martes, maio 31, 2011

Despois do #22m (2. Galiza)

Tanto na anterior anotación como nesta hai que ter en conta o carácter municipal destas eleccións, aínda que a comparación coas eleccións de 2007 se pode facer directamente.

O panorama en Galiza é máis desalentador que no resto do país, onde os políticos adícanse sen vergoña de ningunha clase a repartir directamente cartos nos mítins de campaña. E aínda se mostran orgullosos de "axudar" á xente.

O PP parece non ter máis teito electoral que o propio censo e campan ás súas anchas.

As contas son claras, o PP sube (54.176 votos máis, que representa un incremento do 8% con respecto ás eleccións de 2007), o PSOE baixa (66.566 votos menos, case un 14% menos que en 2007) e o BNG baixa (53.766 votos menos, un 17% menos).

A debacle aquí está clara, o BNG vai en caída libre. En contra dos que din que foi o PSOE o grande derrotado en Galiza, vese moi ben que aínda que perdeu menos votos o BNG representa unha maior caída porcentual.

Como ben explica calidonia, o #15m non tivo influencia nas eleccións. A inercia electoral da xente xa ía cara ao PP. Isto non é sorprendente, aínda que canse tanta realidade.

Facendo unha identidade PPSOE onde non se pode distinguir entre a política do PSOE coa que faría o PP, está claro que a balanza inclínase cara ao PP. No caso do BNG, ao identificarse en moitos dos gobernos co propio PSOE, sae definitivamente mal parado (coas súas poucas excepcións). A idea dunha fronte de partidos que ofrece alternativas e aparece como combativo, idea coa que o BNG subiu en apoios electorais, hai tempo que desapareceu. O BNG basou a súa campaña no voto útil facendo un chamamento para "votar masivamente ao BNG para frear á dereita", campaña claramente nefasta e que pouco o diferencia doutras peticións de "voto útil" doutros partidos políticos. A cegueira para ver a súa propia debacle fixándose só na do PSOE seguirá facendo que vaia lentamente desaparecendo da vida política.

Un caso moi representativo é o de Vigo, onde o bipartito fixo que nestas eleccións o PSOE fagocitara ao BNG electoralmente (ao revés do que ocorreu en Pontevedra). A análise que parece que se está a dar é que o BNG perdeu votantes pola esquerda indo a parar a EU (un exemplo desta argumentación pódese atopar en VigoBlog.

Vexamos os números das eleccións en Vigo:
PP: 4.943 votos menos.
BNG: 11.656 votos menos.
PSOE: 5.647 votos máis.
EU: 4.193 votos máis.
OV-GV: 2.441 votos (en 2007 non se presentaron)
UPyD: 1.746 votos (en 2007 non existían)

Con estes números da a sensación de que o BNG perdeu en todo o espectro, non só pola esquerda cara á EU senón que parece que houbo trasvase tamén cara o PSOE. Outra cousa sería autoenganarse. O BNG ten que pararse a reflexionar, ten que pararse a pensar, e darse conta que o mundo non está onde eles dirixen a mirada.

1 comentario:

Calidonia Hibernia dixo...

No meu artigo afirmaba que o #15m non tivo efecto no nivel de participación/abstención das eleccións locais e autonómicas do 22 de maio, pero nunca afirmei que non tiveran influencia *nas eleccións*. Ao contrario penso que si a tiveron, tanto naqueles comicios como nos que se veñen de celebrar, se ven o #15m vén sendo mediador en todo isto: a expresión popular e cidadá do desencanto coa clase política a través do que se vehiculiza un voto económico e un castigo ideolóxico áo PSOE. Máis sobre iso en http://calidonia.eu/2011/10/06/colaboracion-en-libro-sobre-o-15m/ e no libro http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Repensar/indignacion/elpepuespgal/20111125elpgal_18/Tes