luns, xuño 29, 2009

Risoterapia


Envíame a miña amiga Ana este correo:

_____________________________

Ola de novo!!!

Comunícovos que proximamente no centro azahar realizarase un taller de risoterapia. Para que poidades coñecer esta actividade mais a fondo envíovos información no arquivo adxunto..

O taller realizarase o sábado día 4 de xullo as 10:30h. O custo desta actividade son 12 euros.

CENTRO AZAHAR:
Rúa Montero rios nª 28, 2A

Coma sempre gustaríame que todas as persoas que estedes interesadas comuniquedelo canto antes xa que para poder realizar este taller precísase un número mínimo de persoas..

Despois deste longo inverno azahar proponvos que nos riamos todos xuntos para comezar con alegría e vitalidade este esperado verán..

Bicos riseiros para tod@s!!!

Información e reserva:

Ana sánchez: 606093178

_____________________________


O curso será impartido por Fran Ameixeiras:

Monitor de dinámicas da risa, formado na escola de "salut inteligent" de Barcelona.

Tamén é actor e clown das compañías "acontrabutaca", "Tirinautas" e "Os sete magníficos+1", e da organización "pallasos en rebeldía".

Formado con mestres como Leo Bassi, Fraser Hooper, Jonnhy Melville entre outros.


Os arquivos dos que fala podedes descargalos aquí e aquí.

Apuntádevos que vai estar realmente ben!

domingo, xuño 14, 2009

Bruma



Este é o vídeo promocional do espectáculo Bruma, 9 espellos e unha caixa de música, que se presentará os días 19 e 20 de Xuño no Teatro Principal de Santiago ás 21:30h.

mércores, xuño 10, 2009

Kowalski na avenida Dropsie


Walt Kowalski é o personaxe principal da película Gran Torino, dirixida e protagonizada por Clint Eastwood. A avenida Dropsie é a avenida onde se centra a triloxía de Will Eisner, Contrato con Dios.

Visitando a miña familia quedamos cuns "amigos" e imos tomar un algo a un bar do barrio. Eles hai moito tempo que viven no mesmo barrio e cóntannos historias da xente e de como se foron movendo de negocio en negocio. Agora hai moitas tendas de chinos. Talleres de roupa que traballan ata moi tarde pero "ninguén" sabe que están alí.

Obra (No coment) é unha obra de teatro de Produccións Teatrais Excéntricas na que se fala da crise do 29 dende o punto de vista de tres inmigrantes que traballan na construcción dun edificio.

As imaxes de protestas con lume e fume e policías disparando bolas de goma e ducias de feridos non son tomadas noutro país, nin noutra zona, nin sequera noutra cidade. Na mesma rúa pola que un pasea foi onde golpearon, onde queimaron, onde feriron...



Hai épocas na que todo conflúe para falar do mesmo. A crise está aquí e botamos as mans á testa porque non había quen predecira semellante cousa. Sempre se falaba da burbulla inmobiliaria e financeira pero iso podía ser algo que lle sucedería a outro e pasando un tempo que non era posible lembrar. E de súpeto cae a lousa e asoballa todo o que atopa.

En Contrato con Dios fálase da crise do 29 e como foron transcorrendo as fases que agora se repiten matizadas polo tempo tan hipócrita do presente. A crise da construcción e a financeira van da man. Como agora. Sucede cando se basea a economía na reproducción exarcebada do ladrillo. Un dos cancros da sociedade. Crecemento descontrolado da ambición.

É unha marabilla atoparse con Eisner, un xenio, a persoa que puxo ao cómic no lugar que lle correspondía (Di Updike: Non é que Eisner fose por diante do seu tempo, é que o tempo aínda está tentando alcanzalo). Na Avenida Dropsie, a terceira das historias, conta a vida dun barrio do Bronx dende o ano 1870 ata hoxe en día. Cóntase a vida do mesmo barrio por onde van pasando distintas oleadas de inmigrantes (holandeses, ingleses, irlandeses, xudeus, afroamericanos, portorriqueños). A historia é sempre a mesma. Os que veñen son vistos como foráneos e os que estropean o barrio. O barrio xa non é o que era. Esta é a frase que se vai repetindo. Historias de nacemento, morte e resurrección. Os foráneos pasan a ser a xente do barrio, os que se recoñecen, os que se protexen dos seguintes foráneos. E no fondo unha historia de deterioro da forma do barrio, pero por simple aglomeración, presión demográfica e moles de cemento e asfalto.

O choque de xentes dase en Gran Torino. Literalmente aparece unha secuencia na película na que Kowalski (un partipante na guerra de Vienam) despotrica contra os "chinos", preguntándose por que tiveron que vivir ao barrio. A muller que ten diante pregúntase por que Kowalski se resiste a abandonar o barrio, que todos os demais xa o fixeron. O estadounidense, con antecedentes polacos, vese desplazado polos hmong, mais acaba sentíndose identificado con eles e termina por axudalos.

Unha película na que Eastwood se implica dirixindo, actuando, producindo e ata cantando. Unha película pausada, de ritmo lento, na que se cuestionan determinadas inercias desta sociedade tan materialista. A última escena, onde saen os créditos, longa, amplia, é das máis suxerentes, evocadoras e pensativas que eu vin no cine. Non deixa que un se levante da cadeira, como se fose a ocorrer algo máis. E non ocorre nada. Aparentemente, pois sucede todo na imaxinación de cada observador.



... e a vida segue, implacable, cíclica, á marxe dos erros dos humanos, das imbecilidades das persoas.

luns, xuño 08, 2009

Xentes, letras, músicas...

O sábado 6 de Xuño foi un día moi completo.

Pola mañá, a iso da unha, visita teatralizada no verbum (a casa das palabras). Un percorrido por todo o edificio indo de bloque en bloque, de letra en letra, de comunicación verbal e non verbal. Acabando no teito ao ar libre lanzando verbas nun globo que se perdeu entre o algodón de choiva.

Comer en Teis, nun bar ao lado de Guixar, onde comen todos os días os que agora andan de folga. Uns chocos e uns rapantes con pementos de padrón, patatas fritidas e ensalada. Racións inmensas, como para xente con fame. Despois fálannos que foi unha mágoa non haber collido un variado e probar as sardiñas e as xoubas que están riquísimas. Será outro día. Estamos sós, non hai ninguén máis:

- Traballades sobre todo pola semana, non si?
- Si, claro. Pola semana aquí non se para. E antes tamén se enchía os sábados, pero agora que están en folga, pois... Xa levan así dous meses. E para a semana comezan con folga indefinida. Están levando xa os barcos a facer fóra. Ao final van quedar sen traballo. Cobran ben porque fan moitas horas extras, pero sen as horas extras poden estar nos 600, 800 euros. Agora van notar moito non traballar. É unha cadea, eles non traballan, nós tampouco, dependemos deles. Non sei que vai pasar...
- ...
- Pero non comedes? Iso hai que comelo todo, eh!
- Buf, non podemos, era moita comida para nós.
- E postre, queredes?

Pola tarde collemos o barco ás seis menos cuarto para ir á illa de San Simón. Paseo pola illa, coa ponte de Rande ao fondo, e entrega dos premios Xerais 2009. Discurso ben emotivo e reivindicativo de Agustín Fernández Paz: Oito doas para San Simón. Premio Merlín de literatura infantil para Jacobo Fernández Serrano, por Mil cousas poden pasar (cando eu pensaba que llo ían dar en Barcelona por Cacauequi, sorpréndeme velo nos Xerais). Os premios de literatura xuvenil e de novela son para Rosa Aneiro Díaz, por Ás de bolboreta e Sol de inverno. Ganas teño xa de que se publiquen os tres libros.



No momento da empanada, tortilla, viños e tertulias espontáneas, achégome a Tati para coñecela en persoa. Tati preséntame a Alfredo (os dous andaban por alí retransmitindo o momento para blogaliza). E máis tarde a Ana Bande e a Marcos. Pouquiño a pouco voulle pondo cara a todos os escritores do blogomillo. Unha rede social que se vai estendendo morna, tranquila. (Teño pendiente escribir sobre a xenerosidade do blogomillo, mais será noutra ocasión). Tati recibe moi ben a miña presentación por sorpresa e síntome afortunado porque me mostra unha foto dos pelachos. Ana Bande acólleme nos seus brazos e o pracer por coñecernos é rápido e mutuo. Quedamos en que lle escribiría para tratar de recibir o meu premio.

Xa antes estivera politiqueando con Lavesedo, que confesa que el pensaba que era curioso intermitente, nome que me acae moito mellor (onde vai parar?) e proponme o nome de O intermitente fisgón. Semella un marabilloso nome para un (we)blog (que non descarto...).

Achégome a Jacobo e doulle os parabéns por partida dobre (unha das mil cousas que podían pasar era que estivese de aniversario). Alí estaba tamén Manel Cráneo. Os tres comentamos o salón do cómic de Barcelona e o por que Cacauequi non foi premiada (basicamente porque nin sequera podía optar ao premio, xa que a distribución do cómic foi moi deficiente). Pregúntolle pola aportación dos seus fillos na obra e a máis directa foi o lema escollido, Papude, que é unha das mil variantes que teñen para chamalo.

Os momentos musicais foron aportados polo dúo Sobre Rodas, Luis Correa "O Caruncho" e Carlos do Viso. No esparcimento do bandullo unímonos uns cantos para tocar e desfrutar con eles. Deixo aquí dous tempos musicais. O primeiro é a segunda participación durante a entrega de premios e o segundo é volvendo a terra. Un día case perfecto (sempre hai que deixar marxe para mellorar!)


sábado, xuño 06, 2009

Cómic galego.

Agora que xa pasou un tempo dende a participación da comunidade galega como invitada no Salón del cómic de Barcelona, que ven a mostrar todo o traballo que se está a facer na banda deseñada en Galiza poño o cartaz que se mostrou no salón. Unha verdadeira xoia, un cartaz que reúne dúas teimas do que pretende empurrar neste blog.



O cartaz non é o mesmo que eu vin por primeira vez porque houbo cambios políticos e tíñase que notar, claro está! (nótese certa retranca nestas verbas).

Tal e como entrou o novo goberno como elefante en cacharrería é posible que existan intentos de tirar todo o traballo feito. Eu sei que non será así, pois hai cousas que non hai quen as pare. E que son independentes do signo político das persoas que se senten co poder de facer o que lles pete, sen entender que terían que gobernar para que todo fose mellor e non para que o contrincante non teña razón.

Existe recoñecemento moito máis alá do chauvinismo localista.

Pd. No fondo entristéceme que agora todo teña unha capa de tinta política. No fondo síntome impotente ante a ineptitude da clase política. No fondo hai que coller a iniciativa para que non te leve a bóla de neve. No fondo e na superficie.

xoves, xuño 04, 2009

Músicas



Chégame a través do e-mail a información sobre o I festival internacional de improvisación libre de Galiza. Será entre os días 4 e 7 de Xuño.

Entre as actuacións atópase O.M.E.G.A. (Orquestra de Música Espontánea de Galiza), que xa vai sendo hora de que vaia velos.

O programa (interesante coma el só) pódese descargar: ProgramaVibra



O.M.E.G.A tamén participará no 5º festival de jazz de Vigo, o Imaxinasons. Coma todas as edicións un festival tremendamente interesante que se desenrolará entre os días 25 de Xuño e o 5 de Xullo, con actuacións na rúa, exposicións, conferencias, mesas redondas, master-class e concertos.

Velaquí o programa.



Tamén en Vigo está sendo agora o festival SinSal Primavera-Verán #7.


Eu vou, apúntaste?