A nosa loucura concursiva é 'Escoitando a Machín'.
Eu creo que, dadas as risotadas que nos botamos, xa pagou a pena a aventura.
O home bala está formado por tres blogueiros, aínda que un anda de verba caída: o funambulista coxo (o 'armadanzas'), infixo (o 'instigador'), e un servidor (o 'para o que mande').
Sábado, 7 de Xullo: Son as doce e media: E esta é a terceira novidade desta semana... Isto foi o que se escoita pola radio galega. Do Home Bala, nada de nada. Agora quedámonos con cara de incerteza. E será que cada sábado só poñen tres novidades? E será que non nos consideran suficientemente bós (ou malos) para o concurso? E será que non consideran este tema como ghit do verán? E seguimos á espera...
Venres 13 de Xullo: Vemos na páxina de vieiros unha nova na que se di que só queda unha semana. Di tamén que hai 32 temazos participando, cando só se poden escoitar 24. Iso quererá dicir que estamos no concurso? Tamén di que os finalistas se coñecerán o día 21 tendo en conta as votacións populares. Nós non tivemos a oportunidade de ter votos, nin populares nin doutra forma. Será que se trabucaron no número de temas participantes? Será que participamos sen oportunidades? Dise ademáis que quedan uns cantos no tinteiro. Estaremos nós entintados? Que quere dicir que quedan no tinteiro?
Pero que concurso é este?
O home bala son David Rodríguez (voz e guitarra), Noli Moo (clarinete e asubío) e Félix Rodríguez (caixón e udú). Un proxecto que nace en Salvaterra de Miño dunha unión libre entre o mundo do folk, do rock e do pop independente; unha unión entre infixos, funambulistas e curiosos impertinentes.
Escoitando a Machín é unha canción para o final do verán, para o momento da despedida, da saudade, mais tamén da calma e do sosego.
Letra:
Eu hoxe decidín que non/ vou traballar/ e vou gastar o día todo/ indo de aquí para alá/ Eu hoxe decidín que non/ vou pensar en ti/ e vou gastar do día enteiro/ escoitando a Machín/ Como me presta a brisa do mar/ e o sol de agosto caíndo a tarde/ e este albariño con calamares/ que fai que esqueza o meu pesar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario