sábado, xaneiro 24, 2009

Na procura do oído absoluto (0)

O oído absoluto é a habilidade de identificar unha nota polo seu nome sen a axuda dunha nota referencial, ou ser quen de producir exactamente unha nota solicitada (cantando) sen nengunha referencia.

Non está moi claro que é o oído absoluto, só hai que ver a propia discusión que se creou na definición da wikipedia.

Hai quen o ten moi claro, hai quen pensa que é unha cuestión xenética, hai programas de entrenamento...

Eu tiña moi claro que o oído absoluto era algo co que se nacía ou non. O oído relativo está claro que se pode traballar e mellorar, e que tendo un mo bó oído relativo, quen quere o oído absoluto? Sempre pensei e sempre dixen que o oído absoluto era privilexio duns cantos, e que podía haber xente cun oído relativo moi, moi, moi bó que memorizando unha nota podían "simular" o oído absoluto. Porque é posible memorizar exactamente o son dunha nota. Pois a máis baixa que se pode dar, a nota coa que máis cómodo se sinte un, etc.

Pero, claro, sempre ten que haber un amigo que veña a romperche os esquemas e que asegure que tal vez o oído absoluto poida ser adquirido con certo entrenamento. Faloume dun método dun tal David Lucas-Burge que asegura que se pode adquirir seguindo uns pasos moi sinxelos. Navegando por internet atópase un con xente que está dacordo e coa que di que é un estafador. Mais a dúbida xa está instalada nos miolos deste curioso.

Falando con outros amigos músicos que posúen oído absoluto, din que o que di o tal David Lucas-Burge non é tan estraño e que é posible que o proceso sexa tal e como o conta.

Agora o tal amigo proponme que siga o curso que está a facer el. Irame dando os pasos que el xa foi seguindo. Supoño que será unha forma de sentirse acompañado no seu camiño, aínda que sexa uns pasos por detrás.

Tal vez non o consiga, pero non creo que veña mal un pouco de entrenamento de escoita consciente, e estou seguro de que o oído relativo mellorará neste camiño que dou en chamar: Na procura do oído absoluto.

Na procura do oído absoluto (0)

O oído absoluto é a habilidade de identificar unha nota polo seu nome sen a axuda dunha nota referencial, ou ser quen de producir exactamente unha nota solicitada (cantando) sen nengunha referencia.

Non está moi claro que é o oído absoluto, só hai que ver a propia discusión que se creou na definición da wikipedia.

Hai quen o ten moi claro, hai quen pensa que é unha cuestión xenética, hai programas de entrenamento...

Eu tiña moi claro que o oído absoluto era algo co que se nacía ou non. O oído relativo está claro que se pode traballar e mellorar, e que tendo un mo bó oído relativo, quen quere o oído absoluto? Sempre pensei e sempre dixen que o oído absoluto era privilexio duns cantos, e que podía haber xente cun oído relativo moi, moi, moi bó que memorizando unha nota podían "simular" o oído absoluto. Porque é posible memorizar exactamente o son dunha nota. Pois a máis baixa que se pode dar, a nota coa que máis cómodo se sinte un, etc.

Pero, claro, sempre ten que haber un amigo que veña a romperche os esquemas e que asegure que tal vez o oído absoluto poida ser adquirido con certo entrenamento. Faloume dun método dun tal David Lucas-Burge que asegura que se pode adquirir seguindo uns pasos moi sinxelos. Navegando por internet atópase un con xente que está dacordo e coa que di que é un estafador. Mais a dúbida xa está instalada nos miolos deste curioso.

Falando con outros amigos músicos que posúen oído absoluto, din que o que di o tal David Lucas-Burge non é tan estraño e que é posible que o proceso sexa tal e como o conta.

Agora o tal amigo proponme que siga o curso que está a facer el. Irame dando os pasos que el xa foi seguindo. Supoño que será unha forma de sentirse acompañado no seu camiño, aínda que sexa uns pasos por detrás.

Tal vez non o consiga, pero non creo que veña mal un pouco de entrenamento de escoita consciente, e estou seguro de que o oído relativo mellorará neste camiño que dou en chamar: Na procura do oído absoluto.

martes, xaneiro 20, 2009

Los combates cotidianos.

O club lecturas debuxadas vai tendo máis xente interesada, curiosa pola lectura tan característica dos cómics.

Na primeira reunión falamos do que ía ser o club, no que aproveitaremos para comentar a forma ademáis do contido. Acudiron 12 persoas que se interesaron pola linguaxe do cómic, os lugares onde conseguir información, os sitios onde poder mercalos.

A segunda reunión foi a primeira sesión do club, onde lemos e comentamos A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado. Acudiron 18 persoas que participaron amplamente conformando un debate moi dinámico.

Hoxe vai ser a segunda sesión, onde falaremos dos Combates cotidianos, de Manu Larcenet. Eu confío en que vai ser unha conversa moi interesante, e espero que lles gustase (moito) a todos os que o leron. Xa me dixeron que vai ir máis xente, contaxiada polo boca a boca.

Alí te esperamos, se che apetece, hoxe, 20 de Xaneiro, sobre as oito da tarde na biblioteca municipal de Gondomar.

xoves, xaneiro 08, 2009

A Coruña Son 09


Está xa en marcha o ACS 09.

ACoruñaSon
é un certame de creación de canción popular organizado polas Concellarías de Cultura e de Mocidade do Concello da Coruña. Este Certame, que ten como obxectivo fomentar, descubrir e promocionar novos autores e autoras de canción popular en galego, ábrese coa selección de dez autores. Os dez terán como premio a asistencia a un obradoiro de canción popular dunha semana de duración impartido por Santiago Auserón, primeira figura da creación, a interpretación e o estudo da música popular peninsular, onde traballarán as súas propias composicións. A actividade final do obradoiro será a gravación dun disco colectivo durante un concerto ao que serán convidados representantes de todos os sectores da industria musical galega.
Os autores que non foren seleccionados entre os dez participantes do obradoiro, así como outras persoas interesadas en asistir ao Obradoiro de Canción Popular que será impartido por Santiago Auserón do 24 ao 28 de febreiro na Coruña, teñen a posibilidade de matricularse en calidade de alunos oíntes. Para formalizaren a matrícula deberán seguir o proceso que se indicará proximamente na web do certame http://acorunason.eu.


Se se quere participar hai que darse présa que o prazo remata o 10 de Febreiro.

Xa hai uns cantos temas subidos concursando e tamén se pode baixar o disco da edición do ano pasado.

Aquí tedes as bases.

Animádevos e participade!

martes, decembro 16, 2008

martes, decembro 02, 2008

Foro Social Galego

A fin de semana do 5 ao 7 de Decembro terá lugar en Santiago de Compostela o Foro Social Galego.



Mais, que é o FSGal?

O Foro Social Galego (FSGal), que adopta a Carta de Principios do Foro Social Mundial, é un espazo aberto de debate democrático de ideas, de afondamento da reflexión, formulación de propostas, intercambio de experiencias e artellamento de movementos sociais, redes, ongs e outras organizacións da sociedade civil que se opoñen ao neoliberalismo e ao asoballamento das persoas fronte ao capital e que denuncian calquera forma de imperialismo.

O FSGal caracterízase pola súa pluralidade e diversidade, tendo un carácter non confesional, non gubernamental e non partidario. O FSGal non é unha entidade e non pretende ser unha instancia representativa da sociedade civil galega ou mundial.


Todas as actividades que se desenrolarán no foro pódense ver no programa en pdf.

martes, novembro 18, 2008

Sesión informativa sobre Lecturas Debuxadas

Hoxe martes 18 de novembro terá lugar na Biblioteca de Gondomar a sesión informativa do Club Lecturas Debuxadas, un club de lectura sobre cómic que Espazo Lectura bota a andar e que se celebrará o terceiro martes de cada mes ás oito da tarde (20:00 h.) na devandita biblioteca. Para asistir á reunión non é necesario inscribirse...

Segue lendo...

mércores, novembro 12, 2008

Palcos da música

Deume por facerlle fotos aos palcos da música. E parece que vai ser unha afición moi duradera. Hai a quen lle gustou tamén e anda por aí coa cámara disposta a dispararlles aos palcos.

Non teño ningún problema por se alguén quere enviarme algunha foto de palcos da música. :)

Eu fago dúas dende posicións distintas. Fino fai unha do palco e outra do entorno.

As miñas vounas deixando no espacio do facebook. Tamen conseguín un libro do ano 1985 dedicado precisamente aos palcos da música, que formaba parte dunha exposición.

De momento aquí deixo unha pequena mostra do que quere ser unha colección de palcos da música.

Comezan a xurdir ideas e preguntas. Unha construcción cunha utilidade moi concreta. Por que teñen a forma que teñen? Como están orientados? Que fai que uns se conserven e outros desaparezan? Seguen a utilizarse?...

luns, novembro 10, 2008

Os seráns


Aproveitando que hoxe o Alalá inicia a súa tempada dedicándolle o seu primeiro programa aos seráns abro o blog dos seráns para que se poidan ver as contestacións á pregunta Por que se volven facer seráns hoxe en día?

Aínda que se pode seguir contestando á pregunta en:

http://osserans.blogspot.com

mércores, novembro 05, 2008

Os seráns no Alalá

A nova tempada do Alalá arrinca o luns 10 de Novembro e estará adicado aos SERÁNS.



Xa case estamos de volta e farémolo en Novembro deste ano. O equipo do programa agradecémolo voso apoio e fidelidade a Alalá que nos fixeron líderes de audiencia as tres últimas tempadas.

Tamén queremos recordarvos que estamos dispostos a escoitar as vosas suxerencias sobre aquelas figuras ou agrupacións que consideredes que merecen un recoñecemento público pola súa laboura ou traxectoria na música tradicional.

O horario de emisión para a cuarta tempada será os LUNS ÁS 21:40 e comezaremos como non podía ser doutra forma de festa:

O primeiro capítulo da nova tempada tratará sobre OS SERÁNS, así que si vos queredes emocionar, rir e saber algo máis sobre a nosa cultura xa sabedes!!

Unha aperta de todo o equipo do programa!

www.blogs.crtvg.es/alala








Aproveitarei para abrir o blogue Os seráns.

martes, outubro 28, 2008

Probando

Para probar a inserción dun documento no blogue, deixo aquí un cursiño de improvisación musical.

domingo, outubro 19, 2008

Club Lecturas Debuxadas

Dentro das actividade da asociación Espazo Lectura eu son o encargado do Club Lecturas Debuxadas:


Pensas que o cómic é só para nen@s?

Cres que non se poden contar boas historias dende o cómic?

Ven e descubre a linguaxe da lectura en imaxes!

Espazo Lectura bota a andar o CLUB LECTURAS DEBUXADAS

Recibe moitos nomes: banda deseñada ou debuxada, tebeo, historieta, novela gráfica… Definida como a ‘narrativa gráfica secuencial’, o cómic é xa a novena arte por dereito propio. Queremos descubrir esta linguaxe tan interesante lendo un cómic unha vez ao mes para comentalo despois entre tod@s.

As reunións celebraranse o terceiro martes de cada mes ás 20 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar. Haberá unha xuntanza informativa inicial o martes 18 de novembro na Biblioteca.

Se queres formar parte do Club, ou recibir máis información, chama ao teléfono 636.871.036 ou escribe un correo electrónico a clublecturasdebuxadas@espazolectura.org deixando o teu nome e un teléfono de contacto.


ANÍMATE A VIR!!




Máis información:

Espazo Lectura
PDF.

mércores, setembro 24, 2008

Situación dos mestres de danza tradicional

Chegoume un mail cunha reivindicación para os mestres de danza tradicional (que eu creo que sería extensiva aos mestres de música tradicional) que pretende por unha banda conseguir firmas de adhesión e por outra crear un debate sobre o tema. Tal vez esteas completamente dacordo e queiras firmar directamente. Ou tal vez non esteas dacordo con todos os termos e queiras matizar algo. Para isto último podes facelo nos propios comentarios. Para adherirte á proposta ou querer saber máis podes dirixirte a Mercedes Prieto e Serxio Cobos no mail prietomartinez.mercedes@gmail.com.

