domingo, decembro 31, 2006

03. Chegando a Galiza


Este é un programa feito xa. É o programa de músicas que fixeron Mercedes Prieto e Serxio Cobos para o Curso de bailes galegos e danzas europeas que impartiron na fin de semana do 18 e 19 de Novembro na Escola de Folklore Plaza de Castilla.

Mercedes leva uns cantos anos entre Lisboa e Évora, estudiando e impartindo 'aulas' sobre as danzas europeas. É unha das organizadoras de tódolos Andanças dende a asociación PédeXumbo.

Serxio é un bailador tremendo que leva moitos anos da súa vida percorrendo kilómetros e kilómetros na procura de bailes e músicas que xa só conservan as persoas maiores, o suficientemente maiores que aínda lembran como se tocaba e bailaba antes. Coñece o mapa de Galiza como se fose a palma da súa man. E sabe distinguir perfectamente o xiro característico de cada pobo, de cada parroquia. É tamén músico. E como non, é membro de Trebón. Baile tradicional contemporáneo, así o definiron varias persoas que acudiron ao curso.

Fixeron un percorrido por danzas europeas que chegaron a Galiza e se quedaron e modificaron e adaptaron á forma de danzar galega. Son quince temas para bailar, por iso o grupo que 'toca' é secundario, o que importa é a danza. Non hai tampouco tema para adiviñar. E a 'sintonía' vouna deixar aparcada por unha vez. Quince bailes... bailen vostedes, por favor!

1. SCOTTISCH – Fomp

2. CHOTE DE LEIRADO - Chouteira

O Scottisch é unha danza de ritmo binario que se baila en parella. Espallouse por toda Europa de forma que existen múltiples variantes deste baile.

Sóese bailar con dos pasos de polca un para cada lado e catro pasos onde se fan diversos debuxos.

En galicia ten unha parte solta e outra agarrada. A agarrada non é máis que un paso de polka. E cando se volve á parte solta, cámbiase de parella.

Unha variante moi 'famosa' é a variante do Chotis Madrileño, onde se baila en parella coa muller bailando arredor do home que xira sobre o seu propio eixo.

3. SUITE DE POLKAS – Uxu Kalhus

4. DANZA DE RAMÓN – Matoufet

5. DANZA DE CERDEIRA - Leilía

A Polca sempré será a polca. Un, dous, tres, hop... e para o outro lado... un, dous, tres, hop... Ritmo binario de sobra coñecido por todo o mundo.

A danza de Ramón é unha pequena variante da polca na que unha fila de homes e outra de mulleres van facendo o paso base mentras a fila de homes trata de porse diante da de mulleres. Chegado a un punto, as filas únense liberándose a gritos para bailar coa parella que se quere ou a que che toca, ou a que queda... e a bailar a polca normaliña... Despois vólvese ás filas e outra vez...

En Galiza, á polca chámaselle Danza. Aínda que tamén noutros lugares se lle chama danza á rumba.

6. VALSEIRO (Vals/mazurca) – Berrogüetto

7. VALSE – Violia

8. ROSENDO EN SABAXANS: Dous Pasos - Berrogüetto

9. VALS MESTERIEUSE – Zef

Un, dous, tres, Un, dous, tres... O valse. Aquí pasamos do ritmo binario ao ternario. O valse é igual en tódolos lugares do mundo.

En Galiza añádense uns cuantos pasos que se utilizan na jota. Non chegan a soltarse pero debúxase cos pes algúns dos debuxos da jota.

A mazurka é un baile de tres tempos, pero que se pensa en seis. É difícil de bailar, e canto mellor se baila máis debuxos aparecen coa parella moi compenetrada. É tamén moi dada para 'ver' bailar (a min, polo menos, hipnotízame).

Dous pasos é o nome que recibe en Galiza, e é exactamente iso. Un dous, un dous... O terceiro tempo é de pausa. Poderíamos dicir que é un, dous, hop... pero sen o hop.

10. JOTA PARA NEREA – Violia

11. JOTA DA GHEADA – Berrogüetto

O baile por excelencia a tres tempos 3/4 en Galiza é a xota. A jota pódese considerar o baile español. Case hai unha variedade de jota por cada comunidade autónoma. Os pasos son moi semellantes en todas elas.

O máis característico da xota é que, ao igual que a muiñeira, é un baile improvisado. O guía vai indicando que 'punto' había que facer en cada momento. Aínda que co tempo todo o mundo coñecía os diferentes puntos que se facían, non sabían cal ía en cada momento. Entre punto e punto hai un paseo, onde se fai un paso base (facendo xirar o círculo ou non) para ir pensando no seguinte punto.

Aquí foi onde Serxio nos explicou que cada punto está feito de pequenas partes que se poden separar e unir segundo a creatividade do bailador.

En xeral, fórmanse dúas filas, unha de homes e outra de mulleres. Cada un baila coa súa parella pero tamén en grupo. Basicamente as figuras de grupo son filas e círculos, que se poden desplazar ao gusto dos bailaríns.

12. EVENING GLORY: Vals 5t - Naragonia

13. VALS 8T - QUERX

Para rematar cos tres tempos do valse, tamén bailamos valses 'coxos' a 5 e 8 tempos. Son coxos porque chega un momento no que 'falta' un tempo. Son moi divertidos de bailar.

14. MUIÑEIRA

15. MUIÑEIRA E PASODOBLE - Violia

E para rematar, como non, a muiñeira. O paso base támén ten tres tempos, pero son máis rápidos. A muiñeira é un baile a dous tempos nos que cada un ten tres: Un 6/8.

Segue o mesmo esquema que a xota explicada antes, exactamente o mesmo, só que a ritmo de muiñeira.Os puntos pódense transformar para que sexan de muiñeira ou de xota (incluso se leva algún a outro tipo de bailes).

_______________________

En xeral, tódalas danzas se acollen en Galiza. Esta foi só unha mostra de como algúnhas danzas de Europa chegaron a Galiza e se transformaron para facelas propias. Hai unha tendenza a separar os bailes. A facer os bailes agarrados en soltos.

Aínda que o agarrado non se despreza. Unha boa mostra é o último tema onde se pasa de bailar unha muiñeira a bailar un pasodobre sen que exista ningunha pausa.

O pasodobre bailámolo sen que houbera ningunha explicación. Era necesaria acaso?

Foi un pracer. A Merchi xa a coñecía, unha bailarina estupenda e moi boa didacta. Serxio sorprendeume moitísimo. Desfixo bastantes preguntas que andaban na miña cabeza sen que eu mesmo o soubera.

Falando con eles, saiu o tema da publicación de libros que falaran de todo o folklore que se está a recoller. Na música aínda se vai publicando, pero nos ritmos de percusión (pandeireta, pandeira...), nos cantos das pandereteiras e nos bailes non hai ningunha referencia. Eu animeinos a que se poñan a escribir. O maior problema co que se atopan é o da nomenclatura. Realmente é o maior problema pois non hai maneira de explicar como se baila se non é bailando. Mais é un problema que se da porque aínda non se escribiu nada. Hai que porse, ánimo!

Eu andaba preocupado porque se estivera perdendo moita música, moito baile, moito cante... pero vendo que hai xente que sabe tantísimo de cada pequena parte do territorio galego, estou máis tranquilo. Pero é urxente publicar, para que outra xente poida criticar, pero sobre todo corrixir, ampliar...

______________________________________________________

Este é un programa especial. O último e o primeiro dos anos 2006 e 2007. É case unha homenaxe a min mesmo, que poderei bailar e rebailar nos seráns que hai cada pouco e por en práctica este programa.

Non hai tema que adiviñar, tan só hai que danzar.

E como non sei como me poderei conectar, pois non sei cando será o próximo programa. Sei que haberá máis, pero non sei cando. Así que tede paciencia.








Serán en Pontecaldelas
25-10-03
Vídeo cortesía do Tear de Llerena

Vídeo recollido de Ghastas Pista

martes, novembro 21, 2006

02. Outono


Estamos no outono, tempo de castañas.

Tempo de paseos, e entre paseo e paseo irán os comentarios dos temas...


Antes de nada, o tema de propina do programa anterior, do que ninguén dixo nada, era Pjotr Leschenko. Un ruso que cantaba tangos alá polos anos 30.


01. Carlos Núñez - Bolero (de Maurice Ravel)

O último disco de Carlos Núñez non aparece na súa propia páxina web. É un disco que só foi publicado en Francia, e suponse que se publicará en España en pouco tempo. Non é de extrañar que sexa así, pois no país galo trátanno moi ben, e aquí recibe críticas por todos lados.
É indiscutible que é un moi bó músico, incríbel, virtuoso. Tal vez sexa isto o que incite tantas envexas. Pola miña banda hai cousas que me gustan e cousas que non. Gústame como toca, non me gustan bastantes cousas que toca. Dende o disco de Mayo longo decidín non mercar máis discos de Carlos Núñez, e despois caíron os seguintes. Non hai remedio.
O seu último disco, Cinema do mar, gústame moito. Sorpréndeme porque me gusta máis do que debería. Simplemente gústame. Está cheo de bandas sonoras, que nunca se imaxinaran en gaita.
Este Bolero de Ravel é o que me encandila por riba do resto dos demáis temas... aínda que se me queda curto, como se o corpo pedira unha voltiña máis polo menos.

02. Richard Bona - Bisso Baba

O africano que canta para dentro, o africano íntimo... Que máis podo dicir?




03. Rubén González Jr. - Pianismo
Este Rubén González é fillo do outro. Para o meu gusto prefiro ao señor don Rubén González, ou sexa, ao pai. Do disco de Mulatas Mágicas escollo o tema de só piano. É o que máis me convence. Será porque tal vez me recorde nalgún pasaxe (esas longas e tremendas secuencias que percorren todo o piano) ao que tanto escoitei e escoito.

04. Mayte Martín - Vidalita

Unha grande cantante de flamenco que non vai, polo menos en apariencia, de flamenca, se non de cantante, sobre todo. Que maneira de cantar, que maneira de transmitir!
Dise por aí que Tete Montoliú ofreceulle gravar un disco nada máis a escoitou cantar.
Unha voz con moita personalidade, que gusta aínda que non guste o flamenco.

05. Jacques Loussier Trio - Toccata & Fugue in D minor (BWV 565)
Este pianista, amante de Bach, reinterpreta a música clásica a ritmo de jazz. Atopou o seu filón e parece que vai facer jazz de toda a música clásica.
Escollo o famosísimo tema de Bach, porque está moi ben levado, de súpeto estase dentro do jazz non se sabe como se entrou...
E que estaría tocando Bach se vivise agora? Hai quen interpreta a Bach ao pé da letra (estaría mellor dito ao pé da nota), e resulta que o propio Bach improvisaba sobre os seus propios temas... Toda a música occidental está basada no sistema temperado que el desenrolou, non é casual que sone ten ben, tóquese como se toque.

06. Son de la frontera - Bulería negra del Gastor

Realmente impresionante este disco deste grupo que xurdiu da banda de acompañamento da grandísima Martirio (da que xa está tardando en aparecer algún tema por aquí). O grupo, está formado polo músico e antropólogo Raúl Rodríguez (que non o di, pero é o fillo da Martirio :-) ), o guitarrista Paco de Amparo, o 'bailaor' Pepe Torres, o 'cantaor' Moi de Morón e o palmeiro Manuel Flores.

Xa teñen outro disco no mercado que haberá que escoitar.

07. Los Tamara - A Santiago voy

Non me resisto a colgar aquí o vídeo dos Tamara. Non é só para escoitar, é para velo!!!
Canción en castelán e coros en galego... máis de un pode sacar máis dunha metáfora... a min, simplemente encántame, non podo facer outra cousa que escoitala e escoitala... e escoitala...

A mensaxe está clara. Vaille que nin pintado este tema para o arbondiguina. Vai por ti.

08. Soig Siberil - O maio/Xota para Ourense

Soig Siberil. Dende a Bretaña francesa sempre houbo moito interese pola música galega. Tal vez sexa polo parecido tan asombroso polas paisaxes galegas e bretonas. Tal vez sexa polo parecido das músicas.

Este tema tráeme moitas lembranzas. Estaba nun k7 que me grabou un moi amigo músico con varias músicas folk.

O maio é un tema tradicional que pola aquela época cantaba Muxicas (grupo que desgraciadamente xa se desfixo) e di así:

Maio, maio
Entra de crego
Non revolva-lo tempo xurando
Maio, Maio
da cruz da Mariña

Bótennolo Maio señores caballeros
Si non teñen Maios pois botennos diñeiro.
Ahí ven o Maio pola calle do Sol
Ahí ven o Maio de roubar ó Valledor

Ahí ven o Maio pola calle do medio
Ahí ven o Maio de roubar ó velo-velo
Ahí ven o Maio pola calle de abaixo
Ahí ven o Maio de roubar ó Tirabaixo

Ahí ven o Maio por enriba das silveiras
Ahí ven o Maio de roubar ás costureiras
Ahí ven o Maio pola calle darriba
Ahí ven o Maio de roubar a Maravilla.


A xota para Ourense é unxa xota de composición de Iván Costa para gaita.

A desfrutar!

09. Adriana Partimpim - Lig lig lig lé

Adriana Partimpim é o disco para nenos de Adriana Calcanhotto.

Música brasileira da boa e da fresquiña. Moi recomendables tódolos seus discos.

Tamén se pode ver algún vídeo.

10. Rachelle Ferrell - Autumn leaves

Tema moi clásico e moi versionado, o autumn leaves é un deses temas que nunca se cansa un de escoitar.

A versión desta prodixiosa voz é moi especial. Está extraída do disco First instrument, que aparece na colección da Blue Note que apareceu nos kioskos hais una aniños.

11. Renato Carosone - Piccolissima serenata

Sinxelamente xenial!

Moitas das cancións de Renato Carosone non sabían que eran del.

E como estou cantarín e para que poidades cantar a Piccolissima aí vai a letra:

PICCOLISSIMA SERENATA
(Gianni Ferrio / Antonio Amurri) (1957)

Mi farò prestare un soldino di sole
perchè regalare lo voglio a te…
Lo potrai posare sui biondi capelli:
quella nube d'oro accarezzerò...

Questa piccolissima serenata
con un fìl di voce si può cantar…
Ogni innamorato all'innamorata
la sussurrerà, la sussurrerà…

Mi farò prestare un soldino di mare
perchè regalare lo voglio a te...
Lo potrai posare sugli occhi tuoi belli
nel tuo sguardo azzurro mi tufferò...

Questa piccolissima serenata
con un fìl di voce si può cantar…
Ogni innamorato all'innamorata
la sussurrerà, la sussurrerà…

Mi farò prestare un soldino di cielo
perchè regalare lo voglio a te…
Lo potrai posare sul bianco tuo velo:
quando sull'altare ti porterò…

Questa piccolissima serenata
con un fil di voce si può cantar…
Ogni innamorato all'innamorata
la sussurrerà, la sussurrerà…


12. Gonzales - Oregano

Gonzales é un pianista canadiense afincado en Berlín, que neste caso gravou un disco (Piano Solo) dedicado a Erik Satie, que xa sabedes que me gusta moito.

Orégano... que rico!


13. Este tema déixoo para que o adiviñedes, o procuredes, para que me digades que é e quen é.

martes, setembro 05, 2006

01. De bailes



A danza e a música van ás veces tan ligadas que non se sabe onde comeza unha e onde remata a outra.

A música lévate a danzar e non hai danza sen música.

Bailas?

01. Marful - Tango sen paz

Sácome a espiniña de por o único tema instrumental do disco de Marful: Un tango.

No espectáculo levan unha parella de homes bailando o tango. Polo visto bailábase desta maneira.

02. Querx - Hirondelle (Nuits de danse)

Este grupo alemán é un trío que utiliza os instrumentos reis nas danzas europeas: acordeón (cromático de botóns), violín e contrabaixo.

Estas danzas europeas pódense bailar e aprendelas cada vez en máis lugares. Os cursos multiplícanse. Mais, sobre todo, é nos festivais onde hai a oportunidade de aprender todo tipo de danzas europeas: Andanças, Entrudanças (en Portugal), Danzas sin fronteras (en España)... e seguirá habendo...

Nos enlaces destes festivais hai máis información sobre máis festivais e cursos.

Este tema é un valse de oito tempos. É dos chamados valses coxos, porque non completa os tres tempos sempre.

03. Dites 34 - Tartifume (3=5)

Dites 34 é o novo proxecto de Pascal Seixas, o contrabaixista do grupo. Este contrabaixista xa tocaba en Minuit Guibolles outro dos grupos que aparecen nos festivais de danzas europeas.

O tema é un bourrée de dous tempos. Supoño que iso significará que existen bourrées con outras medidas, pero agora mesmo non o sei. Será cuestión de investigar.

04. Krino Palancko Horo (Danzas de macedonia)

Existen ritmos endiañados que case son imposibles de escoitar tan sequera, sen embargo na Macedonia teñen amalgamas coas que bailan.

Propoño o xogo de buscar cal é o ritmo desta peza. Alguén se atreve?

05. La Musgaña - Sal a bailar mocita (Las seis tentaciones)

La Musgaña é un dos grupos de referencia da música de castela. Andan de homenaxe en homenaxe a Quique Almendros. Gran persoa, gran músico!!!! As axudas en forma de homenaxes, concertos, discos, camisetas... non abondan.

Escollo este tema por ter Quique moita presencia e porque invita a bailar a unha 'mocita'.

06. Zef - Mazurka de la beluse

A mazurka é unha danza das máis hipnóticas. Ten que estar moi ben bailala, mais só con escoitala e ver como a baila unha parella, concentrada no seu propio movemento, xa é un gusto. Hai quen as considera moi sensuais.

07. Uxu Kalhus - Regadinho (A revolta dos badalos)

Os Chocalhos, ou a súa variante sonora Uxu Kalhus, acaban de sacar un disco, 'A revolta dos badalos'. Este grupo foise consolidando a través dos anos gracias ao festival Andanças. Festival que provoca a creación de grupos novos, a mestura de músicos portugueses con franceses, belgas, alemáns...

No país veciño existen moitas iniciativas de músicas do mundo, tradicionais, de danzas do mundo. Aí están os portais de At-tambur, Pédexumbo,etc...

O regadinho é unha danza tradicional. Uxu Kalhus non se limita a tocar os temas tradicionais, se non que os actualizan, fannos propios. O grupo está pensado para danzar mentras tocan enriba do escenario, polo que van dando indicacións aos bailaríns de como vai a danza.

08. Eduardo Paniagua/Jorge Rozemblum - Danzas de los novios (Klezmer Sefardí)

As bodas, os bautismos, os enterros, os acontecementos principais da vida de calquera ser humano son acompañados de grandes celebracións en moitos lugares do mundo. As celebracións conlevan manifestacións musicais que son as que van conformando as músicas de cada cultura.

Os xudeus celebran as bodas dunha maneira moi especial. Aí vai un tema de boda.

Este tema forma parte do disco Klezmer Sefardí, que son as principais músicas dos xudeus ashkenazy e sefardis. Os primeiros teñen principalmente música instrumental, e os segundos principalmente música cantada.

Todo un mundo para coñecer.

09. Mala herva - Luns Xota/Valse

Mala herva é un trío. Sérxio ao acordeón, Juanma ao violín e Cayetano á zanfona. Que eu saiba aínda non teñen disco gravado.

Ao final puxen este valse desbotando toda unha lista deles que me transportan. Non sei que teñen os valses que todos me gustan. Debe ser esa mestura de ritmo ternario que te move dun lado a outro coma flotando entre dous puntos. E aí están tódolos ritmos: o de dous e o de tres... o resto son combinacións destes dous ritmos. Son os ritmos básicos, os esenciais.

10. La Moresca - Santa Paulu meu (Senza Cchiu Terra)

Italia ten unha diversidade cultural e musical abraiante. Ainda a teño por descubrir.

Quizáis o máis coñecido da música italiana sexan os ritmos rápidos e alegres, como este que deixo aquí, sacado do disco Senza Cchiu Terra.

11. Roza Bancheva - Horo élén táncol Angelina (Jana-Janica)

Os ritmos amalgamados, os que mesturan varios ritmos, son maioria na música búlgara. Este tema é un 7/8. Un, dous. Un, dous. Un, dous, tres. O 'Un' é o tempo forte. E así sempre.

Que foi primeiro o ritmo amalgamado na música ou no baile? Dánzase así porque o esixe a música? Os músicos tocan seguindo o ritmo dos pés da xente que danza? Esta é unha eterna discusión.

Hai quen di que na danza necesítase o tres para poder cambiar de pé e cambiar de sentido. É unha bonita explicación.

Aínda que está ben saber como é ritmo para así saber cando ven o tres non sempre é necesario sabelo. Mais ben hai que interiorizalo. Para non pensar no ritmo, só bailalo.

12. Pepe Vaamonde Grupo - Ares de Montillón (Onde nace o vento)

E como non? Rematamos cunha xota e unha muiñeira. Pepe Vaamonde leva moitos anos tocando a gaita. E moi ben. Co seu grupo leva un par de discos de folk.

Este tema ten dúas partes, unha xota e unha muiñeira. A primeira é Xurxo Fernández quen canta, e na segunda é María Vidal. Dúas voces con moita personalidade.

13. Este tema déixoo para que o adiviñedes, o procuredes, para que me digades que é e quen é.

_________


Son tantas as músicas que se quedan fóra, que ás veces faise imposible escoller unha.

Añadín unha caixiña para que se apunte quen queira e así saber cando hai programas novos, xa que é bastante o tempo que pasa entre un e outro. E xa hai unhas cuantas persoas apuntadas! Graciñas!

Agradezo as músicas que algún de vós me mandastes, algunhas delas están aquí para ser escoitadas. Outras formarán outras escollas. Moitas grazas.
-

mércores, xullo 19, 2006

00. Declaración de intencións



Teño que comezar. Así que aí vai o primeiro programa. Como me estaba retrasando deixo primeiro as cabeceiras e irei comentando pouco a pouco que é cada cousa e de onde saíu. (Se non non hai maneira)


Trato de facer unha selección cos temas que levan todos estes días na miña cabeciña. E resulta que uns quedan dentro e outros fóra. Mais non podo pensalo máis. Poida que guste, poida que non... Será sempre desta maneira, non hai solución. Hai un pouco de todo e un nada de todo. Queda infinitamente máis fóra que dentro. Isto tamén será sempre desta maneira.


01. Baldo Martínez - Suite del Miño (Zona Acústica)

Agora que escoito o programa enteiro parece que este tema fose mellor ao final. Despois de todo o programa este tema escoitase mellor. Pero quero comezar por este contrabaixista de jazz galego. Para min unha das cabezas musicais mellores deste país, e deste estado. Sempre na procura de sons novos, de novas ideas... Sen deixar de perder de vista a música galega e as súas raíces. Na súa web pode mirarse, e admirarse, a súa capacidade musical e de traballo.

Este tema está sacado do disco Zona Acústica do Cuarteto Acústico con Germán Díaz coa Zanfona, David Herrington coa Corneta, Antonio Bravo coa Guitarra Acústica e o propio Baldo co Contrabaixo.

Polo visto están a punto de gravar de novo Clunia. E como se poden conseguir os discos xa gravados de Clunia? (non os topo por ningures...)

02. Madredeus - Vem (O espírito da paz)

Madredeus. Non me gusta Madredeus. Mais hai temas deste grupo que me apaixonan. Este Vem foi un deses temas que se repiten e repiten no meu aparato de música e nas miñas orellas como tentando gastarse de todo, sen conseguilo. Aínda agora son capaz de deixalo repetir e repetir sen que me canse o máis mínimo.

Madredeus comezou alá polos mediados dos anos 80 entrando como unha verdadeira exhalación nos circuitos de new age, tan de moda no momento. O fundador, Rodrigo Leão, unha cabeza inqueda pasando dun proxecto a outro precisamente cando máis éxito tiña. Agora ten o seu propio grupo, non podía ser doutra forma. E o caso é que tampouco Rodrigo Leão me convence, pero sempre hai temas dispostos a colarse nas orellas do que escoita.

03. Concha Buika - Mi niña Lola (Mi niña Lola)

Un dos últimos meus descubrimentos é Concha Buika. Faime lembrar a Martirio (que de seguro andará por aquí nalgún momento), pero son voces distintas. Lémbrama quizáis polo bó, moi bó gusto cando cantan, canto din o que din.

Aínda non a vin en directo. Hai que correxir isto. Polo visto estivo en Ortigueira no que foi segundo un amigo 'unha hamburguesa de xamón ibérico'. O productor Javier Limón que parece que cre que xuntando a moi bós músicos xa está todo o traballo de producción feito. Iso parece...

Buika di que o que canta é o que se cantaba cando non se diferenciaba entre flamenco e copla. Non sei se isto é moi ben así, máis a frase é moi bonita.

04. Javier Ruibal - La flor de Estambul (Pensión Triana)

Mira que é difícil que me guste un cantautor. É realmente difícil que me guste un tema de Satie ao que se lle pon letra e voz. E chega este Ruibal e fai que teña que pechar a boca.

Este tema leva a música da Gnossienne nº1 de Erik Satie, compositor moi do meu gusto. Andará por aquí máis veces, seguro.

Os temas de Satie son realmente cambiantes dependendo de quen os interprete. Por algo algunhas das partituras non teñen compases e as indicacións pouco teñen que ver coas notacións musicais. E aínda que a versión de Ruibal me gusta muito, sigo preferindo a de Aldo.

05. Niguel Kenedy & Kroke - Time 4 time (East meets east)

Non sei cantas veces fun ver a Kroke e sempre, sempre saín coa sensación de que fora o mellor concerto ao que nunca fun. E iso que cheguei a velos dous días seguidos. Kroke ten como dúas fases. Unha cando era un trío, e agora que son un trío que son un cuarteto. Cantas veces se repite iso do trío que son catro. Eu preferíaos sen a percusión, cando eran tres. Para o meu gusto non necesitan da percusión, sóbralles. Iso si, o percusionista está á altura dos outros tres.

Nigel Kennedy está considerado como un gran violinista clásico. Non coñezo nada máis del que esta colaboración con Kroke neste disco.

Escollo a versión que fan do tema Time. Outro tema hipnotizante do que non me canso de escoitar versións. Para eles tamén debe ter o seu aquel. Sacaron un disco con tan só tres cancións, dos que dúas eran versións do Time. No seu tempo non o merquei por parecerme demasiado caro. Sen embargo agora arrepíntome. E, claro, non o atopo por ningures. (Se alguen fose tan amable?)

06. Masada - Ravayah (Live in Jerusalem)

Masada! Jonh Zorn! Que podo dicir? Calquera cousa se quedaría curta. É autenticamente incrible todo o que ocorre cando un tenta saber algo deste inmenso músico saxofonista que encolle o ombreiro cando toca. A fase pola que pasa cando vai vivir a Tokio é completamente caótica. El mesmo di que estaba tan desorientado e non entendía nada que o levou a unha creatividade que move a calquera, é imposible que deixe indeferente a ninguén. Masada é o seu proxecto no que trata de porse en contacto coas súas raíces xudías. Son músicos que están contando algo continuamente. Incluso no caos máis absoluto, falan, contan... ten sentido o seu caos. Non escoitei un só tema repetido, aínda que toquen o mesmo tema, este é distinto... E aínda non o vin en concerto! Neste vídeo pódese ver algo, ben pouco, do mundo inmenso que representa Jonh Zorn. É un deses músicos cos que se podería vivir toda a vida sen escoitar nada máis e non se deixaría de escoitar música nova cada día.

Os músicos deste tema son somentes catro: Joey Baron (Drums), Greg Cohen (Bass), Dave Douglas (Trumpet),John Zorn (Saxophone).

07. György Ligeti - Presto furioso, brutale, tumultuoso (4ºMovemento do String Quartet No.2)

György Ligeti. Gran compositor contemporáneo. Aparece aquí porque morreu hai ben pouco e, por casualidade, escoitei o seu poema sinfónico para 100 metrónomos na radio. Ía no coche e puxéronse a falar desta composición(?). E a continuación escoiteino. A miña sorpresa é que se pode ver. Resulta emocionante escoitar como morre o último metrónomo. Tamén é emocionante 'ver' como morre. Non teño que dicir que me deu moito que pensar. O tema que aparece aquí é un movemento do cuarteto de cordas nº2. Escollino pola súa expresividade e multitude de matices que se producen en tan só 2 minutos.

08. Carmen Linares - Yo nací en Argel (Bulería de la Niña de los Peines) (La mujer en el cante)

E un pouco de flamenco. Unha bulería para que entremos con ritmo e compás. E non podía por a ninguén máis que á grandísima Carmen Linares. Algo, non sei que, ten esta muller que encandila en canto fai aparición en calquera sitio. Un está da súa parte, ao seu lado, en canto entra, nin sequera é preciso que comece a cantar. E se comeza a cantar estás perdido. Porque te namoras e xa non hai nada que facer. Dá igual o xénero, a idade... dá todo igual, namóraste e xa está.

O flamenco disfrútase cando se vai a un concerto, cando se escoita, cando se disfruta en directo. Ten moita vida e moita enerxía e iso síntese de verdade cando está a ocorrer diante túa, porque te inunda. Esa foi a miña perdición, eu non entendía o flamenco, non me gustaba, non era capaz de escoitar ningún tema. E fun a un concerto... e sigo sin entender, claro, pero agora gústame moito o flamenco. E resulta que o compás o pao que me volve tolo é a seguiriya. Porque se algo ten o flamenco é que para saber hai que ser un verdadeiro experto... Cousas dos flamencos.

O tema que aparece aquí pertence a un disco moi, moi recomendable. A 'Antología de la mujer en el cante' onde Carmen Linares fai unha escolla de temas e de mulleres cantoras do flamenco. 'Yo nací en Argel' é unha bulería, un ritmo moi acelerado. E non basta con dicir que é unha bulería, poida que vaia en ritmo de seis, ou que vaia amalgamado en 12 tempos... todo un universo. Ou sexa, dentro dun pao existe todo un mundo, e hai un mundo de paos flamencos. Pois iso, que hai que ser experto.

09. Ivo Papasov - Kasapsko horo (Balkanology)

Bulgaria, e en xeral todos os países dese entorno, contén unha chea de bos, moi bos, músicos e boa, moi boa música. Ivo Papasov foi durante moito tempo músico de bodas, bautizos e comunións. Aí é onde se demostra o nivel cultural, musical que se respira nalgúns países por aí diante. Que envexa! Se os músicos de 'bbc' daquí fosen a metade de bos! Agora é máis coñecido fora do seu páis natal. Rétovos a dicirme que ritmo (que compás) ten este tema!

Outro músico búlgaro impresionante é Petko Stefanov. Este toca a gaida, a gaita de bulgaria. Sen embargo é case que imposible para min ter nengunha música gravada del (alguén pode axudarme?). Tiven a ocasión, iso si, de velo tocar ao meu lado. Cando rematou o tema, o baixo que o estaba a acompañar exclamou: 'Tiven que pasar por tódalas tonalidades'. Impresionante! A anécdota dese día foi que o tal Petko só sabía tocar en ritmos amalgamados, éralle cáseque imposible seguir un simple tempo binario, fáltaballe a volta, faltáballe o saltiño!

10. Marful - Tris Tras

De Marful pouco podo dicir. Porque son amigos. Se me poño a contar cousas non acabaría nunca endexamáis.

Tan só dicir que me parecen moi bos músicos, do mellorciño... É impresionante os músicos que se moven por Galicia, por Compostela agora mesmo. A cantidade de cousas que andan a argallar. Agora o que se leva é o pequeno formato: os tríos, os cuartetos, incluso os dúos. Estaría ben facer un programa só co que se move agora en Galicia. Ver como se enlazan os músicos dun e doutro sitio e sentarse a escoitar todo o que queda por vir. Non imos dar abasto. É unha ameaza!

En canto a Marful e o seu primeiro disco... todo un fenómeno en Galicia que ata teñen clube de fans, no que tedes información cumprida sobre este cuarteto. Para min tamén son un trío que son catro (coma os mosqueteros). Hei de recoñecer que a voz de Ugia non acaba de entrarme nas orellas, por iso o meu primeiro impulso foi por o tema instrumental (un tango) no que se escoita perfectamente aos marabillos músicos. Mais estaría a cometer unha terrible inxusticia con Ugia. Eu fago o seguinte exercicio: esquezo todo o que sei de Ugia, como se non a coñecese de nada, como se nunca a escoitara... O resultado é que me sorprende, ata me gusta máis do normal. Déixome levar polo tema, polo 'se non che chega este mundo, faite astronauta', pola voz, por cada un dos instrumentos, que se escoitan perfectamente (mira, agora entra o clarinete baixo, e agora o acordeón, mira! a guitarra, e a voz... todo encaixa). E a bailar, porque o baile é música e a música é baile... Sempre foi así.

11. Rokia Traoré - Niènafing (Bowmboi)

Cantante de Malí demostra de onde é cunha presencia moi clara das percusións tradicionais, aínda utilizando instrumentos electrificados. Rokia Traoré déronma a coñecer non hai moito tempo, coma un simple intercambio de músicas (coñeces esta música? e ti, coñeces esta?). É a maxia da comunicación a distancia, é a maxia da internet, que che dá a posibilidade de coñecer a personas do teu mesmo pobo cando todas están a centos de kilómetros da súa casa primixenia. E claro, non podía ser doutra forma, compártense músicas do continente que leva o ritmo dentro, que mira con ollos profundos, dende o máis fondo... de non se sabe que.

Esta cantante non ten unha historia vital complicada, simplemente canta pondo todo o que ten na súa voz.

12. Triti Puti (Village Music of Bulgaria & Bulgarian Folk Music)

Este disco é un deses que me gusta mercar a min. Como se de música de campo galega se tratase, deses nos que sempre hai unha xoia esperando por un, pero doutro lugar do mundo. Como Bulgaria é un país que me atrae musicalmente de forma especial (aídna que ben o podo dicir de calquera outra parte do mundo) aí vai unha 'frautiña' que transporta.

13. Este tema déixoo para que o adiviñedes, o procuredes, para que me digades que é e quen é.

E xa que se respostou rapidamente a pregunta, deixo unha música máis que se escoita cando se carga a páxina. A modo de sintonía.

-

xoves, marzo 23, 2006

E poderase por unha partitura?

Para ver a partitura necesítase o plugin de Sibelius. Creo que o pide automáticamente. Se non é así, escribe un comentario. ;-)

___________________________

9-9-2006

Quito a partitura do pasodobre do pixirilo daquí para non cargar a páxina con moitas cousas...

O que queira vela pode pinchar aquí.

martes, febreiro 21, 2006

Outra proba...

Esta vez vou probar coa banda sonora de 'Nuestros Caminos a Santiago'

Sen comentarios... sen nada... xa darei explicacións...

Cambieino... añadín o vínculo da b.s.o. de Nuestros Caminos a Santiago e incluíno como vínculo de radio... da seguinte forma:



Que vos parece?

domingo, febreiro 19, 2006

Probando...

Estou en probas.

A configuración, o modo de visualización, o forma de escoitar os temas...

Aínda hai moitas cousas por axustar... pero xa está en marcha...

Supoño que aínda tardarei en polo en marcha de verdade, e que o carteliño de probas aínda lle custará cair.

De momento, só se poden escoitar seis temas, escollidos practicamente ao chou.

Aí van (de momento sen os comentarios radiofónicos que quero escribir)

01. Adriana Calcanhotto - A mulher barbada. (Soño surrealista)
02. Kroke - Time. (O tempo, sempre o tempo)
03. As voces búlgaras - Polegnala e Toudora. (7/8 hipnotizante)
04. O Jarbanzo Negro - O Pixirilo. (Algún día contaremos a historia deste tema)
05. A charanga do Cuco de Velle - O paraguas do Xosé. (Sen comentarios)
06. Os Resentidos - Galicia Caníbal (Meu deus, que fame!)

Seguirei proba que proba.