mércores, agosto 01, 2007

Os terribles da pedra das procesións

Onte estivemos cos do instituto de estudios miñoranos facendo a visita nocturna aos petróglifos de Auga da Laxe en Vincios.

Chegamos tarde. Fumos detrás de toda a xente, que había moita, en procesión polo medio do monte como se da Santa Compaña se tratase. E cando estaban todos diante da pedra con Xosé Lois dando unha clase maxistral sobre os petróglifos, nós metémonos por detrás e chegamos a onde estaban os gaiteiros.

Sentamos e esperamos ata que rematara o seu discurso dunha sabedoría incrible. Todo a escuras con linternas a ras do chan para poder ver os petróglifos. Avisan de que temos que tocar, erguémonos e comezamos a tocar. As gaitas primeiro e cun par de compases da muiñeira avanzados, a percusión. E xusto empeza a chuviscar. A xente cala. Nós achegámonos a eles e enfilámonos xusto enriba da roca, ao lado de Xosé Lois, que senta. As linternas enfócannos, as cámaras captan o momento. Rematamos e a xente aplaude.

Creo que nunca estivera en semellante auditorio. No medio do monte, no medio da noite, con lúa chea detrás das nuves que descargan unha chuvia miúda. A xente escoitanos con verdadeiro interese.

Non temos nome, non somos un grupo. Xosé Lois, coa súa potente voz, preséntanos. Non teñen nome, acaban de xuntarse para tocarnos agora. Despois, se a chuvia deixa, tocarán de novo. Poderían ser os 'Terribles da pedra das procesións'.

É o nome da pedra da que acababa de falar, dos petróglifos máis importantes de Europa, que foron salvados polo IEM da canteira de pedra que se argaballaba dende as institucións.

Xente desta, da que sabe, é da que fai falta. É a imprescindible.

2 comentarios:

O Fuco dixo...

Sen dúbida un momento máxico.

Anónimo dixo...

Gustoume iso que pos da xente imprescindible. É certo, habeila, haila ...

E onde anda Miriño??? mmm ...

Boas vacacions por certo...

Saúde!