domingo, agosto 14, 2011

Viñetas desde o Atlántico 2011


Non é a miña intención facer un percorrido pormenorizado polo Viñetas desde o Atlántico, para iso vaian directamente a Apocalipse do porco, onde terán contado día a día o festival con vídeos das charlas e das visitas e moi ben explicadiño todo.

Aquí só obterán un pequeno paseo pola rúa da BD e por algunha das exposicións e charlas durante un día e un pouco de outro (querían ser dous días, máis o primeiro non se pode considerar como tal).



Chegar, chegamos a tempo para a charla de Polaqia, mais quedamos na porta falando un poquiño cos amigos. Entramos xusto ao inicio da charla con David Rubín e Marcos Nine, aínda que nos deu tempo a saúdar a ghanito, que anda de reporteiro extra-oficial do festival e que nos comentou que lle faltara algo de "pementa" á charla de Polaqia (o cotilleo rosa televisivo fai estragos... :p )

David Rubín no seu papel, Miguelanxo Prado sufriu o ar acondicionado e ata lle temblaba a voz, Marcos Nine en minoría entre os comiqueiros e Carlos Portela empeñado en levarlle a contraria a David pola súa reivindación de influencia do Dark Knigth 2, de Frank Miller.

Un paseo polas casetas, saúdos a Manel, que ten ao seu carón a Tokio, e a Sergio e gastar un pouquiño no dos veces breve adicado integramente a autores galegos. E a cear e durmir.

Erguerse sen demasiada présa, ver como a néboa o inunda todo, darse conta de que a roupa é de verán "sureño", almorzar e tirar para o festival. Aparcar máis perto do que parecía (Coruña é circular!!) e deixarse sorprender por Crepax e a súa Valentina "cuase-erótica".

Das exposicións do Kiosko Alfonso, quedámonos sen dubidalo coa de Jordi Lafebre. Tamén Guarnido e Canales. Altarriba e Kim xa nos tiñan conquistados e Rubín case comenta con nós a súa exposición (diante dunha cámara).

Dubidar entre seguir coas exposicións ou gastar os cartos. Evidentemente tirar cos cartos. Caen as tres novidades de Demo (hai que ir coñecendo as lecturas galegas de cómic), conversación friki arredor de Góndor(mar), e saúdos a Eva e a Melo, por separado. Jacobo acaba de presentar o seu Lois Pereiro e cruzamos unhas breves palabras. Mentras Kiko presenta Retranca e Fiz, cae o último Barsowia, e chegamos para escoitar a Kohell "que está para facer vulto e o pánico aparece cando ten que falar en público".

Pola tarde amagamos con facer cola para que nos asinen El arte de volar, pensámolo mellor e imos tomar un cafeciño na terraza do lado.

Antes de acompañar a Guiral na exposición dos Pitufos, onde tivo que lidiar cun público "difícil" (ver vídeos 1 e 2, cortesía de ghanito), percorremos Viaje con Nosotros! onde descubrimos algunha que outra cousiña.

Rematamos coa excelente charla de Antonio Altarriba e Kim que estiveron falando sobre o proceso de creación de El arte de volar, que podedes ver, e escoitar, se dades un paseo polo Apocalipse do porco. Charla interesante, divertida, amena, e ata emocionante que rematou cun longo aplauso do público.

Visita típica turística á Torre de Hércules e viaxe para o sul.

Penso eu que se pode desfrutar moito máis deste festival se se pode acudir a todas as charlas, se se fala a modo con todos ou algún dos autores, cos comiqueiros galegos que se atopan concentrados ben asinando nalgún posto, ben facendo algunha presentación, ou vendo as exposicións. Tamén penso que se pode curiosear nas casetas, procurar o cómic que che falta desta ou doutra colección, ir na busca dalgún cómic, historieta, tebeo, ou como queira que se lle queira chamar, xa descatalogado ou difícil de atopar... Quedo coa sensación de perderme algo... pero non importa porque disfrutei e levei un anaquiño comigo...

A modo de crítica, pequeniña, quedoume detrás dunha orella o pensamento de que os comiqueiros andan demasiado preocupados pola forma, polas influencias, polas maneiras de crear e acaban por case non falar do que crean, do contido, da mensaxe. E creo que os temas que tratan nas súas obras son moi interesantes, pero que se dilúen cando se discute sobre os recursos ou as etiquetas, as grapas ou a novela gráfica, as películas para pobres ou o album franco-belga, as acuarelas ou a obra maldita de Frank Miller.

Tal vez, como este ano foron dous días e o ano pasado foi só un, o ano que ven terán que ser tres días. Tal vez. Estaría ben, ir crecendo pouco e pouco, ano a ano. Ao final, o interesante é o camiño, o que se vai aprendendo, así en xerundio.