sábado, maio 26, 2007

06. Terca memoria.




A memoria é insistente. Existen ideas, músicas, lugares, xentes... que se resisten a desaparecer no fondo e aparecen cada certo tempo na superficie. Ás veces aparecen no medio doutras, camufladas, facéndose moi presentes. É imposible loitar contra a súa existencia. Son inevitables, son a vida.

01. Richard Galliano - New York tango.

É un dos acordeonistas de refencia agora mesmo. Ten un poderoso gusto sexa cal sexa o proxecto no que participe, a música que toque. Richard Galliano domina o acordeón no ámbito da música clásica, no jazz, no tango...

Francia é un pais impresionante pola calidade dos seus músicos. En todos os estilos. Procuradores de novos camiños sen deixar nunca que a calidade se resinta.

Galliano mestura o jazz, o tango, a música clásica e as súas raíces francesas. Este foi un consello de Ástor Piazzolla, dicíndolle que buscara máis a súa identidade que o son do jazz norteamericano.

Escollo, como non, un tango, o que lle dá nome ao disco New York Tango.

02. Omar Faruk Tekbilek - Azeri

En Omar Faruk Tekbilek, dende a súa Turkía natal, xúntase Europa, Oriente Medio e África. A súa música é, e sabe a, Mediterráneo (a terra do medio).

Occidente e Oriente mestúranse coa súa filosofía e espiritualidade sufí, facendo que a música que crea transporte os sentidos a lugares descoñecidos.

03. La Bandina - Carámbanu

Asturias é a gran descoñecida para min. E digo grande por ser tan próxima, que quizáis faga que procure músicas máis exóticas antes que o que podo escoitar en calquera momento. Tamén pode ser pola visión musical cara a terras irlandesas. Ou iso é o que me parece a min.

Sen embargo, en Asturias, como en Galiza, existe unha gran diversidade de sons das que só trascenden as máis comerciais se non se afonda un pouquiño máis.

Este é o caso de La Bandina, un exemplo claro de frescura musical plenamente asturiana. Estes descubrimentos fan que o meu ánimo e a miña curiosiade musical tire cara estos lares.

Carámbanu está incluido no disco ...de Pomandela.

E xa que estamos en Asturies. O grupo Felpeyu tivo o ano pasado un accidente automovilístico no que morreron dous dos seus integrantes. Saían de Corvera para Catalunya. En Corvera non puideron dar o seu concerto porque xa era moi tarde cando ían comezar a probar e tiñan que ir a outro concerto. O concelleiro de cultura de Corvera non quere pagarlles porque non tocaron, a pesares de que cumpliron a súa parte. Isto contrasta drásticamente coa actitude de Calaf, onde lles pagaron o seu caché sen nengún problema. Nesta páxina cóntase toda a historia.

Ademáis os grupos asturianos estanse a negar a participar no próximo festival de Corvera e existe a iniciativa de que se negue todo o mundo. Avísase que poden chamar a grupos galegos para encher o programa. E pídese dende os propios grupos asturianos que se neguen tamén os galegos. Por favor espallade esta iniciativa, pois paréceme que estas actitudes son por completo repudiables.

04. Orquesta Compostela - Cousas da vida

As orquestas xurdiron a partir dos músicos que xa existían. Foron necesitando de máis instrumentos (batería, guitarra, baixo, ventos) para poder tocar os temas de moda. O repertorio incluía ademáis de foxtrots, rumbas, merengues, pasodobles... muiñeiras e xotas. Claro que estas xa soaban distintas coa nova instrumentación.

A orquesta Compostela forma parte do meu imaxinario infantil. O meu pai tiña unha k7 da orquesta Compostela onde se cantaba á emigración, sobre todo arxentina (coas mesmas cores na bandeira que na galega). Ese k7 sempre me gustou, e aínda me sigue gustando. Faime lembrar tamén as festas con orquesta e banda de música (que tamén caerá nalgún momento por aquí) tan feitas para bailar. O solto, mais sobre todo, o agarrado.

Agora as orquestas son verdadeiras montaxes espectaculares emulando concertos de masas. O repertorio son os temas de moda en cada momento, tal e como se facía antes. A xente deixa de bailar para mirar. Non se pode bailar coa música tan alta. Aínda así, a muiñeira de Chantada aínda se deixa oir como final de festa.

05. Orquesta Mariño - Mira la Orquesta Mariño

A Orquesta Mariño seguiu os pasos da Orquesta Compostela á que admiraban. A asociación de veciños Xabriña recuperou aos integrantes da Orquesta que comezara a tocar no ano 1956, tal como se fora o Buena Vista Social Club de Mondariz.

Reuniron aos músicos daquela época, puxéronse a ensaiar e deron un concerto que gravaron. Daí sae o tema 'Mira la Orquesta Mariño', o himno da Orquesta que todo o mundo sabía cantar.

Haberá que escoitar tamén a orquesta de jazz que está no concello do lado, no de mondariz balneario.

06. Sete Netos - Na fonte de Falperra

Os integrantes de Sete Netos enviáronme un mail para que lles conseguise contactos para poder vir tocar dende Arxentina.

Escollo o tema Na fonte de Falperra, por ver se lles da sorte e veñen tocar a Vigo.

07. Ngoro Ngoro - Para subir una escalera

Ngoro Ngoro é un grupo de amigos. De Madrid. Gravaron unha maqueta da que se poden escoitar tres temas. 'Para subir una escalera' é unha musicalización dun texto de Cortázar.

08. Joan as police woman - Real life

En Vigo está o SINSALaudio, 'un lugar para a música sosa e outras especies en perigo de extinción'. Este lugar organiza un festival con concertos en varios espacios da cidade. Entre eles o Marco, un espacio non só museístico. Tamén ten unha moi interesante radio.

Grazas ao festival SINSAL puidose escoitar en Vigo a Joan as police woman, o proxecto musical de Joan Wasser, poseedora dunha moi interesante e característica voz.

Eu coñecina grazas ás recomendacións dunha muller desesperada.

09. Yann Tiersen - La dispute

De sobra é coñecido o autor da banda sonora da película Amelie. Está claro que ten estilo propio, todo o mundo é capaz de recoñecelo nada máis o escoita.

