sábado, decembro 12, 2015

O proxecto Palcos da Música acada os cen elementos catalogados

O proxecto Palcos da Música acada os cen elementos catalogados


A iniciativa é totalmente voluntaria e está aberta ás achegas do público



7 de decembro de 2015.- Logo de cinco anos de traballo, o proxecto Palcos da Música acaba de chegar aos 100 palcos recompilados en Galicia. Este traballo é unha tentativa de carácter participativo e voluntario que procura catalogar os palcos, saber onde están, en que estado se atopan e darlles visibilidade.

Cada un destes elementos inclúe fotografías, descrición, xeolocalización e mesmo datos históricos que poden ser consultados no blog do proxecto http://palcosdamusica.blogaliza.gal. A iniciativa naceu da man do arquitecto Xosé Ceferino Castro e mais do músico Félix Rodríguez, que indican que “chegados a este punto, o traballo de recompilación tennos proporcionado material suficiente como para estar realizando tamén artigos, colaboración na redacción de documentos para a conservación e proxectos de revitalización e dinamización de palcos da música”. Os autores amplían desta maneira o obxectivo inicial de catalogación e como xa apuntaran ao comezo do proxecto, propoñen que “o ideal sería dinamizar e usar os palcos, mantelos en bo estado, facer deles un espazo cultural activo”.

Aínda que poucas e tímidas, en Galicia existen algunhas iniciativas culturais onde os palcos funcionan como soporte. En Ourense organizáronse as Mañás no Palco, nalgúns lugares segue a usarse o día da festa para o concerto da banda de música, e houbo algunhas propostas que non chegaron a realizarse, como A Música aos Palcos, que unía música e danza nun mesmo espectáculo. En Portugal o interese polos “coretos” é grande e as iniciativas variadas, dende programar concertos ata propolos como espazos wi-fi.

O avance do proxecto de Palcos da Música vese dificultado pola localización dos palcos que aínda restan na xeografía galega, polo que os promotores da iniciativa chaman á colaboración do público, que pode facer as súas achegas no correo palcosdamusica@gmail.com. Xa son varios os voluntarios que axudan aportando fotografías, datos ou localizacións dos palcos.

venres, agosto 14, 2015

Palcos da música

Irán aparecendo aquí todas as fotos xerais dos palcos da música de Galiza.

Se queres enviarnos algún palco que non aparece aquí, faino ao correo palcosdamusica@gmail.com

luns, xullo 27, 2015

Alalá...s

O programa Alalá, da TVG, consiste en monográficos sobre músicos e grupos de música tradicional galega. Poden verse no youtube, que os están subindo aos poucos.

Aquí deixo un reproductor onde se poden ver practicamente os 70 primeiros programas.

A gozar!

martes, xullo 07, 2015

Orquestra de Jazz de Galicia

Unha das pintadas que se me quedaron gravadas na cabeza é a que aparece nun espazo rehabilitado onde había un pequeno descampado e cheo de lixo. Agora é todo cemento e asfalto, e no medio e medio: e as árbores?
____________

O sábado 4 de xullo foi un día histórico en Vigo. No último día do ImaxinaSons do 2015 presentouse no auditorio do Concello a Orquestra de Jazz de Galicia.

OrquestraJazzdeGalicia

Un enorme pracer escoitar cada un dos temas, cunha perfecta mestura entre o jazz (hai moito e moi bo jazz en Galiza) e as músicas tradicionais (moito e moi bo). É a perfecta conxunción entre toda a traxectoria do saxofonista de jazz Roberto Somoza e o gaiteiro e saxofonista Pedro Lamas, membro de grupos como Luvas Verdes, Vaamonde Lamas & Romero, ou Nova Galega de Danza. Unha moi boa receta de fusión para crear jazz con raíces galegas.

Non hai nada que dicir da cantidade e calidade de músicos e músicas tradicionais e/ou folk. No eido do jazz tamén hai moitos e moi bos. Na Orquestra de Jazz de Galicia ben se ve que se reúnen músicos de primeiro nivel dos que hai tamén recambio. Só hai que comparar a lista de músicos que estiveron no concerto e os que saen no Making of da gravación do disco que xa estamos agardando impacientemente:



Galicia é terra de músic@s, de todos os estilos, de todas as sensibilidades. En gran formato tamén.

Non é a primeira vez se pensa nun gran formato dende o jazz. Tampouco mesturando o jazz coas músicas tradicionais.

Alberto Conde, pianista que tamén estivo presente neste concerto, xa facía esta mestura en A lagoa dos Atlantes (1997) ou en Celtrópolis (1999).

Baldo Martínez, que tamén foi director artístico do ImaxinaSons, contrabaixista jazz inquedo onde os haxa e músico arrichado, arrimouse ás músicas tradicionais en varias ocasións, e no ano 1999 tivo o encargo do Festival Internacional de Jazz de Guimaraes para crear un ensemble arredor das músicas contemporáneas e tradicionais en clave de jazz que se materializou no Projecto Miño, que no 2007 comercializouse en cd.

A Orquesta de Música Espontánea de Galicia, O.M.E.GA, que tamén estivo no ImaxinaSons, é unha proposta moi arriscada de improvisación libre con ou sen condución. Nela hai (ou había) integrantes de músicas provenientes do jazz, clásica, electrónica, rock, electroacústica, psicodelia, folk…

Algunha iniciativa máis haberá por aí que agora se esqueza que dá a idea do inquedo do mundo musical deste país. Un pequeno repaso por todos estas iniciativas tamén mostra a interrelación de moitos dos músicos que tamén están na Orquestra de Jazz de Galicia.

Durante o concerto houbo imaxes sonoras que facían lembrar outros momentos, sen estar a vivir ningunha repetición anterior. A referencia máis directa é a do Toque de chifro de Faramontaos, o tema recollido por Alan Lomax o 27 de novembro de 1952 que foi usado por Miles Davis no disco Sketches of Spain no ano 1960. (Os dous temas se poden escoitar no programa io~NOS #01, minuto 5:00). Era difícil saírse do esquema proposto por Gil Evans e Miles Davis, pero conseguírono de forma maxistral.

Tamén houbo momentos máis rítmicos e caóticos (o entroido é caótico) que fixeron lembrar a L.U.M.E., o ensemble portugués que tamén subiu ao mesmo escenario no ImaxinaSons 7. Toda unha homenaxe ao entroido de Vilariño de Conso e o son dos seus bombos.

Na coincidencia dalgún repertorio de Nova Galega de Danza vese a influencia de Pedro Lamas e o acordeón de Xosé Lois Romero (percusionista nesta ocasión) sen que a Xota do Marreco soase nin parecida a outras veces e outros lugares.

Toda unha amalgama de sons, de capas, de ambientes, de todas estas músicas do entorno do jazz, músicas sinfónicas e tradicionais, en verbas do propio Pedro Lamas, moi ben conducidas por Roberto Somoza.

Unha lista de músicos de primeiro nivel que tamén tiveron os seus momentos de improvisación, todos e cada un deles, que se mantiveron dentro do contexto da mensaxe que nos transmitiron. Unha conexión que lograron contaxiar a un público completamente entregado e en pé ao final do concerto, cun aplauso enfervorizado que non tiña fin.

Eu sigo en pé a aplaudindo. Espero que teñan un gran percorrido e longa vida.

Quedan para outro momento a mágoa do espazo tan pequeno, a financiación da orquestra, a aposta limitada do concello no gran festival de jazz de Vigo, o prezo ridículo da entrada para tan inmenso espectáculo, o interese da xente ou a pouca publicidade destes eventos...

E só un último apontamento e unha crítica que debería doerlle no corazonciño de cada un dos músicos da Orquestra:

E as mulleres?