martes, xuño 10, 2014

Berrogüetto: Historia dun fracaso

"Hai que ver a cantidade de xente que acode aos enterros". Esta é a frase que escoito xusto antes de comezar o concerto de despedida de Berrogüetto.

__________________________________________________________________



Imaxe do final do concerto de Berrogüetto en Santiago de Compostela con todo o público ovacionando en pé (8-6-2014). Fotografía subida por Berrogüetto na súa páxina de facebook.

__________________________________________________________________


No concerto de despedida de Berrogüetto en Compostela o público estivo volcado co grupo incluso antes de comezar. Os aplausos sempre se converteron en ovacións. Antes de comezar produciuse a primeira, onde o grupo tivo que esperar a que o público deixara de aplaudir para comezar o concerto. Comezan e o micro de Xavier Díaz non funciona, paran de tocar para que vaia buscar outro micro e o público aplaude de novo. Aquí se resume todo o que ía acontecer durante as dúas seguintes horas. Ou mellor dito, nos últimos anos do grupo.

O concerto percorreu toda a discografía do grupo en sentido inverso, dende os últimos discos ata o primeiro, Navicularia, onde se incorporan as pandereteiras de Anubía Cantigas e Agarimos, e o primeiro violinista do grupo, Paco Juncal. Tamén é onde "desaparece" Xabier Díaz, no primeiro disco non había cantante en Berrogüetto. Tamén aparece o compañeiro de procesións de Anxo Lois nos primeiros anos de gaiteiro, e o concerto chega ao final ao momento con máis forza. E non debe ser casual, moitos pensamos que Navicularia foi o seu mellor disco, tamén o que máis forza contén, o que tira máis para saltar do asento. Berrogüetto debe ser consciente da preferencia do seu público e por iso remata como comezou. Tamén pode ser que recorran á nostalxia para darlle máis emoción ao momento. Tamén deixaron fluir moito máis a verborrea de Anxo Lois Pintos. Unha verborrea que non atura todo o mundo, pero que demostrou que só con comezar cun "Estadisticamente..." o público ría a gargalladas. Momentos de humor, de crítica, de puntos de vista diferentes, de realidade, ás veces máxica, que facían dos concertos de Berrogüetto algo máis que un momento de música. Momentos que foron recortando co paso dos anos.

Nun momento do concerto Xabier Díaz recoñécese como siareiro de Berrogüetto antes de entrar no grupo: "Sempre poderei dicir que toquei cos mellores, coa mellor banda folk do meu país". Ovación.

E é que o pensamento que se queda instalado en moitas cabezas é ¿como é posible que un grupo como Berrogüetto se desfaga? Son os mellores, abriron moitos camiños, axitaron para sempre o panorama folk, e non conseguen continuar, por que?

Non dan as contas, non pode manterse unha infraestrutura tan grande se non hai concertos. E non os hai.

Son moitos os motivos. A crise, sempre a crise, pero estes cinco concertos esgotan todas as entradas. E os discos e as camisetas voan ao final do concerto. A crise non o explica todo. O público, ese que ateigou os auditorios na xira de despedia, non acode a concertos. E iso que nunca houbo tanta xente nas clases de danza, de gaita, de pandeireta, por que esa xente non vai aos concertos? Tal vez estean acostumados aos concertos gratis e non pagan por eles, e como as institucións agora non programan concertos, os grupos quédanse sen público. Ah, entón o problema é que as institucións non programan concertos. Pero é que estamos en crise!

Cousas que ocorren (reais, sen ánimo de comparar, nen valorar, os espectáculos):
-Uf, cinco euros por un concerto de Mamá Cabra, que caro!
-Imos ver a Cantajuego (custa 25 euros, e non leva música en directo).

Nunha revista de Tempos Novos do ano 2005 lese o seguinte: Un mar de músicas na Galicia do século XXI. Ese é o noso reclamo de portada. Real como a vida mesma. O potencial de creatividade que está detrás de grupos, de compositores, de instrumentistas e de intérpretes dá pé a pensar, esta vez tamén, Galicia como en Irlanda. (...) Irlanda soubo facer da súa música un produto cultural de calidade á vez que unha industria. (...)

E aquí é onde, ao meu criterio, se atopa o grande fracaso. Non hai industria cultural, non hai produto, tan só hai grupos que ofrecen a súa música como poden (cando poden), e hai un público que non é consciente de que a música é un ben cultural, de un público que non valora a súa propia cultura. Todo isto é mercado, industria cultural. De pouco serve organizar festivais, ou concertos, subvencionados (que ten que habelos), se non se fai nada por crear tecido cultural. Aínda moito máis grave é cando existe un referente claro como o de Irlanda. É posible que facer o mesmo que en Irlanda non tería os mesmos resultados, que aquí habería outras condicións, outras características, pero é que nin sequera se tentou copiar.

A realidade é que é moi difícil para os grupos tocar fóra de Galicia. Incluso para os grupos do norte é difícil tocar no sur de Galicia, e viceversa. Berrogüetto, que conseguiu proxección internacional, non é quen de conseguir concertos dentro e/ou fóra de Galicia, non é quen de ir tocar a outras autonomías españolas. E ao revés tampouco ocorre, que se coñece aquí da música cántabra, ou murciana, ou catalana?

É innegable a riqueza cultural, musical, creativa que vive neste país, que parece condanada a chocar cun grande muro, non sei se social, se institucional, se industrial. E que facemos? Teremos que resignarnos a que a nosa cultura sexa desenvolvida, cultivada, creada, por xentes que non poden vivir dela?

Vaise Berrogüetto. Ata sempre! Gozamos moito (e seguiremos gozando, aínda que en lata) da vosa música. De seguro que cada un de vos seguiredes noutros proxectos, interesantes, emocionantes. É unha mágoa non poder despedirse tamén de Guadi, pero estivo presente, todos o sabemos. Até já! Anxo, Quico, Quim, Santiago, Isaac, Guillerme, Xabier.

____________________________________________________________________

Publicado en GZMúsica.
____________________________________________________________________