mércores, decembro 28, 2011

Hildegart

Unha das cousas que máis me chamaron a atención, e houbo unha boa colleita, da tempada que pasei en Ferrol e Narón foi a historia de Hildegart.

Coincidimos de casualidade en Narón un curmán e unha amiga. O meu curmán, ao que lle gustan as historias, e tamén a historia, contounos a vida de Hildegart Rodríguez Carballeira guiada polo camiño que lle marcou a nai Aurora Rodríguez Carballeira.

Aurora naceu nunha familia acomodada de Ferrol na rúa Madalena. Decide ter unha filla para criala ela mesma nos pensamentos e ideais anarquistas e feministas para crear a muller do futuro, seguindo a súa teoría euxenésica. Busca ao home ideal, un sacerdote, para tal fin e concibe a unha nena, Hildegart, que xa escribía aos tres anos e falaba seis idiomas aos oito. Con 17 anos xa ten a carreira de dereito e ingresou no Partido Socialista e, cando a expulsaron, no Partido Federal, dende onde criticou abertamente as posicións e actitudes do Partido Socialista na II República. Escribiu libros e foi coñecida internacionalmente polas súas ideas progresistas. Cando H. G. Wells visitou España quixo que Hildegart o acompañara como secretaria persoal.

Parece que todo indicaba que Aurora conseguira facer de Hildegart unha muller con capacidade para pensar e mudar a situacións das mulleres, comeza a pensar que non conseguiu o que quería cando se entera que o pai en realidade era un embaucador. Isto faina pensar que o todo o proceso de "creación" está contaminado dende o principio. Cando Hildegart quere separarse da súa nai para vivir a súa liberdade, Aurora mata a súa filla de catro disparos.

Unha historia ben impresionante.

Para completar a historia, antes de ter a Hildegart, coidou do seu sobriño, o pianista Pepito Arriola. Aurora tocaba o piano e sentaba ao seu sobriño no seu colo que acabou por aprender a tocar tamén o piano. Con tres anos xa compuxera unha habanera, de título Aurora. A nai, Josefa Rodríguez Carballeira, lévase entón ano neno cando se entera do prodixio. Pepito Arriola acaba sendo un gran músico que toca por todo o mundo, diante de todas as monarquías europeas e coñecendo a todos os músicos importantes da época. O Mozart galego. Cando volve a España é repudiado por haber tocado diante de Hitler e Goebbels, pois eran dos seus maiores admiradores que acudían a todos os seus concertos.

A historia do meu curmán terminaba dicindo que despois da morte de Hildegart e cando comezou a guerra civil, Aurora desaparecera e nunca se volvera saber dela. Na realidade, Aurora acabou a última parte da súa vida no manicomio de Ciempozuelos.

Existe unha película de Fernando Fernán Gómez que relata esta historia, Mi hija Hildegart, que está baseada no libro "Aurora de sangre".

Aquí se pode ler o artigo que escribiu Hildegart falando da súa militancia no Partido Socialista, criticando o afastamento ideolóxico dos pensamentos que a levaran a entrar. (Moi actual, añado eu).

Por casualidade, outra máis, no programa Documentos de RNE tamén se falou desta historia, que deixo aquí para que a escoitedes.








Só me falta conseguir unha gravación da habanera Aurora e pola aquí para que se escoite (se alguén quere axudarme...)

Actualización do 11-2-2012:

Non conseguín unha gravación da habanera Aurora, pero si se pode ver a partitura no libro Arriola. Obra musical que se pode descargar da páxina do Consello da Cultura Galega.

Deste pdf traio a partitura de Aurora. Habanera para piano "por el niño de tres años Pepín Rodríguez Arriola". A edición da partitura é de Joám Trillo.

Aquí pode verse e escoitarse, aínda que a interpretación que faría un pianista daríalle moito máis gusto á peza. De todas as maneiras serve para facerse unha idea de como sona esta Habanera.

2 comentarios:

elhtmlnoexiste dixo...

Super interesante y no menos interesante el personaje de Pepito Arriola. Ya actualizarás si encuentras la habanera aunque parece complicado; lo máximo que hay (o yo he encontrado) es esta grabación de una de sus obras http://www.youtube.com/watch?v=btuZ9u4dJkQ

Un artículo extenso y muy interesante sobre Pepito Arriola
http://patrimoniomusicalgalego.blogspot.com/search/label/Pepito%20Arriola

Caseirinha dixo...

http://ocio.farodevigo.es/agenda/pontevedra/teatro/vigo/eve-660666-aurora-rodriguez-e-sua-filla-hildegart.html