xoves, abril 24, 2008

0118 999 881 999 119 725...3

Na última revista retranca aparece este numeriño. Tamén aparece a indicación "podes buscar este número en google ou en youtube, ou non gastar o tempo en frikadas". E eu, que sigo ao pé da letra iso de que se che din que non penses nun elefante é imposible non facelo (a que estás pensando nun elefante?) alá que vou como ben mandadiño (e friki) que son.

E o que topei foi unha sorpresa.

Lembreime directamente dunha moi boa amiga que di que se fan series de televisión de moitos oficios, pero non de informáticos, que interese pode ter unha serie sobre informáticos? Coidado, atácanos un virus, todos en formación... ou hai que facer un backup urxente...

Pois amiga miña, aquí está esa serie: "Os informáticos" (así é como a titulan en Canal+).

Podo dicir que eu vivín, sen ningún tipo de esaxeración, momentos como estes (estes son os primeiros cinco minutos da serie):



É unha serie inglesa de claro humor inglés (de feito a mín lémbranme a Monty Python). A serie titúlase The It Crowd (polo visto, un título intraducible) e conta as historias do departamento de informática de Industrias Reynholm.

E por que o numeriño? Pois porqueeee:



Estou tratando de 'conseguir' a serie e rir un bo anaco.

luns, abril 21, 2008

Dar de ler



Sempre me gustou participar nos eventos do día do libro.

Esta vez será no acto central da semana do libro de Gondomar: Dar de ler, como quen dá de beber. Que non é outra cousa que ler para os demais.

Se che apetece unha lectura de orella, alí estaremos para ler en alto pequenos fragmentos de distintos libros.

xoves, abril 17, 2008

Mervent (ou a globalización)

De cando en vez vou escoitando os programas de radio que se moven pola internet adiante. Un deles é o do blog L'arbre de les 1000 musiques, no que tamén se poden descubrir moitas músicas.

Escoitando o programa do 25-10-2007, atópome cunha sorpresa.

O programa está adicado a Rusia e países satélites (dicíase así, non é?). Case ao final do programa aparece o grupo Mervent, grupo que se dedica a tocar música celta. Non me gusta esta etiqueta, pero é a que utilizan no propio programa. (Tal vez algún día falemos da inexistente música "celta"). Aquí está Mervent.




Mais a sorpresa é esta:




A Foliada dos Morenos de Lavadores. Nada máis e nada menos.

Pícame a curiosidade e comezo a bucear. Non aparece nada de Mervent no blog, mais si aparece un dos membros do grupo, Valery Novgorod, que (como non?) ten outro blog cunha chea de músicas, pero nada do grupo Mervent. Sen embargo aparece unha etiqueta de Galicia e aparece un grupo que non coñecía Kadril & Alumea. Ten as etiquetas de Belgium, folk, folk-rock, Galicia, Spain. A saber que pode sair daí. Xa veremos. Tal vez estes dous grupos compartan músicos, ou algún(s) sexa(n) galego(s)...

(Actualización: Resulta que non era un grupo. Son dous, Kadril por un lado e Alumea por outro.)

Ao que ía... Os Morenos de Lavadores en Rusia. Globalización total e absoluta.

mércores, abril 16, 2008

Merlo Branco

Falaba hai uns días da insistencia dos meus amigos a meterse en proxectos interesantes, creativos, ilusionantes (ou polo menos, ilusionadores)...

Neste caso é un proxecto que vin como foi crecendo pouco a pouco ata o parto final. Agora é un neno acabado de nacer que terá que ir facéndose maior.

Falo de Merlo Branco Producións.


Merlo Branco son Miguel e Montse.

Din eles de si mesmos:

merlo branco producións é unha organización adicada á promoción da cultura en xeral e da música galega en particular, movida polo convencemento de que celebrar a diversidade e cultivar o respecto as diferenzas poden facer deste mundo un lugar mellor para tod@s.

Centramos a nosa actividade na promoción de intérpretes e grupos de música tradicional, folk, e outras propostas baseadas nas músicas de raiz.

merlo branco producións nace de forma expontánea da necesidade dun grupo de músicos galegos de ter un medio eficaz de promoción e dignificación do seu traballo, lonxe do concepto de músico ou música coma producto económico.

Noraboa e ánimo!

martes, abril 15, 2008

Klezmer



No blog, medio-irmán deste, adicado á música klezmer entérome de que o próximo día 29 de Abril vai haber na casa do libro de Vigo unha charla coloquio sobre o klezmer.

Esta charla está organizada pola AGAI. Presentará Pedro Gómez-Valadés e falará Piotr Grudzien, violinista polaco ao que lle desexo moita sorte no seu proxecto de grupo klezmer na Galiza.

Máis información.

Eu non penso perderma. Quen se apunta?

martes, abril 08, 2008

Metropolis



Dun tempo para acá, recibo no meu mail, ou no meu teléfono móbil (ou fixo), ou falando en persoa, proxectos de xente que pertence á miña vida. Parece que se puxeran dacordo para facer cousas interesantes.

Neste caso trátase de Marcos. Está metido nun proxecto, Metrópolis, que consiste en que reporteros de diversas partes do mundo fagan unha reportaxe falando do mesmo tema.

A Marcos coñecerédelo os que pasastes pola miña (nosa) casa cando vivía en Lavapiés. :)

Avisa de que haberá temas mellores e aconsella que nos pasemos pola páxina de cando en vez para ver se hai actualizacións. Farémolo... Polo menos eu!

De momento déixovos coa súa reportaxe:






Hai máis de máis países en MetropolisTV.

martes, abril 01, 2008

A Coruña Son. Eu.

Acabo de pór todos os vídeos disponibles sobre as charlas e o concerto final do programa do obradoiro da Coruña Son. Para tomar con calma e aprender moito.

Unha inciativa de Algarada (O levantador de minas, Goretoxo, e sobre todo Tati).

Houbo unha primeira fase onde a xente foi subindo os seus propios temas. Outra fase na que o público votou 30 temas. Deses 30 temas, Santiago Auserón escolleu 10 para traballar con eles durante unha semana. Este era o premio. Tamén deron un concerto, e van gravar un disco.

Na mesma semana de traballo, tamén se fixeron varias charlas sobre a música.

Todo isto co apoio das concellarías de cultura e mocidade da Coruña.

Iniciativas destas son as que fan falta: Ideas frescas, anovadoras, constructivas, libres...

De verdade, a miña máis sinceira noraboa!

PD. Para o seguinte, espero poder escapar da miña vida para participar de toda a semana final.

PD2. (02/04/08): Hai máis reaccións blogueiras e ben interesantes. Ghanito fala do concerto e concordo con el que ten que ser interesante escoitar os temas tal e como os enviaron ao concurso e despois de pasar pola semana do obradoiro con Santiago Auserón. Martin Pawley deixa uns fragmentos do concerto. Entéronme por el que un dos concursantes, Pablo Díaz, é irmán de Xabier Díaz. Con Pawley concordo en que agora serán temas que escoitaremos proximamente. Sobre todo se es oínte de Aberto por Reformas.

E se queredes saber máis ide á páxina de ACoruñaSon.eu

A Coruña Son. Eu. Concerto Final.



A Coruña Son. Eu. 3ª: Novas canles de promoción e distribución para as cancións: o uso da tecnoloxía dixital.



A Coruña Son. Eu. 2ª: Lírica de tradición popular española e canción culta. Posíbel influxo de ambas na canción contemporánea.



A Coruña Son. Eu. 1ª: Para que serve unha canción