Este tema é tan grande polo sinxeliño que é. Só podo escoitalo, e escoitalo... e alá van as palabras...

10. Toto Bona Lokua - Lamuka

Disco de tres grandes: Gérald Toto, Richard Bona e Lokua Kanza.

Jazz africano para disfrutar con todo o corpo.

11. Louis Sclavis - Ceux qui veillente la nuit

Francia, outra vez Francia. Existe unha corrente musical chamada folklore imaxinario. Jazz na procura da identidad musical no folklore e nas músicas populares. Nese ámbito de traballo atópase Louis Sclavis, clarinetista inquieto onde os haxa.

O que escoitamos é un tema dun disco do ano 1997, onde está colaborando outro músico francés deste mesmo programa.

O 'Danses et autres scenes' chegou a min a través duns amig@s (que andan sempre polo medio tomando café instantáneo). E eles coñecérono no festival Imaxinasons en Vigo. Festival que programa Baldo Martínez. Tanto o festival de jazz de Vigo como Baldo beben desa corrente de jazz europeo.

A través do festival xurde a imaxina jazz orquestra onde catro músicos do jazz galego levan o timón: Baldo Martínez, Abe Rábade, Alberto Conde e Roberto Somoza. Demostración palpable de que en Galiza o jazz ten un grande empuxe, non ía ser todo folk!

12. Nordestin@s - Aguinaldo pandereteiriño

A despedida dánnola dúas mulleres e un home. Ugía, Guadi e Abe.

Gu e Ug, tal es como as define o pianista, son as mulleres de moda en Galiza. Non paran, andan en todas. Voces complementarias que casan moi ben onde o fío de unión é o inmenso Abe Rábade no piano.

Mais onde de verdade se catan é en directo. Como case sempre. Sempre cos bos músicos.

Aínda que este tema iría moi ben no programa anterior (Cantan Elas) aparece aquí porque ao final pódese escoitar cantar a Abe, e había que aproveitalo.

13. Este tema déixoo para que o adiviñedes, o procuredes, para que me digades que é e quen é.

mércores, maio 23, 2007

Tódolos programas.

Hai bastante xente que me pregunta onde se poden escoitar os programas antigos. Así que procurei un lugar onde poder colocar tódolos programas, ou polo menos os que levamos xa. Así que de momento aquí están tódolos programas xa emitidos.

En cada programa está o correspondente reproductor cos comentarios de cada peza, resolvendo tamén os temas de propina.

00. Declaración de intencións. --- 01. De bailes.

02. Outono. --- 03. Chegando a Galiza.

04. Comezo. --- 05. Cantan Elas.

06. Terca memoria. --- 07. Vivenzas.

Radio do foro onmedia.

08. Silencio. --- 09. Últimos destinos.

10. Impulso.









luns, maio 21, 2007

O home inédito

Antes de ler o libro de Rivas, pasei polos meus ollos o libro de Meixide.



O home inédito pódese descargar en pdf e está baixo licenza Creative Commons. Tamén se pode mercar.

O formato en papel é ideal para ler mentras se viaxa. Realmente un formato moi cómodo.

Libro entretenido, moi fresco e dinámico onde se mesturan pasado e presente a cada capítulo. Historia entre Santiago, Coruña e New York onde o inglés, o castelán, o galego e o portugués conviven sen ningún problema. Incluso aparece o coreano de forma indirecta e o coruño, ás veces difícil de entender.

Por algo che gustou tanto a ti, por algo mo emprestaches. Graciñas.

venres, maio 18, 2007

Nós somos letras.

A nai pelacha líame de novo para participar na confección dun mural compartido. A idea xurde de dorfun.

Esta é a miña aportación, que non podía ser máis que musical.

E a gañadora é...

Para min o mellor (micro)relato foi sen dúbida o gañador.

"Chego tarde á cita, seino, pero non podía deixar sen atar a mamá. Espero que o can non roia as cordas e a ceibe. Non sobreviviría."


E escribiuno lg_peke. Que é a autora do blog Gradicela.

Noraboa!

martes, maio 15, 2007

Os microrrelatos participantes.

Estes son tódolos relatos participantes:

Rechouchio "-Esta noite non me deixes durmir sen foder. -Esta noite non deixes de foderme aínda que durma."

lg_dorfun "Ergueuse moi cedo, coma nos últimos 400 ou 500 anos. E dende o borde da cama acubillona e agardou espectante para vela despertar de novo"

lg_Cau "Ficar no coche. Negarte a saír da cripta do garaxe. Deixar fóra os teus, por sempre vivos e felices. Ficar no coche"

lg_ghanito "Acordou sen saber onde estaba e notou un sabor raro. Custoulle recoñecer o seu propio sangue. Tentou moverse...-¡Correde, aquí hai alguén!"

lg_mirinho "Outra vez: Non me biques que me fas dano. Xa non podo amarte, nen sequera odiarte. Dóeme este desexo imposible. Non me biques, non..."

lg_emereci “Cando aquel descoñecido abandonou o derradeiro vagón do derradeiro metro da derradeira parada da liña, o tren quedou tan baleiro coma ela”

lg_ghanito "Non é coña -Xa cho vin nos ollos -¿Ímos? -Molaba un cacho E correron á sala dos dinosaurios mais cando chegaron, o garda ainda estaba alí"

lg_Cau ”Só un 4? Pero vostede prometeume... Non podemos arranxalo? Farei calquera cousa para subir a nota. Calquera. É vostede o meu mellor alumno”

lg_Amara "Cando a Bela Durminte espertou da súa longuísima sesta a osteoporese fíxollas putas"

lg_Amara "Gustáballe tanto o peixe que casou cunha serea"



lg_Amara "o día do Xuízo Universal Deus perdeu o xuízo"


lg_Amara "Sen o lobo e a complicidade do bosque impenetrable, a inocencia de Carapuchina Vermella ficaría un pouco máis limpa..."


