venres, decembro 10, 2010

Declaración Universal dos Dereitos Humanos

Hoxe, 10 de decembro, é o día internacional dos Dereitos Humanos.

Unha simple lectura serve para darnos conta de que estamos moi lonxe de conseguir algo que debería ser obvio. Paga a pena ler a Declaración Universal dos Dereitos Humanos:

Preámbulo

Considerando que a liberdade, a xustiza e a paz no mundo teñen por base o recoñecemento da dignidade intrínseca e dos dereitos iguais e inalienables de tódolos membros da familia humana;

Considerando que o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos da persoa orixinaron actos de barbarie aldraxantes para a conciencia da humanidade; proclamouse, como a aspiración máis elevada da persoa, o advento dun mundo no que os seres humanos, liberados do temor e da miseria, disfruten da liberdade de palabra e da liberdade de crenzas;

Considerando esencial que os dereitos da persoa sexan protexidos por un ríxime de dereito, co fin de que a persoa non se vexa compelida ó supremo recurso da rebelión contra a tiranía e a opresión;

Considerando tamén esencial promover o desenvolvemento de relacións amigables entre as nacións;

Considerando que os pobos das Nacións Unidas reafirmaron na Carta a súa fe nos dereitos fundamentais da persoa, na dignidade e o valor do ser humano e na igualdade de dereitos de homes e mulleres, e declaráronse resoltos a promover o progreso social e a elevar o nivel de vida dentro dun concepto máis amplo de liberdade;

Considerando que os estados membros comprometíronse a asegurar, en cooperación coa Organización das Nacións Unidas, o respecto universal e efectivo ós dereitos e liberdades fundamentais da persoa; e

Considerando unha concepción común destes dereitos e liberdades ó da maior importancia para o pleno cumprimento de dito compromiso;

A Asemblea Xeral

proclama a presente

Declaración Universal dos Dereitos da Persoa como ideal común polo que tódolos pobos e nacións se deben esforzar, para que tanto os individuos coma as institucións, inspirándose constantemente nela, promovan, mediante o ensino e a educación, o respecto a estes dereitos e liberdades, e aseguren, por medidas progresivas de carácter nacional e internacional, o seu recoñecemento e aplicación universais e efectivos, tanto entre os pobos dos estados membros coma entre os dos territorios colocados
baixo a súa xurisdicción.

Artigo 1º.

Tódolos seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos e, dotados como están de razón e conciencia, díbense comportar fraternalmente uns cos outros.

Artigo 2º.

Toda persoa ten os dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración, sen distinción ningunha de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión política ou de calquera outra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición. Ademais, non se fará ningunha distinción baseado na condición política, xurídica ou internacional do país ou territoiro da xurisdicción do cal dependa unha persoa, tanto se se trata dun país independente coma dun territorio baixo administración fiduciaria, non autónomo ou sometido a calquera outra limitación de soberanía.

Artigo 3º.

Todo individuo ten dereito á vida, á liberdade e á seguridade da súa persoa.

Artigo 4º.

Ninguén estará sometido á escravitude nin a servidume; a escravitude e a trata de escravos está prohibida en tódalas súas maneiras.

Artigo 5º.

Ninguén será sometido a torturas nin a penas ou tratos crueis, inhumanos e aldraxantes.

Artigo 6º.

Todo ser humano ten dereito, en tódalas partes, ó reconecemento da súa persoalidade.

Artigo 7º.

Todos son iguais perante a lei e teñen, sen distinción, dereito á igual protección da lei. Todos teñen dereito á igual protección contra todo acto discriminatorio que infrinxa esta Declaración e contra toda provocación a tal acto.

Artigo 8º.

Toda persoa ten dereito a un recurso efectivo, perante os tribunais nacionais competentes, que a ampare contra os actos que violen os seus dereitos fundamentais recoñecidos pola constitución ou pola lei.

Artigo 9º.

Ninguén poderá ser arbitrariamente detido, preso nin desterrado.

Artigo 10º.

Toda persoa ten dereito, en condicións de plena igualdade, a ser oída publicamente e con xustiza por un tribunal independente e imparcial, para determinar os seus dereitos e obrigas ou para o exame de calquera acusación contra ela en materia penal.

Artigo 11º.

1. Toda persoa acusada de delicto ten o dereito a que se presuma a súa inocencia mentres non se probe a súa culpabilidade, conforme á lei e en xuízo público no que se lle asegurasen tódalas garantías precisas para a súa defensa.

2. Ninguén será condenado por actos ou omisións que no momento de se cometer non fosen delictivos segundo o dereito nacional ou internacional.

Tampouco se imporá pena máis grave que a aplicable no momento de cometer o delicto.

Artigo 12º.

Ninguén será obxecto de inxerencias arbitrarias na súa vida privada, a súa familia, o seu domicilio ou a súa correspondencia, nin de ataques á súa honra ou á súa reputación. Toda persoa ten dereito á protección da lei contra estas inxerencias ou ataques.

Artigo 13º.

1. Toda persoa ten dereito a circular libremente e a elixir a súa residencia no territorio dun estado.

2. Toda persoa ten dereito a saír de calquera país, incluso do propio, e a voltar ó seu país.

Artigo 14º.

1. En caso de persecución, toda persoa ten dereito a buscar asilo, e a disfrutar del, en calquera país.

2. Este dereito non poderá ser invocado contra unha acción xudicial realmente orixinada por delictos comúns ou por actos opostos ós propósitos e principios das Nacións Unidas.

Artigo 15º.

1. Toda persoa ten dereito a unha nacionalidade.

2. Ninguín será privado arbitrariamente da súa nacionalidade nin do dereito a cambiar de nacionalidade.

Artigo 16º.

1. Os homes e as mulleres, a partir da idade núbil, teñen dereito, sen ningunha restricción por motivos de raza, nacionalidade ou relixión, a casar e fundar unha familia; disfrutarán de iguais dereitos en canto ó matrimonio, durante o matrimonio e no caso de disolución do matrimonio.

2. Só mediante libre e pleno consentimento dos futuros cónxuxes se poderá contraer o matrimonio.

3. A familia é o elemento natural e fundamental da sociedade e ten dereito á protección da sociedade e do estado.

Artigo 17º.

1. Toda persoa ten dereito á propiedade, individual e colectivamente.

2. Ninguén será privado arbitrariamente da súa propiedade.

Artigo 18º.

Toda persoa ten dereito á liberdade de pensamento, de conciencia e de relixión; este dereito inclúe a liberdade de cambiar de relixión ou de crenza, así como a liberdade de manifestar a súa relixión ou a súa crenza, individual e colectivamente, tanto en público coma en privado, polo ensino, a práctica, o culto e a observancia.

Artigo 19º.

Todo individuo ten dereito á liberdade de opinión e de expresión; este dereito inclúe o de non ser molestado por mor das súas opinións, ou de investigar e recibir informacións e opinións e o de difundilas, sen limitación de fronteiras, por calquera medio de expresión.

Artigo 20º.

1. Toda persoa ten dereito á liberdade de reunión e de asociación pacíficas.

2. Ninguén poderá ser obrigado a pertencer a unha asociación.

Artigo 21º.

1. Toda persoa ten dereito a participar no goberno do seu país, directamente ou por medio de representantes libremente escollidos.

2. Toda persoa ten dereito de acceso, en condicións de igualdade, ás funcións públicas do seu país.

3. A vontade do pobo ó a base da autoridade do poder público; esta vontade expresarase mediante eleccións auténticas que se haberán de celebrar periodicamente, por sufraxio universal e igual e por voto secreto ou outro procedemento equivalente que garanta a liberdade de voto.

Artigo 22º.

Toda persoa, como membro da sociedade, ten dereito á seguridade social e a obter, mediante o esforzo nacional e a cooperación internacional, habida conta da organización e os recursos de cada estado, a satisfacción dos dereitos económicos, sociais e culturais indispensables á súa dignidade e ó libre desenvolvemento da súa personalidade.

Artigo 23º.

1. Toda persoa ten dereito ó traballo, á libre elección do seu traballo, a condicións equitativas e satisfactorias de traballo e á protección contra o desemprego.

2. Toda persoa ten dereito, sen ningunha discrminación, a igual salario por igual traballo.

3. Toda persoa que traballa ten dereito a unha remuneración equitativa e satisfactoria, que lle asegure, así como á súa familia, unha existencia conforme á dignidade humana e que será completada, en caso necesario, por calquera outro medio de protección social.

4. Toda persoa ten dereito a fundar sindicatos e a sindicarse para a defensa dos seus intereses.

Artigo 24º.

Toda persoa ten dereito ó descanso, ó gozo do tempo libre, a unha limitación razoable da duración do traballo e a vacacións periódicas pagadas.

Artigo 25º.

1. Toda persoa ten dereito a un nivel de vida axeitado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a alimentación, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servicios sociais precisos; ten tamén dereito ós seguros en caso de desemprego, enfermidade, invalidez, viúvez e vellez ou outros casos de perda dos seus medios de subsistencia por circunstancias independentes da súa vontade.

2. A maternidade e a infancia teñen dereito a coidados e asistencia especiais. Tódolos nenos e nenas, nacidos de matrimonio ou fóra do matrimonio, teñen dereito á mesma protección social.

Artigo 26º.

1. Toda persoa ten dereito á educación. A educación debe ser de balde, polo menos no que atinxe á instrucción elemental e fundamental. A instrucción elemental será obrigatoria. A instrucción técnica e profesional haberá de ser xeneralizada; o acceso ós estudios superiores será igual para todos, en función dos méritos respectivos.

2. A educación terá como obxectivo o pleno desenvolvemento da personalidade humana e o fortalecemento do respecto ós dereitos da persoa e ás liberdades fundamentais; favorecerá a comprensión, a tolerancia e a amizade entre as nacións e tódolos grupos étnicos ou relixiosos; promoverá o desenvolvemento das actividades das Nacións Unidas para o mantemento da paz.

3. Os pais teñen dereito preferente a escoller o tipo de educación que se haberá de dar ós seus fillos.

Artigo 27º.

1. Toda persoa ten dereito a tomar parte libremente na vida cultural da comunidade, a gozar das artes e a participar no progreso científico e nos beneficios que del resulten.

2. Toda persoa ten dereito á protección dos intereses morais e materiais que lle correspondan por razóns das produccións científicas, literarias ou artísticas das que sexa autor.

Artigo 28º.

Toda persoa ten dereito a que se estableza unha orde social e internacional na que os dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración se fagan plenamente efectivos.

Artigo 29º.

1. Toda persoa ten deberes respecto á comunidade, xa que só nela pode desenvolver libre e plenamente a súa personalidade.

2. No exercicio dos seus dereitos e no disfrute das súas liberdades, toda persoa estará soamente suxeita ás limitacións establecidas pola lei co único fin de asegurar o recoñecemento e o respecto dos dereitos e liberdades dos demais, e de satisfacer as xustas esixencias da moral, da orde pública e do benestar xeral nunha sociedade democrática.

3. Estes dereitos e liberdades non poderán ser, en ningún caso, exercidos en oposición ós propósitos e principios das Nacións Unidas.

Artigo 30º.

Nada na presente Declaración poderá ser interpretado no sentido de que confire algún dereito ó estado, a un grupo ou a unha persoa, para emprender e desenvolver actividades ou realizar actos tendentes á supresión de calquera dos dereitos e liberdades proclamadas nesta Declaración.

____________________________________

Versións en 375 idiomas na páxina web do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos

A nave das ideas

Hoxe, ás sete da tarde, preséntase o colectivo A nave das ideas que "nace coa vontade de unir, mediante redes, a visión do mundo imaxinada e conformada nesta beira do Atlántico cos remuíños e correntes de pensamento e cultura que circulan polo resto dos océanos."

Para a presentación desta nova asociación cultural en Vigo haberá un coloquio: "Pero... que raios é iso dos neofalantes?"

mércores, decembro 01, 2010

Manifesto por unha rede neutral

Os cidadáns e as empresas usuarias de Internet adheridas a este texto MANIFESTAMOS:

1. Que Internet é unha Rede Neutral por deseño, dende a súa creación até a súa actual implementación, na que a información flúe de maneira libre, sen discriminación ningunha, en función de orixe, destino, protocolo ou contido.

2. Que as empresas, emprendedores e usuarios de Internet puideron crear servizos e produtos nesa Rede Neutral sen necesidade de autorizacións nin acordos previos, dando lugar a unha barreira de entrada practicamente inexistente que permitiu a explosión creativa, de innovación e de servizos que define o estado da rede actual.

3. Que os usuarios, emprendedores e empresas de Internet puideron definir e ofrecer os seus servizos en condicións de igualdade, levando o concepto da libre competencia até extremos nunca antes coñecidos.

4. Que Internet é o vehículo de libre expresión, libre información e desenrolo social máis importante co que contan os cidadáns e empresas. A súa natureza non debe ser posta en risco baixo ningún concepto.

5. Que para posibilitar esa Rede Neutral as operadoras deben transportar paquetes de datos de maneira neutral, sen erixirse en "aduaneiros" do tráfico e sen favorecer ou prexudicar a uns contidos por riba doutros.

6. Que a xestión do tráfico en situacións puntuais e excepcionais de saturación das redes debe acometerse de xeito transparente, de acordo a criterios homoxéneos de interese público e non discriminatorios nin comerciais.

7. Que a dita restrición excepcional do tráfico por parte das operadoras non pode converterse nunha alternativa sostida á inversión de redes.

8. Que a dita Rede Neutral se ve ameazada por operadoras interesadas en chegar a acordos comerciais polos que se privilexie ou degrade o contido segundo a súa relación comercial coa operadora.

9. Que algúns operadores do mercado queren "redefinir" a Rede Neutral para manexala de acordo cos seus intereses, e esa pretensión debe ser evitada; a definición das regras fundamentais do funcionamento de Internet debe basearse no interese de quen a usan, non de quen as proven.

10. Que a resposta ante esta ameaza para a rede non pode ser a inacción: non facer nada equivale a permitir que intereses privados poidan de facto levar a cabo prácticas que afectan ás liberdades fundamentais dos cidadáns e a capacidade das empresas para competir en igualdade de condicións.

11. Que é preciso e urxente instar ao Goberno a protexer dun xeito claro e inequívoco a Rede Neutral, co fin de protexer o valor de Internet de cara ao desenrolo dunha economía máis produtiva, moderna, eficiente e libre de inxerencias e intromisións indebidas. Para iso é preciso que calquera moción que se aprobe vincule de xeito indisolúbel a definición de Rede Neutral no contido da futura lei que se promova, e non condicione a súa aplicación a cuestións que pouco teñen que ver con esta.

A Rede Neutral é un concepto claro e definido no ámbito académico, onde non suscita debate: os cidadáns e as empresas teñen moito dereito a que o tráfico de datos recibido ou xerado non sexa manipulado, terxiversado, impedido, desviado, priorizado ou retrasado en función do tipo de contido, do protocolo ou aplicación empregado, da orixe ou destino da comunicación nin de calquera outra consideración allea á da súa propia vontade. Ese tráfico tratarase como unha comunicación privada e exclusivamente baixo mandato xudicial poderá ser espiado, trazado, arquivado ou analizado no seu contido, como correspondencia privada que é en realidade.

Europa, e España en particular, atópanse no medio dunha crise económica tan importante que obrigará ao cambio radical do seu modelo produtivo e a un mellor aproveitamento da creatividade dos seus cidadáns. A Rede Neutral é crucial á hora de preservar un ecosistema que favoreza a competencia e innovación para a creación dos innumerábeis produtos e servizos que quedan por inventar e descubrir. A capacidade de traballar en rede, de xeito colaborativo, e en mercados conectados, afectará a todos os sectores e todas as empresas do noso país, o que converte a Internet nun factor clave actual e futuro no noso desenrolo económico e social, determinando en gran medida o nivel de competitividade do país. De aí a nosa profunda preocupación pola preservación da Rede Neutral.

Por todo iso instamos con urxencia ao Goberno español a ser proactivo no contexto europeo e a lexislar de xeito claro e inequívoco neste sentido.

Esta entrada é unha tradución do Manifiesto por una red neutral no blogue de Enrique Dans. Síntete libre de reproducir, traducir e compartir isto onde quixer.

Moitas grazas, xente de Mallando na e-ira