martes, setembro 05, 2006

01. De bailes



A danza e a música van ás veces tan ligadas que non se sabe onde comeza unha e onde remata a outra.

A música lévate a danzar e non hai danza sen música.

Bailas?

01. Marful - Tango sen paz

Sácome a espiniña de por o único tema instrumental do disco de Marful: Un tango.

No espectáculo levan unha parella de homes bailando o tango. Polo visto bailábase desta maneira.

02. Querx - Hirondelle (Nuits de danse)

Este grupo alemán é un trío que utiliza os instrumentos reis nas danzas europeas: acordeón (cromático de botóns), violín e contrabaixo.

Estas danzas europeas pódense bailar e aprendelas cada vez en máis lugares. Os cursos multiplícanse. Mais, sobre todo, é nos festivais onde hai a oportunidade de aprender todo tipo de danzas europeas: Andanças, Entrudanças (en Portugal), Danzas sin fronteras (en España)... e seguirá habendo...

Nos enlaces destes festivais hai máis información sobre máis festivais e cursos.

Este tema é un valse de oito tempos. É dos chamados valses coxos, porque non completa os tres tempos sempre.

03. Dites 34 - Tartifume (3=5)

Dites 34 é o novo proxecto de Pascal Seixas, o contrabaixista do grupo. Este contrabaixista xa tocaba en Minuit Guibolles outro dos grupos que aparecen nos festivais de danzas europeas.

O tema é un bourrée de dous tempos. Supoño que iso significará que existen bourrées con outras medidas, pero agora mesmo non o sei. Será cuestión de investigar.

04. Krino Palancko Horo (Danzas de macedonia)

Existen ritmos endiañados que case son imposibles de escoitar tan sequera, sen embargo na Macedonia teñen amalgamas coas que bailan.

Propoño o xogo de buscar cal é o ritmo desta peza. Alguén se atreve?

05. La Musgaña - Sal a bailar mocita (Las seis tentaciones)

La Musgaña é un dos grupos de referencia da música de castela. Andan de homenaxe en homenaxe a Quique Almendros. Gran persoa, gran músico!!!! As axudas en forma de homenaxes, concertos, discos, camisetas... non abondan.

Escollo este tema por ter Quique moita presencia e porque invita a bailar a unha 'mocita'.

06. Zef - Mazurka de la beluse

A mazurka é unha danza das máis hipnóticas. Ten que estar moi ben bailala, mais só con escoitala e ver como a baila unha parella, concentrada no seu propio movemento, xa é un gusto. Hai quen as considera moi sensuais.

07. Uxu Kalhus - Regadinho (A revolta dos badalos)

Os Chocalhos, ou a súa variante sonora Uxu Kalhus, acaban de sacar un disco, 'A revolta dos badalos'. Este grupo foise consolidando a través dos anos gracias ao festival Andanças. Festival que provoca a creación de grupos novos, a mestura de músicos portugueses con franceses, belgas, alemáns...

No país veciño existen moitas iniciativas de músicas do mundo, tradicionais, de danzas do mundo. Aí están os portais de At-tambur, Pédexumbo,etc...

O regadinho é unha danza tradicional. Uxu Kalhus non se limita a tocar os temas tradicionais, se non que os actualizan, fannos propios. O grupo está pensado para danzar mentras tocan enriba do escenario, polo que van dando indicacións aos bailaríns de como vai a danza.

08. Eduardo Paniagua/Jorge Rozemblum - Danzas de los novios (Klezmer Sefardí)

As bodas, os bautismos, os enterros, os acontecementos principais da vida de calquera ser humano son acompañados de grandes celebracións en moitos lugares do mundo. As celebracións conlevan manifestacións musicais que son as que van conformando as músicas de cada cultura.

Os xudeus celebran as bodas dunha maneira moi especial. Aí vai un tema de boda.

Este tema forma parte do disco Klezmer Sefardí, que son as principais músicas dos xudeus ashkenazy e sefardis. Os primeiros teñen principalmente música instrumental, e os segundos principalmente música cantada.

Todo un mundo para coñecer.

09. Mala herva - Luns Xota/Valse

Mala herva é un trío. Sérxio ao acordeón, Juanma ao violín e Cayetano á zanfona. Que eu saiba aínda non teñen disco gravado.

Ao final puxen este valse desbotando toda unha lista deles que me transportan. Non sei que teñen os valses que todos me gustan. Debe ser esa mestura de ritmo ternario que te move dun lado a outro coma flotando entre dous puntos. E aí están tódolos ritmos: o de dous e o de tres... o resto son combinacións destes dous ritmos. Son os ritmos básicos, os esenciais.

10. La Moresca - Santa Paulu meu (Senza Cchiu Terra)

Italia ten unha diversidade cultural e musical abraiante. Ainda a teño por descubrir.

Quizáis o máis coñecido da música italiana sexan os ritmos rápidos e alegres, como este que deixo aquí, sacado do disco Senza Cchiu Terra.

11. Roza Bancheva - Horo élén táncol Angelina (Jana-Janica)

Os ritmos amalgamados, os que mesturan varios ritmos, son maioria na música búlgara. Este tema é un 7/8. Un, dous. Un, dous. Un, dous, tres. O 'Un' é o tempo forte. E así sempre.

Que foi primeiro o ritmo amalgamado na música ou no baile? Dánzase así porque o esixe a música? Os músicos tocan seguindo o ritmo dos pés da xente que danza? Esta é unha eterna discusión.

Hai quen di que na danza necesítase o tres para poder cambiar de pé e cambiar de sentido. É unha bonita explicación.

Aínda que está ben saber como é ritmo para así saber cando ven o tres non sempre é necesario sabelo. Mais ben hai que interiorizalo. Para non pensar no ritmo, só bailalo.

12. Pepe Vaamonde Grupo - Ares de Montillón (Onde nace o vento)

E como non? Rematamos cunha xota e unha muiñeira. Pepe Vaamonde leva moitos anos tocando a gaita. E moi ben. Co seu grupo leva un par de discos de folk.

Este tema ten dúas partes, unha xota e unha muiñeira. A primeira é Xurxo Fernández quen canta, e na segunda é María Vidal. Dúas voces con moita personalidade.

13. Este tema déixoo para que o adiviñedes, o procuredes, para que me digades que é e quen é.

_________


Son tantas as músicas que se quedan fóra, que ás veces faise imposible escoller unha.

Añadín unha caixiña para que se apunte quen queira e así saber cando hai programas novos, xa que é bastante o tempo que pasa entre un e outro. E xa hai unhas cuantas persoas apuntadas! Graciñas!

Agradezo as músicas que algún de vós me mandastes, algunhas delas están aquí para ser escoitadas. Outras formarán outras escollas. Moitas grazas.
-