xoves, abril 14, 2011

Autobiografía en debuxos

Andaba eu coa idea ás voltas de tratar de identificar cal é o elemento diferenciador entre a banda deseñada de cando eramos pequenos e a que agora nos parece interesante, mais non atopaba por onde comezar a procurar. É difícil establecer estas cuestións dende o simple punto de vista dun lector recentemente recuperado para isto do cómic. O concepto de "cómic para adultos" ten unhas connotacións que se identifican rapidamente co erótico e o pornográfico e non é precisamente o tema do que quería falar. Mais xa nos daba unha pista por onde podía ir a diferenza. O medio é o mesmo, o que cambia é o tema do que se fala.

Creo que foi nun club de lectura virtual onde se acendeu unha pequena luz: a realidade. Ou sexa, que o que se conta é realidade ou a crónica, ou a crítica, da realidade.

Comecei entón a pensar nos temas que se trataban nos cómics de referencia, e trataba de comparalos cos cómics que lía de pequeno e os que leo agora. A primeira cousa da que me din conta é que non podo dicir que deixei de ler o que lía de pequeno, ou polo menos non podo dicir que non o lería, aínda que estou seguro que lecturas ben interesantes agora mesmo non as entendería ou me aborrecerían de neno.

A procura seguiu por internet en webs e blogs especialistas, procurando en libros que falan sobre o cómic como a revista Boletín Galego de Literatura. Olladas do cómic ibérico ou o libro La novela gráfica onde se di: “Cal é o camiño que leva de Popeye a Maus? Como pasamos de Mortadelo a Arrugas?”. Parece que aquí está a posible solución á miña pregunta.

Sen embargo, na procura volveu caer nas miñas mans un pequeno libro que nos pode ir guiando neste camiño, ademais de que nos serve para falar dos títulos máis interesantes do universo do cómic. Este pequeno libro é Egoístas, egocéntricos y exhibicionistas. La autobiografía en el cómic, una aproximación. Este libro fai un repaso sobre os cómics que usan a autobiografía para contar a historia que tratan.

É sorprendente como moitos cómics autobiográficos aparecen en numerosas listas como imprescindibles ou como exemplo do “novo cómic”, todas elas nomeadas como “novelas gráficas”. Non entraremos agora na etiqueta de novela gráfica e se realmente é un tipo de cómic ou se simplemente é unha maneira de visualizar a banda deseñada como algo culto ou interesante. Ese será outro debate.

Facemos unha pequena escolla sobre títulos autobiográficos vendo como moitos deles son títulos de éxito e de referencia na banda deseñada, tendo en conta que moitos destes títulos non son autobiografías en sentido estrito, pero que sempre son historias contadas dende os ollos do propio autor que tamén aparece no libro.

O cómic que sempre se pon como exemplo da chegada á madurez da banda deseñada é Maus, de Art Spiegelman , do que sempre se resalta que é o único que ten o premio Pulitzer. O autor conta a historia do seu pai, Vladek, como supervivente do campo de concentración de Auschwitz, como chegou alí e as repercusións na súa vida. A narración desenvólvese dende a actualidade onde o pai lle conta toda a historia ao seu fillo abordando tamén a difícil relación entre os dous. Spiegelman debuxa aos personaxes en función da súa orixe con distintos animais onde os xudeus son ratos, os alemáns, gatos, os poloneses son porcos, os ingleses son peixes, os franceses, ras, e os estadounidenses son cans, facendo por unha banda unha metáfora entre o comportamento de cada pobo e por outra consegue un afastamento obxectivo da historia. Neste caso a autobiografía céntrase máis na figura do pai, aínda que tamén aparece el mesmo, para contar unha historia persoal que se usa para narrar a de todo un colectivo.

Outro exemplo de que a historia transcende máis alá da vivencia persoal para explicar toda unha situación social é Paracuellos, considerada a obra máis destacada de Carlos Giménez. Paracuellos conta a vida dos nenos que vivían nos fogares de auxilio social na posguerra franquista, orfanatos onde acababan os desamparados causados pola guerra civil. Relátanse as historias que viviu o propio autor e os seus compañeiros. Un relato duro e tenro ao mesmo tempo onde se pasa continuamente do cabreo ao sorriso nas situacións vividas dende a infancia. Denuncia social en primeira persoa do absurdo da guerra e da inxustiza contra a infancia que debera ser un libro referencial da historia recente.

Nesta pequena lista de cómics históricos non se pode quedar fóra El arte de volar, de Antonio Altarriba e Kim, onde se fala da vida de Antonio Altarriba pai. Esta historia comeza co suicidio de Antonio no ano 2001 cando vivía nunha residencia de anciáns. Na caída vanse contando todas as etapas da súa vida, dende a 2ª república, pasando pola guerra civil, a 2ª guerra mundial, a ditadura franquista e a última parte en democracia na residencia de anciáns. Un percorrido pola historia recente dende os ollos dun personaxe que sempre foi empurrado polas circunstancias. Considerado por algúns un dos libros máis importantes publicados na última década.

Will Eisner, quen creou a etiqueta de “novela gráfica” para tentar que a banda deseñada fose considerada para público adulto no Contrato con Dios, tamén recorreu a contar a súa propia vida. Na obra El soñador, Eisner recolle momentos da súa vida para contar as historias dun novo debuxante no inicio da industria do comic-book, un soñador que cre posible poder vivir da banda deseñada. Non é exactamente unha autobiografía, mais recolle moitas das vivencias do propio Eisner nos seus inicios.

No recente Notas al pie de Gaza, Joe Sacco volve a Palestina durante a segunda intifada para investigar a matanza de Yan Junis en 1956 que é o que nos conta a modo de reportaxe periodístico neste cómic. O cómic que lle deu fama a Joe Sacco é precisamente Palestina, onde se conta en primeira persoa a viaxe que fixo nos anos 1991 e 1992 durante a primeira intifada. Relatado coma un diario de viaxe vai facendo un percorrido polos testemuños da xente que coñeceu, polas situacións que viviu, póndonos diante da tristura, da desesperación e, sobre todo, da frustración dos que alí viven, nos que aínda se pode atopar un chisco de esperanza. Unha visión no lugar en primeira persoa para dar a coñecer outras vidas.

Unha visión de lugares afastados e descoñecidos tamén a ofrece Guy Delisle nos seus libros Shenzhen e Pyongyang, nas viaxes que ten que facer por causa do seu traballo de dirección de animación, cóntanos as súas vivencias dende o punto de vista dun occidental que ten que vivir cos malentendidos producidos polo choque doutras culturas e as situacións inentendibles nos sistemas ditatoriais e moi pechados. En Shenzhen abundan máis os malentendidos coa pouca xente coa que ten contacto mentres que en Pyongyang céntrase nos absurdos que se producen na ditadura máis pechada do mundo.

Marjane Satrapi naceu en Irán no ano 1969. Estudou no liceo francés ata que foron prohibidos polo réxime islamita que xurdiu despois da revolución de 1979 en contra do Shá. Aínda que a súa familia eran partidarios da revolución, viviron dolorosamente o recorte de liberdades individuais, a represión, a imposición do veo feminino, a guerra contra Irak, todos os problemas de tratar de seguir unha vida laica a pesares dos “gardiáns da revolución”. Todo o acontecido nestes anos é o que Satrapi conta en Persépolis, unha narración da súa propia vida que volve ser a historia de todo un país. Tamén en Bordados tira da súa memoria para contarnos a os pensamentos, as inquedanzas, as vivencias das mulleres iranianas, onde se fala de todo, sexo, matrimonio, infidelidades, inxustizas. Un retrato da situación da muller en oriente medio a través das lembranzas das reunións das mulleres da familia da nena Marjane.

Dende a banda deseñada poden contarse todo tipo de temas. Neste caso Frederik Peeters achéganos ao mundo da SIDA, enfermidade tan temida como descoñecida. En Píldoras azules cóntase a historia de amor entre Peeters e unha muller afectada polo VIH. Relata a súa vida cotiá con ela e co seu fillo, tamén afectado polo virus, dende os sentimentos onde aparecen as dúbidas, os medos, as preocupacións, sen tratar en ningún momento de recrearse nun drama que non existe. Asomarse a esta historia é entender que se pode vivir con esta enfermidade como calquera outra, é romper prexuízos sen pretender en ningún momento deixar pouso de moralidade nin tratar de facer pedagoxía sobre o tema. Vemos na historia do cómic unha vida de completa normalidade onde a enfermidade, o medo, a incomodidade, forma parte da mesma vida dos risos, da complicidade, do amor. O descoñecemento da enfermidade fai que se rompan moitas miradas preestablecidas e, coa axuda do médico, se vaia cara unha vida completamente normal, incluíndo sorprendentemente a faceta sexual. Un libro que se recomenda en moitas ocasións como material didáctico. Neste caso, a primeira persoa da narración fai que se achegue moito mellor ao lector a unha historia aparentemente moi allea.

Un dos títulos de maior éxito nos últimos tempos é María y yo, de Miguel Gallardo. “María ten doce anos, un sorriso contaxioso, un sentido do humor especial e ten autismo”, nada mellor que as propias palabras do libro para explicar de que vai. Ao igual que en Píldoras azules, non se trata de facer un método sobre a enfermidade, se non contar as propias vivencias tal e como se senten. A relación entre pai e filla e o resto do mundo é o que aparece nese libro. As reaccións do resto das persoas, as olladas desconfiadas, a ignorancia sobre o distinto, todo isto cáese polo seu propio peso cando se relatan as características dunha persoa e a súa forma de estar no mundo.

Philipe Dupuy e Charles Berberian son os creadores de El señor Jean, unha serie de éxito onde se contan as vivencias dun curioso personaxe. Ao mesmo tempo que realizaban o volume número 3,  Las mujeres y los niños primero, foron contando as súas peripecias tanto das súas vidas como da creación do cómic e as dificultades coas que se atoparon en Diario de un álbum, un proxecto sen complexos e procurando a sinceridade dos seus puntos de vista. Un libro perfecto para saber en que pensan os autores cando se enfrontan á creación dunha historia.

Aurélia Aurita atrévese a contar sen censura, con total liberdade e explicitamente a súa relación sexual co tamén autor de banda deseñada Frédéric Boilet en Fresa y chocolate e Fresa y chocolate 2. A través dos seus pensamentos vai mostrándonos as súas dúbidas, as súas curiosidades, as ganas de experimentación sobre unha vida sexual sen límites preestablecidos onde o xogo o inunda todo. Un punto de vista feminino para achegarse ao sexo sen prexuízos fai deste libro unha lectura fresca e picante.

En Pobre cabrón Joe Matt leva a autobiografía ata extremos límite onde non hai censura en ningún pensamento. A vida miserable e patética aparece aquí con total impunidade sen marxe para a escusa nunha historia na que calquera que pase pola vida de Matt pode aparecer retratado. As dúbidas coa súa moza, o desexo pola moza do seu amigo, a afección pola pornografía, a avareza, o egoísmo aparecen mostrando os complexos e os medos dun tipo que non ten vergoña para facer da súa vida un relato. Relatos que tal vez axuden a levar mellor as propias miserias do lector.

Hai máis títulos e máis autores que fan uso de elementos autobiográficos para realizar as súas historias, que se mostran a si mesmos como medio de transmisión narrativa. Quedarán para outras lecturas, outras recomendacións.

Esta “moda” polas autobiografías habería que entendela dentro do proceso de creación da banda deseñada. A autoría consciente que non existía por estar orientada nun proceso industrial destinado a un público infantil e xuvenil sen poder decidir en ningún elemento do procedemento, que cambia cando se procuran novos camiños a través do cuestionamento da propia industria. Neste momento, a principios dos 70, é cando se procuran historias máis acordes cun público que non ten porque ser necesariamente infantil ou xuvenil, entra a necesidade de contar as propias preocupacións. Desta forma a autobiografía colle forza como elemento para a creación de historias. Esta sería unha maneira de facer entrar a realidade pura e dura na banda deseñada, aínda que non a única, que provoca unha sintonización directa co lector chegando a lugares que antes eran impensables. Esta relación coa realidade tamén inflúe na ficción establecendo unha vía de “novos” temas a traballar e desenvolver que antes eran impensables.

Só me queda por dicir que en todo este camiño hai un personaxe que estivo petando na miña cabeciña e non é outro que Mafalda, que aínda que tamén aparece neste momento da historia onde se procura un cambio no modelo industrial a todos os niveis, conleva unha reflexión sobre as tiras cómicas dos periódicos onde se tratan temas directamente da realidade. O punto de mira hai que polo nas historias máis longas e desenvolvidas, no relato dunha banda deseñada entendida coma unha narración completa, onde o que imperaba eran os relatos de puro entretemento e aventuras para un obxectivo de público de pouca idade. O punto de inflexión está no acompañamento do público lector de cómics segundo vai crecendo que fai necesario unha industria e un punto de vista diferente.

Boa lectura!

Licenza de Creative Commons Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-CompartirIgual 3.0 Unported de Creative Commons
___________________________________________________________

Publicado no Caderno Redelibros. ISSN 2173-1977