Walt Kowalski é o personaxe principal da película Gran Torino, dirixida e protagonizada por Clint Eastwood. A avenida Dropsie é a avenida onde se centra a triloxía de Will Eisner, Contrato con Dios.
Visitando a miña familia quedamos cuns "amigos" e imos tomar un algo a un bar do barrio. Eles hai moito tempo que viven no mesmo barrio e cóntannos historias da xente e de como se foron movendo de negocio en negocio. Agora hai moitas tendas de chinos. Talleres de roupa que traballan ata moi tarde pero "ninguén" sabe que están alí.
Obra (No coment) é unha obra de teatro de Produccións Teatrais Excéntricas na que se fala da crise do 29 dende o punto de vista de tres inmigrantes que traballan na construcción dun edificio.
As imaxes de protestas con lume e fume e policías disparando bolas de goma e ducias de feridos non son tomadas noutro país, nin noutra zona, nin sequera noutra cidade. Na mesma rúa pola que un pasea foi onde golpearon, onde queimaron, onde feriron...
Hai épocas na que todo conflúe para falar do mesmo. A crise está aquí e botamos as mans á testa porque non había quen predecira semellante cousa. Sempre se falaba da burbulla inmobiliaria e financeira pero iso podía ser algo que lle sucedería a outro e pasando un tempo que non era posible lembrar. E de súpeto cae a lousa e asoballa todo o que atopa.
En Contrato con Dios fálase da crise do 29 e como foron transcorrendo as fases que agora se repiten matizadas polo tempo tan hipócrita do presente. A crise da construcción e a financeira van da man. Como agora. Sucede cando se basea a economía na reproducción exarcebada do ladrillo. Un dos cancros da sociedade. Crecemento descontrolado da ambición.
É unha marabilla atoparse con Eisner, un xenio, a persoa que puxo ao cómic no lugar que lle correspondía (Di Updike: Non é que Eisner fose por diante do seu tempo, é que o tempo aínda está tentando alcanzalo). Na Avenida Dropsie, a terceira das historias, conta a vida dun barrio do Bronx dende o ano 1870 ata hoxe en día. Cóntase a vida do mesmo barrio por onde van pasando distintas oleadas de inmigrantes (holandeses, ingleses, irlandeses, xudeus, afroamericanos, portorriqueños). A historia é sempre a mesma. Os que veñen son vistos como foráneos e os que estropean o barrio. O barrio xa non é o que era. Esta é a frase que se vai repetindo. Historias de nacemento, morte e resurrección. Os foráneos pasan a ser a xente do barrio, os que se recoñecen, os que se protexen dos seguintes foráneos. E no fondo unha historia de deterioro da forma do barrio, pero por simple aglomeración, presión demográfica e moles de cemento e asfalto.
O choque de xentes dase en Gran Torino. Literalmente aparece unha secuencia na película na que Kowalski (un partipante na guerra de Vienam) despotrica contra os "chinos", preguntándose por que tiveron que vivir ao barrio. A muller que ten diante pregúntase por que Kowalski se resiste a abandonar o barrio, que todos os demais xa o fixeron. O estadounidense, con antecedentes polacos, vese desplazado polos hmong, mais acaba sentíndose identificado con eles e termina por axudalos.
Unha película na que Eastwood se implica dirixindo, actuando, producindo e ata cantando. Unha película pausada, de ritmo lento, na que se cuestionan determinadas inercias desta sociedade tan materialista. A última escena, onde saen os créditos, longa, amplia, é das máis suxerentes, evocadoras e pensativas que eu vin no cine. Non deixa que un se levante da cadeira, como se fose a ocorrer algo máis. E non ocorre nada. Aparentemente, pois sucede todo na imaxinación de cada observador.
... e a vida segue, implacable, cíclica, á marxe dos erros dos humanos, das imbecilidades das persoas.
Pola mañá, a iso da unha, visita teatralizada no verbum (a casa das palabras). Un percorrido por todo o edificio indo de bloque en bloque, de letra en letra, de comunicación verbal e non verbal. Acabando no teito ao ar libre lanzando verbas nun globo que se perdeu entre o algodón de choiva.
Comer en Teis, nun bar ao lado de Guixar, onde comen todos os días os que agora andan de folga. Uns chocos e uns rapantes con pementos de padrón, patatas fritidas e ensalada. Racións inmensas, como para xente con fame. Despois fálannos que foi unha mágoa non haber collido un variado e probar as sardiñas e as xoubas que están riquísimas. Será outro día. Estamos sós, non hai ninguén máis:
- Traballades sobre todo pola semana, non si? - Si, claro. Pola semana aquí non se para. E antes tamén se enchía os sábados, pero agora que están en folga, pois... Xa levan así dous meses. E para a semana comezan con folga indefinida. Están levando xa os barcos a facer fóra. Ao final van quedar sen traballo. Cobran ben porque fan moitas horas extras, pero sen as horas extras poden estar nos 600, 800 euros. Agora van notar moito non traballar. É unha cadea, eles non traballan, nós tampouco, dependemos deles. Non sei que vai pasar... - ... - Pero non comedes? Iso hai que comelo todo, eh! - Buf, non podemos, era moita comida para nós. - E postre, queredes?
Pola tarde collemos o barco ás seis menos cuarto para ir á illa de San Simón. Paseo pola illa, coa ponte de Rande ao fondo, e entrega dos premios Xerais 2009. Discurso ben emotivo e reivindicativo de Agustín Fernández Paz: Oito doas para San Simón. Premio Merlín de literatura infantil para Jacobo Fernández Serrano, por Mil cousas poden pasar (cando eu pensaba que llo ían dar en Barcelona por Cacauequi, sorpréndeme velo nos Xerais). Os premios de literatura xuvenil e de novela son para Rosa Aneiro Díaz, por Ás de bolboreta e Sol de inverno. Ganas teño xa de que se publiquen os tres libros.
No momento da empanada, tortilla, viños e tertulias espontáneas, achégome a Tati para coñecela en persoa. Tati preséntame a Alfredo (os dous andaban por alí retransmitindo o momento para blogaliza). E máis tarde a Ana Bande e a Marcos. Pouquiño a pouco voulle pondo cara a todos os escritores do blogomillo. Unha rede social que se vai estendendo morna, tranquila. (Teño pendiente escribir sobre a xenerosidade do blogomillo, mais será noutra ocasión). Tati recibe moi ben a miña presentación por sorpresa e síntome afortunado porque me mostra unha foto dos pelachos. Ana Bande acólleme nos seus brazos e o pracer por coñecernos é rápido e mutuo. Quedamos en que lle escribiría para tratar de recibir o meu premio.
Xa antes estivera politiqueando con Lavesedo, que confesa que el pensaba que era curioso intermitente, nome que me acae moito mellor (onde vai parar?) e proponme o nome de O intermitente fisgón. Semella un marabilloso nome para un (we)blog (que non descarto...).
Achégome a Jacobo e doulle os parabéns por partida dobre (unha das mil cousas que podían pasar era que estivese de aniversario). Alí estaba tamén Manel Cráneo. Os tres comentamos o salón do cómic de Barcelona e o por que Cacauequi non foi premiada (basicamente porque nin sequera podía optar ao premio, xa que a distribución do cómic foi moi deficiente). Pregúntolle pola aportación dos seus fillos na obra e a máis directa foi o lema escollido, Papude, que é unha das mil variantes que teñen para chamalo.
Os momentos musicais foron aportados polo dúo Sobre Rodas, Luis Correa "O Caruncho" e Carlos do Viso. No esparcimento do bandullo unímonos uns cantos para tocar e desfrutar con eles. Deixo aquí dous tempos musicais. O primeiro é a segunda participación durante a entrega de premios e o segundo é volvendo a terra. Un día case perfecto (sempre hai que deixar marxe para mellorar!)
Agora que xa pasou un tempo dende a participación da comunidade galega como invitada no Salón del cómic de Barcelona, que ven a mostrar todo o traballo que se está a facer na banda deseñada en Galiza poño o cartaz que se mostrou no salón. Unha verdadeira xoia, un cartaz que reúne dúas teimas do que pretende empurrar neste blog.
O cartaz non é o mesmo que eu vin por primeira vez porque houbo cambios políticos e tíñase que notar, claro está! (nótese certa retranca nestas verbas).
Tal e como entrou o novo goberno como elefante en cacharrería é posible que existan intentos de tirar todo o traballo feito. Eu sei que non será así, pois hai cousas que non hai quen as pare. E que son independentes do signo político das persoas que se senten co poder de facer o que lles pete, sen entender que terían que gobernar para que todo fose mellor e non para que o contrincante non teña razón.
Existe recoñecemento moito máis alá do chauvinismo localista.
Pd. No fondo entristéceme que agora todo teña unha capa de tinta política. No fondo síntome impotente ante a ineptitude da clase política. No fondo hai que coller a iniciativa para que non te leve a bóla de neve. No fondo e na superficie.
Entre as actuacións atópase O.M.E.G.A. (Orquestra de Música Espontánea de Galiza), que xa vai sendo hora de que vaia velos.
O programa (interesante coma el só) pódese descargar: ProgramaVibra
O.M.E.G.A tamén participará no 5º festival de jazz de Vigo, o Imaxinasons. Coma todas as edicións un festival tremendamente interesante que se desenrolará entre os días 25 de Xuño e o 5 de Xullo, con actuacións na rúa, exposicións, conferencias, mesas redondas, master-class e concertos.
O Tíu Cancho escribe dende o 2007 no blog Planeta de Músicas. Dende hai un tempo, non sei canto, colaboro moi alá de vez en cando con el e el fai o propio no blog de Klezmer.
Dende La radio de los blogueros de Punto Radio Sevilla fixáronse en Planeta de Músicas e propuxeron participar en directo. O tiu Cancho quixo que eu falara en calidade de colaborador e así o venres pasado asistimos por teléfono á tertulia.
As preguntas que referenciaban ao blog contestounas el e eu matizaba o que se me ocorría. Non sabía que se podía escoitar o programa a través de internet se non houbera avisado antes (por se acaso houbera alguén interesado). A nosa colaboración durou media hora. Foi moi rápido e quedaron moitas cousas por dicir. Os temas voaban e non había máis tempo que para dicir unha frase.
O tíu Cancho é extremeño e non disimula o seu sotaque. Eu tampouco. Mais o máis curioso e máis sorprendente é que os locutores do programa non nos diferenciaban. Non sabían cando falaba cada un.
Non sei se algún día se poderá escoitar o programa. Nós estamos tentando que nolo envíen. (Xa veremos se aguanta a autocrítica).
Pd. Teño que dicir que fun humillado no concurso que fixeron no programa onde o extremeño disparou moi rápido. Na miña defensa podo declarar que prefiro a escoita lenta e pausada. (Espérote na próxima, Cancho) :)
Os ollos do Contomar componse de fotografías de Manuel G. Vicente acompañadas de pequenos textos dunha ampla nómina de autores e autoras nos cales se reflexiona sobre a lectura e o libro.
O dia 2 de Maio, ás nove do serán, a compañía Bruma estrea no Auditorio de Cangas a súa primeira peza de danza "9 espellos e unha caixa de música".
BRUMA 9 ESPELLOS E UNHA CAIXA DE MÚSICA
“nun lugar descoñecido de nós”
Somos a través dos outros ou viceversa, ou todo?
Consciente ou inconscientemente pasamos a vida buscando espellos humanos nos que o seu reflexo nos diga algo de nós, algúns aborrecémolos, outros namórannos, pero nada ou case nada dura.
“El olvido solo se llevó la mitad” Joan Manuel Serrat en Lucía.
Dentro disto o terrible é non atopar un só reflexo no que quedarnos alomenos un instante ou unha vida, e así vagan pola súa existencia aqueles que non poden, ou peor, non queren; quedando só deles a súa anguria, a incerteza, a dúbida o medo etc…
Presentámosvos algunhas destas imaxes preguntando: onde te quedas ti?
FICHA TÉCNICA
Dirección Artística e Musical: Serxio Cobos Intérpretes: Uxia Portela, Manuel Covas, Maria Prieto, Mercedes Prieto, Iván Costa, Miguel Fraguas, Serxio Cobos Iluminación: Ángel Cobos Son: Fran Santos
O día do libro, o xoves 23 de Abril, vaise celebrar en Gondomar a segunda sesión de lecturas compartidas Dar de ler, como quen dá de beber.
Vai ser na praza de abastos. Xente lendo, xente escoitando. Paso libre de entrada e de saída. Non hai por que estar en todas as lecturas, cada quen escoita o que lle peta.
Coma sempre, alí andaremos, alí leremos. Nesta ocasión escollemos un fragmento da obra de teatro O bambán, de David Rodríguez.
Antes de nada: Este programa tivo dúas grandes novidades. Unha: Foi lanzado para a súa pre-escoita a uns cantos amigos para que fixeran de críticos. (Foron pouco críticos, gustaron das músicas). Dúas: A versión "podcast" incorpora locucións do amigo (xa é amigo, que lle imos facer?) dorfun. Estamos en fase de probas, estamos no camiño (correcto ou incorrecto, iso que máis dá?)
Outra vez. Hai momentos na vida, na historia, que se repiten. A humanidade está condenada a caer nos mesmos ciclos eternamente. Para ben e, case sempre, para mal. Se se aprendese do que aconteceu, se existise a memoria, individual e colectiva, poderíase mellorar. Mais a humanidade quedou presa da traxedia grega. E aí seguimos.
O efecto pigmalión atrapoume e tiven que fuxir un momentiño (temo que volverá atraparme algún dos seus) para escoitar un pouquiño de música. E deixala aquí coa gran fantasía de que alguén haberá que se pare tamén a escoitar.
Aquí estou. Outra vez.
0. Sintonía.
Está para non estar. En canto alguén a adiviñe, mudo a sintonía.
01. Aíd - Non importa.
Do colectivo licor kafé saíu Aíd. Acaba de gravar o seu último disco "Jugando" onde intercala temas en castelán e en galego. Hip-hop/rap de autoafirmación dunha rapaza de 18 anos.
Unha das cousas que máis me gustou dende que os coñecín é o logo que escolleron. Toda unha simboloxía da cultura urbana de Vigo.
Kill Bill Vol.2. Porque todo ten unha segunda parte. Unha outra cara da moeda. Un yang, un dual, un oposto. Un elo inmiscible pero inseparable.
03. Kora Jazz Trío - Nina.
A kora é un instrumento de corda propio de África occidental. Son africano con harmonías occidentais. Dende os músicos de jazz búscanse novas sonoridades, e unha das máis frecuentadas é precisamente África. Kora Jazz Trío fai exactamente o contrario. Dende as súas raíces, dende os sons que coñecen, van na procura de linguaxes jazzísticos.
Botarse ao resto do mundo cos pes no propio. Valorar o alleo sen caer no autodesprezo. Unha teima a contaxiar.
Foi todo un fenómeno mediático alá polos anos 70. Cancións en galego que conseguen o número 1 con Franco aínda coleando. Chega a protagonizar unha película con Mariano Ozores e coa actriz de moda Conchita Velasco, aínda que dobrado por un actor profesional.
Outras son as cancións máis coñecidas de Andrés do Barro, máis esta trata de dicirlle a toda esa xente que anda desanimada, triste, que nunca choveu que non escampara.
05. Arno Bornkamp - Pequeña Czarda.
O saxofón é un instrumento da familia de vento madeira que se inventou a mediados do século XIX. É polo tanto un dos instrumentos máis modernos dos instrumentos "clásicos". Pola súa sonoridade entre o clarinete e a trompeta é rapidamente utilizado nas músicas máis "modernas" como o jazz, o rock, o pop, e todas as súas variantes. Existe unha sonoridade diferenciada para cada tipo de música (cousa que ocorre para practicamente todos os instrumentos).
Arno Bornkamp é un dos saxofonistas máis coñecidos no ámbito da música "clásica", preocupado por un son moi limpo e claro.
Pequeña Czarda é unha composición de Pedro Iturralde, baseada na danza folklórica húngara do mesmo nome, para saxo alto e piano.
Pedro Iturralde é un músico extraordinario. Recoñecido saxofonista tanto do jazz como da clásica alí onde queira que se fale del. O termo Flamenco Jazz sae dun disco que gravou con Paco de Lucía á guitarra. Como profesor do conservatorio superior de música de Madrid levou o saxofón a lugares nos que nunca estivo. A súa investigación e os seus estudios ampliaron o rexistro do saxo incluíndo novos sons con posturas que conseguen novos harmónicos. Nos seus concertos de jazz sempre nos ensinou o que eran os harmónicos tocando dentro do piano coas cordas "soltas".
Mais neste tema colle o clarinete. É o único tema que eu lle escoitei tocado co clarinete e nunca co saxo. Todo o mundo lle poría o título de Autumm Leaves, mais el prefire a versión orixinal de Les feuilles mortes, añadindo unha introdución ao principio. (Grazas á gravación de RTVE podemos escoitar este tema que só toca nos concertos)
Outono de días grises e morriñentos que son levados con mestría por riba da improvisación.
Escoitando o programa de Carlos Pérez Cruz, El club de jazz, coñezo músicas que doutra maneira non descubriría nunca. Hai música que só escoito no momento. Outras sen embargo, chámanme a atención e vou na súa procura. O que me chamou nesta ocasión foi unha entrevista a Mina Agossi onde falaba de transmitir máis alá da técnica, que con esta última non chegaba, había que "contar" algo.
Por iso escoito esta música en directo. Enerxía en movemento. Acción para escorrentar o insulso.
Hai momentos no que te sorprenden. Conversas con xente que opina xustamente o contrario, ou case, que acaba por recomendarche o disco que tanto lle está gustando ultimamente. E así aparece Josh Rouse entre as músicas que escoito.
Sempre pode haber entendemento. É posible chegar a acordos. Aínda sendo inimigos, ou quizais por iso mesmo.
Música de hai tres décadas que soa nas orellas de hoxe en día.
Xa coñecía a Antonio Bravo pola súa colaboración con Germán Díaz e con Baldo Martínez, mais tivo que ser escoitando a Carlos Pérez Cruz que descubrise que gravara un disco. E, como non?, co selo de Germán Producciones Efímeras. Este galego de Ribeira que vive en Madrid deu en producir un disco de jazz gravado como antes, sen tomas repetidas, con todos os músicos tocando ao mesmo tempo, ou sexa, en directo. E iso nótase.
De África, o primeiro tema, di: "É unha adicatoria ao pobo africano. Esa xente que tivo a mala sorte de nacer do outro lado do valado. Por esa simple razón pesa sobre eles unha condena"
E volvemos a Hungría. Para danzar, para saltar, para esquecer os malos momentos e gozar, só única e exclusivamente gozar. Parno Graszt, música xitana en estado puro.
Dende Malí chega o blues africano guitarreiro de Tinariwen, que en lingua tamazight significa "os desertos". Cunha guitarra nun ombreiro e un kalasnikov no outro Ibrahim lanza perlas como estas: "A guerra é guerra e a música é música, non convén confundilas", "A miña carreira de soldado foi só un episodio da miña vida, pero agora sei que a música é unha arma moito máis efectiva. Cando os homes do deserto nos sublevamos, só o souberon en Malí e Nixer, ademais dalgún intelectual e uns poucos periodistas franceses. Agora o éxito da música tuareg permítenos ensinarlle ao mundo que existe unha cidade chamada Kidal, ao sur do Sáhara, onde habita unha das civilizacións máis antigas da terra", ou tamén "Non entendo o ritmo de vida que levan vostedes, a velocidade coa que se moven ou o espacio tan escaso co que se conforman. Acomódome ao que sexa necesario mentres estou traballando, pero cada vez que volvo a casa, comprendo que a liberdade e a quietude do deserto non se poden comparar con nada"
Ao lado de Django Reinhardt tocaba o violín Stéphane Grappelli, como só el sabe facelo no jazz. Música tranquila para pensar, porque como dicía Reixa: Estamos en guerra, pero hai que reflexionar.
Pois iso. A reflexionar.
13. Xoel López - Quen poidera namorala.
Versión moi ben feita da canción que popularizou Luís Emilio Batallán. Deluxe ou Xoel, tanto monta monta tanto, consegue que o pop-rock me entre pola orella. Neste caso non canso de escoitala. O único que non me gusta desta canción é que era o tema da campaña do psdeg-psoe. Mais non cheguei a escoitala nin pola rúa, nin na televisión, nin en ningún sitio. Claro que co final de campaña renegando do galego non é de estrañar. Non sei se isto beneficia ou prexudica a Xoel. Sei que é diana de comentaristas (pseudo)políticos.
Unha grande versión para unha grande canción do poema do grandísimo Álvaro Cunqueiro. Un tema que levanta o ánimo, que che fai erguer, que che pon a andar.
Recollo o widget sobre as eleccións do 1 de marzo que xa é habitual que ofreza soitu.es.
Pódense ver as dúas eleccións de hoxe. Os resultados pódense comparar coas anteriores eleccións podendo escoller os resultados totais, por provincias e por comarcas. Tamén se poden ver os resultados de cada concello.
Pouquiño a pouco o Club Lecturas Debuxadas vai camiñando sobre chan firme. O que comezou con certo escepticismo e cautela por non saber se habería xente que se sentise interesada pola lectura de cómics, vai collendo corpo e parece que se vai facendo coa súa esquiniña no grande cuarto de Espazo Lectura.
Despois dunha sesión de presentación na que apareceron 12 persoas curiosas por saber en que consistían as lecturas de debuxos, comezamos coas lecturas dos cómics tentando coñecer, ademais das historias que contan, un pouco da forma desta linguaxe tan sorprendente.
A primeira sesión adicámola á Mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado, na que estivemos 18 persoas que compartimos as nosas opinións.
A segunda foi para Los combates cotidianos, de Manu Larcenet. Nesta ocasión fomos 25 persoas as que entresacamos todos os elementos narrativos e formais do cómic.
A partires deste momento iremos programando as sesións de tres en tres meses para poder publicitar todos os clubs de lectura nun tríptico.
Na próxima sesión meterémoslle o ollo a Maus, de Art Spiegelman. Será o próximo 17 de Febreiro. A seguinte será o 17 de Marzo e leremos Rio Abajo, de Rabaté, como lectura principal, e Arrugas, de Paco Roca, como lectura proposta.
O día 17 de Febreiro adicaremos un tempo a escoller entre todos as tres seguintes lecturas, con propostas dende a propia asociación e coas propostas que aos participantes poidan aportar.
Queres ser ti un participante?Só tes que achegarte o terceiro martes de cada mes pola biblioteca municipal de Gondomar ás oito da tarde.