_________________________________________

Ilma. Conselleira de Cultura
Ilma. Conselleira de Educación

SITUACIÓN DOS MESTRES DE DANZA TRADICIONAL

Os abaixo asinantes queremos manifestar o noso desacougo e a nosa desconformidade pola carencia dunha planificación e regulación que contribúa á normalización da danza tradicional

Todas as persoas que se dedican profesionalmente a impartir clases de baile, moitos de eles hai máis de 20 anos, así como todas as persoas que confiabamos nun cambio político e con el esperabamos unha forte aposta pola nosa tradición , pola normalización do propio, asistimos con enorme frustración unha vez máis á chegada do mes de Setembro e ao inicio do novo ano lectivo sen cambio ningún ao respecto.

Os profesionais da danza quedan “roendo as uñas”, esperando a que algún colectivo, asociación cultural ou ANPA os chame para preguntarlle se poden darlles clase ese ano...sen contrato, na maioría dos casos, sen dereitos (contrato, vacacións,seguro, REGULAMENTACIÓN LEGAL xa que son traballadores) Traballando marxinalmente en algo que debería ser prioritario: que as nenas e nenos deste País coñeceran as manifestacións culturais propias , que souberan bailar e cantar e coñeceran os sons propios e sentiran orgullo de ser galegos.

A existencia dos mestres de baile posibilita que cada ano que moitos milleiros de persoas (moitos deles en idade escolar) aprendan nocións de ritmo, coordinación, conciencia corporal, equilibrio e forza muscular xunto con valores educativos como a socialización, tolerancia e integración , ou culturais como son as diferentes danzas relacionadas co noso riquísimo patrimonio que nos identifica como pobo.

Poderíase seguir con esta lista de nocións e competencias que se traballan nesas clases indo a outros eidos como o da saúde onde o aumento da autoestima e relaxación son dous factores importantísimos para o benestar das persoas.

Moitos de eses profesionais levan anos formándose, en cursos, recollidas, festas ou outras manifestacións culturais xa que de todos é sabido a grande importancia da transmisión oral desta actividade. Moitos vanse formar a outros países onde existen licenciaturas específicas que lles axuda a mellorar profesionalmente, e cando queren volver non teñen convalidación posíbel.

SOLICITAMOS:

1. FORMACIÓN REGLADA, para as persoas que elixan esa profesión. A resolución da consellería de educación e ordenación universitaria polo decreto 196/2007, onde establece o grao elemental das ensinanza de réxime especial de danza non é viable, xa que é imposible aprender nun ano lectivo (3º), con unha carga horaria de 60 minutos semanais tódolos contidos que se deben leccionar nas clases.

2.- Que aumente o horario das ensinanzas artísticas no currículo básico e que o eido tradicional forme parte do ENSINO OBLIGATORIO . É un dereito para as nenas e nenos galegos coñecer o propio , para poder amalo.

3.- REGULAMENTACIÓN DO EMPREGO (con tódolos dereitos e deberes do profesorado), para os profesionais que se dediquen a esa ensinanza.

4.- RECOÑECEMENTO DOS ANOS DEDICADOS A ESTA PROFESIÓN, para o persoal que fai esas actividades

domingo, setembro 14, 2008

Por que se volven facer seráns hoxe en día?

osserans.blogspot.com é un blog dedicado aos seráns ao que só poden acceder, polo de agora, os que nos enviaron a súa resposta á pregunta:

Por que se volven facer seráns hoxe en día?

Queres achegar tamén a túa resposta?

Podes facelo aquí, indicando se queres que se publique ou non a túa resposta.








luns, setembro 01, 2008

Bombo

Hai músicos "tambor" e músicos "bombo". Ou sexa, hai persoas "tambor" e persoas "bombo".