mércores, decembro 28, 2011

Hildegart

Unha das cousas que máis me chamaron a atención, e houbo unha boa colleita, da tempada que pasei en Ferrol e Narón foi a historia de Hildegart.

Coincidimos de casualidade en Narón un curmán e unha amiga. O meu curmán, ao que lle gustan as historias, e tamén a historia, contounos a vida de Hildegart Rodríguez Carballeira guiada polo camiño que lle marcou a nai Aurora Rodríguez Carballeira.

Aurora naceu nunha familia acomodada de Ferrol na rúa Madalena. Decide ter unha filla para criala ela mesma nos pensamentos e ideais anarquistas e feministas para crear a muller do futuro, seguindo a súa teoría euxenésica. Busca ao home ideal, un sacerdote, para tal fin e concibe a unha nena, Hildegart, que xa escribía aos tres anos e falaba seis idiomas aos oito. Con 17 anos xa ten a carreira de dereito e ingresou no Partido Socialista e, cando a expulsaron, no Partido Federal, dende onde criticou abertamente as posicións e actitudes do Partido Socialista na II República. Escribiu libros e foi coñecida internacionalmente polas súas ideas progresistas. Cando H. G. Wells visitou España quixo que Hildegart o acompañara como secretaria persoal.

Parece que todo indicaba que Aurora conseguira facer de Hildegart unha muller con capacidade para pensar e mudar a situacións das mulleres, comeza a pensar que non conseguiu o que quería cando se entera que o pai en realidade era un embaucador. Isto faina pensar que o todo o proceso de "creación" está contaminado dende o principio. Cando Hildegart quere separarse da súa nai para vivir a súa liberdade, Aurora mata a súa filla de catro disparos.

Unha historia ben impresionante.

Para completar a historia, antes de ter a Hildegart, coidou do seu sobriño, o pianista Pepito Arriola. Aurora tocaba o piano e sentaba ao seu sobriño no seu colo que acabou por aprender a tocar tamén o piano. Con tres anos xa compuxera unha habanera, de título Aurora. A nai, Josefa Rodríguez Carballeira, lévase entón ano neno cando se entera do prodixio. Pepito Arriola acaba sendo un gran músico que toca por todo o mundo, diante de todas as monarquías europeas e coñecendo a todos os músicos importantes da época. O Mozart galego. Cando volve a España é repudiado por haber tocado diante de Hitler e Goebbels, pois eran dos seus maiores admiradores que acudían a todos os seus concertos.

A historia do meu curmán terminaba dicindo que despois da morte de Hildegart e cando comezou a guerra civil, Aurora desaparecera e nunca se volvera saber dela. Na realidade, Aurora acabou a última parte da súa vida no manicomio de Ciempozuelos.

Existe unha película de Fernando Fernán Gómez que relata esta historia, Mi hija Hildegart, que está baseada no libro "Aurora de sangre".

Aquí se pode ler o artigo que escribiu Hildegart falando da súa militancia no Partido Socialista, criticando o afastamento ideolóxico dos pensamentos que a levaran a entrar. (Moi actual, añado eu).

Por casualidade, outra máis, no programa Documentos de RNE tamén se falou desta historia, que deixo aquí para que a escoitedes.








Só me falta conseguir unha gravación da habanera Aurora e pola aquí para que se escoite (se alguén quere axudarme...)

Actualización do 11-2-2012:

Non conseguín unha gravación da habanera Aurora, pero si se pode ver a partitura no libro Arriola. Obra musical que se pode descargar da páxina do Consello da Cultura Galega.

Deste pdf traio a partitura de Aurora. Habanera para piano "por el niño de tres años Pepín Rodríguez Arriola". A edición da partitura é de Joám Trillo.

Aquí pode verse e escoitarse, aínda que a interpretación que faría un pianista daríalle moito máis gusto á peza. De todas as maneiras serve para facerse unha idea de como sona esta Habanera.

luns, decembro 19, 2011

Na procura dunha radio on line

Moi pouco tempo despois de darse a coñecer a proposta da radio on line anfiteatroGZradio, anúnciase que desaparece.

Tal vez foi unha iniciativa que non se pensou ben, tal vez o promotor da idea se veu desbordado polo repercusión mediática... o caso é que non sei se chegaría sequera a un mes de vida.

No caso do que vos fala(escribe) a desilusión foi a primeira idea que apareceu (a idea de que io~NoS o escoitase máis xente era moi atractiva), mais despois comecei a pensar e procurar outras alternativas que xa poideran existir.

Este é o resultado da miña pesquisa.

Radios on line que se poden escoitar on line:

Radiofusion - Radiofusión en directo


Radio Covatona - Escoitar Radio Covatona


Radio FilispiM - Escoitar Radio Filispim


Cuac FM - Cuac FM en directo


(Verei como se poden ir introducindo os reproductores para escoitar estas radios dende aquí mesmo)

Tamén se pode ir na procura de podcasts para escoitar aqueles programas que máis nos interesen.

Dende musiqueoh! tense acceso a moitos lugares que falan de música galega. Tamén recolle podcast de música galega que podemos aproveitar para engadir os reproductores.

