venres, agosto 31, 2007

3108 Day

3108 Day.
Blog Day.

A partir do FuckComic chego a Los dibujos de Violeta e a Mi Basuriya e Os amigos de Archimboldo Roque e a Embaixada Prusiana e a Entrecomics que añadirei aos enlaces sobre banda deseñada.

Quixera facer referencia á campaña que descubrín en Fuck Comics. A Shit Parade:

SHIT PARADE: Contra a vergoñenta edición da Cow Parade en Vigo.

A Cow Parade foi publicitada como o maior EVENTO ARTÍSTICO ao ar libre do mundo, cando na realidade non é outra cousa que un espectáculo que move miles de euros cheos de PUBLICIDADE DIRECTA de empresas.

As vacas son arte? Non. Están fóra de contexto e a súa mensaxe é claramente publicitario.

En que consiste a SHIT PARADE? Na realización e colocación de figuras que imitan á bosta da vaca. Están pintadas de cores, igual cas propias vacas. Colocando a bosta ao lado do animal, establécese unha relación entre ámbalas dúas figuras, conseguindo que obteñan sentido.

O teu apoio é importante, pon esta fotografía no teu fotolog, myspace, blog... e copia e pega este texto. Non permitas que se rían de ti.


Realmente non sei se me una a esta campaña. Póñoa aquí porque me parece que completan as figuras das vacas. Xa mo comentaba non sei quen que non era crible que houbera tantas vacas en Vigo e non se mirara ningunha bosta na rúa.

xoves, agosto 30, 2007

Festival da Poesía no Condado.

Hoxe comeza o Festival da Poesía en Salvaterra de Miño, organizado pola Sociedade Cultural e Desportiva do Condado.

Tráeme moitas lembranzas de cando neno acudía coa miña familia ao festival. Eu perdíame entre todos os postos de libros, de causas solidarias (souben que existía o sahara nun posto destes), de bandeiras galegas nacionalistas (ao principio non sabía por que as bandeiras levaban unha estrela vermella no medio), de poetas que recitaban enriba dun palco mesturándose coa música e o rebumbio. Eu non era consciente de que asistía a unha festa das letras, un festival adicado á poesía. Cría eu que estos eventos se daban en todos os lugares. Máis tarde veu a desilusión de comprender que a grande maioría das festas eran gastronómicas. Pero este é outro cantar.

Unha lembranza moi clara e impactante foi ver a Antón Reixa recitar con verdadeira vehemencia o seu poema de Galicia, sitio distinto. E foi por alá no ano 1986, porque algún libro teño deses anos que merquei no propio festival, que me dan a pista para saber cando Reixa andaba por Salvaterra (e Álvaro Pino andaba gañando carreiras... na súa vespino).


Era un festival itinerante, que se facía cada ano en lugares distintos do Condado (Mondariz-Balneario, Ponteareas, Salvaterra de Miño, e Fornelos, tamén en Salvaterra) e en concellos cercanos (Porriño, Salceda de Caselas). Pero é un festival practicamente ubicado ao lado do río Miño, nas covas de Dona Urraca, na praza do concello (do vello), con Portugal de fondo.

E é que a SCD é unha organización con sede en Salvaterra. Unha asociación moi activa, sobre todo no seu comezo, con máis de cento cincuenta socios que segundo as súas propias verbas "participam sectores nacionalistas, independentistas, pessoas de esquerda e activistas de todo tipo, que compartem a vontade de trabalhar pola animaçom cultural da comarca como contributo ao desenvolvimento da nossa identidade."

Eu non entendo moi ben porque a pesares desta actividade socio-cultural en Salvaterra o alcalde é Arturo Grandal, un alcalde que foi, cronolóxicamente, de UCD, independente, do PSOE e agora do PP, sempre con maioría absoluta, e que a piques estivo de non deixar facer o festival este ano. Dicía Méndez Ferrín no limiar do IV festival que o presidente dos EEUU prohibira un festival de poesía en Los Ángeles. Tal vez o alcalde quería xogar a ser presidente dos EEUU. Esta festa das letras realízase a pesares do alcalde que sufrimos, e xa van 21 festivais en 26 anos.

Pero é que eu non entendo de política e prefiro desfrutar do festival da poesía con toda a súa programación:

30 de Agosto

19.30
Abertura de Exposiçons
Covas de Dona Urraca / CASA DO CONDE
Pintura
- Delia Rodríguez
- Erica T. Fresco
- Cora Vidal
- Clara Salamanca Fernández
- Sarai Fernández Márquez
Projecçom
Reportagem do fotógrafo Alberto Prieto.
Video-poemas
Lara Bacelo, Maria Lado, Davide e Estevo Creus, Ledicia Costas, Dani Raatzke e Cuco Pino
Fotografia
O barco da memoria
Exposiçom
Sobre o periódico “A Voz do Condado” (1977-1979)

20.30
Projecçom de Audiovisuais
COVAS DE DONA URRACA
A Casa de Lola de Andrés
(Olaia Sendón, 2006)
Curtas premiadas no festival de Cans

22.30
Noite portuguesa
Covas de Dona Urraca
Filipa Pais
-Aforo limitado
-Entrada 10 €
- Ao remate, tentempé de meia-noite

31 de Agosto

20.30
Projecçom de Audiovisuais
COVAS DE DONA URRACA
Bs.As.
(Alberte Pagán, 2006)
Curtas premiadas no festival de Cans

22.30
Festa Jovem
ZONA DAS MURALHAS
Apresenta Carlos Santiago
- Galegoz (Galiza)
- Boom Club (ex-Spook & the Guay) (França)
- Peste & Sida (Portugal)
- Obrint Pas (Països Cataláns)

1 de Setembro

11.00
Marcha popular
- Charanga
- Murga Os 6 do Condado
- Gaiteiros Bailía
- Concerto da Banda de música de Salvaterra

Feira Popular

Artesanato
- Cesteiros, zapateiros, cabaqueiros, instrumentos tradicionais...

16.00
Festa infantil
PRAça do castelo
- Troula Animación: zancudos, animaçom de rua...
- Obradoiros: maquilhagem, globoflexia, barro...
- Comboio de baixa velocidade
- Ultraligeiros: Clube Meteoro

19.30
Festival Poético-Musical
ZOna das muralhas

- Apresenta Miguel de Lira e membros de Chévere

Poetas
- Marica Campo
- Celso F. Sanmartín
- Roi Vidal
- Daniel Salgado
- Manuel Outeiriño
- Raida Rodríguez
- Koki
- Ana Romaní
- Lucía Novas
- Celso Álvarez Caccamo
- Pedro António Ribeiro (Portugal)
- Delmar Maia Gonçalves (Moçambique)
- Xabi Borda (Euskal Herria)
- Jon Benito (Euskal Herria)
- Pau Gener Galin (Països Cataláns)

Grupos musicais
- Xarin (Galiteiros do Íncio)
- Marful (jazz-band, Galiza)
- Mercado Negro (reggae· Portugal)
- Dany Silva (Cabo Verde)


Remarco a exposición do periódico da A Voz do Condado, pola súa importancia nos anos da transición e por ser a marca de identidade da SCD. Terían que facer unha recopilación de todos os periódicos e dixitalizalos para que todo o mundo os poidera descargar. Unha idea que hei de compartir cos da SCD. Aquí está o seu mail, disllo ti tamén?

mércores, agosto 29, 2007

Os combates ordinarios.

O luns fun pedir á, xa miña, tenda de banda deseñada, o número catro de 'Los combates cotidianos' de Larcenet. E resultou que aínda non está. Pero é que nin sequera está feito en francés.

Gústanme tanto estes combates, son tantas as ganas de ler estas historias de Marco que me parece unha eternidade o tempo que ten que pasar ata que chegue ás miñas mans.

Mais o mellor foi que cheguei case coa hora de peche nos talóns. Miraba os lombos dos libros con ansia, con présa. Non me prestou. Non miraba nada que me gustase, non atopaba o que quería, a miña busca non servía. Era a hora de pechar e eu aínda non entrara na tenda. Non entrara todo eu. A miña cabeza quedara fóra.

Melo andaba a falar de orixinais con outro rapaz. E iso parecía que me daba un pouco tempo máis. E cando rematou con el, veu a min e preguntoume que tal estaba cun sorriso de orella a orella. E eu pregunteille polos días que estivo na Coruña e tal e de seguido lle preguntei por un par de cómics.

Xa decidira e fun pagar. E entón o tempo parou.

Melo comezou a falar, a recomendarme que tiña que ir polo menos unha vez ao Viñetas desde o Atlántico, que se me gustara entón a recomendación dos combates, que se coñecía o blog do autor... E seguía falando. E contoume en que traballaba antes. E que agora vivía feliz en Vigo. A tenda comezaba a ser rentable. Non tiña présa por pechar 'exactamente' á hora. Realmente o vin relaxado e feliz.

E calmoume. Foi aí cando a miña cabeza acabou por entrar. Aí esvaiuseme a présa. Xa mercara os libros de harmonía. E agora tiña que desfrutar dos tebeos. E foi cando decidín, se non o tiña decidido xa, que todos os meus cómics sairían desa tenda. Non creo que traten mellor ao cliente en ningunha outra parte. Polo menos a min.

Saín coa sensación de haber compartido un anaco de tempo cun amigo. E sei que non o é, pero iso dá igual.

O que sentín foi envexa. Moi grande. Unha envexa sana, como cando a un amigo lle pasa algo moi bó, e queres que tamén che pase a ti.

Noraboa Melo. E dáme a min que tamén lle teño que dar a noraboa a Eva. Pois iso, Eva, Noraboa.

Cando entrei o coche e vin a hora, era tardísimo. E a ningún dos dous nos importaba.

martes, agosto 28, 2007

Ex-enkadenados.


Enkadenados era un blog. Pero xa non é. Ben, si, sigue sendo pero non o que era.

Era o blog de wilde. Agora é de funkyky. É unha reencarnación. Xusto cando un morre nace o outro. Exactamente o mesmo día.

Poida que incluso sexa a mesma persoa.

Os visitantes do blog de wilde comentan no novo blog. Non saben onde está. Pero wilde, de entre os mortos comenta o seguinte:

SOY MANU, EL QUE HACIA DE WILDE EN EL BLOG ENKADENADOS. ESTE BLOG NO TIENE NADA QUE VER CONMIGO NI SE DE DONDE HA SALIDO, HE MANDADO LA BLOGOSFERA A FREIR ESPARRAGOS DIRECTAMENTE. EL TEMA ESTA EN QUE HE CONOCIDO A UNA PERSONA Y ME HE ENAMORADO DE ELLA, LA BLOGOSFERA ME ABURRE EN ESTE ESTADO Y ME CREA CONFLICTOS QUE NI QUIERO, NI NECESITO. ESTO ES UN JUEGO, UN HOBBIE, UN ENTRETENIMIENTO, SIN MAYOR TRASCENDENCIA, AL MENOS PARA MI. NO ME CUESTA DEJARLA NI VOY A ECHAR DE MENOS A NADIE, ESTO NO ES REAL, REALES SOIS VOSOTROS Y VUESTRAS VIDAS. Y LA MIA CLARO, QUE ES LA QUE VIVO. MUCHAS GRACIAS POR TODO Y OS DESEO LO MEJOR DE LO MEJOR, EN TODAS LAS VIDAS, EN LAS OTRAS DIGO ... QUE ME HE LIAO, PARA VARIAR (RISAS)

PD. COMO ODIO TENER QUE DAR EXPLICACIONES, NO SÉ PORQUE SIEMPRE LO HAGO ...

SALUD!


É o mellor que fixo wilde, que non Manu. É a mellor despedida que puido facer.

Se funkyky é wilde, buscábase que non aparecese nada na caché do google cando se buscase enkadenados, pero pódense procurar outros arquivos nesa caché que aínda se poden ver. Aquí están as trazas do que foi e xa non é, de momento, mentras non desapareza por completo... e aínda tardará...

