martes, febreiro 23, 2010

Os instrumentos musicais na tradición galega

Importante publicación de Pablo Carpintero Arias (con deseños de Xoán Ramón Marín Martínez) que dende xa é unha obra imprescindible e de referencia. Un percorrido por todos os instrumentos musicais que se utilizaron (e utilizan) na sociedade galega.



Os instrumentos musicais na tradición galega enmárcase dentro do traballo do proxecto Ronsel centrado no Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia.

Dende a páxina web do proxecto Ronsel tamén se ten acceso a outros traballos que se poden descargar directamente, como a publicación Instrumentos Tradicionais Galegos. Unha selección natural que serve como aperitivo do libro que estamos a falar.

Esta obra só é comparable ao tamén imprescindible Instrumentos Musicais Populares Portugueses de Ernesto Veiga de Oliveira, do que tamén se pode descargar información, e o máis interesante, ter acceso ao arquivo sonoro no que está baseado.

O que se di do libro Os instrumentos musicais na tradición galega:

Desde o proxecto Ronsel veñen de publicar un libro de interese para todas as persoas vinculadas ao mundo da música tradicional, a monografía "Os instrumentos musicais na tradición galega" de Pablo Carpintero Arias, con deseños de Xoan Ramón Marín Martínez, editada en Difusora de Letras Artes e Ideas coa oportuna revisión lingüística de Xosé Henrique Costas.

Esta obra, que conta co aval da UNESCO, describe e relata a historia coñecida de 144 instrumentos musicais e útiles sonoros que se empregaron en Galicia. A través de 500 páxinas, 1000 fotografías e múltiples ilustracións, a obra dá cabida a máis de 140 instrumentos musicais e recolle o traballo levado a cabo por Carpintero nos últimos 15 anos. A principal conclusión tras tantos anos de traballo: darse conta de que “en Galicia contamos cunha riqueza inmensa, algo que acontece en moi poucos países, e é que temos a virtude de que conservamos cadeas evolutivas completas na maior parte dos instrumentos musicais”.

Na obra Carpinteiro clasifica os instrumentos musicais seguindo o sistema científico máis empregado en occidente, o de Hornbostel e Sach, que os divide en idiófonos, membráfonos, cordófonos e aerófonos, facendo un viaxe musical a través do tempo, desde o Paleolítico ata o séxulo XX.

Ningún comentario: