venres, febreiro 05, 2010

Silencio

John Cage quixo escoitar o silencio e meteuse na cámara anecoica da universidade de Harvard. Cóntase que saíu dicindo que escoitaba dous sons, un grave e outro agudo. O enxeñeiro explicoulle que os sons que escoitaba debíanse á circulación do sangue e ao sistema nervioso.

Sempre me chamou a atención este experimento e sempre quixen estar nunha cámara destas para poder escoitar o silencio imposible. Tamén sempre me chamou a atención que non se fale da propia respiración. Penso eu que tamén se debe escoitar con moita claridade. E todo isto se está en completo repouso.

Cage demostrou que o silencio non existe.

O motivo polo que me lembrei do experimento de Cage foi a lectura de "La física de los Superhéroes" onde no capítulo 12. El caso del trabajo perdido. Las tres leyes de la termodinámica pode lerse ao final do capítulo:

... Las colisiones al azar del aire en nuestros tímpanos producen desviaciones que están justo en el límite de nuestra capacidad auditiva. Siéntese en una habitación insonorizada durante treinta minutos y su audición mejorará (al igual que la sensibilidad de sus ojos a la luz difusa aumenta cuando se aclimata a una habitación oscura) hasta ser capaz de detectar las desviaciones en sus tímpanos causadas por el movimiento de los átomos. En una habitación muy silenciosa es posible oír el ruido de fondo emanado de la entropía del aire, o sea escuchar en principio la temperatura de la habitación...

Non sei se o movemento dos átomos do ar entra dentro da banda de frecuencias audibles (se alguén mo pode aclarar, pídollo por favor que deixe un comentario), mais paréceme moi complicado que sexa de tal intensidade que supere o son da respiración, ou que se consiga unha habitación con semellante silencio. Tería que ser unha habitación insonorizada lonxe de calquera fonte de ruído externa, algo realmente complicado.

Volvendo ao experimento de Cage. Non debería haber aparecido este son de fondo? Ou é que non se deron conta de que podía tratarse disto? Por outro lado tamén falan deste experimento e din que non é posible escoitar o sistema nervioso porque non provoca ningún ruído, e explícano mediante o típico zumbido que se escoita en ausencia de ruído chamado tinitus. Entón ese zumbido, é provocado externamente polo movemento dos átomos do ar ou é provocado pola existencia propia do oído?

O tinitus é sensible ao propio estado do ser humano, con cansancio, con extrés aumenta. É posible escoitar outra fonte de ruído por riba do tinitus?

Tal vez o ruído branco que está presente sempre sexa o provocado polo movemento dos átomos do ar. Pero xa nos estamos metendo no ruído, e estabamos tentando saber o que é o silencio.

O silencio é a ausencia de ruído. Mais o son non é máis que unha sensación debida á variación de presión atmosférica que percibimos no órgano do oído. Só pola propia existencia do oído existe sempre un ruído de fondo.

O silencio non existe.

E digo eu, non sería moi útil permanecer nunha cámara anecoica para non percibir nada máis que os sons que queremos identificar para chegar ao oído absoluto? Non sería máis fácil poder saber que nota é que está soando se non existe nada máis? (Está claro que este non é o camiño...)

Ningún comentario: