luns, xullo 05, 2010

Uxío Novoneyra: A voz herdada

Uxío Novoneyra: A voz herdada é o título do cómic de David Rubín e Kike Benlloch realizado por encargo da Xunta de Galicia.

David Rubín fala desta obra no seu blog.


E onde se pode conseguir?

A distribución é "institucional". Isto que significa? Pois que en teoría vai ser distribuído a colexios e bibliotecas e tamén se repartirá en feiras do libro de toda Galicia.

Agora mesmo está a celebrarse a feira do libro de Vigo. Alá fun para ver se andaba por alí o cómic. Percorro todos os postos e non aparece o cómic por ningures. Vexo que hai unha caseta da Xunta, pero alí non hai ningún libro, nin nada de nada. Entón pregunto polo cómic. Quédanseme mirando e abren unha caixa da que sacan un exemplar e entréganmo.

Esa é a distribución que van facer do cómic? Non tería que estar exposto na caseta? Non podían informar de que o agasallan?

É tremendamente absurda esta situación. Encargan un cómic para telo agochado. Non o promocionan, non o espallan, non o dan a coñecer... Así é como se promociona a banda deseñada, a Uxío Novoneyra no seu ano das letras galegas, o galego? Teñen unha moi boa iniciativa para facer estas tres cousas e quédase en que queden miles de exemplares agochados en caixas de cartón. Basicamente tirar cos cartos públicos cunha boa idea mal xestionada.

E por que non sacan outros exemplares para ser distribuídos en librerías? Non ten sentido que só acaben coñecendo esta obra aqueles que xa saben que existe.

Non me resisto a comentar tamén o absurdo, descomunal insulto, da decisión de última hora de instalar unha pantalla xigante na praza de Compostela para que se poida ve o partido da selección. Non hai máis lugares en Vigo? Por que hai que facelo precisamente onde se celebra a feira do libro? Non pode haber lugares para aqueles que non queiran saber nada do fútbol? Ou simplemente queiran unha alternativa? Xa teñen os autores poucos lugares e espacios para poder presentar os seus traballos como para que desaparezan aínda máis.

E despois os políticos quererán que se lles valore. É o de sempre, escollen o fútbol aos libros. Só ofrecen opio, nada máis que opio (fume, fume, fume). Da igual a tendencia política que din defender, ao final escollen o mesmo que o caudillo. Así nos vai.

Claro que non perderán moitos votos, e ata poida que os gañen. Pero o penoso é que terían o mesmo resultado organizando as cousas mellor. A pantalla noutra praza e non incomodarían aos que prefiren pasear e ver libros.

(Patético, patético, patético...)