luns, decembro 17, 2012

Miguelanxo Prado

Se alguén pretende facer unha lista de autores de banda deseñada en Galicia, non ten outra opción que comezar por Miguelanxo Prado. E é que en cada conversa, discusión, charla sobre a banda deseñada galega o nome de Miguelanxo aparece con total seguridade. É a referencia, a columna central do mundiño do cómic en Galiza.

Os seus inicios foron no Fanzine Xofre: historieta galega, onde xunto a Fran Jaraba e Xan Carlos López publicou un primeiro número alá polo ano 1979, aínda que non conseguiron publicar un segundo. Este primeiro número, comentado, pode consultarse na páxina web de culturagalega.

Vivindo en Barcelona, foi publicando para as revistas CreepyFanzine ZeroComix Internacional1984Zona 84El JuevesCairo e Cimoc. Das historietas que foron saíndo nestas revistas fixéronse recopilatorios en forma de álbum.

Autor de gran recoñecemento internacional que, non obstante, lamenta que a súa obra non puidera ser publicada na lingua orixinal na que foi escrita. Nunha recente entrevista a propósito da publicación en galego de Trazo de xiz, Miguelanxo reflexionaba sobre a realidade do "mercado" da banda deseñada galega.

Autor inquedo, non para de buscar o estilo que mellor se adapte á historia que quere contar, cousa que tamén lle trae críticas que din que non é recoñecible dunha obra a outra. Non obstante, existe unha homoxeneidade tanto no debuxo como na forma de narrar, unha visión un tanto pesimista, nostálxica, de distancia co ser humano. Nas súas obras, a distancia entre o lector e o narrado fai que un non se sinta identificado co protagonista da historia, tal vez coas excepcións de Trazo de xiz De profundis, de tal maneira que todo é recoñecible no ser humano pero cunha visión externa, polo que consegue facer crítica do ser humano sen que quen o está lendo se sinta atacado. Esta distancia conduce inevitablemente á reflexión, ao recoñecemento das miserias humanas para pararse a pensar. Poderíase dicir que Miguelanxo realiza unha “autocrítica do lector”.

En Trazo de xiz, a historia é máis intimista, máis en primeira persoa, pero unha primeira persoa de cada personaxe. O lector vai percibindo a historia dende os ollos subxectivos de cada un dos co protagonistas. Parámonos un pouco máis en Trazo de xiz porque é a obra máis celebrada de Miguelanxo, onde se rompe a distancia co lector, onde se rompe o tempo, onde se rompe a cuarta parede da lectura, onde a realidade e a imaxinación dan lugar a unha experiencia lectora diferente e enriquecedora.

Mais do que se trata é de gozar da lectura das súas obras:

Fragmentos de la enciclopedia délfica é a primeira obra en forma de libro de Miguelanxo na que se xuntan todas as historias que foron aparecendo na revista 1984. É unha obra de ciencia ficción con capítulos autoconclusivos que van narrando momentos concretos da enciclopedia gardada pola cuarta especie, a dos delfíns. Móstrase nesta obra o pesimismo con respecto a humanidade que se repetirá en moitas das súas historias. O propio autor di “o home, a pesares dos seus terribles e constantes erros e á súa cegueira autodestrutiva, continúa a súa evolución, á vez que se expande polo cosmos”.

Tamén publicada por entregas na revista Zona 84 e despois en álbum atópase esta historia situada no futuro onde a ciencia ficción nos achega aos estratos sociais e a maneira de interactuar que moito nos fai lembrar á realidade que nos envolve. Esta obra, prologada polo entusiasta Méndez Ferrín, sitúase nunha sociedade baseada no consumo e na que a corrupción e a destrución dos recursos naturais están a orde do día. Stratos vai viaxando a través das distintas capas sociais, deixando ver todas as teimas e miserias do ser humano.

Historias de humor onde a violencia é a protagonista, a que leva a voz cantante. Isto é o que aparecen en Crónicas incongruentes. Nesta sociedade na que todo é levado ao límite, a violencia colle peso ata facer un esperpento. O máis chamativo é que é unha violencia recoñecible. Pode ser considerado o xermolo das historias de Quotidianía delirante.

Coller a realidade, fixarse nunha cousa en concreto e levala ao límite esaxerándoa. Nisto consisten basicamente as historias de Quotidianía delirante, no que o resultado acaba por parecernos moi coñecido, moi real. Unha imaxinación prodixiosa para darse conta de por onde vai evolucionando a sociedade, cun ton un tanto pesimista que, precisamente, é o que o convirte en algo tan cotián.

En Tangencias abórdanse as relacións de parella que unhas veces por culpa da sociedade, outras por priorizar outras cuestións máis “importantes”, non acaban de funcionar, parellas que só o son de maneira tanxencial. Historias curtas con pequenas diferencias de estilo que, non onstante, acaban por crear unha atmosfera homoxénea, cun certo ton melancólico que non evita a crítica inconsciente da sociedade na que viven as parellas.

No programa Tris Tras Tres, Fernando Luna creou a historia, emitiuse como serial radiofónico e despois Miguelanxo Prado foi o encargado de levar ao cómic as aventuras de Manuel Montano, un detective con ínfulas de grande pero que non é quen de saír dos pequenos enredos do seu barrio. A través de todas as páxinas vai detrás do manancial da noite, un misterio que nin el mesmo sabe se é produto da imaxinación.

A Deputación da Coruña editou no ano 1993 unha compilación de historias curtas de distintas orixes co título de Páxinas crepusculares onde se inclúen as historias As rotas da augaBis repetitaCollage dunharenunciaSilencio de oboeDemorado crepúsculo de outubro (incluída no álbum Tangencias), todas elas comentadas polo propio autor que indica onde foron publicadas e unha pequena explicación sobre a súa creación. O libro inclúe unha moi interesante introdución de Xavier Seoane, que fai un repaso de toda a obra anterior de Miguelanxo Prado.

A publicación de Trazo de xiz fixo que o recoñecemento como autor de Miguelanxo se acrecentase definitivamente no mundo da banda deseñada internacional. Título imprescindible na obra do autor, serializada previamente na revista Cimoc e publicada despois nun só volume, é a primeira historia longa, pois as anteriores son historias curtas aínda que publicadas en tomos con temática homoxénea. Cóntase a historia de Raúl, que chega a unha illa que non se atopa nos mapas despois dunha treboada. Nela hai un faro que non funciona, unha pousada rexentada por Sara e o seu fillo e Ana, unha rapaza distante que está esperando a alguén. Unha historia onde o tempo non transcorre dunha maneira normal, onde se mestura a fantasía cun certo ar de misterio.

Pedro e o lobo é unha versión do conto infantil e a música de Sergey Prokofiev, no que se fala da historia do grande lobo que vive no monte ao que hai que ter moito medo e moito respecto, mais a prohibición do avó fai que o neno teña curiosidade. Segundo di o propio Miguelanxo é "unha obra que lles gusta aos pais compartir cos fillos".

O exemplo máis claro sobre a faceta internacional de Miguelanxo Prado foi a súa colaboración con Neil Gaiman na obra The Sandman, noites eternas, unha recreación dos personaxes de The Sandman debuxados por grandes ilustradores. Miguelanxo encárgase da historia de Soño, aínda que tamén saen os seus irmáns Eternos.

No ano 2004, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia encargoulle a Miguelanxo unha obra para encadrar dentro do ProxectoTerra no que se xeran contidos didácticos. A mansión dos Pampín, que se pode descargar de balde dende a web de Cultura Galega, é a historia dunha familia que herda unha pequena casa con terreo no rural e que a partir de entón se enfronta co mundo da especulación por parte do alcalde, do promotor... Tamén sae a valoración do patrimonio cultural e fai unha crítica xeral á sociedade galega a través da construción e a visión errónea do progreso. O propio autor a considera unha “quotidianía delirante” longa.

De profundis foi o resultado dun longo proceso de creación, no tempo e no traballo, no que participaron o compositor Nani García e a Orquesta Sinfónica de Galicia. Trátase dunha historia onírica na que un pintor e unha violonchelista van contando aos poucos o seu namoramento. Unha vez que o pintor, que quere ser mariño, morre afogado, será guiado por unha serea a través dunha ruta submariña e transformadora.

Para saber máis de Miguelanxo Prado pódese recorrer ao escrito polo seu bo amigo Agustín Fernández Paz: Vintedous fragmentos (unha aproximación á obra de Miguelanxo Prado), ou aos textos que este autor publicou sobre cómic en culturagalega.org.

E ven de publicarse Ardalén, unha extensa novela gráfica longamente agardada e esperada. E precisamente por ser tan agardada creou moita expectativas que nalgúns casos servirán para non gozar da súa lectura. Non é este o caso. Un debuxo inmenso, cheo de vida, plagado de fíos de memoria que todo o inundan. Cóntase a historia de Sabela, que vai na procura de alguén que coñecera ao seu avó Francisco na emigración en América. É a historia de Antonio, ou de Fidel, que ten lembranzas pero que non sabe cales son certas ou as que non. É a historia de Ramón, ou Samuel... É a historia dun tesouro enterrado, do amor de Rosalía, da fada mestra de piano... Lembranzas que constrúen a memoria, que permiten a existencia dunha persoa.

Mesturados no libro aparecen documentos, artigos en revistas especializadas, entradas de enciclopedias... material para completar a historia, para que o lector encha os espazos baleiros, pois o lector ten que estar activo, ten que por a traballar á súa imaxinación. Hai quen insinúa que esta é a mellor obra de Miguelanxo, mais isto só o dirá o tempo. E como vai de lembranzas, recorda algo a De profundis, e é inevitable que se cole Trazo de Xiz, pero non é máis que un recordo personal que nada ten que ver coa realidade, ou si, quen sabe?

Traballo moi persoal é esta “novela gráfica” que empurra o pensamento cara a recordos propios, que fai que as historias se mesturen, as do lector (este que fala polo menos) e as de Ardalén, o vento que provén de América a través do océano e que se cola terra adentro arrastrando recordos de emigración fallidos.

E Miguelanxo Prado xa está a pensar no próximo proxecto que non sabe cal será pero que ten claro que “precisa dun cambio de tema, de tono e de estilo”. E nós estamos xa agardando polo seu próximo cómic. Porque nunca defrauda.

Boa lectura!

Licenza de Creative Commons Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-CompartirIgual 3.0 Unported de Creative Commons
___________________________________________________________

Publicado no Caderno Redelibros. ISSN 2173-1977

Ningún comentario: