martes, marzo 06, 2012

Palco da música de Navia



Procuro facer sempre unhas preguntas sobre o palco ao que lle fago unhas fotos. No caso do palco de Bouzas falei un anaco con dúas señoras. Despois déronme indicacións doutros palcos: En Alcabre había un, pero tirárono para facer "aqueles" edificios. Onde tamén hai un, ou había, é en Navia, non na zona dos edificios grades, se non no Navia de sempre.

Pois alá fun.

O palco está nesta foto. Védelo?

Din unha volta por Navia. Sorprendeume a igrexa nova. Tamén me soprendeu o ambiente tan rural, tan de pobo. Cheiraba a mar, mais non se vía. Paseo pola alameda, un lugar idóneo para un palco. Busco e rebusco nese lugar, o máis normal é que estivese aquí. Hai sitio de sobra.

Como non está vou en busca del ao lado da igrexa. Ás veces están no lugar da festa. Non o topo.

Vou entón tomar un café ao centro social. Pido o café con leite e vouno bebendo aos poucos, mentras falan do congrio que toparon na praia, de como deshabilitar non sei que opción do móbil... Antes de pagar pregunto se había algún palco da música por alí perto. Non dubida un instante: Había un na alameda, pero tirárono.

Quédome un pouco frío, pero aínda me da por preguntar canto tempo hai que o tiraron e por qué.

Comezan a falar as cinco ou seis persoas que hai no bar. Pois pode que 15 anos. Eu levo 18 anos aquí e xa non o coñecín. Si, pode ser que ande arredor dos vinte anos. E por que o tiraron? Porque si. Estaba desfeito ou algo? E se así fose esas cousas restáuranse, pero... é unha mágoa, porque era ben bonito.

Pago, despídome e voume. E voume fastidiado, case diría que cabreado. É habitual que os palcos acaben noutro lugar, ou simplemente que desaparezan, porque "estorben", porque queiran aproveitar o espazo para outra cousa. Pero neste caso foi porque si, porque se lle meteu a algún nos cornos que o palco non podía estar alí.

E aí está a alameda, un lugar ben bonito, ideal para un palco da música, un lugar onde poder organizar múltiples actos culturais. Pero...

Ou sexa, tirárono. Porque si!

1 comentario:

Antonio García Sobrado dixo...

Interesante, pensara que se trataba de Navia (Asturias) pero ó le-los comentarios xa me decatei de que non. En Ribadeo temos un palco ben bonito.
Un saúdo.