Tremenda é a tentación de adicarlle un programa enteiriño para o último disco de Baldo Martínez. Poida que sexa o músico que máis aparece nos distintos programas que fun facendo. Aparece en tantos proxectos e todos tan bos que é normal que así sexa.
Máis dunha vez dixen que Baldo Martínez é o músico de jazz máis interesante no panorama español actualmente. É o que máis inquietudes ten e o que máis se está a mover. Tal vez sexa porque é o que máis teño escoitado en directo. Tal vez sexa porque asistín a moitas noites de jam sessión a golpe de martes que me daban moita enerxía para o resto da semana. Tal vez sexa pola lembranza de descubrir que existía jazz galego alá polo ano 95 na revista Cuadernos de Jazz nunha reseña do grupo Clunia Jazz. Agora sei que aquel foi o último disco deste grupo ourensán. Xa tiñan moito percorrido andado cando eu os descubrín. E digo mal, porque nunca cheguei a escoitalos. E busqueinos, mais nunca cheguei a ver un disco seu diante. Agora non hai maneira de conseguilos. Mais todo é recuperable, parece que teñen a idea de gravar un disco proximamente.
Só vin unha reseña do disco e foi en a nosa terra, na edición de papel, na web non fun quen de velo. Por iso poño aquí o enlace á entrevista que lle fixeron na web de distrito jazz. Aí explica moito da concepción do disco e adianta un proxecto de só contrabaixo.
Coíncido plenamente no que di de Maite Dono, poeta e cantante, segundo a época e o entorno. Non lle fixen moito caso nos dous discos que editou, agás por unha canción que me tocou na fibra sensible, mais cando a vin en directo con Projecto Miño descubrinme ante a súa voz. Lembra irremediablemente a Maria João, pero é que no proxecto inicial encargado a Baldo polo festival de jazz de Guimarães, a cantante era Maria.
Tamén me ven á memoria o disco de Alberto Conde Trío. Trío con Baldo Martínez e Nirankar Khalsa. E tamén que ía ir ao seu concerto no Imaxina Sons, e que non fun, cousa da que me arrepinto profundamente. A cara de Nirankar Khalsa érame coñecida ata que caín que nunha das jam sessions chegou un negro moi chamativo cuns bongós e añadíuse ao grupo e foi flipante. Despois colleu a batería e nunca vira a ninguén con tanto gusto (despois lembreime de Jose Antonio Galicia, e a cousa quedou en empate)...
Vamos que supoño que terei que dedicar un programa ao jazz. Ao jazz contemporáneo galego. Mais xa se verá...
Máis tarde: E o caso é que o que quería contar é que non hai promoción deste disco nin de practicamente ningún disco de jazz. E é que nin sequera na páxina web de Baldo Martínez se fai referencia a este disco.
Ningún comentario:
Publicar un comentario