venres, setembro 28, 2007

The Child

Buscando por internet información de como se pode crear unha tipografía topeime con este vídeo que paga moito a pena, e que me relaxa un pouco ante a tremenda dificultade de intentar facer algo pola edición do baile escrito. (Xa contarei, xa contarei...)

xoves, setembro 27, 2007

Kalaikia


Unha semana despois de recibir a invitación para ir ao 1º aniversario do suplemento cultural de 'A Peneira' veño a contar o que ocorreu no marco.

Non sabía da existencia do kalaikia, máis agora pódese por un ao día porque se poden descargar todos os números.

A celebración do primeiro ano de vida da neta da Peneira, personalizado no seu avó Guillermo, comezou cunha presentación audiovisual, ou sexa un vídeo, bastante amena e moi ben enfiada.

A presentación a cargo dunha rapaza, María Díaz, que prometeu brevidade e cumpliuno, dándolle paso ao avó e ao pai da criatura dun aniño.

O avó fixo referencia aos seus moitos anos de facer país, cando non existía tal expresión, co seu periódico en galego integramente. Lembroume a súa lentitude falando, as súas pausas longas, as súas miradas inquisitorias, a cando era o meu mestre, e viñéronseme á cabeza as verbas autoodio e diglosia que tan ben me aprendeu.

O que máis gracia me fixo foi o pai, Diego Giráldez, que rematou dicindo que ...'non sei se este país necesitaba deste suplemento cultural, pero nós si. E punto.'

Tomámoslle uns pinchiños, saudei ao avó, que me agradeceu a visita, e funme coas verbas de (don) Guillermo na cabeza: Impertinente, si, hai que ser impertinente, que xa estamos fartos do "políticamente correcto". E claro está, dicíame isto cos ollos por riba dos lentes e co sorriso de neno traveso que sempre utiliza. Non podía ser doutra forma chamándose Guillermo.

xoves, setembro 20, 2007

Polbo solidario.

Os blogs galegos están conectados. Pero non só porque conteñan os vínculos a outros blogs galegos, senon tamén porque se comunican a través de redes sociais como twitter.com ou 'chuzan' todos no mesmo lugar ou porque participen da creación de blogaliza a través da súa lista de correo. De seguro que haberá máis lazos, pois moitos deles coñécense persoalmente, ou ben a través do correo electrónico, os comentarios dos propios blogs, ou algunha outra forma de comunicación que agora mesmo non coñezo.

A través do twitter entérome da noticia que envía dorfun que enlaza co seu blog (adorfunteca.org) para contarnos a iniciativa de calidonia dun manifesto e un polbo solidario para axudar á xente da plataforma de veciños do cruceiro de Meá no seu peche no concello para protestar polo abuso cometido en todo o proceso da ubicación da planta de gas de reganosa (non merecen as maiúsculas). Esta idea de ir comer cos veciños en protesta foise creando na lista de correo de blogaliza e añadida no chuza.

Deixo para outro día, se hai ganas, a reflexión sobre esta interacción tan tremenda entre os blogueiros galegos. Poño o punto de mira no conflicto de reganosa, que é o importante, únome ao manifesto e quedo pesaroso de non poder acudir ao xantar cos veciños.

-------------------

POLBO SOLIDARIO


Como xa anunciei na lista de Blogaliza e falando con algunha xente da internet galega, este sábado varios blogueir@s imos ir a Mugardos para visitar aos veciños de Meá pechados no Concello en protesta pola construción e posta en funcionamento claramente ilegais da planta regasificadora de REGANOSA. Trátase de facer unha visita aos veciños, que xa manifestaron o seu entusiasmo por este apoio, e aproveitar para botar un polBo solidario na mesma parroquia onde se ergue o enxendro.

A Plataforma de Veciños do Cruceiro de Meá ten un blogue e nel podedes comprobar que levan case dous meses pechados, recibindo visitas e mostras de solidariedade de cidadáns, intelectuais e artistas como: Mabel Rivera, Joao Afonso, Luís Pastor, Sala NASA, Xurxo Souto, Carlos Taibo, Lino Braxe, Xosé Manuel Beiras, Manuel Rivas, Pedro de Llano, Faltriqueira, Eva Veiga, Antón Reixa, Os Cempés… así como de diversas asociacións e colectivos de natureza diversa.

A idea é que estaría moi ben que a rede galega e a cidadanía activa non ficara á marxe deste movemento. Por iso propóñoche que mostres o teu apoio aos veciños, de varios xeitos:

- Asinando un manifesto (co teu nome, co teu nick na rede, ou simplemente co nome da túa bitácora ou páxina web) de apoio e solidariedade que podes ler e firmar aquí mesmo deixando un simple comentario na anotación. Como verás, o manifesto acho que é propositivo, asisado e bastante razoábel.

- Publicando esta convocatoria ou o texto do manifesto no teu blogue ou páxina web. Estou convencido de que o activismo na rede galega dista moito de estar durmido e que o compromiso de moit@s de vós coas causas que pagan a apena (esta e moitas outras) está fóra de toda dúbida. Podes aproveitar se queres este deseño feito por Artritris.

- Xantando un polbo solidario na parroquia de Meá, confirmando a túa asistencia deixando un comentario nesta mesma anotación. Nos comentarios iremos informando do que se vaia pechando e concertando a respecto desta cita (detalles do xantar, desprazamentos compartidos e demais detalles). A reserva de prazas para o xantar hai que facela antes do venres 21 a mediodía (14h), un día antes do xantar. O único fixo no menú é o polbo, e imos tentar que o prezo sexa todo o proporcionado que poidamos e limitado ao que custe.

A cita é en Mugardos este sábado día 22 ás 13::00 h en frente da Casa do Concello. Este é o lugar onde combinarmos.

Todas as vicisitudes que rodean este tinglado seguramente xa as terás lido en varios lugares da rede, grazas ao ciberactivismo que veñen despregando os membros da Plataforma e do Comité Cidadán de Emerxencia e boa parte da cidadanía. Non as vou repetir aquí e tan só che indicarei un bo e variado resumo en orde cronolóxica. Moita xente viuse a obrigada a publicar e publicitar na rede diante do clamoroso silencio e das rexeitábeis contrainformacións despregadas polos medios de comunicación tradicionais, incluídos os públicos.

Estou convencido de que o activismo na rede galega dista moito de estar durmido e que o compromiso de moit@s de vós coas causas que pagan a pena (esta e moitas outras) está fóra de toda dúbida.

Unha aperta

Calidonia


-------------------

MANIFESTO DE SOLIDARIEDADE COA PLATAFORMA DE VECIÑOS DO CRUCEIRO DE MEÁ


Quen asinamos máis abaixo solidarizámonos coa Plataforma de Veciños do Cruceiro de Meá (Mugardos), pechados no Casa do Concello de Mugardos desde o mes de xullo, porque cremos que calquera veciño, calquera cidadán ou habitante, deste país ou de calquera outro, ten o dereito a que non lle estraguen a súa paisaxe e seu o contorno, e a non vivir a súa vida baixo a ameaza silenciosa dun perigo terríbel.

Quen asinamos este manifesto acreditamos que a xustiza e as leis que nos damos teñen que servir para defender os principios de igualdade e de liberdade, e non para protexer os intereses dos máis poderosos e xustificar as decisións que estes toman á marxe de toda legalidade e amparándose nos recantos máis escuros da sociedade e da humanidade.

Quen asinamos estas liñas acreditamos nun modelo de desenvolvemento sustentábel e autocentrado, que non repita os erros que se cometeron no pasado ao localizar empresas en sitios inaxeitados, e ao promover industrias de enclave que dun ou doutro xeito acaban por explotar e esgotar os recursos naturais que tamén son patrimonio de alguén, nosos ou doutros pobos.

Quen asinamos aquí sabemos que a existencia de REGANOSA en Punta Promontoiro trouxo tamén consigo a miseria e a baixeza morais de quen quixo ou precisou poñerse do lado dos poderosos, así como a tristura de ver enfrontados a veciños con veciños e a familias con familias, e que non hai forma máis implacábel de acabar cunha comunidade que destrozala dividíndoa desta maneira.

Quen asinamos temos a esperanza de que se traslade esta instalación fóra da Ría de Ferrol, na súa localización primixénea e ideal do Porto Exterior, e estamos convencidos de que aconteza o que aconteza coa nosa causa, moitas outras persoas están atendendo e entendendo, compartindo, ensinando e aprendendo desta loita que ante todo é xusta e fraternal.

Asina deixando un comentario ou réplica. Emprega o que prefiras (Nome, alcume ou sitio web) e escribe o que desexes:



Asínase no blog de Calidonia.

luns, setembro 17, 2007

Persépolis

Persépolis é a obra máis coñecida de Marjane Satrapi na que conta a súa vida en Irán.

Eu coñecín esta obra gracias á de Alxén que me avisou de que ía saír nunha colección de El Pais. Aí merquei os dous primeiros números. Despois merquei os dous seguintes na edición de Norma.

Máis tarde saíron os catro nun só tomo en catalán e en español ao ano seguinte, con catro páxinas máis en cor.

Algo teño na cabeza de que ía saír en galego, pero non sei se é verdade.

O que me lembra unha amiga hoxe é que Persépolis é xa unha película:


E haberá que estar atentos para ir vela ao cine. Será posible vela nalgún cine de Vigo? Será posible vela NALGÚN cine?

xoves, setembro 13, 2007

Nova imaxe de BD.

Non quero deixar de unirme á campaña de publicidade que ven á conto da nova imaxe da 'nosa' tenda Banda Deseñada.

Son un moniño máis da cadea.



Ide por alí. Coñecédea. Á tenda e a Eva e a Melo. Paga a pena, de verdade.

Aprendendo.

Onte foi a miña primeira clase.

Gustoume moito. Sobre todo porque o único papel que me deu O'Caruncho foi a letra da foliada de Asén:


Ai, teño unha moza en Asén (Alxén),
ai, outra no Castiñeiriño,
ai, quérolle máis á de Asén (Alxén),
ai, porque dorme no muiño,
ai, porque dorme no muiño.
Ai la le lo ai la la la la.

Ai, se queres aquí, aquí,
ai, se queres alá, alá,
ai, se queres na túa porta,
ai, na túa porta será,
ai, na túa porta será.
Ai la le lo ai la la la la.

Ai, unha vella nunha fonte,
ai, por unha verza bebía,
ai, a verza estaba rachada,
ai, toda a auga lle vertía,
ai, toda a auga lle vertía,
Ai la le lo ai la la la la.

Tradicional, Santiago de Compostela.



Encantoume iso do 'pechado'. Penso que vai ser un vicio.



A imaxe é de Juanjo Fernández, co que terei que falar tamén para o futuro.

mércores, setembro 05, 2007

Radio do foro onmedia

Poño aquí a radio que se pode escoitar na cabeceira do foro folk da comunidade onmedia.

A lista elaborouse entre os habituais do foro. Esta é a escolma.


Get your own playlist at snapdrive.net!

martes, setembro 04, 2007

Danzar

Unha moi amiga miña imparte aulas de danza. O cartaz, a imaxe confunde un pouco. Son aulas de danza tradicional do mundo.

Eu apúntome. Xa o sabe ela.

Di o cartaz:

"Somos danza e danzar no vento é potestade das nosas pernas sen raíces." G. Belli.

Ofertamos Danzas Tradicionais do Mundo, Expresión Rítmica e Corporal.

Merchi: 610 270 191


luns, setembro 03, 2007

A voz do condado

Dicía eu que había que escanear os números da Voz do Condado e polos a disposición de quen os quixera ler.

Resulta que o primeiro que vin ao chegar á festa da poesía foi o libriño deste ano, que merquei rapidamente máis por nostalxia que por outra cousa, e un libriño de fotocopias onde estaban todos os números da voz do condado. Tamén me apresurei a mercalo, aínda que me parecía un pouco caro. Pero creo que pagou a pena. Agora ando lendo de vagar e descubrindo cousas dos meus viciños. Lecturas que darán moi seguramente material para algún que outro comentario por estes lares.

Ben poderían estar escaneados (dixitalizados) e a disposición de todo mundo. Como os libriños de escolmas de poesías de todos os anos. Aínda que supoño eu que mentras se lle poidan sacar uns cartiños estarán no stand como lote á venda.

Rebuscando na web atopo algunhas portadas, non todas, dos libriños en cuestión. Tamén se poden ler os limiares de todos eles. E só se pode descargar un deles, o do ano 2004, que é precisamente o último ano do que se pode visualizar a portada, o índice e o limiar, de Suso de Toro neste caso.


Rebuscando na miña memoria de neno e nas noticias publicadas no periódico dos anos 1977-1979 fixo que acabara por procurar o poema que lera o Antón Reixa e que me deixara un tanto pampo, que non me resisto a incrustala aquí (na versión dos resentidos e con reflexión de percebeiro incluída):