venres, marzo 18, 2011

Mauro Entrialgo en CasAmérica

Outro vídeo máis recollido en cartoonando sobre as charlas do Festival VivAmérica 2010. Encárgase Mauro Entrialgo de contar como se reparte o mercado editorial do tebeo.

El pastel del tebeo electrónico.

martes, marzo 15, 2011

Liniers en CasAmérica

Máis vídeos da Noche de cómic del Festival VivAmérica 2010 recollidos en cartoonando. É a quenda do xenial Liniers (paga a pena entrar na súa web!), e a súa relación coa tecnoloxía.

Nuevas tecnologías y como evitarlas.

xoves, marzo 10, 2011

Darío Adanti en CasAmérica

Outra das charlas que se deron no Festival VivAmérica 2010 sobre a banda deseñada. Esta vez é Darío Adanti quen fala. (vía cartoonando)

El cómic de humor.

luns, marzo 07, 2011

Miguel Brieva en CasAmérica

No blog Cartoonando atopo unhas charlas sobre a banda deseñada que se fixeron dentro da Noche de cómic del Festival VivAmérica 2010. Esta é de Miguel Brieva onde fala da historia do cómic.

El cómic, un terreno fértil, libre y casero para ensanchar la imaginación

sábado, marzo 05, 2011

Na procura do oído absoluto (1)

Baixo a etiqueta en twitter #oído_absoluto irei pondo o que teña que ver con esta procura do oído absoluto.

Aquí irán aparecendo os twitts que conteñan "oído absoluto", "ouvido absoluto" ou a etiqueta #oído_absoluto.




Veremos que camiños transitaremos nesta procura.

xoves, marzo 03, 2011

Quen son eu?

Durante a miña vida recibín apelativos para definir o meu pensamento ou a miña ideoloxía, sen que a suma de todos eles sexa realmente o que eu penso.

Nacionalista, o único dos termos que eu algunha vez reivindiquei para min, así que ten algún sentido que mo chamaran, aínda que penso que poucas veces coincidiu coa miña idea de nacionalismo. As máis das veces foi coa intención de insulto, polo que pouco debe parecerse ao que eu mesmo penso.

Galleguista, así, "galleguista porque hablas gallego". Pois podería ser, si, pero non todos os que falan galego son galeguistas, ou igual o son e non o saben.

Con eses pelos e esa barba xa pareces un comunista. (A Pasionaria entón non era comunista?)

En discusións sobre política e nacionalismo tamén me caeu o apelativo de terrorista. Debe ser que falando en galego con barba e eses pelos debo causar terror alí por onde paso. Tamén en discusións parecidas saiu o termo Nazi, de NaZionalista, un chiste fácil que pretende ser insulto. Tamén xurde socialista en clave de ofensa.

Teatreiro, titiriteiro, artista, paiaso, apelativos todos que dependen do agarimo co que se digan polo que caen mellor ou peor no meu ánimo.

No tema da lingua tamén me chamaron bárbaro por falar linguas bárbaras, aínda que para ser xustos aquí si que ía con clara intención bromista. Así foi recollido. :) Tamén me dixeron que tiña que falar en "cristiano", debe ser que non hai ningún galego cristiano.

E falando de relixión: ateo, agnóstico, herexe, pretendendo ofenderme, coa mesma facilidade que cristiano ou moro.

Non só tratan de definirme con palabras tamén me aconsellan que debo ler ou non. "Como les El Mundo? Ti terías que ler El País?" ou coa mesma facilidade, "Como les El País?" "Que é iso da Nosa Terra?, iso é moi radical." "O Faro de Vigo non é un periódico". "A voz de Galicia non é un periódico serio, é moi subxectivo". "Público, non son obxectivos". "Le monde diplomatique????" "Que fas lendo o ABC? espero que só leas a parte cultural". E así con calquera periódico, como se eu non soubera que é o que me gusta ou que todos teñen unha liña editorial. Ocorre outro tanto cos libros. Hai libros que se poden ler e outros que non. Non vaia ser que "me confundan".

O ímpetu tómase na maior parte das veces como radicalismo. Así que si, tamén son un radical.

Liberal tamén caeu no meu saco. Pero sen saber moi ben a que se refiren. Por un lado como resposta a unha broma que lle gastei a un amigo facéndolle crer que eu era homosexual, a súa resposta foi que non lle sorprendía pois sempre "fuches moi liberal". Outras veces polas miñas opinións: O que ocorre é que ti es un liberal.

Hai conclusións sobre a miña ideoloxía... Ti non es (poñan aquí o que sexa), ti es un idealista... ou un utópico... ou un romántico. (Teño que dicir que si, que romántico pode ser unha definición coa que estea dacordo, non sei se no sentido atribuído en cada momento).

E podo ser un radical no meu pensamento ou un completo insulso que non se molla en nada. Todo isto sempre dende a posición inamovible do observador.

Case calquera das definicións sobre a miña ideoloxía poderían ser tratadas para os colectivos que a reivindican para si como un insulto, posto que o meu pensamento se atopa moi lonxe do que eles defenden.

Como xa dixen o termo nacionalista é o único que recoñezo porque eu mesmo o reivindiquei para min, mais resulta que agora mesmo cuestione os argumentos que sempre usei. De tal maneira que podedes chamarme incoherente por non pensar o que pensaba, mais eu penso que son coherente co meu camiño vital, de maneira que só non cambia quen non vive.

Pódese ser un conservador, un progresista, un tradicionalista, un rompedor. Pódese ser neofalante ou paleofalante, nacer na cidade ou na aldea, ser de letras ou de ciencias, traballador por conta allea ou autónomo, home ou muller, coherente ou incoherente, homo ou hetero, branco ou negro, de dereitas ou de esquerdas, guapo ou feo, do norte ou do sur, de nocilla ou de nutella, de negro ou de rubio, de cola-cao ou de nesquik, de Astérix ou de Tintín, do Barça ou do Madrid, de coca ou de pepsi, de windows ou de MacOS (ou de Linus)... unha chea de encadramentos onde situar aos demais e a nós mesmos.

Sospeito que esta sorte de cuadrícula serve para ter a ilusión de que se entende a realidade e que se é capaz de definila, aínda que non se comprenda.

Suponse que cada un estará realmente na intersección das definicións que fan todos os demais. Mais resulta difícil compaxinar moitas interseccións.

Rebelarse ou protestar contra algunha das definicións que os demais volcan sobre un é un erro ademáis de resultar completamente inútil. A miña sospeita, a modo de conclusión, é que o que os demais escoitan de ti non é o que ti digas en cada momento, se non que todo pasa polo filtro do encadramento a priori no que cada persoa te situou, polo que nunca se terá a certeza de que as túas verbas son escoitadas en realidade.

Tal vez todo isto funcione en min exactamente da mesma forma que acabo de describir, é o máis probable. Terei que estar atento para escoitar (realmente) o que me din.



E a pesares de todo isto, eu non sei se son mirinho ou curioso impertinente: http://mirinho.sonche.eu

martes, marzo 01, 2011