lg_dorfun "Escoitou pechar a porta e envolto no cheiro a humidade e o tacto das cordas nas mans, berrou canto puido sentindo o seu sangue nos beizos"

lg_aricum "Da esgotadora xeira apenas tirara un par de euros. Tanto esforzo e só poidera mercar un mísero bocata de chourizo. Que dirían os fillos?"


lg_dorfun "Agarra con forza a corda! -dixo- E empuñando con forza a espada,avalanzouse contra os piratas, mentras o tesouro penduraba sobre as rochas"

lg_peke "Chego tarde á cita, seino, pero non podía deixar sen atar a mamá. Espero que o can non roia as cordas e a ceibe. Non sobreviviría."


lg_torredebabel "Eu non lle sei nada. Nada de nada. É un falar. Non se enfade vostede, tía. Se a chamei é porque a madriña fai cousas raras e eu asústome"

lg_torredebabel "Foi cando a sirena do barco berrou a dor e a amputación dos que emigran que lle caiu o primeiro feixe de cabelo. Bos Aires coñeceuna calva"


lg_Amara "Croac! Se me bicas, volvereime príncipe. A fermosa foi buscar un crocodilo, merecía cando menos un rei. Nunca soubo se o conto funcionaba"

lg_Amara "-¿A onde irán os que morren? -A botar un sono, onde nin Deus os esperte"


lg_Amara "O último que perdeu aquela caveira foi o sorriso"

lg_Amara "O náufrago, morto de fame, decidiu xantarse a si mesmo. Ata que se decatou de que era vexetariano"


lg_Cau “Esa non, neno, colle unha máis grande. Así, na cabeza, con forza. Ben. Xa non se move. Agora quítalle as Converse. Non era o que querías?”

luns, maio 14, 2007

A miña participación...

No concurso de microrrelatos escribín:


"Outra vez: Non me biques que me fas dano. Xa non podo amarte, nen sequera odiarte. Dóeme este desexo imposible. Non me biques, non..."



Coa miña participación xa van cinco microrrelatos presentados a concurso. Estará ben ver tódolos microrrelatos xuntos.

Nota: Só poden ter 138 caracteres, pois dous caracteres hai que utilizalos nas comiñas do pricipio e do final.

I concurso de microrrelatos.

Convócase o I concurso de microrrelatos lemosgalego.

As bases pódense consultar no twiter de lemosgalego. Tamén se poden ler na dorfunteca.

Dende: o blog dos pelachos.


(Tan só 140 caracteres de relato. Para agudizar o inxenio.)

xoves, maio 03, 2007

Curioso Impertinente I.

Decidín incluir a lectura neste blog. Por dúas razóns. Porque as actualizacións son moi separadas no tempo, e porque o nome do blog é claramente literario.

Por que se chama curioso impertinente? Pois porque a idea de construir o blog xurdiu cando estaba a ler o Quijote de la Mancha. De Cervantes.

Sempre tiven un respeto quizáis demasiado grande polo libro en maiúsculas da literatura española. E sorprendeume moito, moitísimo.

O curioso impertinente é unha novela que se le en tres capítulos seguidos mentres Alonso Quijana (o Quijote) durme no seu cuarto da pousada. É o cura quen a le.

Dareille unha nova lectura.

E como non hai dúas sen tres. Foi o clube de lectura de lg_lemosgalego o que me empurrou para incluir as letras.

__________

Terei que mudar o subtítulo do "radioblog". Algunha suxerencia?

xoves, abril 26, 2007

Que estás a ler?

Chégame un mail invitándome a formar parte dun grupo de lectura e, como non vai ser só música, alá vou e apúntome.

Trátase dun grupo que se move a través do twitter, no que se chama unha rede social.

Aquí hai máis información.

Agora só teño que decidir que libro ler. Algunha suxerencia?

_________________________________

27-04-2007: Por culpa dun amigo vou ler Os libros arden mal, de Manuel Rivas.

Dado o tocho que é... Ter amigos para isto!!!! :)

domingo, abril 22, 2007

05. Cantan Elas


Intentarei non dicir moitas cousas sobre cada artista, porque elas soas mostran a súa grandiosidade. Intentarei non dicir que cantan moi ben, que utilizan a súa voz de maneira incrible e que transmiten sensacións extraordinarias porque o vou dar por obvio.

Elas cantan e nós escoitamos. Aínda que a mellor forma de escoitalas é, como non, en directo.

01. Lhasa - J'arrive à la ville

O último disco de Lhasa, cantante canadiense que canta en español, francés e inglés, titúlase The Living Road e inclúe esta canción que me ten no ar. Por iso é o principio deste programa.

Deixo a letra, por se queredes cantar comigo:


Moi aussi…
Moi aussi
J'arrive à la ville
Pour y verser
Ma vie
Je monte la rue
Comme un géant
Ça c'est la ville
Et ça…
C'est ma vie

Moi aussi…
Moi aussi
J'arrive en fuyant
Je suis encore
Loin devant
Si la ville me cache
On ne me trouvera pas
Je ne sais pas qui
Je ne sais plus quoi

Moi aussi…
Moi aussi
J'arrive les mains vides
Au sud du nord
Au nord du sud
J'ai un passé
Mais je ne m'en sers pas
Le futur sera mieux
Tellement mieux que ça

Moi aussi…
Moi aussi
J'arrive à la ville
Pour y verser
Ma vie
Je monte la rue
Comme un géant
Ça c'est la ville
Et ça…
C'est ma vie

02. Lila Downs - La Martiniana

Cada vez que procuro información sobre Lila Downs anda nun novo proxecto.

A camiño entre México e EEUU con máis, moito máis, do sur, recolle moitos temas populares para recrealos dunha forma marabillosa..

La Martiniana é unha canción de Oaxaca:


Niña, cuando yo muera
No llores sobre mi tumba,
canta sones alegres mamá,
cántame la sandunga.
...

03. Estrella Morente - Tangos del chavico

Estrella Morente xa non é a filla de Enrique.

O seu último disco titúlase 'Mujeres', moi adecuado para este programa, pero eu escollo un tema sefardí que incluiu no 'Calle del Aire'.

04. Concha Buika - A mi manera

De Concha Buika xa se escoitou algo par aquí, mais sempre paga a pena escoitar como se dá toda cando canta.

E é que o seu disco 'Mi niña Lola' deu moito de si.

05. Chavela Vargas - Volver, volver

Que dicir de Chavela Vargas sen que se quede corto? Tremenda cantante, impresionante vida, vendaval de muller...

Con 83 deixou coa boca aberta aos de Nova Iorque no concerto do Carnegie Hall.

06. Rosa Zaragoza - Cant dels ocells

Cando se coñece en persoa a Rosa Zaragoza é impresionante a tranquilidade e paz que o invade a un. É a paz e a tranquilidade que se sinte cando ela canta.

O canto dos paxaros é unha canción catalana que envolve sexa cal sexa a versión que se escoite. Aquí está a que se inclúe en ‘Matria, la patria del alma’.


El cant dels ocells

Al veure despuntar
lo major lluminar
en la nit més ditxosa,
els aucellets, cantant,
a festejar-lo van
amb sa veu melindrosa.
...

07. Martirio - Quisiera amarte menos

Martirio estivo presente xa nalgún programa aínda que non chegou a entrar nunca, e xa ía sendo hora de facerlle xusticia.

Quedouse a imaxe de Martirio da peineta de cando andaba experimentando con Raimundo Amador, Kiko Veneno e compañía. Mais é a partir do primeiro disco con Chano Domínguez, Coplas de Madrugá, que a súa música comeza a ter sabor ben paladeable.

Segue coas súas gafas oscuras que esconden uns ollos preciosos e moi vivos. O que non esconde en absoluto é o seu bo, moi bo, gusto para cantar e escoller músicos.

Acaba de sacar un disco de boleros, Primavera en Nueva York, pero este tema é do Flor de piel.

08. Renata Rosa - Assentei Praça

Rebuscando entre a música que se amontona atopo a Renata Rosa. Música brasileira con ritmo a esgalla, recién chegada ás miñas orellas. Haberá que seguirlle a pista para saber de onde sae. Ou para bailar e bailar...

09. Mercedes Peón – Ben linda

O pasado sábado 14 de abril houbo un concerto de presentación do último disco de Mercedes Peón, Sihá.

O teatro García Barbón (por non facer publicidade a quen non a necesita) levantouse a aplaudir por un par de veces.

Non se lle pode negar que a Peón é enerxía pura.

Non me resisto a por unha pequena mostra do concerto:




10. Anabel Santiago - El Pícaru Molineru

Hai xente xoven que se preocupa polas músicas das persoas maiores, que tratan de recuperar repertorio e formas de cantar que non se escoitan nos circuitos de radiofórmula. E despois reelaboran mesturando formas vellas e novas, creando a fusión de xeracións distintas.

No disco Anabel Santiago canta a Diamantina Rodríguez é o que se fai.

Actualizar a tonada. É dende onde canta Anabel.

11. Rokia Traore - Manian

Nada de historias tristes, nada de biografías tremendas. Rokia Traore canta o que sabe, o que lle gusta, con tranquilidade, sen a presión dunha África aplastada, esgotada, saqueada... A ver se cambiando o punto de vista, se cambia a realidade. O pesimismo existe, mais a esperanza é o último que se perde.

12. Mariza - Ó gente da minha terra

E para rematar un tema en directo. O concerto que Mariza deu en Lisboa, coa xente da súa terra.

A xente da miña terra é aquela toda que me entende, aínda que non sexa con palabras, que me escoita e sinte comigo. Isto é o que aprendín ao ir polo mundo adiante. Son palabras da propia Mariza.

A gravación deixa que sonen os aplausos durante tanto tempo que a envexa que me invade dos que alí estiveron crece ata extremos inaguantables. Aproveitamos esos aplausos para aplaudir a tódalas mulleres deste programa.

13. Este tema déixoo para que o adiviñedes, o procuredes, para que me digades que é e quen é.


Quedan moitas mulleres cantantes fóra deste concerto privado e improvisado. Cal che falta? Que tema incluírías no próximo ‘Cantan Elas’?

luns, marzo 05, 2007

04. Comezo


Cando se comeza algo, un disco, un poema, unha nova vida, un proxecto ao fin, sempre se parte dunha base na que se edifica a nova construcción. É mentira que se comece dende cero, é mentira que se esqueza o anterior. É posible, en todo caso, romper cos cimentos que van coa persoa, pero non deixaría de basarse no anterior para (de)construir o novo.

Non é a miña intención tirar o vello. Por iso aquí hai músicas de hai tempo, hai músicas traídas por xente, hai músicas compartidas, hai músicas pioneiras.

Este programa vai dedicado, como non, a Gerardo. Era e será sempre unha persoa vitalista para dentro e para fóra, unha desas persoas que pasan por unha vida e quédanse para sempre.


01. José Afonso - Venham mais cinco

De sempre tiven debilidade por Zeca Afonso. Antes de saber que foi o autor do hino da revoluçao dos cravos, antes de saber que foi un grande impulsador dos fados de Coimbra, antes de saber, en fin, quen era o Zeca. Gústame a súa forma de compoñer, a súa forma de cantar, a súa forma de integrar todos os elementos da música portuguesa cos da música das colonias africanas. Un escoita un tema de José Afonso e só pode pensar, é o Zeca.

Venham mais cinco pertence ao disco do mesmo nome que gravou en 1973, pouco antes da revolución dos caraveis que levou a portugal da ditadura á democracia a través dunha revolta pacífica e militar.

Non me gustan os cantautores en xeral, sobre todo os que poñen por diante a bandeirola de salvadores do mundo. José Afonso é unha excepción. A música serve para levar mensaxe, pero sen que a música se resinta.

Silvio Rodríguez é outra excepción.

02. Charlie Haden/Egberto Gismonti - Maracatú

Charlie Haden é un contrabaixista de jazz que comezou con Ornette Coleman, nome clave no free jazz, a súa vida musical. Músico inquieto que tocou con case tódolos grandes do jazz do pasado século XX.

O brasileiro Egberto Gismonti é un deses músicos que cando che entra polas orellas xa non hai maneira de quitalo da cabeza. Músico polifacético e multiinstrumentista goza dunha sensibilidade que o fai imprescindible na lista de imprescindibles.

Este tema pertence a un disco gravado en directo no festival de jazz de Montreal do ano 1989, In Montreal. Unha verdadeira xoia a dúo, onde os dous músicos poñen toda a súa creatividade conxunta para o disfrute enorme do afortunado público.

Gústame a música en directo. E cando de discos se trata, os que están gravados en directo teñen unha vida que non teñen os de estudio por pistas separadas.

Descubro que gravaron con Jan Garbarek. Terei que procuralo entón.

03. Carlos Gardel - Alma en Pena

(Quedouseme este tema atrás sin comentar, menos mal que hai xente que se dá conta. Graciñas, guapa).

Hai quen di que Carlos Gardel canta mellor a cada día que pasa. Eu estou dacordo con esta afirmación. Cada vez gústame máis. Sobre todo se o comparamos coa "capa" de cantantes que nos invaden no mercado musical de operación a 1 euro. Agradécese ese contar algo máis do que di a letra, do que a música canta.

A súa vida musical non chegou aos vintecinco anos. Comezou en 1912 e deixouno, por accidente aéreo, no 1935. Canta como canta a pesares de ter unha bala aloxada no seu pulmón esquerdo.

Tódolos grandes tangos pasaron pola súa voz. Pensa un tango e seguro que o cantou. Soe ocorrer cos grandes artistas, que despois é moi difícil superalos e todo o mundo recurre a el como referencia.

Este é o primeiro tango dunha copilación de tres cd. Todo un desfrute oílo cantar.

04. The Klezmatics, Joshua Nelson & Kathryn Farmer - Elijah Rock

Klezmer e Gospel. Ese é o concerto que se plantexa aquí. Música relixiosa para disfrutar e deixarse de tonterías.

Escollo este tema, que é basicamente gospel con algunha pincelada de klezmer, porque é o tema deste disco en directo que me sube o ánimo estea onde estea.

05. Bellón & Maceiras - Postal para Dominique

O dúo de Diego Maceiras e Daniel Bellón é moi atrevido. Tal vez sexa pola súa xuventude, o tal vez polo dominio que poseen dos seus instrumentos. Deixan atrás calquera posible complexo e fan música co que tocan. Isto é, un acordeón e unha gaita.

Bellón e Maceiras gravaron o seu disco Unión das Terras porque gañaron o concurso de folk Radio Obradoiro. Tamén este ano gañaron o concurso Runas do festival de Ortigueira, polo que o ano que ven terán que tocar no palco principal do festival. Terán, de feito xa o están preparando, que facer un concerto con máis músicos que eu espero que repitan nalgún outro lugar.

Na páxina web podedes ver quen é cada un dos músicos e a traxectoria impresionante que levan, e poderedes tamén escoitar máis temas do disco. Estiven a piques de por o tango de Piazzola "Libertango", pero ao final puxen o tema que máis me gusta do disco. Composición do compañeiro de Dani en Luvas Verdes, Pedro Lamas. Realmente hai unha inundación de bós, moi bós músicos en Galiza.

06. Vladimir Ashkenazy - Nº1 in C major Prelude

Vladimir Ashkenazy é un pianista ruso que se dedicou a gravar toda a obra para piano de Chopin. Pianista de recoñecido prestixio que por amor acabou sendo Islandés.

Neste caso tocou a obra de Bach The Well-Tempered Clavier, onde se mal traduce como o Clave ben temperado. Trátase de grupos de preludios e fugas en todas as tonalidades posibles.

Bach compuxo todas estas obras como estudios para practicar as 24 tonalidades maiores e menores. Estudios que se converteron en toda unha biblia sobre o sistema temperado, definindo desta maneira toda a música occidental. A escala temperada xurde de dividir unha octava en 12 partes iguais. Hai quen o considera unha barbaridade. Barbaridade que deu lugar á toda a música occidental por completo.

Bach é unha das referencias de todo músico que pretenda selo, dedíquese ao estilo que se dedique. Dende estos estudios, a composicións de preludios e fugas caeu en desuso. Tal vez foi así porque era imposible superar a perfección de Bach.

Este que escoitamos é o primeiro preludio do primeiro estudio do primeiro libro, en do maior. Isto si que é comezar ben.

07. Nancy Sinatra - Bang Bang (My Baby Shot Me Down)

A película de Tarantino, Kill Bill Vol.1, comeza co tema de Nancy Sinatra. Unha canción moi suxerente para ir introducíndonos no universo tan personal do famoso director.

08. Laio - Estilo Vaicheboa

Nos tres primeiros discos de Budiño, e antes de que se lle fora a pinza ao gaiteiro e os botara a todos xuntos, os músicos que o acompañaban e facían o son e arranxos eran os que formaron Laio. Laio procuraba novos sons para a música galega, indagaba nas programacións e nos loops, sen anular aos tremendos músicos que brillaban con luz propia. Músicos que andan agora noutros proxectos, noutras historias. Uns con éxito recoñecido, pero todos incríbles músicos.

Un disco que, penso, non tivo o recoñecemento que merecía. Dalgunha maneira non foi entendido polos afeccionados á música folk que estaban máis acostumados a propostas menos atrevidas e máis igualitarias entre si. Terían agora a mesma acollida habendo a tremenda diversidade de grupos e músicas que existen no mercado galego?

09. Nuestros Caminos a Santiago - Dónde vas, Adelaida

O documental de televisión española Nuestros Caminos a Santiago contaba cunha banda sonora feita á medida para cada capítulo da serie.

Este tema, que non lembro se ao final se incluiu nalgún lugar da serie, é unha versión dun tema da Terra de Miranda, que tamén se canta en Castela, en Aliste. Foi unha gravación case en primeiras tomas, con dúas frautas e unha guitarra. O encargado de facer a banda sonora do documental é o mesmo que puxo as notas da guitarra neste tema, que o fixo case sobre a marcha, e non é outro que Jose Negrete.

É curioso esta canción que se canta en menor en Portugal e en maior en España. Existen varias versións da canción, pero a que me gusta é a que canta a Brigada Victor Jara que di así (de forma momentánea e mentras non o confirme):

Dónde vas, dónde vas, Adelaida?
Dónde vas, dónde vas por ahí?
Voy en busca de mi amante Enrique
Que se ha vuelto loco de pena por mí

Es la una y Enrique no viene
Es la una y Enrique no está
Yo no creo que Enrique me deje
Teniendo la ropa para nos casar.

10. Els Berros de la Cort - Nit de Llampecs

As festas e os mercados medievais están de moda. E máis estiveron estes anos atrás. O grupo de rúa de referencia, do que todo o mundo falaba eran estes tolos de Els Berros de la Cort. Teatro, música, danza... todo se une para facer este espectáculo de rúa na que consiguen tanta forza. Por iso hai que escoitalos na rúa, é aí onde exhiben todo o seu potencial. Pódense ver fotos e vídeos do grupo en acción.

11. Radio Tarifa - El Mandil de Carolina

Outra desas músicas que é dunha chea de lugares. Esta é especial porque cada lugar a considera moi súa, como se fose característica da zona onde vive. E resulta que a melodía pode atoparse en moitos camiños por Europa adiante (ou detrás). Pode ser que o camiño de Santiago teña algo que ver. Pero nese caso, veu ou foi? Tamén é moi posible que non teña que ver, e que sexa un tema universal. Ao fin e o cabo é unha peza moi simple, case seguindo a escala.

Neste caso, en Galiza cántase en maior, e esta versión castelá aparece en menor. Pode ser pola gaita de foles que se utiliza nesa zona (trasmontana, zamorana...) ou poida que se cantaba de distinta forma por simple acomodo das xentes.

A letra desta canción tradicional de Castela e Galicia, segundo di Radio Tarifa, é un tanto picarona, moi do gusto de moita xente de cantar con dobres sentidos.

12. Inti-Illimani - Samba Landó

Coñecín a Inti Illimani case de casualidade e case trinta anos despois da súa formación. É un grupo dos míticos.

Teñen un dominio dos ritmos que deixa parvo a calquera. Teñen unha sensibilidade enorme e ademáis teñen un compromiso co seu pobo chileno moi forte.

Deixo esta canción en directo do seu disco Antología en vivo do ano 2006.

13. Este tema déixoo para que o adiviñedes, o procuredes, para que me digades que é e quen é.



________======________


Como detalle final, quixera por un vídeo coma homenaxe a Gerardo. Trátase da obra 4'33 de John Cage. Unha obra onde non soa unha soa nota. Erróneamente pénsase que Cage buscaba o silencio, cando o que buscaba era poder escoitar o son que quedaba na sala de concerto cando ningún instrumento sona. Sería o ruído de fondo, permanente, inevitable. O ruído da sala nese preciso instante, coa xente que escoita nese momento.

Desta forma este será o silencio para escoitar a Gerardo.

domingo, decembro 31, 2006

03. Chegando a Galiza


Este é un programa feito xa. É o programa de músicas que fixeron Mercedes Prieto e Serxio Cobos para o Curso de bailes galegos e danzas europeas que impartiron na fin de semana do 18 e 19 de Novembro na Escola de Folklore Plaza de Castilla.

Mercedes leva uns cantos anos entre Lisboa e Évora, estudiando e impartindo 'aulas' sobre as danzas europeas. É unha das organizadoras de tódolos Andanças dende a asociación PédeXumbo.

Serxio é un bailador tremendo que leva moitos anos da súa vida percorrendo kilómetros e kilómetros na procura de bailes e músicas que xa só conservan as persoas maiores, o suficientemente maiores que aínda lembran como se tocaba e bailaba antes. Coñece o mapa de Galiza como se fose a palma da súa man. E sabe distinguir perfectamente o xiro característico de cada pobo, de cada parroquia. É tamén músico. E como non, é membro de Trebón. Baile tradicional contemporáneo, así o definiron varias persoas que acudiron ao curso.

Fixeron un percorrido por danzas europeas que chegaron a Galiza e se quedaron e modificaron e adaptaron á forma de danzar galega. Son quince temas para bailar, por iso o grupo que 'toca' é secundario, o que importa é a danza. Non hai tampouco tema para adiviñar. E a 'sintonía' vouna deixar aparcada por unha vez. Quince bailes... bailen vostedes, por favor!

1. SCOTTISCH – Fomp

2. CHOTE DE LEIRADO - Chouteira

O Scottisch é unha danza de ritmo binario que se baila en parella. Espallouse por toda Europa de forma que existen múltiples variantes deste baile.

Sóese bailar con dos pasos de polca un para cada lado e catro pasos onde se fan diversos debuxos.

En galicia ten unha parte solta e outra agarrada. A agarrada non é máis que un paso de polka. E cando se volve á parte solta, cámbiase de parella.

Unha variante moi 'famosa' é a variante do Chotis Madrileño, onde se baila en parella coa muller bailando arredor do home que xira sobre o seu propio eixo.

3. SUITE DE POLKAS – Uxu Kalhus

4. DANZA DE RAMÓN – Matoufet

5. DANZA DE CERDEIRA - Leilía

A Polca sempré será a polca. Un, dous, tres, hop... e para o outro lado... un, dous, tres, hop... Ritmo binario de sobra coñecido por todo o mundo.

A danza de Ramón é unha pequena variante da polca na que unha fila de homes e outra de mulleres van facendo o paso base mentras a fila de homes trata de porse diante da de mulleres. Chegado a un punto, as filas únense liberándose a gritos para bailar coa parella que se quere ou a que che toca, ou a que queda... e a bailar a polca normaliña... Despois vólvese ás filas e outra vez...

En Galiza, á polca chámaselle Danza. Aínda que tamén noutros lugares se lle chama danza á rumba.

6. VALSEIRO (Vals/mazurca) – Berrogüetto

7. VALSE – Violia

8. ROSENDO EN SABAXANS: Dous Pasos - Berrogüetto

9. VALS MESTERIEUSE – Zef

Un, dous, tres, Un, dous, tres... O valse. Aquí pasamos do ritmo binario ao ternario. O valse é igual en tódolos lugares do mundo.

En Galiza añádense uns cuantos pasos que se utilizan na jota. Non chegan a soltarse pero debúxase cos pes algúns dos debuxos da jota.

A mazurka é un baile de tres tempos, pero que se pensa en seis. É difícil de bailar, e canto mellor se baila máis debuxos aparecen coa parella moi compenetrada. É tamén moi dada para 'ver' bailar (a min, polo menos, hipnotízame).

Dous pasos é o nome que recibe en Galiza, e é exactamente iso. Un dous, un dous... O terceiro tempo é de pausa. Poderíamos dicir que é un, dous, hop... pero sen o hop.

10. JOTA PARA NEREA – Violia

11. JOTA DA GHEADA – Berrogüetto

O baile por excelencia a tres tempos 3/4 en Galiza é a xota. A jota pódese considerar o baile español. Case hai unha variedade de jota por cada comunidade autónoma. Os pasos son moi semellantes en todas elas.

O máis característico da xota é que, ao igual que a muiñeira, é un baile improvisado. O guía vai indicando que 'punto' había que facer en cada momento. Aínda que co tempo todo o mundo coñecía os diferentes puntos que se facían, non sabían cal ía en cada momento. Entre punto e punto hai un paseo, onde se fai un paso base (facendo xirar o círculo ou non) para ir pensando no seguinte punto.

Aquí foi onde Serxio nos explicou que cada punto está feito de pequenas partes que se poden separar e unir segundo a creatividade do bailador.

En xeral, fórmanse dúas filas, unha de homes e outra de mulleres. Cada un baila coa súa parella pero tamén en grupo. Basicamente as figuras de grupo son filas e círculos, que se poden desplazar ao gusto dos bailaríns.

12. EVENING GLORY: Vals 5t - Naragonia

13. VALS 8T - QUERX

Para rematar cos tres tempos do valse, tamén bailamos valses 'coxos' a 5 e 8 tempos. Son coxos porque chega un momento no que 'falta' un tempo. Son moi divertidos de bailar.

14. MUIÑEIRA

15. MUIÑEIRA E PASODOBLE - Violia

E para rematar, como non, a muiñeira. O paso base támén ten tres tempos, pero son máis rápidos. A muiñeira é un baile a dous tempos nos que cada un ten tres: Un 6/8.

Segue o mesmo esquema que a xota explicada antes, exactamente o mesmo, só que a ritmo de muiñeira.Os puntos pódense transformar para que sexan de muiñeira ou de xota (incluso se leva algún a outro tipo de bailes).

_______________________

En xeral, tódalas danzas se acollen en Galiza. Esta foi só unha mostra de como algúnhas danzas de Europa chegaron a Galiza e se transformaron para facelas propias. Hai unha tendenza a separar os bailes. A facer os bailes agarrados en soltos.

Aínda que o agarrado non se despreza. Unha boa mostra é o último tema onde se pasa de bailar unha muiñeira a bailar un pasodobre sen que exista ningunha pausa.

O pasodobre bailámolo sen que houbera ningunha explicación. Era necesaria acaso?

Foi un pracer. A Merchi xa a coñecía, unha bailarina estupenda e moi boa didacta. Serxio sorprendeume moitísimo. Desfixo bastantes preguntas que andaban na miña cabeza sen que eu mesmo o soubera.

Falando con eles, saiu o tema da publicación de libros que falaran de todo o folklore que se está a recoller. Na música aínda se vai publicando, pero nos ritmos de percusión (pandeireta, pandeira...), nos cantos das pandereteiras e nos bailes non hai ningunha referencia. Eu animeinos a que se poñan a escribir. O maior problema co que se atopan é o da nomenclatura. Realmente é o maior problema pois non hai maneira de explicar como se baila se non é bailando. Mais é un problema que se da porque aínda non se escribiu nada. Hai que porse, ánimo!

Eu andaba preocupado porque se estivera perdendo moita música, moito baile, moito cante... pero vendo que hai xente que sabe tantísimo de cada pequena parte do territorio galego, estou máis tranquilo. Pero é urxente publicar, para que outra xente poida criticar, pero sobre todo corrixir, ampliar...

______________________________________________________

Este é un programa especial. O último e o primeiro dos anos 2006 e 2007. É case unha homenaxe a min mesmo, que poderei bailar e rebailar nos seráns que hai cada pouco e por en práctica este programa.

Non hai tema que adiviñar, tan só hai que danzar.

E como non sei como me poderei conectar, pois non sei cando será o próximo programa. Sei que haberá máis, pero non sei cando. Así que tede paciencia.








Serán en Pontecaldelas
25-10-03
Vídeo cortesía do Tear de Llerena

Vídeo recollido de Ghastas Pista

martes, novembro 21, 2006

02. Outono


Estamos no outono, tempo de castañas.

Tempo de paseos, e entre paseo e paseo irán os comentarios dos temas...


Antes de nada, o tema de propina do programa anterior, do que ninguén dixo nada, era Pjotr Leschenko. Un ruso que cantaba tangos alá polos anos 30.


01. Carlos Núñez - Bolero (de Maurice Ravel)

O último disco de Carlos Núñez non aparece na súa propia páxina web. É un disco que só foi publicado en Francia, e suponse que se publicará en España en pouco tempo. Non é de extrañar que sexa así, pois no país galo trátanno moi ben, e aquí recibe críticas por todos lados.
É indiscutible que é un moi bó músico, incríbel, virtuoso. Tal vez sexa isto o que incite tantas envexas. Pola miña banda hai cousas que me gustan e cousas que non. Gústame como toca, non me gustan bastantes cousas que toca. Dende o disco de Mayo longo decidín non mercar máis discos de Carlos Núñez, e despois caíron os seguintes. Non hai remedio.
O seu último disco, Cinema do mar, gústame moito. Sorpréndeme porque me gusta máis do que debería. Simplemente gústame. Está cheo de bandas sonoras, que nunca se imaxinaran en gaita.
Este Bolero de Ravel é o que me encandila por riba do resto dos demáis temas... aínda que se me queda curto, como se o corpo pedira unha voltiña máis polo menos.

02. Richard Bona - Bisso Baba

O africano que canta para dentro, o africano íntimo... Que máis podo dicir?




03. Rubén González Jr. - Pianismo
Este Rubén González é fillo do outro. Para o meu gusto prefiro ao señor don Rubén González, ou sexa, ao pai. Do disco de Mulatas Mágicas escollo o tema de só piano. É o que máis me convence. Será porque tal vez me recorde nalgún pasaxe (esas longas e tremendas secuencias que percorren todo o piano) ao que tanto escoitei e escoito.

04. Mayte Martín - Vidalita

Unha grande cantante de flamenco que non vai, polo menos en apariencia, de flamenca, se non de cantante, sobre todo. Que maneira de cantar, que maneira de transmitir!
Dise por aí que Tete Montoliú ofreceulle gravar un disco nada máis a escoitou cantar.
Unha voz con moita personalidade, que gusta aínda que non guste o flamenco.

05. Jacques Loussier Trio - Toccata & Fugue in D minor (BWV 565)
Este pianista, amante de Bach, reinterpreta a música clásica a ritmo de jazz. Atopou o seu filón e parece que vai facer jazz de toda a música clásica.
Escollo o famosísimo tema de Bach, porque está moi ben levado, de súpeto estase dentro do jazz non se sabe como se entrou...
E que estaría tocando Bach se vivise agora? Hai quen interpreta a Bach ao pé da letra (estaría mellor dito ao pé da nota), e resulta que o propio Bach improvisaba sobre os seus propios temas... Toda a música occidental está basada no sistema temperado que el desenrolou, non é casual que sone ten ben, tóquese como se toque.

06. Son de la frontera - Bulería negra del Gastor

Realmente impresionante este disco deste grupo que xurdiu da banda de acompañamento da grandísima Martirio (da que xa está tardando en aparecer algún tema por aquí). O grupo, está formado polo músico e antropólogo Raúl Rodríguez (que non o di, pero é o fillo da Martirio :-) ), o guitarrista Paco de Amparo, o 'bailaor' Pepe Torres, o 'cantaor' Moi de Morón e o palmeiro Manuel Flores.

Xa teñen outro disco no mercado que haberá que escoitar.

07. Los Tamara - A Santiago voy

Non me resisto a colgar aquí o vídeo dos Tamara. Non é só para escoitar, é para velo!!!
Canción en castelán e coros en galego... máis de un pode sacar máis dunha metáfora... a min, simplemente encántame, non podo facer outra cousa que escoitala e escoitala... e escoitala...

A mensaxe está clara. Vaille que nin pintado este tema para o arbondiguina. Vai por ti.

08. Soig Siberil - O maio/Xota para Ourense

Soig Siberil. Dende a Bretaña francesa sempre houbo moito interese pola música galega. Tal vez sexa polo parecido tan asombroso polas paisaxes galegas e bretonas. Tal vez sexa polo parecido das músicas.

Este tema tráeme moitas lembranzas. Estaba nun k7 que me grabou un moi amigo músico con varias músicas folk.

O maio é un tema tradicional que pola aquela época cantaba Muxicas (grupo que desgraciadamente xa se desfixo) e di así:

Maio, maio
Entra de crego
Non revolva-lo tempo xurando
Maio, Maio
da cruz da Mariña

Bótennolo Maio señores caballeros
Si non teñen Maios pois botennos diñeiro.
Ahí ven o Maio pola calle do Sol
Ahí ven o Maio de roubar ó Valledor

Ahí ven o Maio pola calle do medio
Ahí ven o Maio de roubar ó velo-velo
Ahí ven o Maio pola calle de abaixo
Ahí ven o Maio de roubar ó Tirabaixo

Ahí ven o Maio por enriba das silveiras
Ahí ven o Maio de roubar ás costureiras
Ahí ven o Maio pola calle darriba
Ahí ven o Maio de roubar a Maravilla.


A xota para Ourense é unxa xota de composición de Iván Costa para gaita.

A desfrutar!

09. Adriana Partimpim - Lig lig lig lé

Adriana Partimpim é o disco para nenos de Adriana Calcanhotto.

Música brasileira da boa e da fresquiña. Moi recomendables tódolos seus discos.

Tamén se pode ver algún vídeo.

10. Rachelle Ferrell - Autumn leaves

Tema moi clásico e moi versionado, o autumn leaves é un deses temas que nunca se cansa un de escoitar.

A versión desta prodixiosa voz é moi especial. Está extraída do disco First instrument, que aparece na colección da Blue Note que apareceu nos kioskos hais una aniños.

11. Renato Carosone - Piccolissima serenata

Sinxelamente xenial!

Moitas das cancións de Renato Carosone non sabían que eran del.

E como estou cantarín e para que poidades cantar a Piccolissima aí vai a letra:

PICCOLISSIMA SERENATA
(Gianni Ferrio / Antonio Amurri) (1957)

Mi farò prestare un soldino di sole
perchè regalare lo voglio a te…
Lo potrai posare sui biondi capelli:
quella nube d'oro accarezzerò...

Questa piccolissima serenata
con un fìl di voce si può cantar…
Ogni innamorato all'innamorata
la sussurrerà, la sussurrerà…

Mi farò prestare un soldino di mare
perchè regalare lo voglio a te...
Lo potrai posare sugli occhi tuoi belli
nel tuo sguardo azzurro mi tufferò...

Questa piccolissima serenata
con un fìl di voce si può cantar…
Ogni innamorato all'innamorata
la sussurrerà, la sussurrerà…

Mi farò prestare un soldino di cielo
perchè regalare lo voglio a te…
Lo potrai posare sul bianco tuo velo:
quando sull'altare ti porterò…

Questa piccolissima serenata
con un fil di voce si può cantar…
Ogni innamorato all'innamorata
la sussurrerà, la sussurrerà…


12. Gonzales - Oregano

Gonzales é un pianista canadiense afincado en Berlín, que neste caso gravou un disco (Piano Solo) dedicado a Erik Satie, que xa sabedes que me gusta moito.

Orégano... que rico!


13. Este tema déixoo para que o adiviñedes, o procuredes, para que me digades que é e quen é.