Os podcasts musicais de podgalego.org



Na web de podgalego non só existen podcasts musicais, se non que hai moitos outros. Pódese procurar nos podcasts que máis lle interesen a un para facer unha radio ao gusto de cada un.


podgalego


Podcasts musicais da Radio Galega Música



A última en chegar, radiochuza, comezou a emitir música en galego (en calquera das súas variantes). Estaremos moi atentos ao que vai sucedendo con ela:

venres, decembro 16, 2011

Homenaxe ao pintor Urbano Lugrís. Vigo - A Coruña

A nave das ideas e In nave civitas organizaron conxuntamente para o sábado 17 de decembro os actos de homenaxe a Urbano Lugrís que se celebrarán nas cidades de Vigo e A Coruña.

Unha moi boa iniciativa que dende aquí desexamos, e auguramos, moito éxito.


martes, decembro 13, 2011

Escépticos: Cambio climático?

O último programa de Escépticos, o número 13, está adicado ao cambio climático.

Un gran programa que chega ao seu fin. Non haberá segunda tempada segundo se di no blog de mimesacojea, o que resulta ser unha verdadeira mágoa.

Non son programas para ver e crer sen máis, se non para ser críticos, para procurar esa información da que non estamos seguros que sexa certa, para ser escépticos co que nos contan... E despois aplicar o mesmo proceso ao resto dos programas da televisión. Só ten un perigo, que non interese ningún programa de ningunha canle de televisión. Entón estaríase no camiño certo!

Ogallá esta forma de facer televisión se contaxie e se espalle.

mércores, decembro 07, 2011

anfiteatroGZradio

Acabo de poñer o reproductor da radio on line anfiteatroGZradio no lado esquerdo do blog. Trátase dunha radio que pretende ter contidos en galego o 100% do tempo. Un dos programas que se van emitir é io~NoS, todos os martes entre as 16:00h e as 17:00h.

Para consolidar o dominio necesitan ter unha audiencia de 130h diarias, polo que dalle ao play todo o tempo que poidas. :)

___________________________________

Escépticos: Hijos de Dios?

Nesta ocasión Escépticos enfróntase coas relixións.

Poden convivir ciencia e relixión? Que opinan os grandes cultos de cuestións científicas como o Big-Bang ou a evolución? Por que as grandes relixións arrinconan as mulleres? Que problema ten o Islam coa representación de Mahoma? Que diferencia unha relixión dunha secta?

venres, decembro 02, 2011

A favor dos dereitos fundamentais e do coñecemento

Contra a aprobación da Lei Sinde por un Goberno en funcións totalmente deslixitimado aínda que teña o apoio engadido do novo Goberno. En contra tamén de todos canto traballan por unha SGAE á galega como solución para o sistema cultural galego.

  1. Os dereitos de autor non poden situarse por encima dos dereitos fundamentais dos cidadáns, como o dereito á privacidade, á seguridade, á presunción de inocencia, á tutela xudicial efectiva e á liberdade de expresión.

  2. A suspensión de dereitos fundamentais é e debe seguir sendo competencia exclusiva do poder xudicial. Nin un peche sen sentenza. Este anteproxecto, en contra do establecido no artigo 20.5 da Constitución, pon en mans dun órgano non xudicial -un organismo dependente do ministerio de Cultura-, a potestade de impedir aos cidadáns españois o acceso a calquera páxina web.

  3. A nova lexislación creará inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico español, prexudicando un dos poucos campos de desenvolvemento e futuro da nosa economía, entorpecendo a creación de empresas, introducindo trabas á libre competencia e retardando a súa proxección internacional.

  4. A nova lexislación proposta ameaza aos novos creadores e entorpece a creación cultural. Con Internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratizouse extraordinariamente a creación e emisión de contidos de todo tipo, que xa non proveñen principalmente das industrias culturais tradicionais, senón de multitude de fontes diferentes.

  5. Os autores, como todos os traballadores, teñen dereito a vivir do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades asociadas ás súas creacións. Tentar soster con cambios lexislativos a unha industria obsoleta que non sabe adaptarse a esta nova contorna non é nin xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio baseábase no control das copias das obras e en Internet non é posible sen vulnerar dereitos fundamentais, deberían buscar outro modelo.

  6. Consideramos que as industrias culturais necesitan para sobrevivir alternativas modernas, eficaces, cribles e alcanzables e que se axeiten aos novos usos sociais, en lugar de limitacións tan desproporcionadas como ineficaces para o fin que din perseguir.

  7. Internet debe funcionar de forma libre e sen interferencias políticas auspiciadas por sectores que pretenden perpetuar obsoletos modelos de negocio e imposibilitar que o saber humano siga sendo libre.

  8. Esiximos que o Goberno garanta por lei a neutralidade da Rede en España, ante calquera presión que poida producirse, como marco para o desenvolvemento dunha economía sustentable e realista de face ao futuro.

  9. Propomos unha verdadeira reforma do dereito de propiedade intelectual orientada ao seu fin: devolver á sociedade o coñecemento, promover o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.

  10. En democracia as leis e as súas modificacións deben aprobarse tras o oportuno debate público e consultando previamente a todas as partes implicadas. Non é de recibo que se realicen cambios lexislativos que afectan a dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que versa sobre outra materia.