto existe unha PS que di: Miles de aves morreron e seguen a sofrer polas consecuencias do afundimento do Prestige (Galiza 2003)

Mais este tema xa é do segundo disco. Jazz feito por eles mesmos. Jazz galego.

05. Gaiteiros de Lisboa - Chamarrito do Pico.

Portugal sempre me pareceu moi experimentador musicalmente. Sempre me sorprenden, e case sempre para ben.

Facía tempo que non escoitaba aos Gaiteiros de Lisboa e re-descubrinos no último disco, Sátiro, xa do ano 2006.

Os Gaiteiros de Lisboa non son gaiteiros. Non son só gaiteiros. É verdade que tocan a gaita de foles, tanto galega como portuguesa, mais non é o que os define precisamente.

Desfruto tanto deste disco que non fun quen de resistirme a por dous temas.

06. Gaiteiros de Lisboa - Nem fraco nem forte.

Coñecín aos Gaiteiros de Lisboa a través de Paulo Marinho, o gaiteiro dos Gaiteiros. Un verdadeiro estudioso da gaita galega e da gaita-de-fole. Foi el quen me achegou á Associação Gaita de Foles, da que foi promotor nos seus inicios. Tamén me fixo coñecer a Sétima Legião, banda de rock portugués dos anos 80, o primeiro proxecto do inquedo Rodrigo Leão, onde o propio Paulo tocaba a gaita.

(Outra idea mais: un monográfico sobre a música portuguesa... vanme afogar as ideas!)

07. Lambarena - Herr, unser Herrscher.

De cando en vez escoito músicas que se poden atopar na rede. Estou suscrito ao podcast de l'arbre de les 1000 musiques onde me fixo descubrir a Lambarena, disco homenaxe a Albert Schweitzer.

08. Lambarena - Agnus Dei.

O disco Lambarena - Bach to Africa, fusiona músicas de Bach con melodías e ritmos de Gabon. Músicos europeos, africanos, sudamericanos mesturando músicas dende a marabilla creada por Bach.

Un disco para escoitar dun tirón, un disco que pouco a pouco vai creando unha atmósfera especial. Un disco que ben merece dous temas nesta selección.

09. Abe Rábade - Cada noite eu chorando pensaba.

O jazz galego anda moi vivo. O jazz feito en Galiza está moi activo. Non dá tempo de estar ao día de toda a música que producen estes músicos. Xa están anunciando o, tan esperado, disco de Open Doors (GHU! Project vol.2, Abe Rábade) cando aínda non acabamos de escoitar o de Rosalía 21.

Rosalía 21 é un proxecto de Anxo Angueira (poeta) e Abe Rábade (pianista e compositor) onde participan tamén Guadi Galego (voz), Jesús Santandreu (saxo tenor), Nelson Cascais (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería).

O disco é o resultado do espectáculo multimedia que dá unha visión en clave de jazz do universo de Rosalía de Castro, onde se recalca a faceta máis reivindicativa da poeta.

Escollo este tema porque mostra dunha maneira moi visual como se expresa o jazz. Quen recita? Quen canta?

10. Pelo Gato 24 - Dígame se fai favor.

Guadi Galego xa non é a cantante de Berrogüetto, agora canta Xabier Díaz. Os dous cantantes que non paran, que andan en todas.

Este tema é o primeiro do disco Pelo Gato 24, editado pola AGG dedicado aos xogos e cantigas para os nenos, onde canta precisamente Xabier xunto á cálida voz de Mercedes Arribe.

11. Apocalyptica - One.

No anterior programa houbo quen me chamou demasiado academicista por incluir un tema de Metallica e dicir que utilizaba recursos da música feita no tempo no que vive.

Así pois volvo por o mesmo tema noutra versión do grupo Apocalyptica, un cuarteto de violonchelos, saídos da academia de música clásica Sibelius de Helsinki. No ano 1992 comezaron a tocar por diversión temas dos seus grupos favoritos entre os que destacaba Metallica. Facíano por brincar pero acabaron tocando en bares, e finalmente a gravar un disco no ano 1996, Plays Metallica by Four Cellos. O nome é a fusión de Apocalyse e Metallica. Ese mesmo ano foron os teloneiros de Metallica nos dous concertos que deron en Helsinki.

E é o que realmente me gusta, xogar coa música. Neste caso eles poden vivir da súa brincadela.

Non hai como velos en directo:



12. NHU - Na terra do verde chan.

Non sei como cheguei a coñecer a NHU. De verdade, non o sei.

Só sei que gravaron este disco no ano 1978 e que estaba formado por Xurxo Pérez, Roberto Abal, Xosé Ferreiro, Tino Grandío e Xulio Ferreiro.

Aínda non me recuperei da sorpresa que levei. Como é que non sabía nada deles?



13. Olatz Zugasti - Haurrak, logale dalako.

Para rematar unha canción de berce. Do marabilloso disco Bulun Bulunka. Música para desfrutar con todos os sentidos.




Non me gusta o Myspace. Non, non me gusta. Pero é certo que se poden atopar moitos músicos e moitas músicas nese espacio. É por iso que me animei a facer unha conta, na que vou añadindo os myspaces dos músicos que van pasando por aquí. Hainos que aceptan a invitación. Podes velos no myspace do curioso impertinente.

O Myspace é un bo lugar para coñecer a música dos grupos. Irei deixando todos os que teñan un perfil para que poidades escoitar máis música e ter máis datos de todos os grupos:


Marta Topferova
Inti Illimani
Cuarto Elemento
C4Trío
Sumrrá
Gaiteiros de Lisboa
Paulo Marinho
Sétima Legião
Rodrigo Leão
Abe Rábade
Berrogüetto
Metallica
Apocalyptica