Cheguei ao programa 10. Parece que un número tan redondo require dalgunha celebración. Sen embargo utilizareino para dar o paso atrás necesario para coller impulso e comezar un novo camiño. Xa vou adiantando neste algunhas das novidades, que ben poucas serán, mais ás veces os pequenos cambios representan grandes pasos.
0. Sintonía.Agora o tema a adiviñar será a sintonía. En canto se adiviñe, cambiareina.
01. Ana Alcaide - Como la luna y el sol.Ana Alcaide topou o seu camiño en Suecia. Bióloga e violinista foi toparse coa
Nyckelharpa nunha viaxe de estudios a Suecia. O flechazo foi definitivo. Alí tamén topou músicas da península. Agora pódese atopar polas rúas de Toledo tocando e cantando.
'Como la luna y el sol' é o seu segundo disco, recién saído do forno, que anda estos días presentando.
02. Congotronics 2 - Kabuangoyi.Mestura de ritmos bailables e instrumentos tradicionais do Congo.
Congotronics foi a sensación da música africana no ano 2004. África eléctrica.
03. Metallica - One.De cando en vez merco algún libro sobre música. Esta vez caiu nas miñas mans o libro
Investigando los estilos musicales no que se fai un repaso aos distintos elementos característicos de cada periodo da música occidental. O libro ven acompañado de 3 cd con músicas que ilustran cada periodo. Estas músicas non son exclusivamente de música clásica (ou culta) se non que se trata en cada capítulo de relacionar temas doutras culturas e doutros estilos que poidan ter elementos en común. O último dos temas que aparece no libro para ilustrar a exploración do século XX é o tema
One de
Metallica. Desta forma ven a comprobarse que todas as músicas manexan os mesmos elementos e que existen moitas máis similitudes das que estamos dispostos a admitir moitas veces... (Esta é unha realidade moi humana que explica grandes paradoxas que se producen neste mundo tan inentilixible).
04. Antwerp Gipsy Ska Orchestra - Suki´s Theme.Realmente este é deses discos que non se sabe como chegou ás miñas orellas. Supoño que sería a través dalgún foro musical no que sempre hai unha persoa que parece que non haxa un só disco no mundo que non coñeza. A
Antwerp Gipsy Ska Orchestra é un grupo de músicos de distintas nacionalidades afincado en Bélxica. Un grupo cunha chea de influencias que debutou co seu primeiro disco no ano 2007 foi toda unha sensación en Bélxica. O título do disco
Tuttilegal fai referencia ao "problema" da inmigración ilegal.
05. Nine Inch Nails - 3 Ghosts I.Pouco coñecía e pouco coñezo a
Nine Inch Nails. Aparecen aquí pola súa iniciativa de promocionar o seu novo disco Ghosts i-iv. Hai 5 formatos cos seus 5 precios para conseguir este disco. Gratis, 5, 10, 75 e 300 dólares. En realidade xa só hai 4 opcións, a de 300 dólares xa se agotou. Eu escollín a gratuita. Aparecen 9 temas e información en arquivo .pdf e as carátulas. A de 5 dólares xa inclúe 36 temas. E así vai subindo o nivel do formato ata chegar ao ultra-deluxe edition.
Son os grupos, os artistas os que se atreven a modificar o mercado. E acabarán por cambialo. A industria musical está demasiado obsesionada co pirateo e inmersa na súa inercia comercial non é capaz de darse conta de que o mundo está indo por outros lares.
06. Ataque Escampe - Galicia es una mierda.Outro grupo que ofrece o seu disco a través de internet é
Ataque Escampe (AE). Pódese
descargar a través da páxina da
Regueifa Plataforma, onde tamén se poden descargar outros discos e outros productos artísticos baixo a licencia
Creative Commons . Ataque Escampe ofrece tamén os seus
comentarios de cada tema do seu disco, que tamén se pode (ou poderá) mercar nas tendas.
O título, evidentemente retranqueiro, busca tamén un impacto promocional. Dende un punto de vista crítico paréceme ben como cuestionamento de todas as cousas que nos rodean e penso que é necesario ser autocrítico. A letra da canción vai por aí, desmitificando case todo tótem cultural que poideron lembrar. Deixándose de prexuicios e tirando todos os tópicos que non fan máis que lastrar a creatividade (daqueles que teñen creatividade e se sinten acomplexados polo
"peso" da cultura). Por aí ben.
Mais cando se poñen a
promocionar noto un certo aire de "alternativos guais" que me bota un pouco para atrás. É posible que teñan razón cando din que se dixeran que "España es una mierda", se cadra estarían detidos. Claro, se cadra. Quizais, se cadra tamén, é o que quixeran facer e non se atreven. É como se quixeran estar perseguidos, é como se quixeran ir de rompedores, de revolucionarios, de provocadores... Efectivamente, "
España es una mierda", cousa que din os
Violadores del verso sen ter que facer ningunha suposición de se dixeran ou deixaran de dicir... se cadra...
Prefiro quedarme coa primeira impresión. E poder dicir iso que xa se está espallando por aí de "eu tamén son unha merda", ou sexa, "yo también soy una mierda", polo que sen temor a trabucarme podo dicir que "Galicia es una mierda" e tamén "España es una mierda" e dende o mesmo punto de vista crítico e autocrítico "El mundo es una mierda".
07. Terela Gradin Quintet - Seven days.Ando dende hai un tempo querendo facer un programa sobre o jazz na Galiza. Mais parece tarea infinita. Cada vez que achego un pouco os meus oidos e os meus ollos, aparecen máis músicos e máis grupos.
A
Terela Gradin coñecina gracias a un
programa de jazz ao que estou subscrito. Un jazz moi tranquilo, mirando cara outros lugares. Unha voz moi tranquila, e por veces, suxerente. Este tema é do primeiro disco. Gústanlle moito as versións. O Seven days é un tema de Sting.
Teño ganas de escoitar o segundo disco, 'Pascala'.
Para o programa de jazz podería incluir músicas de
Baldo Martínez,
Paco Charlín,
Roberto Somoza,
SOS Trio,
Sumrrá,
Abe Rábade,
Xacobe Martínez Antelo,
Pepe Evangelista,
Terela Gradín,
Alberto Conde,
Marcelino Galán,
Miguel Cabana,
Carmen Rey,
Javier Constenla,
Nani García,
Kin García...
Falta alguén? (Por favor, envíamo a curiosoimpertinente@gmail.com).
Realmente un mundo por descubrir, vendo as relacións entre todos eles e cos músicos de jazz e folk tanto de Galiza como de fóra. Todas os proxectos nos que andan metidos, as escolas de jazz, as jam sessions, os locais, os festivais...
08. Paco de Lucía e Manolo Sanlúcar - Sevillanas a 2 guitarras.Sempre ando coa idea de por o primeiro tema do disco da banda sonora de
Sevillanas de
Carlos Saura, onde Rocío Jurado canta moi bonito. Pero non sei que pasa que sempre se me cruza outro tema no medio. Neste caso fixéronlle a competencia
Paco de Lucía e
Manolo Sanlúcar que se atopan no mesmo disco tocando unhas sevillanas flamencas como só eles saben facelo.
Quedará
Rocío Jurado para outro momento.
09. Carlos Cano - Niña Isabel.Á
copla en España pásalle como ao
fado en Portugal. Os prexuicios non deixan escoitar a boa música como merece. Unha boa, moi boa opción de introducirse na copla pode ser escoitando a
Carlos Cano. Escoita, escoita...
10. Charles Mingus - II B.S.Ano 1963. Grávase en dúas sesións o disco titulado
Mingus Mingus Mingus Mingus Mingus. Unha verdadeira xoia de
Charles Mingus, un dos
grandes da
historia do
jazz.
11. Eva Castiñeira - A danza.La Voz de Galicia foi a última en editar este disco gravado en 1981 e que xa estaba descatalogado. O disco de
recolleita de Florencio, o cego dos Vilares, o último violinista cego andante, e a pandereteira Eva Castiñeira.
12. Kimya Dawson - My mom.Chégame unha mensaxe pregutándome se coñezo a
Kimya Dawson. E non, non a coñezo. E claro, así como é imposible non pensar nun elefante, cando che din que non penses nun elefante, tamén é imposible que non me poña a buscar quen é Kimya Dawson. E entón entendo o por que da pregunta. Pertence ao chamado movemento
anti-folk. Aínda non entendo moi ben de que vai iso do
anti-folk, mais vexo que é un movemento que só pensa na diversión. Só, digo, como se non fose máis que suficiente... e necesario. Un
movemento que xurde, como non, en estados unidos como contraposición ao folk con carga política dos anos 60 (sempre pensando en EEUU). Música con ansias de experimentación e con grandes doses de retranca que se ri ata de si mesma.
Quedouvos claro? A min tampouco. Pero, oes, gústame...
13. Eliades Ochoa - Estoy como nunca.No cd, no concerto, no documental de
Buena Vista Social Club hai un músico que case pasa desapercibido, pero aí está, como sabendo a dimensión na que os subiu
Ry Cooder xunto con
Wim Wenders e tendo sempre os pes no chan. Dá a impresión de que o lío non vai con el, se non con todos os músicos que tantos anos estiveron esquecidos e apartados dos seus instrumentos enriba dun escenario. El disfruta vendo disfrutar ao resto de músicos. A impresión esváese cando ten que tocar el, e entón é el o que se esquece de todo e vólcao todo sobre a música. E aí está
Eliades Ochoa, con ese orgullo do que só os cubanos son capaces de vivir a pesares de todo.
Estoy como nunca é o mellor tema para rematar este programa. Porque dá igual o ben que se estivera noutro momento. O que importa é agora, e agora estou como nunca.