luns, xuño 08, 2009

Xentes, letras, músicas...

O sábado 6 de Xuño foi un día moi completo.

Pola mañá, a iso da unha, visita teatralizada no verbum (a casa das palabras). Un percorrido por todo o edificio indo de bloque en bloque, de letra en letra, de comunicación verbal e non verbal. Acabando no teito ao ar libre lanzando verbas nun globo que se perdeu entre o algodón de choiva.

Comer en Teis, nun bar ao lado de Guixar, onde comen todos os días os que agora andan de folga. Uns chocos e uns rapantes con pementos de padrón, patatas fritidas e ensalada. Racións inmensas, como para xente con fame. Despois fálannos que foi unha mágoa non haber collido un variado e probar as sardiñas e as xoubas que están riquísimas. Será outro día. Estamos sós, non hai ninguén máis:

- Traballades sobre todo pola semana, non si?
- Si, claro. Pola semana aquí non se para. E antes tamén se enchía os sábados, pero agora que están en folga, pois... Xa levan así dous meses. E para a semana comezan con folga indefinida. Están levando xa os barcos a facer fóra. Ao final van quedar sen traballo. Cobran ben porque fan moitas horas extras, pero sen as horas extras poden estar nos 600, 800 euros. Agora van notar moito non traballar. É unha cadea, eles non traballan, nós tampouco, dependemos deles. Non sei que vai pasar...
- ...
- Pero non comedes? Iso hai que comelo todo, eh!
- Buf, non podemos, era moita comida para nós.
- E postre, queredes?

Pola tarde collemos o barco ás seis menos cuarto para ir á illa de San Simón. Paseo pola illa, coa ponte de Rande ao fondo, e entrega dos premios Xerais 2009. Discurso ben emotivo e reivindicativo de Agustín Fernández Paz: Oito doas para San Simón. Premio Merlín de literatura infantil para Jacobo Fernández Serrano, por Mil cousas poden pasar (cando eu pensaba que llo ían dar en Barcelona por Cacauequi, sorpréndeme velo nos Xerais). Os premios de literatura xuvenil e de novela son para Rosa Aneiro Díaz, por Ás de bolboreta e Sol de inverno. Ganas teño xa de que se publiquen os tres libros.



No momento da empanada, tortilla, viños e tertulias espontáneas, achégome a Tati para coñecela en persoa. Tati preséntame a Alfredo (os dous andaban por alí retransmitindo o momento para blogaliza). E máis tarde a Ana Bande e a Marcos. Pouquiño a pouco voulle pondo cara a todos os escritores do blogomillo. Unha rede social que se vai estendendo morna, tranquila. (Teño pendiente escribir sobre a xenerosidade do blogomillo, mais será noutra ocasión). Tati recibe moi ben a miña presentación por sorpresa e síntome afortunado porque me mostra unha foto dos pelachos. Ana Bande acólleme nos seus brazos e o pracer por coñecernos é rápido e mutuo. Quedamos en que lle escribiría para tratar de recibir o meu premio.

Xa antes estivera politiqueando con Lavesedo, que confesa que el pensaba que era curioso intermitente, nome que me acae moito mellor (onde vai parar?) e proponme o nome de O intermitente fisgón. Semella un marabilloso nome para un (we)blog (que non descarto...).

Achégome a Jacobo e doulle os parabéns por partida dobre (unha das mil cousas que podían pasar era que estivese de aniversario). Alí estaba tamén Manel Cráneo. Os tres comentamos o salón do cómic de Barcelona e o por que Cacauequi non foi premiada (basicamente porque nin sequera podía optar ao premio, xa que a distribución do cómic foi moi deficiente). Pregúntolle pola aportación dos seus fillos na obra e a máis directa foi o lema escollido, Papude, que é unha das mil variantes que teñen para chamalo.

Os momentos musicais foron aportados polo dúo Sobre Rodas, Luis Correa "O Caruncho" e Carlos do Viso. No esparcimento do bandullo unímonos uns cantos para tocar e desfrutar con eles. Deixo aquí dous tempos musicais. O primeiro é a segunda participación durante a entrega de premios e o segundo é volvendo a terra. Un día case perfecto (sempre hai que deixar marxe para mellorar!)


2 comentarios:

Ana Bande dixo...

Impagable crónica Miriño! pon día, hora e lugar para facerche a entrega do premio como mereces, ou agarda, agarda, no próximo contubernio xa te chamo para que haxa un pouco de festa!

Tati Mancebo dixo...

A alegría foi miña! Mágoa que ao estarmos traballando a cabeza estivese noutro sitio e non dese para falar máis. Pero ocasións haberá.
Bicos grandes