mércores, marzo 07, 2012

Medievalario

Coñecín a Fran Zabaleta case de casualidade e nese mesmo instante faloume de Redelibros. Lioume para escribir un par de artigos e despois ofrecínme para ler o seu libro, Medievalario, antes de saír á venta.

É obvio que chego tarde. O libro xa está a venta e eu aínda non lin o libro (Se estás lendo este texto é porque xa o lin, claro, que chouchería).

Escribo isto para ir lendo o libro.

Cheguei tarde para a opción de ler o libro en papel, que agora penso que xa o tería lido, aínda que tampouco o podo asegurar. Entón recibín un arquivo .pdf, pensando ademais que me serviría para probar iso da lectura electrónica dun libro.

Comecei por tentar lelo no teléfono móbil, mais quedou claro que non é un formato moi cómodo, máis que nada polo seu tamaño. Así que idea desbotada.

Agora volvo ao principio para tentar lelo no ordenador. Como xa é tarde para lelo antes de que saíse publicado, non teño présa. Mais vou tentar ir lendo un pouco cada día, ou cada dous, e ir escribindo aquí as miñas impresións. Isto pode parecer unha crítica acompasada, pero está bastante lonxe do meu propósito. Escribirei só as miñas impresións de lector, de simple lector, que non é outra cousa que a máis sinxela das realidades.

Actualización: Lectura no móbil desbotada. Lectura no ordenador pouco operativa porque hai moitas distracións cun só click do rato. Coméntollo a Fran e dime que para ler no móbil, mellor o formato .epub que permite adaptar o tamaño de letra sen ter que andar a mover a pantalla para ler as frases completas. Tan só se pasa de páxina. Un novo intento de sincronizar o ordenador co móbil para trasladar os arquivos .epub que remato por conseguir (e acabo por pensar o parvo que son ao non darme conta do fácil que era). É a cuarta vez que comezo o libro. E agora si. A lectura vai collendo camiño...



De correctione rusticorum



Xa tiña o primeiro capítulo atragantado de tantas veces como comezara. O meu lío cos formatos dixitais inflúe na lectura, pero tamén que o vocabulario, o tema, e a forma de expresión fai que non enganche co texto. Nin a historia, nin a relixión, nin a forma pomposa de "falar" é das miñas preferidas, e vou lendo un pouco accidentado e tropezando coa historia que non acabo de atrapar (ou ela a min). Dúas historias se van contando mesturadas. E aínda que se intúe que están interrelacionadas, non acabo de ver nin entender. Ata que comeza a acción, ata que comezan a ocorrer cousas. Unha persecución, un momento de perigo, un asasinato e un desvaimento lévanos ata unha aldea onde se vai moldeando a personalidade do personaxe. Aí a lectura dunha das historias colle as rendas e vai facendo que a outra acompañe como se do viño se tratase.

Un santo que non o é tanto, un pensamento nobre, un idealismo teolóxico e tamén carnal, un pobo que vive en harmonía sendo fillos de Deus, no que todos se tratan de igual a igual nunha sociedade sen clases. O recén chegado non acaba de entender porque vén dunha sociedade na que hai que ir subindo peldaños para ir facéndose unha posición de respeto e poder. E é precisamente dende esa posición de poder mal entendido que abusa do que el considera unha persoa inferior. Non pode entender que poida pensar doutra maneira distinta a el, un "guerreiro" da relixión co poder da sabiduría.

As dúas historias acaban mesturándose de tal forma que todo colle sentido e fai que unha máis unha sexan máis ca dúas.

O mellor do primeiro capítulo é a grande metáfora de como se conta a historia e de como é a realidade, de como o poder, a relixión, e a visión oficial acaba por amoldar unha conduta que se establece como "a boa" que leva agochada unha maldade intrínseca. Nesta historia de santos e monxes resúmese a infame historia da poderosa relixión imperante.

Comeza ben o libro. E máis aínda cando non é unha temática que non se atopa entre as miñas preferencias.

El bando perdedor



Historia contada pouco a pouco. Agradécese que nesta época de todo rápido, a toda velocidade, haxa alguén que se pare a contarche un conto co seu tempo, co tempo preciso para que os pensamentos dos personaxes poidan formarse de verdade.

Un xa está preparado para o que lle ven enriba co título escollido do bando perdedor, xa se sabe que o protagonista se atopa sempre no lado dos perdedores, un antiheroe que sorprende polos seus éxitos. Un perdedor con moi boas dotes para gañar.

O que máis me gustou deste capítulo foi como se narra a realidade do mundo das cabalerías, a miseria do tempo no que o pobo se atopaba asoballado precisamente polos que tiñan que defendelos, axudalos... (vamos, como agora...)

Pero sempre haberá un Lopo, un cabaleiro ao seu pesar, unha ollada romántica, unha visión das inxustizas, un querer arranxalas, e unha barreira insuperable que acaba por sufrir a inxustiza que quere combatir.

Gustoume esa mestura de impaciencia por querer saber que vai pasar, ese gusto polas batallas, ese pararse nas lembranzas, a dualidade entre gozar coa lectura e a presa porque se produza a acción. Ler para apurar a lectura, que non da pasado, e deixarse sorprender polas voltas e revoltas da historia.

Unha dualidade entre pasado e presente que tamén aparece en De correctione rusticorum e que parece que vai ser a forma que se dea en todo o libro... xa veremos...

El husmo de la tierra



A historia de Roi e a súa conexión coa natureza en contraposición coa violencia e incompresión humana é trepidante. Un relato moi áxil e que te leva no ar en todo momento.

"Un neno tan guapo non pode se outra cousa que a personificación do demo"

Roi case non fala. Non entende o comportamento das persoas, pero si dos animais. Sabe como compartir a comida, como rematar un combate antes de que alguén saia perxudicado, entende os movementos e os ruídos dos paxaros... E é defendido polos cans cando corre perigo... e sabe cando as cousas non van ben coa inquedanza do seu amigo Neno, o corvo.

Trátase da parte máis baixa da sociedade, afastado incluso polos que son da súa clase. O rexeitado dos rexeitados. É por iso que un se pon da súa parte inmediatamente, porque só sofre a inxustiza máis encarnizada. Dá igual o que faga, pode matar a un home, está xustificado. Dá igual que morran inocentes no seu lugar, Roi hai tempo que pagou os seus pecados.

Gostei moito deste relato. Ata agora no que máis gocei, o que máis me gustou. Moito ritmo, moi ben contado, querendo sempre saber máis da historia. Tal vez o que se conte de señores, cabaleiros, curas e obispos sexa algo alleo a min, mais a historia de Roi e os que só poden vivir como llo dictan os que mandan, aí si que comeza a tocarme nalgún punto.

Non houbo dualidade pasado-presente, senón só presente. Un presente de loita pola vida.

Con los fierros



Morre El-Rei e todo son preocupacións. Que se non hai cura, que se non pode ser outra cousa que está morrendo. Morre El-Rei e só queres que morra. Que morra dunha vez. Como se che dese pena que tarde en morrer. Ten un a sensación de que se morre xa non haberá outro rei. E aí aparece o xoglar para que non todo sexan personaxes decadentes.

Relato pequeno que se me pasa entre os pensamentos do anterior. El-Rei non é quen de facer que esqueza a Roi. E paréceme ben.

E aquí remata o libro.

Non é verdade, hai unhas pequenas aclaracións, unhas históricas, outras narrativas, outras de ficción. Notas que se agradecen, fan que todo se entenda mellor, ben porque se pasaron pola lectura, ás veces rápida, ás veces incosciente, ou ben por ignorancia.

Unha lectura rápida e lenta, moi lenta polo propio soporte do libro, a pequena pantalla dun móbil.


Aínda que agora funlle collendo o gusto... Terei que aproveitar e comezar outro antes de que se me pase...

Ningún comentario: