xoves, setembro 27, 2007

Kalaikia


Unha semana despois de recibir a invitación para ir ao 1º aniversario do suplemento cultural de 'A Peneira' veño a contar o que ocorreu no marco.

Non sabía da existencia do kalaikia, máis agora pódese por un ao día porque se poden descargar todos os números.

A celebración do primeiro ano de vida da neta da Peneira, personalizado no seu avó Guillermo, comezou cunha presentación audiovisual, ou sexa un vídeo, bastante amena e moi ben enfiada.

A presentación a cargo dunha rapaza, María Díaz, que prometeu brevidade e cumpliuno, dándolle paso ao avó e ao pai da criatura dun aniño.

O avó fixo referencia aos seus moitos anos de facer país, cando non existía tal expresión, co seu periódico en galego integramente. Lembroume a súa lentitude falando, as súas pausas longas, as súas miradas inquisitorias, a cando era o meu mestre, e viñéronseme á cabeza as verbas autoodio e diglosia que tan ben me aprendeu.

O que máis gracia me fixo foi o pai, Diego Giráldez, que rematou dicindo que ...'non sei se este país necesitaba deste suplemento cultural, pero nós si. E punto.'

Tomámoslle uns pinchiños, saudei ao avó, que me agradeceu a visita, e funme coas verbas de (don) Guillermo na cabeza: Impertinente, si, hai que ser impertinente, que xa estamos fartos do "políticamente correcto". E claro está, dicíame isto cos ollos por riba dos lentes e co sorriso de neno traveso que sempre utiliza. Non podía ser doutra forma chamándose Guillermo.

Ningún comentario: