luns, xullo 23, 2007

El Jueves.

O venres non podía mercar el jueves. E non era porque o retiraran xa, era porque estaba agotado en todos os kioskos.

Menuda campaña de publicidade lle montou o xuiz Del Olmo aos de El Jueves.

E de momento non se pode entrar na web da revista.



Isto, é unha broma? Ou é que o xuiz non ten nada mellor que facer? Ou é que quería sair nos periódicos? É verán e hai que encher os periódicos con noticias absurdas?



Ás 12:10 do luns 23 de Xullo pódese ler na páxina web:

¿ 20 de Julio de 2007?

Escribimos esta nota el viernes, 20 de Julio de 2007, a las 19h. Tenemos la redacción llena de medios de comunicación que nos preguntan el por qué del secuestro de la revista. No sabemos qué responderles. El Jueves ha publicado decenas, cientos de dibujos sobre la familia real ( y sobre políticos, famosos, la ETA y todo lo que se mueve). Incluso hemos publicado un libro, TOCANDO LOS BORBONES, un tomazo de 350 páginas que recopilaba los dibujos más divertidos.
Somos humoristas gráficos y trabajamos conscientes de que nuestra obligación, lo que nos piden los lectores, es que exploremos el límite de la libertad de expresión. Podemos aceptar que, incluso, en alguna ocasión, lo podamos traspasar. Gajes del oficio. Si nos pasamos para eso están los tribunales pero... ¿un secuestro? ¿la policía recorriendo los quioscos de todo el país retirando nuestra revista? ¿De verdad escribimos esto el 20 de Julio del 2007?

Iso digo eu, estamos no 2007?

mércores, xullo 18, 2007

Kiko da Silva e a biblioteca de Pontevedra.

Kiko da Silva está a ilustrar a biblioteca de Pontevedra. E vai contando o proceso no seu blog.

E eu ando fascinado vendo como a súa obra vai medrando. Tamén conta algunha que outra anécdota como o comentario de dúas nenas sobre a súa obra ou a visita dun neno que lle fixo asinar un número do seu Fiz.

Este é a ilustración da que parte:



E así é como vai de azanzada na parede da biblioteca:



Abraiado me ten! Quixera ser neno para disfrutar desa biblioteca ao 100 por 100.

Realmente interesante todo o proceso que nos vai contando, as dificultades coas que se topa, que salta á vista que as vai superando.

luns, xullo 16, 2007

O home bala - Escoitando a Machín (e 2)

Sábado 14-7-2007. 12:25. A séptima novidade desta semana é O home bala.

Por un momento tiven a mesma sensación da semana pasada. Ían pasando os temas de novidade e nós non estabamos. Mais si, alí entramos nas ondas da radio e sonou o principio do tema.

Os tres respiramos. Chamámonos e comentamos as novidades. Xa estamos na páxina de vieiros, e vincularon os nosos blogs.

Agora a esperar votos. Mais sobre todo, comentarios. A ver que din de nós.

Aquí é onde se pode descargar o tema, votar e comentar.


E eu xa podo ir pensando no próximo programa de radio, que xa vai sendo hora. E a ir dándolle forma á miña última idea en forma de entrevista.

sábado, xullo 07, 2007

O home bala - Escoitando a Machín

Non temos a excusa da calor abafante do verán, porque aínda non comezou. E porque o tema está enviado xa para o concurso do A polo ghit!, aínda que non entrou no concurso de momento. A ver se nos collen, que todo pode ser.

A nosa loucura concursiva é 'Escoitando a Machín'.



Eu creo que, dadas as risotadas que nos botamos, xa pagou a pena a aventura.

O home bala está formado por tres blogueiros, aínda que un anda de verba caída: o funambulista coxo (o 'armadanzas'), infixo (o 'instigador'), e un servidor (o 'para o que mande').



Sábado, 7 de Xullo: Son as doce e media: E esta é a terceira novidade desta semana... Isto foi o que se escoita pola radio galega. Do Home Bala, nada de nada. Agora quedámonos con cara de incerteza. E será que cada sábado só poñen tres novidades? E será que non nos consideran suficientemente bós (ou malos) para o concurso? E será que non consideran este tema como ghit do verán? E seguimos á espera...

Venres 13 de Xullo: Vemos na páxina de vieiros unha nova na que se di que só queda unha semana. Di tamén que hai 32 temazos participando, cando só se poden escoitar 24. Iso quererá dicir que estamos no concurso? Tamén di que os finalistas se coñecerán o día 21 tendo en conta as votacións populares. Nós non tivemos a oportunidade de ter votos, nin populares nin doutra forma. Será que se trabucaron no número de temas participantes? Será que participamos sen oportunidades? Dise ademáis que quedan uns cantos no tinteiro. Estaremos nós entintados? Que quere dicir que quedan no tinteiro?

Pero que concurso é este?




O home bala son David Rodríguez (voz e guitarra), Noli Moo (clarinete e asubío) e Félix Rodríguez (caixón e udú). Un proxecto que nace en Salvaterra de Miño dunha unión libre entre o mundo do folk, do rock e do pop independente; unha unión entre infixos, funambulistas e curiosos impertinentes.

Escoitando a Machín é unha canción para o final do verán, para o momento da despedida, da saudade, mais tamén da calma e do sosego.

Letra:

Eu hoxe decidín que non/ vou traballar/ e vou gastar o día todo/ indo de aquí para alá/ Eu hoxe decidín que non/ vou pensar en ti/ e vou gastar do día enteiro/ escoitando a Machín/ Como me presta a brisa do mar/ e o sol de agosto caíndo a tarde/ e este albariño con calamares/ que fai que esqueza o meu pesar.

xoves, xuño 28, 2007

Radio Blogaliza

Únome á campaña publicitaria xa iniciada por leco, dorfun, ghanito, calidonia, goretoxo e non sei se alguén máis... (actualización: agnix, chuza, e mesmo vieiros..., zerovacas, a biblio, algarada, iria, rianxo, podgalego)

Entre o goretoxo, este cú inquedo que vai creando espacios de compartir e de crear alá onde pon os dedos, dorfun e calidonia crean a RADIO BLOGALIZA.



Feita con temas xa compartidos en internet, non podía ser doutra forma.

Parabéns!

venres, xuño 15, 2007

Banda deseñada.


Acabo de ler Paracuellos. Ben, en realidade, aínda non rematei, agora quédame por ler a introducción.

Pero non vou contar nada de Paracuellos agora, déixoo para cando remate a introducción (e teña tempo, claro!).

É o último cómic, a última novela gráfica que pasou polos meus ollos e a miña imaxinación.

De pequeno xa me quedaba pasmado nalgún outro mundo cando tiña a Mortadelo e Filemón nas miñas mans. Ou Zipi e Zape, Anacleto, Carpanta, Pepe Gotera e Otilio, 13 rúe del Percebe, El botones Sacarino e todo canto tebeo (tbo) caía nas miñas mans. Algún lido no faiado da miña avoa, aquelas bandas deseñadas dos meus tíos que custaban 8 pesetas coas páxinas amarelas, onde podía ler os inventos daquel profesor chiflado, as historias de Petra e outras que xa non están na superficie da miña memoria, pero que rascando un pouco poden aparecer de novo. Tamén lembro a Daredevil, a Thor, un pouco de Spiderman, e outro pouco do Capitán Trueno. Seguro que moitos outros personaxes andan por aí dentro que non merecen ser esquecidos, e cos que pasei grandes aventuras.

E houbo unha transición no que na adolescencia, tardía diría eu, deu paso a Tintín, Astérix e Obélix e, por riba de todo, a Superlópez.

A entrada na miña vida de Superlópez foi pola culpa da apendicite de miña irmá. Un dos agasallos que mereceu por estar uns días ingresada foi un Superlópez, 'Los Cabecicubos', un dos mellores da serie creada por Jan.

Despois viñeron o resto. Todos en edición rústica, en verdadeira expedición de quiosco en quiosco para conseguir toda a colección. E conseguina. Agora só me faltan dous, que aínda non están editados en rústica, e un que emprestei e nunca máis se soubo. Levo anos procurando e preguntando polo número 24 da colección (La aventura está en la esquina, por favor, se alquén sabe del, quero mercalo!). Sempre me neguei a mercalos noutra edición, de pasta dura, máis caros. Tamén me neguei a mercar os tomos de varias historias (Merquei un pero xa o regalei). Pero é difícil atopar os Superlópez.

Por iso vou de tenda en tenda.

Houbo un tempo de 'facerse maior' e esquecínme dos cómics, dos tebeos, da banda deseñada. Mais non foi porque me deixaran de gustar. Simplemente foi unha 'mala' época.

E de novo voltaron os cómics á miña vida. Non sei se foi Maus ou Persépolis, dúas historias gráficas autobiográficas, que apareceron da man dunha moi querida e 'linda personita'. E a partir de aí, chegaron máis historias gráficas: Píldoras azules, as historias de guerra de Joe Sacco, o mundo de Miguelanxo Prado, Lupus, Berlín e máis que irán caíndo por aquí.

Algúns non son fáciles de atopar, porque ou ben están descatalogados ou son de 'dubidosa' distribución.

Por iso alá onde vou, vou de tenda en tenda.

E por iso chegamos a Banda Deseñada, que ata o nome do blog é suxerente, http://bandadeseada.blogspot.com. Si, realmente desexada.

Alá vou na súa procura co aliciente de que ten nome en galego. De seguro que saberán da existencia do cómic na nosa língua. Digo eu que con tanto debuxante que hai en Galiza, terá que haber banda deseñada en galego. Pois non: Barsowia (a capital de Polaquia), unha revista da que xa tiña coñecemento e BD Banda, outra revista que tamén publica tomos para nenos.

Na propia tenda, Melo fálame de que algo ten que haber publicado de Miguelanxo Prado, pero que non sabe onde. Tamén me di que é unha pena que precisamente o autor, considerado de culto por algúns, máis representativo co cómic en Galiza só se poida ler en castelán.

Eu seguirei procurando dos debuxos que falan en galego.

E por que falo agora de banda deseñada? Porque Melo, e Eva, acaban de dicirme que chegou Maus para que o recolla cando queira.

Maus. Lino. Despois merqueino. Máis tarde regaleino. E levo máis de dous anos na súa procura para volver mercalo.

Melo, Eva, moitas grazas.


Abro entón unha vía nova, despois de ver como se esfumaron tódolos programas. A persecución dos mp3 é implacable. Procurarei outra forma de escoitar os programas anteriores.

Nesta vía nova procurarei a banda deseña en galego, se existe, ou a pouca que existe e irei expondo as miñas lecturas (gráficas) pasadas e presentes.

sábado, maio 26, 2007

06. Terca memoria.




A memoria é insistente. Existen ideas, músicas, lugares, xentes... que se resisten a desaparecer no fondo e aparecen cada certo tempo na superficie. Ás veces aparecen no medio doutras, camufladas, facéndose moi presentes. É imposible loitar contra a súa existencia. Son inevitables, son a vida.

01. Richard Galliano - New York tango.

É un dos acordeonistas de refencia agora mesmo. Ten un poderoso gusto sexa cal sexa o proxecto no que participe, a música que toque. Richard Galliano domina o acordeón no ámbito da música clásica, no jazz, no tango...

Francia é un pais impresionante pola calidade dos seus músicos. En todos os estilos. Procuradores de novos camiños sen deixar nunca que a calidade se resinta.

Galliano mestura o jazz, o tango, a música clásica e as súas raíces francesas. Este foi un consello de Ástor Piazzolla, dicíndolle que buscara máis a súa identidade que o son do jazz norteamericano.

Escollo, como non, un tango, o que lle dá nome ao disco New York Tango.

02. Omar Faruk Tekbilek - Azeri

En Omar Faruk Tekbilek, dende a súa Turkía natal, xúntase Europa, Oriente Medio e África. A súa música é, e sabe a, Mediterráneo (a terra do medio).

Occidente e Oriente mestúranse coa súa filosofía e espiritualidade sufí, facendo que a música que crea transporte os sentidos a lugares descoñecidos.

03. La Bandina - Carámbanu

Asturias é a gran descoñecida para min. E digo grande por ser tan próxima, que quizáis faga que procure músicas máis exóticas antes que o que podo escoitar en calquera momento. Tamén pode ser pola visión musical cara a terras irlandesas. Ou iso é o que me parece a min.

Sen embargo, en Asturias, como en Galiza, existe unha gran diversidade de sons das que só trascenden as máis comerciais se non se afonda un pouquiño máis.

Este é o caso de La Bandina, un exemplo claro de frescura musical plenamente asturiana. Estes descubrimentos fan que o meu ánimo e a miña curiosiade musical tire cara estos lares.

Carámbanu está incluido no disco ...de Pomandela.

E xa que estamos en Asturies. O grupo Felpeyu tivo o ano pasado un accidente automovilístico no que morreron dous dos seus integrantes. Saían de Corvera para Catalunya. En Corvera non puideron dar o seu concerto porque xa era moi tarde cando ían comezar a probar e tiñan que ir a outro concerto. O concelleiro de cultura de Corvera non quere pagarlles porque non tocaron, a pesares de que cumpliron a súa parte. Isto contrasta drásticamente coa actitude de Calaf, onde lles pagaron o seu caché sen nengún problema. Nesta páxina cóntase toda a historia.

Ademáis os grupos asturianos estanse a negar a participar no próximo festival de Corvera e existe a iniciativa de que se negue todo o mundo. Avísase que poden chamar a grupos galegos para encher o programa. E pídese dende os propios grupos asturianos que se neguen tamén os galegos. Por favor espallade esta iniciativa, pois paréceme que estas actitudes son por completo repudiables.

04. Orquesta Compostela - Cousas da vida

As orquestas xurdiron a partir dos músicos que xa existían. Foron necesitando de máis instrumentos (batería, guitarra, baixo, ventos) para poder tocar os temas de moda. O repertorio incluía ademáis de foxtrots, rumbas, merengues, pasodobles... muiñeiras e xotas. Claro que estas xa soaban distintas coa nova instrumentación.

A orquesta Compostela forma parte do meu imaxinario infantil. O meu pai tiña unha k7 da orquesta Compostela onde se cantaba á emigración, sobre todo arxentina (coas mesmas cores na bandeira que na galega). Ese k7 sempre me gustou, e aínda me sigue gustando. Faime lembrar tamén as festas con orquesta e banda de música (que tamén caerá nalgún momento por aquí) tan feitas para bailar. O solto, mais sobre todo, o agarrado.

Agora as orquestas son verdadeiras montaxes espectaculares emulando concertos de masas. O repertorio son os temas de moda en cada momento, tal e como se facía antes. A xente deixa de bailar para mirar. Non se pode bailar coa música tan alta. Aínda así, a muiñeira de Chantada aínda se deixa oir como final de festa.

05. Orquesta Mariño - Mira la Orquesta Mariño

A Orquesta Mariño seguiu os pasos da Orquesta Compostela á que admiraban. A asociación de veciños Xabriña recuperou aos integrantes da Orquesta que comezara a tocar no ano 1956, tal como se fora o Buena Vista Social Club de Mondariz.

Reuniron aos músicos daquela época, puxéronse a ensaiar e deron un concerto que gravaron. Daí sae o tema 'Mira la Orquesta Mariño', o himno da Orquesta que todo o mundo sabía cantar.

Haberá que escoitar tamén a orquesta de jazz que está no concello do lado, no de mondariz balneario.

06. Sete Netos - Na fonte de Falperra

Os integrantes de Sete Netos enviáronme un mail para que lles conseguise contactos para poder vir tocar dende Arxentina.

Escollo o tema Na fonte de Falperra, por ver se lles da sorte e veñen tocar a Vigo.

07. Ngoro Ngoro - Para subir una escalera

Ngoro Ngoro é un grupo de amigos. De Madrid. Gravaron unha maqueta da que se poden escoitar tres temas. 'Para subir una escalera' é unha musicalización dun texto de Cortázar.

08. Joan as police woman - Real life

En Vigo está o SINSALaudio, 'un lugar para a música sosa e outras especies en perigo de extinción'. Este lugar organiza un festival con concertos en varios espacios da cidade. Entre eles o Marco, un espacio non só museístico. Tamén ten unha moi interesante radio.

Grazas ao festival SINSAL puidose escoitar en Vigo a Joan as police woman, o proxecto musical de Joan Wasser, poseedora dunha moi interesante e característica voz.

Eu coñecina grazas ás recomendacións dunha muller desesperada.

09. Yann Tiersen - La dispute

De sobra é coñecido o autor da banda sonora da película Amelie. Está claro que ten estilo propio, todo o mundo é capaz de recoñecelo nada máis o escoita.

Este tema é tan grande polo sinxeliño que é. Só podo escoitalo, e escoitalo... e alá van as palabras...

10. Toto Bona Lokua - Lamuka

Disco de tres grandes: Gérald Toto, Richard Bona e Lokua Kanza.

Jazz africano para disfrutar con todo o corpo.

11. Louis Sclavis - Ceux qui veillente la nuit

Francia, outra vez Francia. Existe unha corrente musical chamada folklore imaxinario. Jazz na procura da identidad musical no folklore e nas músicas populares. Nese ámbito de traballo atópase Louis Sclavis, clarinetista inquieto onde os haxa.

O que escoitamos é un tema dun disco do ano 1997, onde está colaborando outro músico francés deste mesmo programa.

O 'Danses et autres scenes' chegou a min a través duns amig@s (que andan sempre polo medio tomando café instantáneo). E eles coñecérono no festival Imaxinasons en Vigo. Festival que programa Baldo Martínez. Tanto o festival de jazz de Vigo como Baldo beben desa corrente de jazz europeo.

A través do festival xurde a imaxina jazz orquestra onde catro músicos do jazz galego levan o timón: Baldo Martínez, Abe Rábade, Alberto Conde e Roberto Somoza. Demostración palpable de que en Galiza o jazz ten un grande empuxe, non ía ser todo folk!

12. Nordestin@s - Aguinaldo pandereteiriño

A despedida dánnola dúas mulleres e un home. Ugía, Guadi e Abe.

Gu e Ug, tal es como as define o pianista, son as mulleres de moda en Galiza. Non paran, andan en todas. Voces complementarias que casan moi ben onde o fío de unión é o inmenso Abe Rábade no piano.

Mais onde de verdade se catan é en directo. Como case sempre. Sempre cos bos músicos.

Aínda que este tema iría moi ben no programa anterior (Cantan Elas) aparece aquí porque ao final pódese escoitar cantar a Abe, e había que aproveitalo.

13. Este tema déixoo para que o adiviñedes, o procuredes, para que me digades que é e quen é.

mércores, maio 23, 2007

Tódolos programas.

Hai bastante xente que me pregunta onde se poden escoitar os programas antigos. Así que procurei un lugar onde poder colocar tódolos programas, ou polo menos os que levamos xa. Así que de momento aquí están tódolos programas xa emitidos.

En cada programa está o correspondente reproductor cos comentarios de cada peza, resolvendo tamén os temas de propina.

00. Declaración de intencións. --- 01. De bailes.

02. Outono. --- 03. Chegando a Galiza.

04. Comezo. --- 05. Cantan Elas.

06. Terca memoria. --- 07. Vivenzas.

Radio do foro onmedia.

08. Silencio. --- 09. Últimos destinos.

10. Impulso.









luns, maio 21, 2007

O home inédito

Antes de ler o libro de Rivas, pasei polos meus ollos o libro de Meixide.



O home inédito pódese descargar en pdf e está baixo licenza Creative Commons. Tamén se pode mercar.

O formato en papel é ideal para ler mentras se viaxa. Realmente un formato moi cómodo.

Libro entretenido, moi fresco e dinámico onde se mesturan pasado e presente a cada capítulo. Historia entre Santiago, Coruña e New York onde o inglés, o castelán, o galego e o portugués conviven sen ningún problema. Incluso aparece o coreano de forma indirecta e o coruño, ás veces difícil de entender.

Por algo che gustou tanto a ti, por algo mo emprestaches. Graciñas.

venres, maio 18, 2007

Nós somos letras.

A nai pelacha líame de novo para participar na confección dun mural compartido. A idea xurde de dorfun.

Esta é a miña aportación, que non podía ser máis que musical.

E a gañadora é...

Para min o mellor (micro)relato foi sen dúbida o gañador.

"Chego tarde á cita, seino, pero non podía deixar sen atar a mamá. Espero que o can non roia as cordas e a ceibe. Non sobreviviría."


E escribiuno lg_peke. Que é a autora do blog Gradicela.

Noraboa!

martes, maio 15, 2007

Os microrrelatos participantes.

Estes son tódolos relatos participantes:

Rechouchio "-Esta noite non me deixes durmir sen foder. -Esta noite non deixes de foderme aínda que durma."

lg_dorfun "Ergueuse moi cedo, coma nos últimos 400 ou 500 anos. E dende o borde da cama acubillona e agardou espectante para vela despertar de novo"

lg_Cau "Ficar no coche. Negarte a saír da cripta do garaxe. Deixar fóra os teus, por sempre vivos e felices. Ficar no coche"

lg_ghanito "Acordou sen saber onde estaba e notou un sabor raro. Custoulle recoñecer o seu propio sangue. Tentou moverse...-¡Correde, aquí hai alguén!"

lg_mirinho "Outra vez: Non me biques que me fas dano. Xa non podo amarte, nen sequera odiarte. Dóeme este desexo imposible. Non me biques, non..."

lg_emereci “Cando aquel descoñecido abandonou o derradeiro vagón do derradeiro metro da derradeira parada da liña, o tren quedou tan baleiro coma ela”

lg_ghanito "Non é coña -Xa cho vin nos ollos -¿Ímos? -Molaba un cacho E correron á sala dos dinosaurios mais cando chegaron, o garda ainda estaba alí"

lg_Cau ”Só un 4? Pero vostede prometeume... Non podemos arranxalo? Farei calquera cousa para subir a nota. Calquera. É vostede o meu mellor alumno”

lg_Amara "Cando a Bela Durminte espertou da súa longuísima sesta a osteoporese fíxollas putas"

lg_Amara "Gustáballe tanto o peixe que casou cunha serea"



lg_Amara "o día do Xuízo Universal Deus perdeu o xuízo"


lg_Amara "Sen o lobo e a complicidade do bosque impenetrable, a inocencia de Carapuchina Vermella ficaría un pouco máis limpa..."


lg_dorfun "Escoitou pechar a porta e envolto no cheiro a humidade e o tacto das cordas nas mans, berrou canto puido sentindo o seu sangue nos beizos"

lg_aricum "Da esgotadora xeira apenas tirara un par de euros. Tanto esforzo e só poidera mercar un mísero bocata de chourizo. Que dirían os fillos?"


lg_dorfun "Agarra con forza a corda! -dixo- E empuñando con forza a espada,avalanzouse contra os piratas, mentras o tesouro penduraba sobre as rochas"

lg_peke "Chego tarde á cita, seino, pero non podía deixar sen atar a mamá. Espero que o can non roia as cordas e a ceibe. Non sobreviviría."


lg_torredebabel "Eu non lle sei nada. Nada de nada. É un falar. Non se enfade vostede, tía. Se a chamei é porque a madriña fai cousas raras e eu asústome"

lg_torredebabel "Foi cando a sirena do barco berrou a dor e a amputación dos que emigran que lle caiu o primeiro feixe de cabelo. Bos Aires coñeceuna calva"


lg_Amara "Croac! Se me bicas, volvereime príncipe. A fermosa foi buscar un crocodilo, merecía cando menos un rei. Nunca soubo se o conto funcionaba"

lg_Amara "-¿A onde irán os que morren? -A botar un sono, onde nin Deus os esperte"


lg_Amara "O último que perdeu aquela caveira foi o sorriso"

lg_Amara "O náufrago, morto de fame, decidiu xantarse a si mesmo. Ata que se decatou de que era vexetariano"


lg_Cau “Esa non, neno, colle unha máis grande. Así, na cabeza, con forza. Ben. Xa non se move. Agora quítalle as Converse. Non era o que querías?”

luns, maio 14, 2007

A miña participación...

No concurso de microrrelatos escribín:


"Outra vez: Non me biques que me fas dano. Xa non podo amarte, nen sequera odiarte. Dóeme este desexo imposible. Non me biques, non..."



Coa miña participación xa van cinco microrrelatos presentados a concurso. Estará ben ver tódolos microrrelatos xuntos.

Nota: Só poden ter 138 caracteres, pois dous caracteres hai que utilizalos nas comiñas do pricipio e do final.

I concurso de microrrelatos.

Convócase o I concurso de microrrelatos lemosgalego.

As bases pódense consultar no twiter de lemosgalego. Tamén se poden ler na dorfunteca.

Dende: o blog dos pelachos.


(Tan só 140 caracteres de relato. Para agudizar o inxenio.)

xoves, maio 03, 2007

Curioso Impertinente I.

Decidín incluir a lectura neste blog. Por dúas razóns. Porque as actualizacións son moi separadas no tempo, e porque o nome do blog é claramente literario.

Por que se chama curioso impertinente? Pois porque a idea de construir o blog xurdiu cando estaba a ler o Quijote de la Mancha. De Cervantes.

Sempre tiven un respeto quizáis demasiado grande polo libro en maiúsculas da literatura española. E sorprendeume moito, moitísimo.

O curioso impertinente é unha novela que se le en tres capítulos seguidos mentres Alonso Quijana (o Quijote) durme no seu cuarto da pousada. É o cura quen a le.

Dareille unha nova lectura.

E como non hai dúas sen tres. Foi o clube de lectura de lg_lemosgalego o que me empurrou para incluir as letras.

__________

Terei que mudar o subtítulo do "radioblog". Algunha suxerencia?