luns, agosto 13, 2007

07. Vivenzas.


As lembranzas vanse enchendo de momentos que se quedan impresos na memoria e que son os que despois se van recreando e inventando para conformar a vida. A vida que se recorda, claro está. Algúns deses momentos van acompañados de música. Unhas veces xurde a música a través dos recordos, e outras son as vivenzas as que se presentan na cabeza por culpa dalgunha música.

Algúns van emparellados. Outros non tanto, aínda que tamén.

01. Bonovo - Danza Filipa.

Óscar Fernández, Roberto Grandal, e o Pulpiño de Viascón forman o incrible trío de Bonovo. Fixeron un concerto incrible no Liceum para as escasas quince persoas que alí estabamos. Puxeron todo o que tiñan e tiveron que subir tocar o bis que xa non tiñan preparado.

Por que foi tan pouca xente? Onde estaba toda esa xente que pide música de calidade en Galiza? Tal vez non foron porque tiñan que pagar? Ese é o resultado da cultura subencionada deste país. A xente non coñece aquilo que non é gratis. E non valora nada o traballo dos artitas. Así non hai maneira de crear industria cultural neste país.

02. Blowzabella - Spaghetti Panic.

No concerto de Bonovo tocaron o Spaghetti Panic, que o aprenderon dos Blowzabella, grupo que por alá nos anos 90 do século pasado foi a sensación dos músicos folk. As sesións folk, polo menos en Madrid, ademáis de incluir moitos temas bretóns, comezaron a incluir saxofóns, clarinetes... formando unha sección propia de ventos.

Como non?, as novidades, os avances, os intereses, veñen de Francia, da Bretaña Francesa.

03. Judith Cohen - Primavera en Salónica.

No ano 2003 a Escuela de Folklore Plaza Castilla estaba comezando. E, daquela, oranizaba cursos intensivos de fin de semana. Na fin de semana do 29 e 30 de Marzo, veu dar un curso Judith Cohen. O curso trataba sobre a música sefardí e bailes dos balcáns.

Impresionante esta musicóloga canadiense que transmite calma e sencillez, o que fai que os seus coñecementos se vexan aínda máis agrandados, se isto é posible, que non o é. Máis que probada está a súa sabiduría sobre a música xudea en todo o mundo. Pero é que non se queda aí. O coñecemento que atesora sobre as músicas do mundo déixao a un coa sensación de non saber absolutamente nada. Nen sequera da música máis cercana, pois nunca vin un dominio tan grande sobre a música portuguesa tradicional. Viaxante incansable coincidiu en Galiza con Mini. Estou seguro que non hai ninguén mellor para dirixir as edicións dos discos de recollas da fundación Alan Lomax.

04. Tamara Honstetter - Birthday.

De todos os músicos que coñezo, a que máis me impresiona é Tamara. Nunca vin unha persoa tan inmersa na música que ata fala con metáforas, porque non é capaz de facelo doutra maneira. Todo o que poida dicir dela quedaríase curto.

Ten un proxecto chamado Klezmerzyklus, que trata a música arredor do klezmer. Nel hai temas de diferentes lugares do mundo dende a perspectiva klezmer. Algúns dos temas deste proxecto gravounos con músicos polacos. Un deses temas é Birthday que nas súas propias palabras: "Celebra un amigo judío que nunca se sentía a gusto en ningún país, ni Francia, ni Argentina, ni Turquía, ni Israel..."

A radio sefarad fíxolle unha entrevista onde entresaco un fragmento no que fala da súa visión da música, da fusión:


Pois ben, na fin de semana na que estivo Judith Cohen en Madrid, coñecéronse ela e Tamara. Foi un encontro impresionante. Entendéronse enseguida. Tal vez pola súa condición de xudeas, ou tal vez pola distancia que as separaba dos seus lugares de nacemento, ou tal vez pola súa forma de concebir a vida a través da música, ou tal vez porque simplemente son músicas. A conversa foi cambiando de idioma español, francés, outra vez español, algo de inglés, sen que en ningún momento isto fose impedimento de entendemento, tanto pola súa parte como para os que estabamos alí escoitándoas.

Claro que o espazo para o diálogo foi dos mellores.

05. Banda Ionica - Espinita.

Hai momentos nos que a música serve de evasión, ata de un mesmo.

A Banda Ionica fai música de Sicilia. Música moi de banda de música en Semana Santa. Ese tipo de música que te colle e non te solta. Neste tema, Espinita, colabora Macaco el Mono Loco, de forma maxistral.

Para que seguir chorando? Para que?

06. Divertimento Folk - Jota Antigua.

Este grupo de Valladolid bebe das diferentes músicas do seu entorno. O seu nome, Divertimento, xa di o que os move a formar o grupo.

Escollo a Jota Antigua porque máis dunha vez pensei en mudar de instrumento cando escoitaba ás dulzainas na aula do lado. Teñen algo as dulzainas que me cautivan.

07. Xabier Díaz - Muiñeira de Razo da Costa.

Unha canción para desafogarse, para mandar por aí a calquera.

Non, non... ou si.

Xabier Díaz forma parte deses músicos que se atopan alá onde se vaia. Co seu propio proxecto, con Nova Galega de Danza, colaborando con Marful, con Dani Bellón e Diego Maceiras, na radio galega no programa Tres Peixes Voando...

Foi en Salceda onde o vin cantando, e bailando na parte do espectáculo de NGD que máis me gustou.

08. Germán Díaz - Sertao.

Xa ía sendo hora de que Germán Díaz aparecese nalgún programa. O seu segundo disco como Germán Díaz prescinde de calquera outro músico para facelo el todo: órgano de barbaria, caixa de música, zanfona, clarinete baixo, ric, zarb, cántara, sälgföjter e live looping. Pero o esencial son os tres instrumentos de manivela. O órgano de barbaria, a caixa de música e a zanfona. Nos espectáculos grava primeiro os dous primeiros e despois improvisa coa zanfona. No disco non hai que esperar a que grave. El mesmo crea as tarxetas perforadas para crear as músicas da caixa de música e do órgano de barbaria.

O sea, Pi: "é igual ao perímetro da música mecánica, dividido polo doble da improvisación... E se non, calculen"

09. Ella Fitzgerald - Too young for the blues.

A dama do jazz. Nunca cansa escoitala cantar. Tal e como se di do propio Gardel, segundo vai pasando o tempo, canta mellor. Considerada unha das voces máis importantes e influíntes da historia do jazz.

Ella Fitzgerald conquístame sempre. E acabo por caer sempre na súa música. Un referente, unha base, unha morea de vivenzas.

10. Miles Davis - Milestones.

Neses periodos máis convulsos, nos que non había outra cousa máis que escoitar música e máis música, no medio do festival de jazz de Donosti, xurdiu a pregunta de que música levarías a unha illa deserta? Existen moitas posibilidades a esta pregunta, moitísimas, pero unha delas é que coa música de Miles Davis ou de John Coltrane daría para escoitar toda a vida e non chegaría a vida enteira para poder escoitar 'de verdade' toda a súa música.

Por iso aí vai un tema onde están estos dous grandes músicos. Davis e Coltrane man a man, tocando un ao lado do outro, un contra o outro, escoitándose, admirándose...

Neste caso pertence a un disco de Miles Davis, o Milestones. E neste caso é unha toma alternativa. O que se dá tanto nos discos de jazz dese tempo, as alternate take. Que despois tiveron que publicarse tamén por ser de igual ou maior calidade que as escollidas para o disco orixinal.

11. Treixadura - Canto da vendimia.

En palabras de Treixadura, Vigo é a capital do folk. Eu diría que é capital do baile. Pero é que aínda teño na retina o concerto que deron no Berbés, onde bailaba todo o mundo, nenos, maiores, e máis maiores.

Escollo o cando da vendimia porque o canta o orfeón, que cada día me gusta máis. E porque para vendimar hai que cantar, para que o patrón saiba que non se está a comer nas uvas. Aínda que para todo hai trampas, sobre todo se hai fame.

12. Luis Emilio Batallán - Notas necrolóxicas.

O disco do ano 1975 Ahi ven o Maio de Luis Emilio Batallán é un dos discos referencia da música galega, cheo de letras de poetas galegos: Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas.

No concerto de Leo e Arremecághona no que se teloneou el mesmo facendo de telonero cantautor, incluiu este tema de Celso Emilio Ferreiro explicando quen aparecía na esquela do periódico que eu agora non lembro.

Cando escoito, leo, vexo e admiro estos artistas que fuxían da censura non podo deixar de imaxinar aos propios censores discutindo sobre o que había que cortar. Mira, isto ten moita pinta de referirse a 'aquilo'. Xa, pero é difícil que a xente normal o colla. Déixao pasar que só o van ver os que xa saben do conto, e así pensan que lograron pasar o noso filtro. Así están máis contentos, e máis calmos. Ti cres? Eu que sei, pode ser. Si, home, si, que hai que dar unha de cal e outra de area, para que todos estean contentos. E se crea rebumbio que van pensar os de arriba. Eles aínda se enteran menos do que a xente normal. Ti cres? E non será que eles pensan coma nós? Pode ser, pode ser... mais eu creo que non.

Puiden comprobar no concerto que deu Milladoiro en Salvaterra o outro día, cando fixeron unha versión da canción Quen poidera namorala? que a cantou todo o público, tiveran a idade que tiveran, nun momento realmente especial e emotivo (polo menos, para min). Sinal de que é unha canción do imaxinario colectivo galego.

13. Este tema déixoo para que o adiviñedes, o procuredes, para que me digades que é e quen é.

Ningún comentario: