venres, xuño 15, 2007

Banda deseñada.


Acabo de ler Paracuellos. Ben, en realidade, aínda non rematei, agora quédame por ler a introducción.

Pero non vou contar nada de Paracuellos agora, déixoo para cando remate a introducción (e teña tempo, claro!).

É o último cómic, a última novela gráfica que pasou polos meus ollos e a miña imaxinación.

De pequeno xa me quedaba pasmado nalgún outro mundo cando tiña a Mortadelo e Filemón nas miñas mans. Ou Zipi e Zape, Anacleto, Carpanta, Pepe Gotera e Otilio, 13 rúe del Percebe, El botones Sacarino e todo canto tebeo (tbo) caía nas miñas mans. Algún lido no faiado da miña avoa, aquelas bandas deseñadas dos meus tíos que custaban 8 pesetas coas páxinas amarelas, onde podía ler os inventos daquel profesor chiflado, as historias de Petra e outras que xa non están na superficie da miña memoria, pero que rascando un pouco poden aparecer de novo. Tamén lembro a Daredevil, a Thor, un pouco de Spiderman, e outro pouco do Capitán Trueno. Seguro que moitos outros personaxes andan por aí dentro que non merecen ser esquecidos, e cos que pasei grandes aventuras.

E houbo unha transición no que na adolescencia, tardía diría eu, deu paso a Tintín, Astérix e Obélix e, por riba de todo, a Superlópez.

A entrada na miña vida de Superlópez foi pola culpa da apendicite de miña irmá. Un dos agasallos que mereceu por estar uns días ingresada foi un Superlópez, 'Los Cabecicubos', un dos mellores da serie creada por Jan.

Despois viñeron o resto. Todos en edición rústica, en verdadeira expedición de quiosco en quiosco para conseguir toda a colección. E conseguina. Agora só me faltan dous, que aínda non están editados en rústica, e un que emprestei e nunca máis se soubo. Levo anos procurando e preguntando polo número 24 da colección (La aventura está en la esquina, por favor, se alquén sabe del, quero mercalo!). Sempre me neguei a mercalos noutra edición, de pasta dura, máis caros. Tamén me neguei a mercar os tomos de varias historias (Merquei un pero xa o regalei). Pero é difícil atopar os Superlópez.

Por iso vou de tenda en tenda.

Houbo un tempo de 'facerse maior' e esquecínme dos cómics, dos tebeos, da banda deseñada. Mais non foi porque me deixaran de gustar. Simplemente foi unha 'mala' época.

E de novo voltaron os cómics á miña vida. Non sei se foi Maus ou Persépolis, dúas historias gráficas autobiográficas, que apareceron da man dunha moi querida e 'linda personita'. E a partir de aí, chegaron máis historias gráficas: Píldoras azules, as historias de guerra de Joe Sacco, o mundo de Miguelanxo Prado, Lupus, Berlín e máis que irán caíndo por aquí.

Algúns non son fáciles de atopar, porque ou ben están descatalogados ou son de 'dubidosa' distribución.

Por iso alá onde vou, vou de tenda en tenda.

E por iso chegamos a Banda Deseñada, que ata o nome do blog é suxerente, http://bandadeseada.blogspot.com. Si, realmente desexada.

Alá vou na súa procura co aliciente de que ten nome en galego. De seguro que saberán da existencia do cómic na nosa língua. Digo eu que con tanto debuxante que hai en Galiza, terá que haber banda deseñada en galego. Pois non: Barsowia (a capital de Polaquia), unha revista da que xa tiña coñecemento e BD Banda, outra revista que tamén publica tomos para nenos.

Na propia tenda, Melo fálame de que algo ten que haber publicado de Miguelanxo Prado, pero que non sabe onde. Tamén me di que é unha pena que precisamente o autor, considerado de culto por algúns, máis representativo co cómic en Galiza só se poida ler en castelán.

Eu seguirei procurando dos debuxos que falan en galego.

E por que falo agora de banda deseñada? Porque Melo, e Eva, acaban de dicirme que chegou Maus para que o recolla cando queira.

Maus. Lino. Despois merqueino. Máis tarde regaleino. E levo máis de dous anos na súa procura para volver mercalo.

Melo, Eva, moitas grazas.


Abro entón unha vía nova, despois de ver como se esfumaron tódolos programas. A persecución dos mp3 é implacable. Procurarei outra forma de escoitar os programas anteriores.

Nesta vía nova procurarei a banda deseña en galego, se existe, ou a pouca que existe e irei expondo as miñas lecturas (gráficas) pasadas e presentes.

1 comentario:

O Fuco dixo...

Eu tamén tiven as miñas épocas comiqueiras. Coleccionei durante bastante tempo a revista Cimoc. Por certo... Corto Maltes non che presta?