A través do twitter entérome da noticia que envía dorfun que enlaza co seu blog (adorfunteca.org) para contarnos a iniciativa de calidonia dun manifesto e un polbo solidario para axudar á xente da plataforma de veciños do cruceiro de Meá no seu peche no concello para protestar polo abuso cometido en todo o proceso da ubicación da planta de gas de reganosa (non merecen as maiúsculas). Esta idea de ir comer cos veciños en protesta foise creando na lista de correo de blogaliza e añadida no chuza.
Deixo para outro día, se hai ganas, a reflexión sobre esta interacción tan tremenda entre os blogueiros galegos. Poño o punto de mira no conflicto de reganosa, que é o importante, únome ao manifesto e quedo pesaroso de non poder acudir ao xantar cos veciños.
POLBO SOLIDARIO
Como xa anunciei na lista de Blogaliza e falando con algunha xente da internet galega, este sábado varios blogueir@s imos ir a Mugardos para visitar aos veciños de Meá pechados no Concello en protesta pola construción e posta en funcionamento claramente ilegais da planta regasificadora de REGANOSA. Trátase de facer unha visita aos veciños, que xa manifestaron o seu entusiasmo por este apoio, e aproveitar para botar un polBo solidario na mesma parroquia onde se ergue o enxendro.
A Plataforma de Veciños do Cruceiro de Meá ten un blogue e nel podedes comprobar que levan case dous meses pechados, recibindo visitas e mostras de solidariedade de cidadáns, intelectuais e artistas como: Mabel Rivera, Joao Afonso, Luís Pastor, Sala NASA, Xurxo Souto, Carlos Taibo, Lino Braxe, Xosé Manuel Beiras, Manuel Rivas, Pedro de Llano, Faltriqueira, Eva Veiga, Antón Reixa, Os Cempés… así como de diversas asociacións e colectivos de natureza diversa.
A idea é que estaría moi ben que a rede galega e a cidadanía activa non ficara á marxe deste movemento. Por iso propóñoche que mostres o teu apoio aos veciños, de varios xeitos:
- Asinando un manifesto (co teu nome, co teu nick na rede, ou simplemente co nome da túa bitácora ou páxina web) de apoio e solidariedade que podes ler e firmar aquí mesmo deixando un simple comentario na anotación. Como verás, o manifesto acho que é propositivo, asisado e bastante razoábel.
- Publicando esta convocatoria ou o texto do manifesto no teu blogue ou páxina web. Estou convencido de que o activismo na rede galega dista moito de estar durmido e que o compromiso de moit@s de vós coas causas que pagan a apena (esta e moitas outras) está fóra de toda dúbida. Podes aproveitar se queres este deseño feito por Artritris.
- Xantando un polbo solidario na parroquia de Meá, confirmando a túa asistencia deixando un comentario nesta mesma anotación. Nos comentarios iremos informando do que se vaia pechando e concertando a respecto desta cita (detalles do xantar, desprazamentos compartidos e demais detalles). A reserva de prazas para o xantar hai que facela antes do venres 21 a mediodía (14h), un día antes do xantar. O único fixo no menú é o polbo, e imos tentar que o prezo sexa todo o proporcionado que poidamos e limitado ao que custe.
A cita é en Mugardos este sábado día 22 ás 13::00 h en frente da Casa do Concello. Este é o lugar onde combinarmos.
Todas as vicisitudes que rodean este tinglado seguramente xa as terás lido en varios lugares da rede, grazas ao ciberactivismo que veñen despregando os membros da Plataforma e do Comité Cidadán de Emerxencia e boa parte da cidadanía. Non as vou repetir aquí e tan só che indicarei un bo e variado resumo en orde cronolóxica. Moita xente viuse a obrigada a publicar e publicitar na rede diante do clamoroso silencio e das rexeitábeis contrainformacións despregadas polos medios de comunicación tradicionais, incluídos os públicos.
Estou convencido de que o activismo na rede galega dista moito de estar durmido e que o compromiso de moit@s de vós coas causas que pagan a pena (esta e moitas outras) está fóra de toda dúbida.
Unha aperta
Calidonia
MANIFESTO DE SOLIDARIEDADE COA PLATAFORMA DE VECIÑOS DO CRUCEIRO DE MEÁ
Quen asinamos máis abaixo solidarizámonos coa Plataforma de Veciños do Cruceiro de Meá (Mugardos), pechados no Casa do Concello de Mugardos desde o mes de xullo, porque cremos que calquera veciño, calquera cidadán ou habitante, deste país ou de calquera outro, ten o dereito a que non lle estraguen a súa paisaxe e seu o contorno, e a non vivir a súa vida baixo a ameaza silenciosa dun perigo terríbel.
Quen asinamos este manifesto acreditamos que a xustiza e as leis que nos damos teñen que servir para defender os principios de igualdade e de liberdade, e non para protexer os intereses dos máis poderosos e xustificar as decisións que estes toman á marxe de toda legalidade e amparándose nos recantos máis escuros da sociedade e da humanidade.
Quen asinamos estas liñas acreditamos nun modelo de desenvolvemento sustentábel e autocentrado, que non repita os erros que se cometeron no pasado ao localizar empresas en sitios inaxeitados, e ao promover industrias de enclave que dun ou doutro xeito acaban por explotar e esgotar os recursos naturais que tamén son patrimonio de alguén, nosos ou doutros pobos.
Quen asinamos aquí sabemos que a existencia de REGANOSA en Punta Promontoiro trouxo tamén consigo a miseria e a baixeza morais de quen quixo ou precisou poñerse do lado dos poderosos, así como a tristura de ver enfrontados a veciños con veciños e a familias con familias, e que non hai forma máis implacábel de acabar cunha comunidade que destrozala dividíndoa desta maneira.
Quen asinamos temos a esperanza de que se traslade esta instalación fóra da Ría de Ferrol, na súa localización primixénea e ideal do Porto Exterior, e estamos convencidos de que aconteza o que aconteza coa nosa causa, moitas outras persoas están atendendo e entendendo, compartindo, ensinando e aprendendo desta loita que ante todo é xusta e fraternal.
Asina deixando un comentario ou réplica. Emprega o que prefiras (Nome, alcume ou sitio web) e escribe o que desexes:
Asínase no blog de Calidonia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario