luns, febreiro 09, 2009

Lendo debuxos.

Pouquiño a pouco o Club Lecturas Debuxadas vai camiñando sobre chan firme. O que comezou con certo escepticismo e cautela por non saber se habería xente que se sentise interesada pola lectura de cómics, vai collendo corpo e parece que se vai facendo coa súa esquiniña no grande cuarto de Espazo Lectura.

Despois dunha sesión de presentación na que apareceron 12 persoas curiosas por saber en que consistían as lecturas de debuxos, comezamos coas lecturas dos cómics tentando coñecer, ademais das historias que contan, un pouco da forma desta linguaxe tan sorprendente.

A primeira sesión adicámola á Mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado, na que estivemos 18 persoas que compartimos as nosas opinións.

A segunda foi para Los combates cotidianos, de Manu Larcenet. Nesta ocasión fomos 25 persoas as que entresacamos todos os elementos narrativos e formais do cómic.

A partires deste momento iremos programando as sesións de tres en tres meses para poder publicitar todos os clubs de lectura nun tríptico.

Na próxima sesión meterémoslle o ollo a Maus, de Art Spiegelman. Será o próximo 17 de Febreiro.

A seguinte será o 17 de Marzo e leremos Rio Abajo, de Rabaté, como lectura principal, e Arrugas, de Paco Roca, como lectura proposta.






O día 17 de Febreiro adicaremos un tempo a escoller entre todos as tres seguintes lecturas, con propostas dende a propia asociación e coas propostas que aos participantes poidan aportar.

Queres ser ti un participante? Só tes que achegarte o terceiro martes de cada mes pola biblioteca municipal de Gondomar ás oito da tarde.



Ningún comentario: