mércores, xullo 19, 2006

00. Declaración de intencións



Teño que comezar. Así que aí vai o primeiro programa. Como me estaba retrasando deixo primeiro as cabeceiras e irei comentando pouco a pouco que é cada cousa e de onde saíu. (Se non non hai maneira)


Trato de facer unha selección cos temas que levan todos estes días na miña cabeciña. E resulta que uns quedan dentro e outros fóra. Mais non podo pensalo máis. Poida que guste, poida que non... Será sempre desta maneira, non hai solución. Hai un pouco de todo e un nada de todo. Queda infinitamente máis fóra que dentro. Isto tamén será sempre desta maneira.


01. Baldo Martínez - Suite del Miño (Zona Acústica)

Agora que escoito o programa enteiro parece que este tema fose mellor ao final. Despois de todo o programa este tema escoitase mellor. Pero quero comezar por este contrabaixista de jazz galego. Para min unha das cabezas musicais mellores deste país, e deste estado. Sempre na procura de sons novos, de novas ideas... Sen deixar de perder de vista a música galega e as súas raíces. Na súa web pode mirarse, e admirarse, a súa capacidade musical e de traballo.

Este tema está sacado do disco Zona Acústica do Cuarteto Acústico con Germán Díaz coa Zanfona, David Herrington coa Corneta, Antonio Bravo coa Guitarra Acústica e o propio Baldo co Contrabaixo.

Polo visto están a punto de gravar de novo Clunia. E como se poden conseguir os discos xa gravados de Clunia? (non os topo por ningures...)

02. Madredeus - Vem (O espírito da paz)

Madredeus. Non me gusta Madredeus. Mais hai temas deste grupo que me apaixonan. Este Vem foi un deses temas que se repiten e repiten no meu aparato de música e nas miñas orellas como tentando gastarse de todo, sen conseguilo. Aínda agora son capaz de deixalo repetir e repetir sen que me canse o máis mínimo.

Madredeus comezou alá polos mediados dos anos 80 entrando como unha verdadeira exhalación nos circuitos de new age, tan de moda no momento. O fundador, Rodrigo Leão, unha cabeza inqueda pasando dun proxecto a outro precisamente cando máis éxito tiña. Agora ten o seu propio grupo, non podía ser doutra forma. E o caso é que tampouco Rodrigo Leão me convence, pero sempre hai temas dispostos a colarse nas orellas do que escoita.

03. Concha Buika - Mi niña Lola (Mi niña Lola)

Un dos últimos meus descubrimentos é Concha Buika. Faime lembrar a Martirio (que de seguro andará por aquí nalgún momento), pero son voces distintas. Lémbrama quizáis polo bó, moi bó gusto cando cantan, canto din o que din.

Aínda non a vin en directo. Hai que correxir isto. Polo visto estivo en Ortigueira no que foi segundo un amigo 'unha hamburguesa de xamón ibérico'. O productor Javier Limón que parece que cre que xuntando a moi bós músicos xa está todo o traballo de producción feito. Iso parece...

Buika di que o que canta é o que se cantaba cando non se diferenciaba entre flamenco e copla. Non sei se isto é moi ben así, máis a frase é moi bonita.

04. Javier Ruibal - La flor de Estambul (Pensión Triana)

Mira que é difícil que me guste un cantautor. É realmente difícil que me guste un tema de Satie ao que se lle pon letra e voz. E chega este Ruibal e fai que teña que pechar a boca.

Este tema leva a música da Gnossienne nº1 de Erik Satie, compositor moi do meu gusto. Andará por aquí máis veces, seguro.

Os temas de Satie son realmente cambiantes dependendo de quen os interprete. Por algo algunhas das partituras non teñen compases e as indicacións pouco teñen que ver coas notacións musicais. E aínda que a versión de Ruibal me gusta muito, sigo preferindo a de Aldo.

05. Niguel Kenedy & Kroke - Time 4 time (East meets east)

Non sei cantas veces fun ver a Kroke e sempre, sempre saín coa sensación de que fora o mellor concerto ao que nunca fun. E iso que cheguei a velos dous días seguidos. Kroke ten como dúas fases. Unha cando era un trío, e agora que son un trío que son un cuarteto. Cantas veces se repite iso do trío que son catro. Eu preferíaos sen a percusión, cando eran tres. Para o meu gusto non necesitan da percusión, sóbralles. Iso si, o percusionista está á altura dos outros tres.

Nigel Kennedy está considerado como un gran violinista clásico. Non coñezo nada máis del que esta colaboración con Kroke neste disco.

Escollo a versión que fan do tema Time. Outro tema hipnotizante do que non me canso de escoitar versións. Para eles tamén debe ter o seu aquel. Sacaron un disco con tan só tres cancións, dos que dúas eran versións do Time. No seu tempo non o merquei por parecerme demasiado caro. Sen embargo agora arrepíntome. E, claro, non o atopo por ningures. (Se alguen fose tan amable?)

06. Masada - Ravayah (Live in Jerusalem)

Masada! Jonh Zorn! Que podo dicir? Calquera cousa se quedaría curta. É autenticamente incrible todo o que ocorre cando un tenta saber algo deste inmenso músico saxofonista que encolle o ombreiro cando toca. A fase pola que pasa cando vai vivir a Tokio é completamente caótica. El mesmo di que estaba tan desorientado e non entendía nada que o levou a unha creatividade que move a calquera, é imposible que deixe indeferente a ninguén. Masada é o seu proxecto no que trata de porse en contacto coas súas raíces xudías. Son músicos que están contando algo continuamente. Incluso no caos máis absoluto, falan, contan... ten sentido o seu caos. Non escoitei un só tema repetido, aínda que toquen o mesmo tema, este é distinto... E aínda non o vin en concerto! Neste vídeo pódese ver algo, ben pouco, do mundo inmenso que representa Jonh Zorn. É un deses músicos cos que se podería vivir toda a vida sen escoitar nada máis e non se deixaría de escoitar música nova cada día.

Os músicos deste tema son somentes catro: Joey Baron (Drums), Greg Cohen (Bass), Dave Douglas (Trumpet),John Zorn (Saxophone).

07. György Ligeti - Presto furioso, brutale, tumultuoso (4ºMovemento do String Quartet No.2)

György Ligeti. Gran compositor contemporáneo. Aparece aquí porque morreu hai ben pouco e, por casualidade, escoitei o seu poema sinfónico para 100 metrónomos na radio. Ía no coche e puxéronse a falar desta composición(?). E a continuación escoiteino. A miña sorpresa é que se pode ver. Resulta emocionante escoitar como morre o último metrónomo. Tamén é emocionante 'ver' como morre. Non teño que dicir que me deu moito que pensar. O tema que aparece aquí é un movemento do cuarteto de cordas nº2. Escollino pola súa expresividade e multitude de matices que se producen en tan só 2 minutos.

08. Carmen Linares - Yo nací en Argel (Bulería de la Niña de los Peines) (La mujer en el cante)

E un pouco de flamenco. Unha bulería para que entremos con ritmo e compás. E non podía por a ninguén máis que á grandísima Carmen Linares. Algo, non sei que, ten esta muller que encandila en canto fai aparición en calquera sitio. Un está da súa parte, ao seu lado, en canto entra, nin sequera é preciso que comece a cantar. E se comeza a cantar estás perdido. Porque te namoras e xa non hai nada que facer. Dá igual o xénero, a idade... dá todo igual, namóraste e xa está.

O flamenco disfrútase cando se vai a un concerto, cando se escoita, cando se disfruta en directo. Ten moita vida e moita enerxía e iso síntese de verdade cando está a ocorrer diante túa, porque te inunda. Esa foi a miña perdición, eu non entendía o flamenco, non me gustaba, non era capaz de escoitar ningún tema. E fun a un concerto... e sigo sin entender, claro, pero agora gústame moito o flamenco. E resulta que o compás o pao que me volve tolo é a seguiriya. Porque se algo ten o flamenco é que para saber hai que ser un verdadeiro experto... Cousas dos flamencos.

O tema que aparece aquí pertence a un disco moi, moi recomendable. A 'Antología de la mujer en el cante' onde Carmen Linares fai unha escolla de temas e de mulleres cantoras do flamenco. 'Yo nací en Argel' é unha bulería, un ritmo moi acelerado. E non basta con dicir que é unha bulería, poida que vaia en ritmo de seis, ou que vaia amalgamado en 12 tempos... todo un universo. Ou sexa, dentro dun pao existe todo un mundo, e hai un mundo de paos flamencos. Pois iso, que hai que ser experto.

09. Ivo Papasov - Kasapsko horo (Balkanology)

Bulgaria, e en xeral todos os países dese entorno, contén unha chea de bos, moi bos, músicos e boa, moi boa música. Ivo Papasov foi durante moito tempo músico de bodas, bautizos e comunións. Aí é onde se demostra o nivel cultural, musical que se respira nalgúns países por aí diante. Que envexa! Se os músicos de 'bbc' daquí fosen a metade de bos! Agora é máis coñecido fora do seu páis natal. Rétovos a dicirme que ritmo (que compás) ten este tema!

Outro músico búlgaro impresionante é Petko Stefanov. Este toca a gaida, a gaita de bulgaria. Sen embargo é case que imposible para min ter nengunha música gravada del (alguén pode axudarme?). Tiven a ocasión, iso si, de velo tocar ao meu lado. Cando rematou o tema, o baixo que o estaba a acompañar exclamou: 'Tiven que pasar por tódalas tonalidades'. Impresionante! A anécdota dese día foi que o tal Petko só sabía tocar en ritmos amalgamados, éralle cáseque imposible seguir un simple tempo binario, fáltaballe a volta, faltáballe o saltiño!

10. Marful - Tris Tras

De Marful pouco podo dicir. Porque son amigos. Se me poño a contar cousas non acabaría nunca endexamáis.

Tan só dicir que me parecen moi bos músicos, do mellorciño... É impresionante os músicos que se moven por Galicia, por Compostela agora mesmo. A cantidade de cousas que andan a argallar. Agora o que se leva é o pequeno formato: os tríos, os cuartetos, incluso os dúos. Estaría ben facer un programa só co que se move agora en Galicia. Ver como se enlazan os músicos dun e doutro sitio e sentarse a escoitar todo o que queda por vir. Non imos dar abasto. É unha ameaza!

En canto a Marful e o seu primeiro disco... todo un fenómeno en Galicia que ata teñen clube de fans, no que tedes información cumprida sobre este cuarteto. Para min tamén son un trío que son catro (coma os mosqueteros). Hei de recoñecer que a voz de Ugia non acaba de entrarme nas orellas, por iso o meu primeiro impulso foi por o tema instrumental (un tango) no que se escoita perfectamente aos marabillos músicos. Mais estaría a cometer unha terrible inxusticia con Ugia. Eu fago o seguinte exercicio: esquezo todo o que sei de Ugia, como se non a coñecese de nada, como se nunca a escoitara... O resultado é que me sorprende, ata me gusta máis do normal. Déixome levar polo tema, polo 'se non che chega este mundo, faite astronauta', pola voz, por cada un dos instrumentos, que se escoitan perfectamente (mira, agora entra o clarinete baixo, e agora o acordeón, mira! a guitarra, e a voz... todo encaixa). E a bailar, porque o baile é música e a música é baile... Sempre foi así.

11. Rokia Traoré - Niènafing (Bowmboi)

Cantante de Malí demostra de onde é cunha presencia moi clara das percusións tradicionais, aínda utilizando instrumentos electrificados. Rokia Traoré déronma a coñecer non hai moito tempo, coma un simple intercambio de músicas (coñeces esta música? e ti, coñeces esta?). É a maxia da comunicación a distancia, é a maxia da internet, que che dá a posibilidade de coñecer a personas do teu mesmo pobo cando todas están a centos de kilómetros da súa casa primixenia. E claro, non podía ser doutra forma, compártense músicas do continente que leva o ritmo dentro, que mira con ollos profundos, dende o máis fondo... de non se sabe que.

Esta cantante non ten unha historia vital complicada, simplemente canta pondo todo o que ten na súa voz.

12. Triti Puti (Village Music of Bulgaria & Bulgarian Folk Music)

Este disco é un deses que me gusta mercar a min. Como se de música de campo galega se tratase, deses nos que sempre hai unha xoia esperando por un, pero doutro lugar do mundo. Como Bulgaria é un país que me atrae musicalmente de forma especial (aídna que ben o podo dicir de calquera outra parte do mundo) aí vai unha 'frautiña' que transporta.

13. Este tema déixoo para que o adiviñedes, o procuredes, para que me digades que é e quen é.

E xa que se respostou rapidamente a pregunta, deixo unha música máis que se escoita cando se carga a páxina. A modo de sintonía.

-

9 comentarios:

Anónimo dixo...

é o tema central do filme de wong kar wai "fa yeung nin wa", ou em inglês "in the mood for love", filme que por primeira vez vim em chinês legendado em português. alguns dia os andares som assim...

miriño dixo...

Exactamente!

Meu deus! Aínda non está terminado o programa e xa temos reposta á pregunta plantexada. Gústame. Hai movemento.

Algo debeu pasar para que nun día só houbera 56 visitas. É o día de máis visitas. Non pensei que isto fose suceder. Disculpade por non ter terminado o programa. Rematareino o antes que poida.

Claro está, admítense suxerencias.

ultra_marinho dixo...

Noraboa. Moi boas propostas. A verdade e que hai moito por descubrir e agradecese que haxa xente que faga as súas seleccións as difunda. Todo un achadego. Saudos.

Anónimo dixo...

A pesar de Ugia, pero tamén en parte grazas á súa colaboración ("sejamos justos"), creo que o de Marful é o mellor disco da música galega en moitos anos. Deséxolles moita sorte e moitas vendas (que as veces, ou case sempre, unha cousa e mais a outra van parellas)

Anónimo dixo...

pois eu creo que en Marful uxía non fai unha colaboración, os temas tan elexidos e en moitos casos escritos por ela.Ben se nota.! Está claro que é unha tia feita a si mesma: Chouteira, Xenreira, DIllei, A Matraca, Banda Basoti, Nordestinas... menudo curriculun. Creo que como dixo Xurxo Souto na presentación de Marful, ela levava toda a vida agardando este disco porque o cociñou con calma e con tempo. Se alguen non lle gusta a sua voz é cuestión de gustos, creo sinceiramente que Guadi Galego e Uxía Pedreira son as mellores cantantes-compositoras que temos actualmente en Galicia.

Anónimo dixo...

Ola rapazolo,
estou a escoitarte todos os temas desde Mérida, levo 51 embalses do Guadiana muestreados durante case 3 semanas seguidas, pero esta cidade...e agora Marful...gústame moito que finalmente teñas conseguido crear este anaquiño de tí

Beijos

miriño dixo...

Moi boas.

Non dubido de ninguna maneira da capacidade de traballo de Ugía. Tampouco da de Guadi. É máis, admiro moito, moitísimo esa capacidade de traballo das dúas. Están moi activas, e que dure.

Mais non podo estar dacordo con iso de que son as mellores. Non vou por nomes por non facer comparacións, que serían inxustas para tod@s.

Eu admiro a Ugia, e tamén a Guadi, mais non me convencen cando cantan (xa que falas de Guadi). Agora ben, seguirei seguíndoas e seguirei escoitándoas e mercando todo o que cociñen musicalmente. Porque unha cousa si me parece, e é que son honestas no seu traballo e que traballan con ganas e ilusión. Iso merece unha NORABOA!

E unha cousiña máis. Ugía parece o motor de Marful, pero non o é máis que ningún dos músicos que a 'acompañan'. De feito eu creo que a conducen moi ben, porque si creo que a conducen, que non lle deixan escaparse... E o resultado é marabilloso... Non sei se o mellor disco de música galega (como di o meu amigo anónimo), pero si é moi bó.

Quédome coas palabras de Pedro (Pascual): 'Non fixemos un disco complicado, tan só tocamos, sen máis'

Pois a seguir tocando. TAN SÓ! (Mi madriña!)

Anónimo dixo...

este comentario significa que esta persona non ten nin idea do que é un cantante, cantor, compositora de cancións, creador de sensacións, situacións conceptos. Isto é como dicir que os músicos de Maria del Mar Bonet a teñen ben agarrada, ou mesmo os músicos de Lila Downs. Unha paiasada e preconceptos.

miriño dixo...

Non teño ningunha dúbida en que Ugía é unha grande artista, mais non é unha grande cantante. Esa é a miña opinión sincera.

Non se poden comparar, pero non metas a María del Mar Bonet, a Lila Downs e a Ugía no mesmo saco.

Só unha proba: Oílas cantar ás tres sen música. Só elas.

Fuxo dos preconceptos. Gústame moito Marful, pero iso non me impide escoitar o que fai cada un. E cada unha. E admiro a Ugía, pero non precisamente pola súa forma de cantar. Pero non é só cantar, son outras moitas cousas.

Creo sinceramente que a música de Marful está feita para Ugía expresamente, para que Ugía brille por riba de si mesma. Cousa que está moi ben.

Ti tes a túa opinión e eu a miña. Eu teño os meus preconceptos e ti os teus. E se a paiasada consiste e tentar ser obxectivo por riba de admiracións e por riba de gustos e por riba de amistades pois si, digo paiasadas.

En canto ao que sei e ou deixo de saber, pois mira, non teño que dar ningunha explicación. É moi posible que ti saibas moito máis.

Resúltame curioso ver como escoce unha crítica moi suave cando se trata do grupo de moda en Galiza. Unha crítica que non é tal, pois non deixa de ser a miña opinión e o meu gusto. Quizáis me atrevín con Marful, por ser moi coñecidos e amigos. E resulta que digo que me gustan moito, pero que non acaba de convencerme Ugía. Trata de ser unha crítica constructiva, porque ademáis considero a Marful o mellor grupo galego agora mesmo. E resulta que son un paiaso por pensar que Ugía podería facelo mellor.

Supoño que Marful gusta tanto que non queremos escoitar nada na súa contra por moi 'suave' que sexa.

Alégrome de que así sexa. Moita sorte para Marful, aínda que non a necesitan, pois o seu traballo fala por eles.

Graciñas por discrepar. Graciñas por comentar e colaborar.

Sen embargo, os insultos só definen a quen os di, polo que non son benvidos.