O último post

O último mes. Este desaparecerá rápido. En canto google actualice.

Se wilde non é funkyky... funkyky estará máis despistado ca nunca. E sería unha extraordinaria coincidencia. Demasiado extraordinaria, diría eu.

E, claro, o mesmo ocorre con La voz de la niebla, e Desenkadenados.


E por que conto todo isto? Só, e simplemente porque me fixo moita gracia ver en vivo como se esfumou este blog vigués. E volverá?

luns, agosto 13, 2007

07. Vivenzas.


As lembranzas vanse enchendo de momentos que se quedan impresos na memoria e que son os que despois se van recreando e inventando para conformar a vida. A vida que se recorda, claro está. Algúns deses momentos van acompañados de música. Unhas veces xurde a música a través dos recordos, e outras son as vivenzas as que se presentan na cabeza por culpa dalgunha música.

Algúns van emparellados. Outros non tanto, aínda que tamén.

01. Bonovo - Danza Filipa.

Óscar Fernández, Roberto Grandal, e o Pulpiño de Viascón forman o incrible trío de Bonovo. Fixeron un concerto incrible no Liceum para as escasas quince persoas que alí estabamos. Puxeron todo o que tiñan e tiveron que subir tocar o bis que xa non tiñan preparado.

Por que foi tan pouca xente? Onde estaba toda esa xente que pide música de calidade en Galiza? Tal vez non foron porque tiñan que pagar? Ese é o resultado da cultura subencionada deste país. A xente non coñece aquilo que non é gratis. E non valora nada o traballo dos artitas. Así non hai maneira de crear industria cultural neste país.

02. Blowzabella - Spaghetti Panic.

No concerto de Bonovo tocaron o Spaghetti Panic, que o aprenderon dos Blowzabella, grupo que por alá nos anos 90 do século pasado foi a sensación dos músicos folk. As sesións folk, polo menos en Madrid, ademáis de incluir moitos temas bretóns, comezaron a incluir saxofóns, clarinetes... formando unha sección propia de ventos.

Como non?, as novidades, os avances, os intereses, veñen de Francia, da Bretaña Francesa.

03. Judith Cohen - Primavera en Salónica.

No ano 2003 a Escuela de Folklore Plaza Castilla estaba comezando. E, daquela, oranizaba cursos intensivos de fin de semana. Na fin de semana do 29 e 30 de Marzo, veu dar un curso Judith Cohen. O curso trataba sobre a música sefardí e bailes dos balcáns.

Impresionante esta musicóloga canadiense que transmite calma e sencillez, o que fai que os seus coñecementos se vexan aínda máis agrandados, se isto é posible, que non o é. Máis que probada está a súa sabiduría sobre a música xudea en todo o mundo. Pero é que non se queda aí. O coñecemento que atesora sobre as músicas do mundo déixao a un coa sensación de non saber absolutamente nada. Nen sequera da música máis cercana, pois nunca vin un dominio tan grande sobre a música portuguesa tradicional. Viaxante incansable coincidiu en Galiza con Mini. Estou seguro que non hai ninguén mellor para dirixir as edicións dos discos de recollas da fundación Alan Lomax.

04. Tamara Honstetter - Birthday.

De todos os músicos que coñezo, a que máis me impresiona é Tamara. Nunca vin unha persoa tan inmersa na música que ata fala con metáforas, porque non é capaz de facelo doutra maneira. Todo o que poida dicir dela quedaríase curto.

Ten un proxecto chamado Klezmerzyklus, que trata a música arredor do klezmer. Nel hai temas de diferentes lugares do mundo dende a perspectiva klezmer. Algúns dos temas deste proxecto gravounos con músicos polacos. Un deses temas é Birthday que nas súas propias palabras: "Celebra un amigo judío que nunca se sentía a gusto en ningún país, ni Francia, ni Argentina, ni Turquía, ni Israel..."

A radio sefarad fíxolle unha entrevista onde entresaco un fragmento no que fala da súa visión da música, da fusión:


Pois ben, na fin de semana na que estivo Judith Cohen en Madrid, coñecéronse ela e Tamara. Foi un encontro impresionante. Entendéronse enseguida. Tal vez pola súa condición de xudeas, ou tal vez pola distancia que as separaba dos seus lugares de nacemento, ou tal vez pola súa forma de concebir a vida a través da música, ou tal vez porque simplemente son músicas. A conversa foi cambiando de idioma español, francés, outra vez español, algo de inglés, sen que en ningún momento isto fose impedimento de entendemento, tanto pola súa parte como para os que estabamos alí escoitándoas.

Claro que o espazo para o diálogo foi dos mellores.

05. Banda Ionica - Espinita.

Hai momentos nos que a música serve de evasión, ata de un mesmo.

A Banda Ionica fai música de Sicilia. Música moi de banda de música en Semana Santa. Ese tipo de música que te colle e non te solta. Neste tema, Espinita, colabora Macaco el Mono Loco, de forma maxistral.

Para que seguir chorando? Para que?

06. Divertimento Folk - Jota Antigua.

Este grupo de Valladolid bebe das diferentes músicas do seu entorno. O seu nome, Divertimento, xa di o que os move a formar o grupo.

Escollo a Jota Antigua porque máis dunha vez pensei en mudar de instrumento cando escoitaba ás dulzainas na aula do lado. Teñen algo as dulzainas que me cautivan.

07. Xabier Díaz - Muiñeira de Razo da Costa.

Unha canción para desafogarse, para mandar por aí a calquera.

Non, non... ou si.

Xabier Díaz forma parte deses músicos que se atopan alá onde se vaia. Co seu propio proxecto, con Nova Galega de Danza, colaborando con Marful, con Dani Bellón e Diego Maceiras, na radio galega no programa Tres Peixes Voando...

Foi en Salceda onde o vin cantando, e bailando na parte do espectáculo de NGD que máis me gustou.

08. Germán Díaz - Sertao.

Xa ía sendo hora de que Germán Díaz aparecese nalgún programa. O seu segundo disco como Germán Díaz prescinde de calquera outro músico para facelo el todo: órgano de barbaria, caixa de música, zanfona, clarinete baixo, ric, zarb, cántara, sälgföjter e live looping. Pero o esencial son os tres instrumentos de manivela. O órgano de barbaria, a caixa de música e a zanfona. Nos espectáculos grava primeiro os dous primeiros e despois improvisa coa zanfona. No disco non hai que esperar a que grave. El mesmo crea as tarxetas perforadas para crear as músicas da caixa de música e do órgano de barbaria.

O sea, Pi: "é igual ao perímetro da música mecánica, dividido polo doble da improvisación... E se non, calculen"

09. Ella Fitzgerald - Too young for the blues.

A dama do jazz. Nunca cansa escoitala cantar. Tal e como se di do propio Gardel, segundo vai pasando o tempo, canta mellor. Considerada unha das voces máis importantes e influíntes da historia do jazz.

Ella Fitzgerald conquístame sempre. E acabo por caer sempre na súa música. Un referente, unha base, unha morea de vivenzas.

10. Miles Davis - Milestones.

Neses periodos máis convulsos, nos que non había outra cousa máis que escoitar música e máis música, no medio do festival de jazz de Donosti, xurdiu a pregunta de que música levarías a unha illa deserta? Existen moitas posibilidades a esta pregunta, moitísimas, pero unha delas é que coa música de Miles Davis ou de John Coltrane daría para escoitar toda a vida e non chegaría a vida enteira para poder escoitar 'de verdade' toda a súa música.

Por iso aí vai un tema onde están estos dous grandes músicos. Davis e Coltrane man a man, tocando un ao lado do outro, un contra o outro, escoitándose, admirándose...

Neste caso pertence a un disco de Miles Davis, o Milestones. E neste caso é unha toma alternativa. O que se dá tanto nos discos de jazz dese tempo, as alternate take. Que despois tiveron que publicarse tamén por ser de igual ou maior calidade que as escollidas para o disco orixinal.

11. Treixadura - Canto da vendimia.

En palabras de Treixadura, Vigo é a capital do folk. Eu diría que é capital do baile. Pero é que aínda teño na retina o concerto que deron no Berbés, onde bailaba todo o mundo, nenos, maiores, e máis maiores.

Escollo o cando da vendimia porque o canta o orfeón, que cada día me gusta máis. E porque para vendimar hai que cantar, para que o patrón saiba que non se está a comer nas uvas. Aínda que para todo hai trampas, sobre todo se hai fame.

12. Luis Emilio Batallán - Notas necrolóxicas.

O disco do ano 1975 Ahi ven o Maio de Luis Emilio Batallán é un dos discos referencia da música galega, cheo de letras de poetas galegos: Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas.

No concerto de Leo e Arremecághona no que se teloneou el mesmo facendo de telonero cantautor, incluiu este tema de Celso Emilio Ferreiro explicando quen aparecía na esquela do periódico que eu agora non lembro.

Cando escoito, leo, vexo e admiro estos artistas que fuxían da censura non podo deixar de imaxinar aos propios censores discutindo sobre o que había que cortar. Mira, isto ten moita pinta de referirse a 'aquilo'. Xa, pero é difícil que a xente normal o colla. Déixao pasar que só o van ver os que xa saben do conto, e así pensan que lograron pasar o noso filtro. Así están máis contentos, e máis calmos. Ti cres? Eu que sei, pode ser. Si, home, si, que hai que dar unha de cal e outra de area, para que todos estean contentos. E se crea rebumbio que van pensar os de arriba. Eles aínda se enteran menos do que a xente normal. Ti cres? E non será que eles pensan coma nós? Pode ser, pode ser... mais eu creo que non.

Puiden comprobar no concerto que deu Milladoiro en Salvaterra o outro día, cando fixeron unha versión da canción Quen poidera namorala? que a cantou todo o público, tiveran a idade que tiveran, nun momento realmente especial e emotivo (polo menos, para min). Sinal de que é unha canción do imaxinario colectivo galego.

13. Este tema déixoo para que o adiviñedes, o procuredes, para que me digades que é e quen é.

mércores, agosto 01, 2007

Os terribles da pedra das procesións

Onte estivemos cos do instituto de estudios miñoranos facendo a visita nocturna aos petróglifos de Auga da Laxe en Vincios.

Chegamos tarde. Fumos detrás de toda a xente, que había moita, en procesión polo medio do monte como se da Santa Compaña se tratase. E cando estaban todos diante da pedra con Xosé Lois dando unha clase maxistral sobre os petróglifos, nós metémonos por detrás e chegamos a onde estaban os gaiteiros.

Sentamos e esperamos ata que rematara o seu discurso dunha sabedoría incrible. Todo a escuras con linternas a ras do chan para poder ver os petróglifos. Avisan de que temos que tocar, erguémonos e comezamos a tocar. As gaitas primeiro e cun par de compases da muiñeira avanzados, a percusión. E xusto empeza a chuviscar. A xente cala. Nós achegámonos a eles e enfilámonos xusto enriba da roca, ao lado de Xosé Lois, que senta. As linternas enfócannos, as cámaras captan o momento. Rematamos e a xente aplaude.

Creo que nunca estivera en semellante auditorio. No medio do monte, no medio da noite, con lúa chea detrás das nuves que descargan unha chuvia miúda. A xente escoitanos con verdadeiro interese.

Non temos nome, non somos un grupo. Xosé Lois, coa súa potente voz, preséntanos. Non teñen nome, acaban de xuntarse para tocarnos agora. Despois, se a chuvia deixa, tocarán de novo. Poderían ser os 'Terribles da pedra das procesións'.

É o nome da pedra da que acababa de falar, dos petróglifos máis importantes de Europa, que foron salvados polo IEM da canteira de pedra que se argaballaba dende as institucións.

Xente desta, da que sabe, é da que fai falta. É a imprescindible.